
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de San Cristovo de Cea, na que a Xunta investiu máis de 12.000 euros nos últimos anos, unhas inversións que se encadran no obxectivo do Goberno galego de reforzar as agrupacións de voluntarios para dotar aos concellos duns servizos de emerxencias acordes coas necesidades da súa poboación.
Santiago Villanueva subliñou que a agrupación local beneficiouse, nos últimos catro anos, de axudas por importe de máis de 5.000 euros, procedentes das partidas destinadas ao funcionamento das AVPC galegas, ás que se destinou 4 millóns de euros nos últimos anos. Ademais, San Cristovo de Cea recibiu o ano pasado 7.500 euros da orde de axudas para equipamento, coa finalidade de dotar á agrupación dunha coitela quitaneves, necesaria para axudar á poboación en condicións meteorolóxicas extremas. Na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias das entidades locais, o Goberno galego leva investidos case 20 millóns de euros.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de San Cristovo de Cea, ademais, forma parte das entidades que se benefician do Plan de atención ao peregrino posto en marcha este ano pola Xunta por mor do Xacobeo. A raíz dun convenio de colaboración para o auxilio dos peregrinos da Vía da Prata, a agrupación recibiu máis de 3.000 euros. O plan ten como principal obxectivo proporcionar aos peregrinos que se acheguen a Galicia unha atención presencial en caso de sufrir situacións de emerxencia polas que precisan axuda. Un dos puntos fundamentais deste plan é a posta en marcha de patrullas de protección civil nos camiños para garantir a atención aos peregrinos.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de San Cristovo de Cea conta con 20 voluntarios aos que Santiago Villanueva agradeceu o seu labor altruísta e desinteresado para velar cada día pola seguridade dos seus veciños, como levan demostrado nos últimos anos, especialmente nos meses da pandemia nos que a entidade afanouse na axuda dos colectivos máis sensibles.

A Xunta licitou por máis de 166.000 euros as obras de mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, no concello de Avión. A plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 15 de novembro.
Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en abril entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Avión, por importe de 185.000 euros, para conectar as redes de saneamento destes dous núcleos co colector xeral de Avión, xa que na actualidade contan con redes de saneamento que conflúen en fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente. Segundo o convenio asinado, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o 80% do investimento. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses. Pola súa banda, o Concello de Avión contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
A actuación será financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19. Esta actuación dá continuidade ás obras realizadas no ano 2013 pola Xunta, coa execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e dunha nova depuradora para 1.250 habitantes equivalentes, que supuxo un investimento de preto de 830.000 euros. As obras recollidas no contrato licitado hoxe inclúen a execución dunha rede de conexión ata a citada depuradora de Avión, xa deseñada no seu día para atender tamén á poboación deste dous núcleos do municipio. A intervención consiste na construción de dous tramos de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm e unha lonxitude total de algo máis dun quilómetro.

A Xunta licita a concesión dunha área de servizo na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas (A-52), cuxas obras suporán un investimento de máis de 3 millóns de euros.A nova área de servizo localízase á altura do concello de Maside, dentro da parroquia de San Miguel de Armeses, no límite co concello de Punxín.
O contrato licitado hoxe inclúe a execución das obras da citada área de servizo, que contan cun prazo de 12 meses, así como a xestión das instalacións durante un período de 35 anos. As empresas interesadas neste contrato contan ata o día 22 de febreiro para presentar as súas ofertas. Segundo a intervención deseñada pola Xunta, trátase da creación dunha zona destinada á área de servizo, que se situará na marxe esquerda da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750. A dita área contará con acceso desde ambas as dúas marxes, para prestar servizo a ambos os dous sentidos de circulación.
Na actualidade están executados os carrís de aceleración e desaceleración da autoestrada, parte dos accesos, así como unha glorieta na marxe dereita e o paso superior que permite conectar a área coa marxe dereita. Ademais, a superficie destinada á área de servizo encóntrase sen arboredo nin vexetación na súa maior parte e conta con zonas nas que xa se levou a cabo certo grao de explanación. Características da área de servizo A futura área de servizo, que prevé a creación de 7 postos de traballos (4 a tempo completo e outros 3 con dedicacións parciais), estará constituída por unha edificación que contará no exterior con tres dispensadores de combustible, tres puntos de recarga de vehículos eléctricos de tipo carga rápida e un equipo de subministración de auga e aire para vehículos.
O edificio atenderá os servizos de abastecemento de combustible, restauración e tenda, incluíndo aseos, vestiarios para o persoal, almacén e oficina. Prevese a dotación de 30 prazas de aparcadoiro: 15 para vehículos lixeiros, 3 para o aparcadoiro e repostaxe de vehículos eléctricos, 1 praza reservada para as persoas con mobilidade reducida e 11 para camións e autobuses. Tamén se disporá unha zona de xogo e esparexemento, cun parque infantil, anexa ao edificio. As actuacións completaranse co alumeado de vías, zonas de tráfico e áreas de estacionamento da área de servizo.

O PSdeG-PSOE de Punxín valora “moi positivamente” os investimentos levados a cabo polo Goberno central, a través do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, na N-541 ao seu paso polo municipio. As socialistas salientan que se trata dunha obra que permitirá mellorar a seguridade viaria na estrada. A voceira socialista en Punxín, Lorena Peleteiro, e a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Uxía Tizón, visitaron as obras que se están levando a cabo nesta estrada, destacando que se trata dunha obra “clave en materia de seguridade” e afirmaron que esta actuación “é moi importante, xa que redundará e permitirá unha maior seguridade para os usuarios e usuarias que empregan a diario esta estrada”.
A voceira socialista aproveitou a visita da deputada nacional para trasladarlle as inquedanzas dos veciños e das veciñas de Barbantes, debido ao estado no que se atopan as beirarrúas da estrada. Peleteiro considera “necesaria” unha intervención para a mellora das beirarrúas e así llo trasladou a Tizón, quen tomou boa nota para trasladar esta situación ao executivo.
As obras na N-541 ao seu paso por Punxín que o Estado está a realizar consisten na substitución dunha tubaxe metálica deteriorada da obra de drenaxe transversal existente por outra de nova construción, median a escavación dun terraplén que permita a execución e instalación desta nova estrutura con total seguridade, que mellorará a canalización e a drenaxe da estrada, por cuxa tubaxe transcorre o arroio do Faro. As obras que comezaron en xullo de 2021, está previsto que rematen en 2021, en función da meteoroloxía.

Asi estaba a fonte de Flores hoxe, unha vergonza.

A agrupación teatral carballiñesa "Tiruleque", que conta coa colaboración da Deputación Provincial e o Concello do Carballiño, organiza dende fai 14 anos a "Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón", unha selección do mellor teatro afeccionado que agora mesmo pode verse en Galicia.
Martes 12 Outubro: "Vicus Teatro" representa "Entre un par de maleas a medio abrir e as agullas do reloxo". Duración, 60 minutos. Drama, público adulto.
Sábado 23 Outubro: "O Catre Teatro" presenta "Fátum". Duración, 64 minutos. Comedia, público adulto.
Domingo 24 Outubro: "A.C. Teatrino" ofrece a súa versión de "Lisístrata". Duración, 64 minutos. Comedia, público adulto.
Sábado 30 de Outubro: "A.T. Mariñán" co seu espectáculo "Crime desorganizado". Duración, 70 minutos. Comedia, público adulto.
Domingo 31 Outubro: "C.C. Ollomao" trae a O Carballiño "Enciclopedia Álvarez". Comedia, tódolos públicos.
Sábado 6 e Domingo 7 de Novembro: "Tiruleque" estrea "Soutelo Enterprise". Duración 60 minutos. Comedia ácida, todos os públicos, preferentemente adulto.
Todas as representacións serán no auditorio do Carballiño ás 20:30 horas, o prezo da entrada é de 5 euros.

Os conflitos na rúa A Rega, na que os veciños veñen a padecer numerosos problemas de tráfico; accesibilidade; e falla de mobiliario; hai xa anos, lonxe de resolverse, semellan ir a máis cada día.
En gran parte, isto débese á incomprensible soberbia e falsidade do alcalde Fumega, quen, sistemáticamente, promete unha cousa e logo fai outra diferente.
No ano 2018, nunha xuntanza á que acudiron uns 40 veciños de dita rúa, acordouse a instalación dun pivote automático para resolver os constantes problemas derivados dos aparcamentos irregulares e máis instalar unha serie de mobiliario nunha rúa esquecida a pesares de estar no centro da vila e ser moi transitada por contar cun dos accesos a un gran supermercado.
No mesmo ano, sendo concelleiro de tráfico o hoxe voceiro de Espazo Común no Carballiño, Adolfo Nogueira, o comprometido bolardo quedou instalado e só pendente de establecer os criterios para permitir o acceso e o reparto dos mandos.
O mesmo sistema, foi o que se aplicou, con evidente éxito, para resolver problemas similares no barrio de Flores e na rúa Perfectino Vieitez.
Durante tres anos, nada máis se soubo do Concello e do acordado, ata que a primeiros deste ano, sen previo aviso, o alcalde ordeou unha reforma que non tiña nada que ver co pactado.
Enterados do enfado de moitos dos afectados, o noso Grupo Municipal, levou unha moción ao pleno de febreiro no debate da cal, Fumega, comprometeuse a ter unha reunión cos mesmos e por en marcha o pívote de xeito inmediato.
Outros 7 meses despois, o rexedor nin apareceu por alí, nin puxo en marcha nada máis que a súa xa habitual cadea de enganos e excusas.
De novo, un número considerable de veciños, ao sentirse abandoados pola xestión dos responsables municipais, dirixiuse a nós para denunciar que a situación dos aparcamentos irregulares que moitas veces lles impiden acceder aos seus garaxes está peor ca nunca e que do mobiliario prometido, tampouco hai nova algunha.
A tal punto se chegou que unha veciña decidiu ubicar un caldeiro no medio da rúa ante a falla dunha papeleira. (adxuntamos imaxe)
Pedimos ao señor Fumega que pense en dicir algunha vez a verdade e que deixe de tomar o pelo a uns e a outros.
Ah, e que se ten tempo entre a súa viaxe a Valencia para o congreso do seu partido e a contratación de orquestras, que adique algo do seu tempo aos problemas reais da veciñanza.
Denuncia remitida polo grupo municipal de Espazo Común no Concello do Carballiño.

A Xunta de Galicia e o Concello de Piñor, a través da Deputación provincial de Ourense, colaborarán na construción dun edificio de usos múltiples no municipio destinado a albergar diferentes actividades de carácter social e deportivo e cun investimento estimado de máis de medio millón de euros.
Así o comprometeron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde piñorense, José Luis González, mediante a sinatura do correspondente convenio para executar as obras e fixar os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións.
En concreto, o obxecto é dotar ao concello de Piñor dun novo edificio multifuncional que constará de planta baixa —na que se localizará unha das salas do edificio, os aseos, o cuarto de instalacións e o almacén— e primeiro andar —onde irá outra sala de maiores dimensións dotada con gradas retráctiles, almacén e unha solaina—, conectadas entre si por unha escaleira e un ascensor.
Para levalo a cabo, como explicou a conselleira, o primeiro paso será rozar e preparar a parcela escollida para acoller a futura instalación, que contará cunha superficie total construída de 372,97 metros cadrados.
Cun custo inicialmente estimado en 513.196,33 euros —o 70% achegado polo departamento autonómico e o 30% restante, polo Goberno local, a través dun convenio subscrito coa Deputación—, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso da Xunta á hora de apoiar aos municipios co fin de promover actuacións que, como esta, dinamicen as vilas galegas e melloren a calidade de vida dos cidadáns.
“Seguimos apostando polos concellos e seguimos coordinándonos entre as distintas administracións co mesmo fin: darlle máis e mellores servizos aos veciños e veciñas do rural galego”, declarou.
O alcalde, pola súa parte, agradeceu a achega económica da Xunta e da Deputación para poder levar a cabo este edificio multiusos, proxectado na mesma parcela que albergará o novo albergue de peregrinos e que, segundo dixo, será realidade “a finais do ano 2022”.

O Concello do Carballiño ten previstas unha serie de actuacións en relación á nova tarifa eléctrica e á suba do prezo da mesma que comezarán o xoves, 28 de outubro, ás 20h na Casa da Cultura do Carballiño e habilita o seguinte enderezo electrónico para que a veciñanza se anote, oixcultura@carballino.gal.
Neste caso ,trátase dunha actividade impartida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que está a realizar unha campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno. Dende a entrada en vigor da nova normativa, o organismo atendeu máis de 1200 consultas relacionadas coa factura da luz. O IGCC creou contidos dixitais na súa web e elaborou folletos informativos con consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–.
Co ánimo de achegar esta información ás persoas consumidoras, a campaña inclúe unha serie de xornadas informativas para resolver dúbidas tanto de maneira presencial como online –a través da aula virtual do IGCC–. Ata o de agora, leváronse a cabo unha vintena destes talleres e están programados outros dez para as vindeiras semanas en diferentes concellos galegos. O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia ás cales se pode asistir mediante o sistema de cita previa, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu no antigo balneario de Cortegada a sinatura do convenio de colaboración cos representantes dos sete establecementos balnearios que participan no programa de termalismo saudable e cultura termal, e que o próximo luns, día 11, comezarán a recibir aos primeiros usuarios inscritos nunha iniciativa que en só dous días, trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, recibiu solicitudes procedentes de ata seis comunidades autónomas. Xunto a Manuel Baltar, no documento estamparon a súa sinatura os representantes dos balnearios que participan no programa: Javier Soto por parte de Arnoia, Laias e Lobios; Cristina Álvarez por Cortegada; Manuel Fernández por Baños de Molgas; Carlos Garriga de Caldas de Partovia; e José María de la Figuera polo Carballiño. Un acto ao que tamén asistiron o alcalde Cortegada, Avelino de Francisco, e de Arnoia, Rodrigo Aparicio, ademais do responsable do área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira.
"Hoxe damos continuidade a un programa perfectamente deseñado para dar visibilidade ao gran factor diferenciador e competitivo de Ourense como é o termalismo de saúde e a cultura termal", dixo o presidente provincial poñendo como exemplo o interese espertado entre usuarios doutras comunidades autónomas. No territorio co maior potencial de Europa, engadiu, "convertémonos nun novo exemplo de colaboración público-privada para transformar a Ourense no lugar máis indicado para coidar do ben máis prezado que nos deixou esta pandemia: a saúde". Manuel Baltar puxo de relevo o futuro escenario que se abre na provincia con novos elementos tractores, entre os que citou "a chegada do AVE a Ourense con todos os beneficios e oportunidades que xerará contar cun aeroporto terrestre, e a incorporación á oferta termal que esperamos para este mesmo ano coa apertura do balneario de Berán". Pero ademais destacou outro aspecto importante no posicionamento internacional de Ourense, "traballando neste ámbito desde a presidencia da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) na que están representados 51 sitios termais de 18 nacións europeas, na que supón a organización pública máis importante do termalismo mundial". En nome dos asinantes, o conselleiro delegado do grupo Caldaria, Javier Soto, cualificou este programa como "unha das accións máis importantes para o sector das realizadas nos últimos quince anos, colocando de novo ao termalismo ourensán no mercado nacional e potenciando ao mesmo tempo ese carácter especial como destino do turismo de saúde". Mentres programas impulsados por outras administracións permanecen paralizados, destacou, "a Deputación de Ourense aposta por unha iniciativa exclusiva e especial pola que agardan clientes de toda España".
O programa, no que participan os sete balnearios citados, oferta aos beneficiarios das subvencións os seguintes servizos, En termalismo Saudable:
• Estancias balnearias de 6 días (5 noites) en habitación dobre, de luns a sábado (incluíndo pensión completa con bebida, dez técnicas balnearias, asesoramento médico dos beneficiarios que así o soliciten e programa de animación social). Os balnearios poderán establecer quendas de estancia con servizos de traslado ida e volta ( luns e sábado) desde os puntos de partida ata os balnearios.
• Estancias balnearias + tren de 6 días (5 noites) en habitación dobre, de luns a sábado (incluíndo pensión completa con bebida, billetes de tren (ida e volta), servizos de traslado (ida e volta) desde a estación de tren de Ourense ata os balnearios, dez técnicas balnearias, asesoramento médico dos beneficiarios que así o soliciten e programa de animación social) e rutas culturais.
• Tratamentos balnearios terapéuticos, (sen estancia no establecemento) incluíndo o dereito ó uso de 10, 20 ou 35 técnicas balnearias repartidas ó longo dun máximo de 10 ou 15 días computado desde o primeiro día en que se reciben técnicas balnearias), e consulta médica á chegada do/a beneficiario/a ao balneario.
En cultura termal: • Estancias de fin de semana de 2 días de duración (1 noite), de sábado a domingo, incluíndose pensión completa para os adultos, 2 técnicas balnearias para os adultos, estancias e programa de ocio para nenos e nenas acompañantes menores de 12 anos, cun máximo dun menor por solicitante.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 234
- 235
- 236
- 237
- 238
- 239
- 240
- 241
- 242
- …
- seguinte ›
- última »