
Nos vindeiros días, o voceiro de Espazo Común no Concello de San Amaro, Fausto Alén, rexistrará un escrito para demandar ao goberno municipal a creación dunha serie de liñas de axuda para todos aqueles cidadáns que, dun xeito ou doutro, sufren as consecuencias da crise do COVID-19.
"Faise imprescindible para fortalecer ás pequenas empresas do noso pobo e ás familias máis desprotexidas que as institucións se impliquen con medidas concretas que garantan que ninguén quede atrás nunha situación tan delicada como a que estamos a vivir", manifesta.
O representante de Espazo Común en San Amaro engade que "é, polo tanto, fundamental o papel dos concellos neste momento. Vemos como na nosa contorna xa foron varios os que habilitaron liñas de axuda para pemes, autónomos e familias e, como é costume, o San Amaro xa vai tarde".
Finalmente, Fausto Alén asegura que "a incertidume é máxima entre a poboación e non se debe agardar a que a situación sexa irreversible. Hai que actuar xa".
Bos días: teño unha casiña en Banga e este fin de semana fun, ca esperanza de que por fin o Concello limpiara tanto as cunetas, acceso o pobo como partes que son comuns.
Pero, non foi posible. Banga ten unha igrexia que é patrimonio da Xunta así como a Casa de Emilia Pardo Bazán. Está considerada o "Balcón do Ribeiro" pero mais que "balcón" para "escombro".
Todo está cheo de maleza. Todos os anos estaba limpo para o día de Santa Margarita (23 de xullo) pero como este ano non temos nada de nada, pois non temos nin limpeza.
O Concello é o primeiro que manda requerimentos os dos de eidos que non teñen limpos pero quén llo envía e eles? ¿creense que están por encima do resto da poboación que paga rigurosamente os seus imposto?
Esta mañá puxen, a través da sede electrónica, unha queixa para que o limpien.
Esperemos que así sexa. Porque, prácticamente estamos xa en agosto e despois están moi ocupados cos preparativos da festa do pulpo, pero este ano non teñen escusa, NON HAI FESTA COMO TAMPOUCO A TIVERON EN NINGÚN POBO.
Isabel Oliveira

As concelleiras socialistas en Punxín veñen de solicitar, mediante a presentación de dúas mocións, a mellora da “Praza do Souto” en Rubiás, así como a realización dun parque infantil na parroquia de Vilela. Indican dende o Grupo Municipal socialista que se trata de demandas da veciñanza destes dous lugares, “a parroquia de Vilela é a única do Concello que non dispón dun lugar de esparcemento para os máis cativos, e a praza do Souto de Rubiás atópase totalmente abandonada e carente de iluminación”, indica Peleteiro.
Asimesmo, indican que están a manter contactos coa veciñanza de todas as parroquias, dentro das posibilidades pola situación excepcional que se está a vivir, co fin de traballar nun “Plan de Mellora Integral do Concello”. A voceira socialista, Lorena Peleteiro, sinala que “estamos a facer o traballo que debería estar a facer o Grupo de Goberno, pero ante a súa parálise e desidia, non podemos quedarnos paradas”.

Nove participantes no procedemento que ven de levar a cabo o concello do Carballiño para a contratación de operarios de limpeza viaria no concello do Carballiño veñen de presentar unha reclamación conxunta contra a resolución publicada polo concello ao entender que se cometeron irregularidades "coa valoración que se fixo da documentación aportada por todos os aspirantes".
Manifestan o seu desacordo e mediante un escrito asinado por nove dos aspirantes que participaron neste proceso selectivo para a contratación como varredores no concello carballiñés presentado no rexistro municipal piden "que se revisen de novo todas as valoracións e que se aplique o mesmo tratoa todos os participantes sen discriminación nin favoritismos".

Despois de algo máis de dous anos de traballo, entre rodaxes, montaxe e edición, o equipo de audiovisuais do IES Chamoso Lamas vai estrear o seu documental sobre o templo da Veracruz, titulado "Pedra a pedra". Trátase dunha curta documental (24 minutos de duración) realizada por un equipo de alumnos e profesores do instituto, que leva xa varios anos traballando no audiovisual e sacando proxectos adiante como a curta documental Sons no Camiño ou o DVD de entrevistas no libro sobre o comercio local feito pola asociación fotográfica Potiños.
A proxección de estrea realizarase dentro do propio templo da Veracruz o día martes, 28 de xullo. Faranse dous pases, un ás 22:00 hora e outro ás 23:00 horas, para facicilitar que todas as persoas interesadas a poidan ver, xa que o aforo estará reducido a 50 persoas por pase, por motivos de seguridade sanitaria e tamén de condicións de visionado. A entrada é totalmente gratuíta e poderanse recoller as invitacións na parroquia do Carballiño ata encher o aforo. Será necesario o emprego de mascarilla durante todo o acto.

O BNG do Carballiño denuncia a falta de sensibilidade do concello cara o ocio infantil, ao manter pechados os parques infantís inxustificadamente, e sen dar ningunha explicación por isto. Garcia, concelleira do BNG afirmaba así “cando as nenas e nenos da nosa vila poden estar en terrazas, cafeterías e distintos espazos públicos pero non en lugares adaptados para eles podemos considerar que as nosas crianzas son das máis esquecidas nesta pandemia”
Os parques infantis do Carballiño permanecen pechados desde que se dictou o estado de Alarma no mes de marzo. A persar de que o estado de alarma rematou e a Xunta de Galiza estableceu hai máis dun mes un protocolo para a reapertura de parques infantís, a primeira vila da provincia de Ourense é a única que manten todos os seus parques infantís clausurados, sen posibilidade algunha de que poidan acceder nenos e nenas, manifestan dende o BNG.
O protocolo da Xunta de Galiza emitido xa en xuño establece como principais medidas para a apertura manter un aforo controlado, e medidas hixiénico sanitarias, como a desinfección periódica, entre outras medidas hixiénicas. Porén o concelleiro de seguranza afirmaba en xuño “ iso non se pode facer dun día para outro, pois a seguridade está por enriba de todo” o alcalde, Francisco Fumega, afirmaba que o primeiro fin de semana de xullo os parques infantís estarían abertos.
Despois dun mes seguimos sen saber canto tempo vai precisar o goberno municipal para acometer unhas medidas que vilas máis pequenas e cidades puideron abordar hai máis dun mes. “Desde o BNG queremos manifestar a nosa disconformidade coa inacción e o desleixo do goberno municipal, que só se pode explicar polo desinterese das necesidades da veciñas máis cativas do Carballiño” manifestou Sofia García voceira do grupo municipal do BNG que levará unha moción ao próximo pleno para demandar a apertura inmediata dos parques infantís adaptada aos protocolos xa establecidos polas administracións de rango superior.

Co obxectivo de reactivar a economía local neste período de crise polo covid 19, a hostalería e a destilería Paniagua colaboran na iniciativa de crear unha ruta do vermut Povarelo, que terá lugar do 24 ao 26 de xullo e do 31 de xullo ao 2 de agosto.
Trinta e seis locais hostaleiros participan neste evento, no que xunto co vermut servirase unha tapa elaborada con queixo Palo Santo. E ademais tamén se poderá participar nun sorteo dunha estancia dunha noite para dúas persoas no hotel Louxo, na illa da Toxa, con almorzo e ciucuito de spa incluidos; así como tiques para o circuito de karts de Sanxenxo, botellas de vermut Povarelo, cubiteiras e outros agasallos. Os hostaleiros tamén entrarán nun sorteo dunha noite con almorzo e circuito de spa no hotel Louxo, para dúas persoas.
O evento foi presentado esta mañá no anfiteatro da Veracruz coa asistencia do concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; do director de producto de Paniagua, Juan Manuel Novoa, e representantes da hostalería local.
Manuel Dacal destacou a importancia da colaboración da hostalería e as empresas locais para promocionar os seus produtos, e por eso agradeceu esta iniciativa, dirixida a dinamizar ao sector hostaleiro e industrial.
Juan Manuel Novoa, en nome da empresa Paniagua, agradeceu á hostalería e ao concello a adhesión a este evento promocional dun produto elaborado no Carballiño e que quere implantarse de xeito preferencial no consumo do vermut e dos licores.
Finalmente, unha representante do sector hostaleiro agradeceu a iniciativa, que ten lugar, según dixo, nun momento crítico para a hostalería e que contribuirá a dinamizar os locais, que tanto o necesitan.

Unha vintena de nenos e nenas, entre os 4 e os 12 anos, participan na primeira quenda do campamento de verán do concello, que organiza dun xeito totalmente gratuito a concellería de Benestar Social, Igualdade, Sanidade, Educación e Servizo de Normalización Lingüística.
A concelleira que dirixe esta área, Guadalupe Sobrado, realizou esta mañá unha visita ao campamento e participou nalgunhas das actividades.
Desde o pasado 20 de xullo e ata o 7 de agosto, en horario de 09,00 a 14,00 h., os monitores de Máis Escola realizan diversas actividades creativas e xogos, que se desenvolven, con todas as medidas de seguridade e prevención ante o covid 19, nas instalacións de Bo Día Familia e no Parque Municipal.
O bo tempo que se está a ter neste mes de xullo contribúe a que moitas destas actividades e xogos se poidan realizar ao aire libre no entorno natural do parque municipal do Carballiño.
A segunda quenda deste campamento tera lugar do 10 ao 28 de agosto.

A Deputación de Ourense e Federación de Comercio de Ourense porán en marcha a primeira plataforma provincial de comercio on line. Trátase dun marketplace orientado ao comercio minorista, que estará dispoñible para dispositivos electrónicos e que permitirá a pequenos negocios dar o salto a Internet de maneira sinxela e cun custe reducido.
Así o avanzou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo coa presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, xuntanza na que analizaron as prestacións desta plataforma, "que conta xa con máis de 330 establecementos inscritos e que será un pulo importante para o comercio local", afirma Baltar.
A plataforma, denominada "eprox", permite aos comerciantes incorporarse a ela de maneira gratuíta, para formar parte dunha estratexia de mercado –o comercio electrónico- que factura anualmente en España máis de 40.000 millóns de euros (datos de 2018). "eprox" ofrece aos comerciantes sistemas de tecnoloxía para a venda, identificando as preferencias dos clientes; loxística adaptada; información completa de cada negocio, e soporte técnico para todo o proceso de venda on line.

Este xoves, 23 de xullo, ás 22,30 h., na Praza Maior, dará comezo o ciclo de Cine na Rúa coa película de Ignacio Vilar, María Solinha, que ven de ser premiada no 2020 Taormina Film Fest,en Sicilia, Italia.
Todas as proxecións desenvolveranse na Praza Maior, con entrada libre, aforo limitado e cumprindo as medidas de separación e seguridade establecidas polo covid 19. As sesións darán comezo ás 22,30 h.
A esta proxección lle seguirá a película de animación “La Gallina Turuleca”, dirixida por Victor Monigote e Eduardo Gondell, e na que os humoristas Eva Hache e José Mota poñen voz aos protagonistas. Será o xoves, 27 de xullo.
Na terceira sesión proxectarase a película francesa “Los Miserables”, dirixida por Ladj Le, e que conta con numerosos premios, entre eles, Premio do Xurado do Festival de Cannes, 4 Premios César, Premio Goya á mellor película europea. A proxección será o xoves 6 de agosto.
O ciclo rematará o xoves 13 de agosto, coa película “Joker”. É a película máis premiada do ano 2019, obtendo, entre outros, 2 Premios Oscar: Mejor actor (Joaquin Phoenix) e banda sonora; Globos de Oro: Mellor actor (Phoenix) e música orixinal; Premios BAFTA: Mellor actor (Phoenix), banda sonora e reparto; Festival de Venecia: León de Oro (Mellor película).
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 339
- 340
- 341
- 342
- 343
- 344
- 345
- 346
- 347
- …
- seguinte ›
- última »