22, Agosto 2020

O concello de Maside procederá o próximo xoves dia 27 de Agosto, coincidindo coa festividade de San Vitorio e festivo local no municipio, a estrea e izado da nova bandeira no balcón do consistorio masidao, e no transcurso dun acto solemne que se celebrará ás 13 horas.

O novo distintivo foi aprobado pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, a petición municipal e partindo dunha proposta realizada polo historiador e investigador masidao Xosé Ricardo Rodríguez, experto en xenealoxía e heráldica.

A bandeira de Maside fai alusión á historia da vila e concello e recolle varios símbolos que o identifican. Sobre fondo verde e en amarelo dourado aparece a torre da casa do concello, sen dúbida o elemento máis identificador de Maside, que aparace flanqueada por dous leóns, sobre dúas ondas, tal como tamén figuran no escudo municipal.

21, Agosto 2020

So duas palabras ,o de está o sentidiño dos responsables de autorizar a Subida a Saleta coa que esta caendo na comarca?

Como os representantes da veciñanza da comarca se mostras tan eúforicos na presentacion da proba,eso si coa cara tapada ?

Quen vai controlar que se cumplan as medidas de seguridade?

De verdade dame pena o que vai pasar por os contaxios posibles.

21, Agosto 2020

Con estes dous novos casos no concello de San Cristovo de Cea o número de contaxios activos na comarca do Carballiño ascende a 21 persoas.

Según informa o propio concello de Cea trátase de dous veciños que fai unhos dias atrás acudiron a un evento familiar, no que estaría a orixe do contaxio, encóntranse en illamento no seu domicilio.

"Non queremos ser alarmistas, pero necesitamos ser cautos e extremar as precaucións, non relaxarnos e pensar, equivocadamente, que non depende de nos", reflexionan dende o concello de San Cristovo de Cea. A dirección da residencia de maiores de Cea suprimíu todo tido de visitas, e o concello restrinxe as actividades e o acceso aos edificios e espazos públicos.

 

21, Agosto 2020

O Castro de Cameixa no municipio de Boborás volve a ser obxecto de escavación durante un mes, por terceiro ano consecutivo, grazas a dotación orzamentaria por parte da Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Cultura da Xunta, cun coste total dos traballos de 12.000 euros, a petición do grupo de goberno do concello.

Desta maneira, o equipo de arqueólogos e restauradora, dirixidos por Jorge Lamas comezaron xa nesta semana cos traballos de escavación e posta en valor do xacemento arqueolóxico, seguindo o xa descuberto nas dúas temporadas anteriores.

Ata o momento, as zonas do Castro que se escavaron formaban parte do xa explorado entre os anos 1944 e 1946 por Florentino López Cuevillas e o Xocas, polo que se descubriron as estruturas que xa no seu día foran atopabas pero tapadas de novo, a petición do propietario da parcela. Nesta ocasión, os traballos centraranse nunha zona nova, polo que a expectación polos posibles descubrimentos é maior ante as sorpresas que se poidan atopar.

Lamas, o arqueólogo director, afirma “esperamos que esta campaña sexa frutífera en canto o achado de novas estruturas e materiais arqueolóxicos que supoñan un avance no coñecemento do xacemento”. Pola súa parte a alcaldesa, Patricia Torres, explica que “coma tódolos anos estamos expectantes ante o que poida aparecer, sen dúbida reforza o coñecemento do noso pasado e tamén incrementa o atractivo turístico e cultural do noso municipio".

Nas campañas anterior, apareceron 6 metros de muralla, os restos dunha casa de palla barro, varios fogares, dúas vivendas (unha circular e outra cuadrangular) e restos de cerámica, así como fíbulas que formaban parte da vestimenta dos que alí viviron entre os anos VI a.C. e I d.C. que foi o período de ocupación do Castro.

20, Agosto 2020

Ven de crearse a nova Unidade de Atención Parroquial do Carballiño, que  estará integrada por un equipo sacerdotal de tres párrocos e un deles exercerá a función de moderador, según se recolle no decreto que ven de asinar o Bispo de Ourense Leonardo Lemos.

Tras a xubilación como párroco do Carballiño de Xose Benito Siero, a igrexa trata de adaptarse a actúal realidade social e demográfica e opta por un novo modelo de organización que xa veu implantando noutras zonas da Comarca e que pasa pola constitución dun equipo sacerdotal que atende varias parroquias, realizando as súas funcións de párrocos de forma solidaria.

No caso da nova Unidade de Atención Parroquial do Carballiño o equipo estará integrado polos sacerdotes Jorge Juan Pérez Gallego, que ademáis exercerá como moderador, xunto a Francisco López Gómez e Enmanuel Álvarez Lara.

A UaP do Carballiño terá a súa sede na parroquia de San Cibrao, e ademáis da mesma tamén pasan a integrala as parroquias de San Roque de Señorín e Santiago de Partovia.

Para descargar o decreto do Bispo no que se crea a UaP e noméase aos párrocos e moderador preme no arquivo adxunto:

 

20, Agosto 2020

A XXII Subida á Saleta contará con sesenta coches inscritos, entre eles, dúas barquetas e tres fórmulas, según confirmaron hoxe os directivos da Escudería Carballiño e da Federación Galega de Automobilismo durante a presentación da proba, que se efectuou este mediodía no salón de plenos do concello do Carballiño coa asistencia da concelleira de Deportes, Silvia Baranda; do portavoz do PP, Ricardo Perea, e da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, entre outros convidados.

Os organizadores valoraron positivamente o número de inscritos, habida conta das circunstancias que acaecen actualmente polo coronavirus. Neste sentido, recalcaron a necesidade de que os afeccionados que vaian a seguir a proba garden todas as medidas de separación e seguridade, mantendo as distancias, usando máscara e lavándose as mans con xel hidroalcólico. Tamén agradeceron a colaboración da institucións local, provincial e autonómica, e patrocinadores, así como das forzas de seguridade, Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e colaboradores.

O parque de custodia dos coches participantes quedará instalado na avenida do Arenteiro, e abrirase ás 09,30 h do sábado, 22 de agosto. Os entrenamentos oficiais do sábado terán lugar ás 18,00 h (primeira manga) e ás 20,00 h (segunda manga). Os entrenamentos oficiais do domingo, 23 de agosto, serán ás 09,30 h, e a terceira e cuarta manga terán lugar a partir das 11,30 h. Tanto a presentación oficial dos pilotos, que se fará ás 14,00 h do sábado, como a entrega de premios do domingo faranse sen a presencia de público, en aplicación das medidas de prevención polo coronavirus, e só estará permitida a presencia dos medios de comunicación.

20, Agosto 2020

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado pola técnico que dirixirá a candidatura a fondos para o desenvolvemento de Plans de Sustentabilidade Turística para "Ourense Provincia Termal", Carmen Pardo, convocaron, no centro cultural "Marcos Valcárcel", unha reunión de traballo con trece alcaldes da provincia para presentarlles este proxecto que "require do traballo coordinado e conxunto de todos para propoñer accións que melloren a sustentabilidade do modelo de desenvolvemento turístico", dixo Rosendo Fernández.

Por medio da Fundación Juana de Vega, a Deputación de Ourense está a elaborar un Plan de Sustentabilidade Turística para o destino "Ourense Provincia Termal", logo da reunión mantida entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na que acordaron desenvolver dito Plan que destaque o liderado da provincia como destino termal de referencia. Esta iniciativa, na que colaborarán a Xunta, o Goberno central e as entidades locais, pretende reactivar o sector turístico da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico,

medioambiental e territorial. O obxectivo desta iniciativa é "facer despegar os nosos territorios termais en Ourense e conseguir este financiamento que pode ser vital", dixo o vicepresidente do goberno provincial. No encontro participaron os alcaldes e representantes dos concellos de Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños e Ribadavia.

O sector turístico está a ser un dos sectores máis afectados pola pandemia do COVID-19, por elo, o Goberno de España abriu prazo para presentar candidaturas ao Programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos que pretenden contribuír a que, cando volva a recuperación, sexa máis responsable e sostible. Este programa axudará a entidades locais xestoras dos destinos turísticos a artellar plans de acción locais que incorporen actuacións en resposta a esta crise, que melloren a sustentabilidade dos destinos e que, en estreita colaboración co sector privado, permitan recuperar, manter e atraer a demanda turística.

20, Agosto 2020

DEsde o BNG de Leiro vimos de presentar un escrito no concello solicitando que se nos explique por qué hai máis dun mes que algunhas rúas do barrio dos Carrís de Leiro está sen iluminación pública.

Entendemos que o concello debe garantir os servizos básicos dos veciños e veciñas e denunciamos esta falta de iluminación, no que é o barrio máis habitado do concello.

Consideramos intolerábel que desde o concello se anuncie, en diferentes medios de comunicación, o acondicionamento do mesmo, co arranxo de paseos, reasfaltado e canalización de augas pluviais como un intento de humanización do barrio, mentres a veciñanza está sen luz pública desde hai máis dun mes.

Desde o BNG exiximos que se resolva esta situación coa maior brevidade posíbel para minimizar os trastornos causados á poboación que habita nos Carrís. .

19, Agosto 2020

O bispo Leonardo Lemos oficiou esta mañá unha misa de acción de gracias no Templo da Veracruz dedicada á comunidade das "Hermanitas dos Anciáns Desamparados" que nestes dias completan o seu traslado a outras localidades por decisión das responsables desta congregación relixiosa.

Ponse asi punto e final a unha historia de relación das popularmente coñecidas no Carballiño como "as monxas do Asilo", onde desenvolveron a súa labor pastoral e social dende a súa chegada a O Carballiño, un dia 18 de Agosto de 1901, polo tanto cumplíanse onte os 119 anos daquéla chegada.

Nesta mesma celebración no Templo da Veracruz, o Bispo Leonardo Lemos, presidente do Padroado da Fundación Irmáns Prieto, propietaria do xeriátrico carballiñés anunciaba que a Fundación xa asinou un convenio con outra congregación de relixiosas "Servas de Xesús da Caridade" que pronto se incorporarán ao Asilo do Carballiño.

18, Agosto 2020

O grupo municipal popular no concello do Carballiño recorda que "o pasado día 4 de Agosto o BOE publicou o Real Decreto-Lei Real 27/2020, de 4 de agosto, de medidas financeiras, de carácter extraordinario e urxente, aplicables as entidades locais. Con esa norma, de feito, estase dando cobertura legal o espolio dos recursos que o longo dos anos xeraron os concellos, que pasarían agora o goberno central, para que este puidese gastalos como lles parecese" subliñan.

Entenden que "o sistema que pretende seguir o goberno central e sinxelo: non permite que os Concellos gasten os seus remanentes nas necesidades que xa teñen os seus veciños, e que os concellos coñecen mellor que ninguén, para despois solicitarlles que llos presten, e así poder gastalos eles como mellor lles pareza. E máis, atrévense a xustificar ese préstamo dicindo que esa e a única maneira que terían os concellos de gastar os seus propios cartos", remarcan.

Desde o punto de vista do Partido Popular do Carballiño, é o Concello que xerou eses remanentes quen debe decidir cales son as necesidades mais urxentes dos seus veciños, cales son os medios para solucionalas, e polo tanto, cal e o destino que se lle deben dar a ese cartos. E dacordo con este punto de vista, "xa no pleno celebrado o pasado mes de maio o grupo Popular presentou unha moción solicitando que o Concello do Carballiño se dirixise a FEMP e FEGAMP para que esixisen o Goberno Central que permitise a utilización destes remanentes".

De igual maneira tamén recordan que "a esa moción o Grupo Municipal Socialista votou a favor, polo que agora entendemos que debe cumprir o seu compromiso cos veciños do Carballiño, non entregando o seu remanente o goberno central". Os populares afirman que "o Real Decreto-Ley permite que os concellos que non o desexen non entreguen os seus fondos, polo que nos parece que o Alcalde de O Carballiño debe agora ser coherente co que pensaba en maio, e non entregar os cartos que lle están solicitando. Calquera outra postura sería traizoar os veciños do Carballiño, que puxeron nas súas mans a xestión do concello, precisamente para que fose el quen a levase a cabo, e non o seu partido en Madrid, que ademais saíu contundentemente derrotado nas últimas citas electorais", subraian.

E nin moito menos é un tema menor para o grupo popular toda vez que "o Concello do Carballiño tiña, a 31/12/19 un remanente de Tesourería que alcanzaba os 4.578.140,71 euros. E certo que hoxe esta cantidade viuse reducida, gracias o acordo alcanzado entre todos os grupos políticos do Concello, para poder loitar contra a crise provocada polo coronavirus, pero aínda así debe superar con creces os 3.500.000 euros. E unha cantidade que o Concello do Carballiño non pode permitirse prestar a ninguén, se non que ten que loitar para poder destinala as necesidades dos nosos veciños", destacan.

En definitiva, apuntan dende o Partido Popular, "o Alcalde do Carballiño debe decidir se lle fai caso os seus veciños ou o seu partido político. Pensamos que a decisión debería ser fácil para calquera que recibise un apoio dos veciños como o que recibiu o Sr. Fumega nas pasadas eleccións municipais".

E xa finalmente, o Grupo Municipal do Partido Popular pídelle ao alcalde do Carballiño "que baixo ningún concepto se comprometa a poñer a disposición da Administración Xeral do Estado o remanente de tesourería, por coherencia co acordo que tomou o Pleno o día 12 de maio de 2020, e por responsabilidade cos veciños do Carballiño".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS