16, Outubro 2021

Vergonzoso, se pa eles eso é seguro, e pensan que non é peligroso deixalo asi, estan moi equivocados, pero vindo deles todo o que fan esta ben.  Ademais ós de viaqua deberianlle dar uns cursos de como todo o que se abre despois cerrase e deixase como estaba o principio PECHADO, e deberianlle decir que existe algo que se chama cemento pa pechar os buratos que eles abren.

16, Outubro 2021

Sinalización de registro aberto por parte de Viaqua.

15, Outubro 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de San Cristovo de Cea, na que a Xunta investiu máis de 12.000 euros nos últimos anos, unhas inversións que se encadran no obxectivo do Goberno galego de reforzar as agrupacións de voluntarios para dotar aos concellos duns servizos de emerxencias acordes coas necesidades da súa poboación.

Santiago Villanueva subliñou que a agrupación local beneficiouse, nos últimos catro anos, de axudas por importe de máis de 5.000 euros, procedentes das partidas destinadas ao funcionamento das AVPC galegas, ás que se destinou 4 millóns de euros nos últimos anos. Ademais, San Cristovo de Cea recibiu o ano pasado 7.500 euros da orde de axudas para equipamento, coa finalidade de dotar á agrupación dunha coitela quitaneves, necesaria para axudar á poboación en condicións meteorolóxicas extremas. Na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias das entidades locais, o Goberno galego leva investidos case 20 millóns de euros.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de San Cristovo de Cea, ademais, forma parte das entidades que se benefician do Plan de atención ao peregrino posto en marcha este ano pola Xunta por mor do Xacobeo. A raíz dun convenio de colaboración para o auxilio dos peregrinos da Vía da Prata, a agrupación recibiu máis de 3.000 euros. O plan ten como principal obxectivo proporcionar aos peregrinos que se acheguen a Galicia unha atención presencial en caso de sufrir situacións de emerxencia polas que precisan axuda. Un dos puntos fundamentais deste plan é a posta en marcha de patrullas de protección civil nos camiños para garantir a atención aos peregrinos.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de San Cristovo de Cea conta con 20 voluntarios aos que Santiago Villanueva agradeceu o seu labor altruísta e desinteresado para velar cada día pola seguridade dos seus veciños, como levan demostrado nos últimos anos, especialmente nos meses da pandemia nos que a entidade afanouse na axuda dos colectivos máis sensibles.

14, Outubro 2021

A Xunta licitou por máis de 166.000 euros as obras de mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, no concello de Avión. A plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 15 de novembro.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en abril entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Avión, por importe de 185.000 euros, para conectar as redes de saneamento destes dous núcleos co colector xeral de Avión, xa que na actualidade contan con redes de saneamento que conflúen en fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente. Segundo o convenio asinado, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o 80% do investimento. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses. Pola súa banda, o Concello de Avión contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

A actuación será financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19. Esta actuación dá continuidade ás obras realizadas no ano 2013 pola Xunta, coa execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e dunha nova depuradora para 1.250 habitantes equivalentes, que supuxo un investimento de preto de 830.000 euros. As obras recollidas no contrato licitado hoxe inclúen a execución dunha rede de conexión ata a citada depuradora de Avión, xa deseñada no seu día para atender tamén á poboación deste dous núcleos do municipio. A intervención consiste na construción de dous tramos de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm e unha lonxitude total de algo máis dun quilómetro. 

13, Outubro 2021

A Xunta licita a concesión dunha área de servizo na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas (A-52), cuxas obras suporán un investimento de máis de 3 millóns de euros.A nova área de servizo localízase á altura do concello de Maside, dentro da parroquia de San Miguel de Armeses, no límite co concello de Punxín.

O contrato licitado hoxe inclúe a execución das obras da citada área de servizo, que contan cun prazo de 12 meses, así como a xestión das instalacións durante un período de 35 anos. As empresas interesadas neste contrato contan ata o día 22 de febreiro para presentar as súas ofertas. Segundo a intervención deseñada pola Xunta, trátase da creación dunha zona destinada á área de servizo, que se situará na marxe esquerda da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750. A dita área contará con acceso desde ambas as dúas marxes, para prestar servizo a ambos os dous sentidos de circulación.

Na actualidade están executados os carrís de aceleración e desaceleración da autoestrada, parte dos accesos, así como unha glorieta na marxe dereita e o paso superior que permite conectar a área coa marxe dereita. Ademais, a superficie destinada á área de servizo encóntrase sen arboredo nin vexetación na súa maior parte e conta con zonas nas que xa se levou a cabo certo grao de explanación. Características da área de servizo A futura área de servizo, que prevé a creación de 7 postos de traballos (4 a tempo completo e outros 3 con dedicacións parciais), estará constituída por unha edificación que contará no exterior con tres dispensadores de combustible, tres puntos de recarga de vehículos eléctricos de tipo carga rápida e un equipo de subministración de auga e aire para vehículos.

O edificio atenderá os servizos de abastecemento de combustible, restauración e tenda, incluíndo aseos, vestiarios para o persoal, almacén e oficina. Prevese a dotación de 30 prazas de aparcadoiro: 15 para vehículos lixeiros, 3 para o aparcadoiro e repostaxe de vehículos eléctricos, 1 praza reservada para as persoas con mobilidade reducida e 11 para camións e autobuses. Tamén se disporá unha zona de xogo e esparexemento, cun parque infantil, anexa ao edificio. As actuacións completaranse co alumeado de vías, zonas de tráfico e áreas de estacionamento da área de servizo.

13, Outubro 2021

O PSdeG-PSOE de Punxín valora “moi positivamente” os investimentos levados a cabo polo Goberno central, a través do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, na N-541 ao seu paso polo municipio. As socialistas salientan que se trata dunha obra que permitirá mellorar a seguridade viaria na estrada. A voceira socialista en Punxín, Lorena Peleteiro, e a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Uxía Tizón, visitaron as obras que se están levando a cabo nesta estrada, destacando que se trata dunha obra “clave en materia de seguridade” e afirmaron que esta actuación “é moi importante, xa que redundará e permitirá unha maior seguridade para os usuarios e usuarias que empregan a diario esta estrada”.

A voceira socialista aproveitou a visita da deputada nacional para trasladarlle as inquedanzas dos veciños e das veciñas de Barbantes, debido ao estado no que se atopan as beirarrúas da estrada. Peleteiro considera “necesaria” unha intervención para a mellora das beirarrúas e así llo trasladou a Tizón, quen tomou boa nota para trasladar esta situación ao executivo.

As obras na N-541 ao seu paso por Punxín que o Estado está a realizar consisten na substitución dunha tubaxe metálica deteriorada da obra de drenaxe transversal existente por outra de nova construción, median a escavación dun terraplén que permita a execución e instalación desta nova estrutura con total seguridade, que mellorará a canalización e a drenaxe da estrada, por cuxa tubaxe transcorre o arroio do Faro. As obras que comezaron en xullo de 2021, está previsto que rematen en 2021, en función da meteoroloxía.

13, Outubro 2021

Asi estaba a fonte de Flores hoxe, unha vergonza.

12, Outubro 2021

A agrupación teatral carballiñesa "Tiruleque", que conta coa colaboración da Deputación Provincial e o Concello do Carballiño, organiza dende fai 14 anos a "Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón", unha selección do mellor teatro afeccionado que agora mesmo pode verse en Galicia.

Martes 12 Outubro: "Vicus Teatro" representa "Entre un par de maleas a medio abrir e as agullas do reloxo". Duración, 60 minutos. Drama, público adulto.

Sábado 23 Outubro: "O Catre Teatro" presenta "Fátum". Duración, 64 minutos. Comedia, público adulto.

Domingo 24 Outubro: "A.C. Teatrino" ofrece a súa versión de "Lisístrata". Duración, 64 minutos. Comedia, público adulto.

Sábado 30 de Outubro: "A.T. Mariñán" co seu espectáculo "Crime desorganizado". Duración, 70 minutos. Comedia, público adulto.

Domingo 31 Outubro: "C.C. Ollomao" trae a O Carballiño "Enciclopedia Álvarez". Comedia, tódolos públicos.

Sábado 6 e Domingo 7 de Novembro: "Tiruleque" estrea "Soutelo Enterprise". Duración 60 minutos. Comedia ácida, todos os públicos, preferentemente adulto.

Todas as representacións serán no auditorio do Carballiño ás 20:30 horas, o prezo da entrada é de 5 euros.

 

11, Outubro 2021

Os conflitos na rúa A Rega, na que os veciños veñen a padecer numerosos problemas de tráfico; accesibilidade; e falla de mobiliario; hai xa anos, lonxe de resolverse, semellan ir a máis cada día.
En gran parte, isto débese á incomprensible soberbia e falsidade do alcalde Fumega, quen, sistemáticamente, promete unha cousa e logo fai outra diferente.
No ano 2018, nunha xuntanza á que acudiron uns 40 veciños de dita rúa, acordouse a instalación dun pivote automático para resolver os constantes problemas derivados dos aparcamentos irregulares e máis instalar unha serie de mobiliario nunha rúa esquecida a pesares de estar no centro da vila e ser moi transitada por contar cun dos accesos a un gran supermercado.
No mesmo ano, sendo concelleiro de tráfico o hoxe voceiro de Espazo Común no Carballiño, Adolfo Nogueira, o comprometido bolardo quedou instalado e só pendente de establecer os criterios para permitir o acceso e o reparto dos mandos.
O mesmo sistema, foi o que se aplicou, con evidente éxito, para resolver problemas similares no barrio de Flores e na rúa Perfectino Vieitez.
Durante tres anos, nada máis se soubo do Concello e do acordado, ata que a primeiros deste ano, sen previo aviso, o alcalde ordeou unha reforma que non tiña nada que ver co pactado.
Enterados do enfado de moitos dos afectados, o noso Grupo Municipal, levou unha moción ao pleno de febreiro no debate da cal, Fumega, comprometeuse a ter unha reunión cos mesmos e por en marcha o pívote de xeito inmediato.
Outros 7 meses despois, o rexedor nin apareceu por alí, nin puxo en marcha nada máis que a súa xa habitual cadea de enganos e excusas.
De novo, un número considerable de veciños, ao sentirse abandoados pola xestión dos responsables municipais, dirixiuse a nós para denunciar que a situación dos aparcamentos irregulares que moitas veces lles impiden acceder aos seus garaxes está peor ca nunca e que do mobiliario prometido, tampouco hai nova algunha.
A tal punto se chegou que unha veciña decidiu ubicar un caldeiro no medio da rúa ante a falla dunha papeleira. (adxuntamos imaxe)
Pedimos ao señor Fumega que pense en dicir algunha vez a verdade e que deixe de tomar o pelo a uns e a outros.
Ah, e que se ten tempo entre a súa viaxe a Valencia para o congreso do seu partido e a contratación de orquestras, que adique algo do seu tempo aos problemas reais da veciñanza.

Denuncia remitida polo grupo municipal de Espazo Común no Concello do Carballiño.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS