
Por segundo ano consecutivo e ante o éxito do pasado ano, o Centro Comercial Aberto promove para este sábado, 22 de xuño, un Shopping Day no que participarán 31 establecementos comerciais.
En horario de 10,00 a 14,00 h., e de 17,00 a 21,30 h., estes establecementos permanecerán abertos ao público ofrecendo descontos e participacións para entrar no sorteo de 300 euros en vales de compra ou para degustar pinchos en dez locais hostaleiros asociados ao CCA.
Durante toda a xornada, a partir das 10,30 h., en que terá lugar a inauguración na Praza Maior, haberá animación de rúa con charangas, dj, zancudos e atraccións infantís, así como catro desfiles pola mañá e tres pola tarde que se celebrarán nas rúas céntricas da vila.
Nesta iniciativa participan establecementos de todos os sectores do comercio: moda infantil, xuvenil, de home e muller; zapaterías, complementos, librerías, xoierías, etc…
Diego Fernández felicitou ao CCA e aos establecementos por promover esta iniciativa encamiñada a dinamizar o comercio e as compras, e ao mesmo tempo dar animación na vila e atraer aos visitantes da comarca. Neste sentido, fixo un chamamento á veciñanza para que participe nas actividades programadas e aproveite para realizar compras de produtos de tempada con descontos.
Noelia Mares, xerente do CCA, asegurou que a boa experiencia do pasado ano facía albergar un bo día para o comercio no Shopping Day deste sábado, e dixo que se facía durante toda a xornada porque se abrían máis posibilidades tanto para os clientes como para realizar actividades.
Recordou que o comercio local era de gran calidade, e que valía a pena facer compras neste día, xa que ía ser como un adianto das rebaixas do verán. Agradeceu a colaboración da Axencia Luena, que se encargará de organizar os sete desfiles previstos, e ao club de patinaxe Fénix, que ofrecerá unha exhibición.
Finalmente, dixo que era unha festa do comercio de cara aos clientes, e que por eso esperaba unha gran participación e un do día de ventas.

O alcalde do Carballiño Franscico Fumega deu a coñecer no transcurso dunha intervención nesta emisora de radio o reparto das delegacións de competencias entre os oito concelleiros e concelleiras que o acompañan nesta nova etapa municipal, agora con maioría absoluta na corporación carballiñesa.
O propio alcalde seguirá asumindo a área de Urbanismo e Economía.
Manuel Dacal será primeiro tenente de alcalde, e concelleiro de Turismo, Industria, Comercio e Promoción do Emprego.
Rita Soto segunda tenente de alcalde, e concelleira de Medio Ambiente.
Manuel Sotelo, terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Persoal, Policia Local e Protección Civil.
Silvia Baranda, concelleira de Deportes.
Diego Fernández, concelleiro de Cultura e Participación Cidadán, ademáis exercerá como Portavoz do Grupo Socialista.
Guadalupe Sobrado, concelleira de Servizo Sociais e Educación.
Rosa Fuentes, concelleira de Medio Rural.
Rogelio Otero, concelleiro de Obras.

A Denominación de Orixe Ribeiro viviu a súa grande xornada anual coa entrega dos seus premios que tivo lugar no histórico Mosteiro de San Clodio, en Leiro, ante uns 250 convidados entre os que estaban profesionais do sector, distribuidores, xornalistas e autoridades.
O presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares, anunciou que o organismo contará por fin cunha nova sede, tras lograr un acordo coa Xunta.
“Unha vez recibido o plácet da Xunta de Galicia, nos vindeiros días asinaremos un novo acordo de cesión das instalacións para a nova sede por 35 anos. Unha vez asinado, un proxecto pagado integramente con fondos propios do Consello, dotaranos dun local á altura da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia”, apuntou Casares.
No seu discurso tamén tivo palabras para a reivindicación: “Neste contexto eu reivindico o papel do Consello Regulador como axente vertebrador e de cohesión do territorio. Xestionamos calidade, xestionamos promoción pero tamén xestionamos a vida das persoas porque xeramos oportunidades para o desenvolvemento dunha comarca esencialmente vitivinícola”.
O presidente do C.R.D.O. Ribeiro animou a todos os elos da cadea de valor do viño na comarca do Ribeiro a traballar xuntos para impulsar esta comarca vitivinícola. “Somos Miño, Arnoia, Avia; somos adegas, cooperativas, colleiteiros, viticultores. En resumo, somos bacelos da mesma cepa de treixadura e a nosa misión é colocala onde lle pertence por dereito; por historia e por caste”, destacou Juan Manuel Casares.
Un serán de premios
O evento serviu para desvelar os gañadores nas distintas categorías dos galardóns para viños, designados nunha cata cega por un panel de expertos.
Pazo do Mar Expresión 2018, de Pazo do Mar é o “Mellor viño branco de adega”, sendo os finalistas Pazo Tizón 2018 (Pazo Tizón); Alter 2018 (Priorato de Razamonde); Catro Parroquias 2018 (Loeda); Farnadas 2018 (Pazo de Vieite); e Antonio Montero Autor 2018 (Vinos Antonio Montero).
O galardón ao “Mellor viño branco de colleiteiro” recaeu en Finca Teira 2018, de Manuel Formigo de la Fuente, acompañado como finalistas por Libro 2018 (Antonio Cajide Gulín); Casal de Paula 2018 (Emilio Docampo Diéguez); Mal raio te parta 2018 (Javier Estévez Abeledo); Manuel Rojo 2018 (Adega Manuel Rojo); e Lagar do Merés 2018 (José Meréns Martínez).
O “Mellor viño tinto de adega” é Alberte 2018, de Bodegas Nairoa. Pola súa parte, Alter 2018 (Priorato de Razamonde); Viña do Campo Mencía 2018 (Docampo); Preto de Leive 2017 (Leive Ecoadega); Divino Rei 2018 (Castro Rei); e O Cotarelo 2018 (Benigno Ríos Mosquera) foron finalistas.
E, o “Mellor viño tinto de colleiteiro” é Mónica Albor Mencía 2018, de Mónica Albor López. Ademais, Elisa Collarte 2018 (Elisa Collarte Bernárdez); Verbas 1917 2017 (Eva Bermúdez Pulleiro); Viña Carpazal 2018 (José Antonio Rodríguez Fernández); Celme do Souto 2017 (Adegas Celme); e Manuel Rojo 2017 (Adega Manuel Rojo) tamén chegaron á cata final.
Durante a gala tamén se entregaron os galardóns honoríficos do Consello Regulador.
O presidente de Paradores, Óscar López, agradeceu o “Premio de Honra”, recollido das mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O galardón quere agradecer a profesionalidade, calidade e máis o compromiso da empresa pública coa riqueza vitivinícola española e, en especial, cos viños do Ribeiro.
O “Premio á mellor tarefa de Comunicación” aos programas da Televisión de Galicia Labranza e O Agro salienta o esforzo do seu equipo e do conxunto da CRTVG por informares tanto as novidades como da situación global do mundo agro alimentario, nunha traxectoria que supera xa os 27 anos e os 1.500 programas.
Así, Juan Manuel Casares agradeceu á CRTVG o seu traballo na construción da identidade de Galicia.
“Síntome orgulloso do papel dun medio público na construción do país; síntome feliz polo seu labor diario na conservación do idioma; síntome agradecido por facerdes cada día unha Galicia máis de seu”, expuxo o presidente do C.R.D.O. Ribeiro.
Tamén tomou a palabra María Isabel Mijares, Premio “Muller e Viño” 2019 polo seu traballo senlleiro durante décadas en campos como a calidad, a xestión, a formación ou a difusión da viticultura.
Emilio Rojo Bangueses recolleu o “Vida entre Vides”. O Consello quere destacar a súa aposta polo carácter propio nos viños; as castes autóctonas; e o coñecemento profundo da riqueza e da pluralidade enolóxica coas que contan as terras do Ribeiro.
Na cerimonia tamén foron premiados tres establecementos. La Sucursal (Lugo) recibiu o galardón a “Mellor tenda especializada – viñoteca”; La Molinera (Lalín), o de “Mellor servizo de viño en restaurante”; e a Taberna A Curva (Portonovo) foi distinguida como “Mellor taberna – Bar de viños”
A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.220 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.700 viticultores.
Produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX. A produción da colleita 2018 na Denominación de Orixe foi de 9 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.
E non o que temos agora. Poucos servizós con Ourense, coincidindo os horarios de tren e bus. Sen servizo con Vigo. Sen autobuses con Santiago e Coruña. Quitan o tren a San Francisco tan usado para ir ó hospital.
Sen transporte público non hai futuro neste pobo. Que nos metan no plan de transporte metropolitano ou que fagan o que queiran, pero que fagan algo xa. Porque sempre falan pero non arranxan nada.

Por vixésimo séptimo ano consecutivo, a Festa das Parroquias volta a celebrarse como unha xornada de irmandade entre as dezaseis parroquias que conforman o municipio do Carballiño, e nesta edición o fai na parroquia de Arcos, cuxa asociación veciñal tomou as rendas da festa ante a falla de propostas das outras asociacións.
O evento foi presentado esta mañá nun acto ao que asistiu o alcalde, Francisco Fumega; a concelleira Rosa Fuentes, que asumirá a área de Medio Rural, e a representante da Asociación de Veciños de Arcos, Alsira Fernández.
Francisco Fumega resaltou o carácter participativo desta celebración, da que dixo é un nexo de unión entre as distintas parroquias do Carballiño.
Rosa Fuentes amosou o compromiso do concello por seguir poñendo en valor o medio rural e emprender iniciativas que axuden a mellorar a vida da xente nas parroquias, e por eso esta festa de irmandade seguirá contando coa nosa colaboración.
Alsira Fernández, como representante da Asociación de Veciños de Arcos, amosou o seu orgullo por acoller de novo esta festa, posto que ningunha outra asociación a quere. Expuxo o programa e anunciou a venta de de tarxetas para o xantar no restaurante A Fuchela, no bar Casablanca, na carnicería Pérez de Arcos ou na propio Asociación de Veciños de Arcos.
O prezo da tarxeta é de 25 euros e poderán mercarse ata o mércore 3 de xullo. O menú consiste en: empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño e café.
O programa comezará ás 12,30 h., coa celebración da misa na igrexa de Sta. Mª de Arcos. Ás 13,00 h. haberá sesión vermú a cargo do grupo folk Feitizo de Pau. Ás 14,30 h., será o xantar. Ás 16,30 h., animación musical polo grupo Cotovías de Maside, e comezo da festa infantil con área multixogos (xogo tragabolas, tiro con arco, xogos de raqueta e pelota, xincanas), e ás 18,00 h. festa da escuma.

O parque municipal do Carballiño voltará a ser este próximo sábado, 22 de xuño, o marco no que se desenvolva a Xuntanza de Maiores, que celebrará a súa 41 edición.
O evento presentouse no trascurso dun acto ao que asistiron a delegada, Marisol Díaz Mouteira; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.
Agárdase a asistencia de máis de tres mil persoas pertencentes aos centros socio-comunitarios de Galicia, que se desplazarán na súa maioría en autobuses.
Marisol Díaz cualificou a xuntanza como o encontro anual de maiores de referencia en Galicia, no que se rende homenaxe aos maiores nunha xornada de convivencia.
Francisco Fumega agradeceu o esforzo que realiza a Xunta de Galicia para que esta xuntanza volte a acadar o pulo que tivo hai anos, e destacou a empatía e espíritu de colaboración que existe entre o concello do Carballiño e a Xunta de Galicia polo ben da cidadanía, neste caso das persoas maiores.
Ildefondo de la Campa correspondeu ao agradecemento do alcalde e resaltou o programa previsto para a Xuntanza, que contará coa animación da orquestra M5-Galicia e coa colaboración do presentador do programa Land Rober Tunai Show da TVG, Roberto Vilar. Haberá xogos, actividades, baile e agasallos para os asistentes á Xuntanza, que comezará ás 11 da mañá e rematará ás 8 da tarde.
O director xeral de Maiores destacou como obxectivo desta celebración o agradecemento aos maiores por toda unha vida, e animou á xente a acudir este próximo sábado ao parque municipal do Carballiño.
A recepción de autoridades terá lugar ás 12,00 h., e o acto central comezará ás 12,30 h.

A fonte da piscifactoria, sen dúbida, a que viñan acudindo moitas persoas para encher botellas e garrafas de auga, resulta que leva unhos dias a punto de secar, a veces cun pequeno fio de auga e a outras outras nin eso.
Cál é o motivo desta anomalía? Nunca recordo que esto sucedese, nin en prolongadas temporadas de seca.
Está claro que alguén está causando esta situación, ben para encher unha piscina ou para regar, o concello debería vixiar e investigar.
Este sábado foi o reestreno de Fumega como alcalde, un saón de plenos cheo de xente no seu apoio como corresponde nas grandes ocasións. Non é `para menos , o grande apoio que recibiu foi un respaldo á súa xestión, ainda que con algúns erros que espero que corrixa, a xente deulle unha segunda oportunidade sen ataduras. A el e o seu equipo, un goberno non é un home solo, e Fumega ten ahí a grandes personas. Chamaba a atención o gran entusiasmo dos presentes co contraste das caras de algúns dos seus concelleiros. O por qué irase sabendo, pero o sábado xa se viu o primeiro erro de Fumega, como xa fixo nos 4 anos anteriores volveu a desplazar a Manolo Dacal, un home traballador, con carisma e o que pon de numero 2 para recolectar votos, porque sabe que é o que máis votos lle da, volve a desplazalo de silla. Parece que lle vai a repetir o menosprecio que xa lle fixera con Nogueira, ahora con Manolo o do Arenteiro. Quitao do seu lado e desplazao un sillon máis para alá. Parece que non valora o que ten que solo usa a Dacal para recoller votos pero que non lle vale de teniente de alcalde. Aprenda dos seus erros señor Alcalde e non menosprecie o que ten ó seu lado Dacal vale moito.

O novo mandato municipal trae unha situación insólita no concello de San Amaro, xa que inicialmente terá unha alcaldesa e un alcade.
Desta maneira, o PSdeG e Xuntos por San Amaro arrebatan a alcaldía ao popular Fernando Rodríguez Redondo, do Partido Popular, que foi o máis votado nas eleccións do 26-M, pero que se quedou a un concelleiro da maioría absoluta.
O acordo ao que chegaron socialistas e Xuntos, fará que a socialista Maria del Carmen Pérez sexa a alcaldesa nos dous primeiros anos, mentres que o cabeza de lista de Xuntos por San Amaro, Carlos Paz, ocupará a alcaldía nos dous últimos anos de mandato.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 425
- 426
- 427
- 428
- 429
- 430
- 431
- 432
- 433
- …
- seguinte ›
- última »