20, Novembro 2017

A situación de precariedade na Policia Local do Carballiño volveu a poñerse de manifesto esta mañá, cando a falta de efectivos motivou a supresión da patrulla policial.

Non é a primeira vez que se plantexa esta mesma problemática derivada, dunha parte da escasez da plantilla da Policia Local e doutra, consecuencia das baixas, vacacións e permisos, que deixa o servizo baixo mínimos.

Un único axente atendía as necesidades do servizo tanto nas rúas carballiñesas como para outras nas que foi requerido, nunha poboación con máis de 14.000 habitantes, e cunha importante carga de traballo para un servizo que é moi demandado pola veciñanza.

O concelleiro de seguridade, Adolfo Nogueira, asegurou a esta emisora de radio que a situación desta mañá "é excepcional, absolutamente puntual, ao concederselle permiso a un Policia para asistir a un curso", tamén aclarou que "non houbo ningún problema e contabamos con 2 persoas para atender o servizo nas oficinas".

16, Novembro 2017

Seis destacados humoristas de ámbito nacional e un galego conforman o cartel da terceira tempada do ciclo de monólogos “Carballiño Comedy”, que se desenvolverá no auditorio municipal do Carballiño dende o 3 de decembro ao 12 de maio. Trátase de Miguel Lago, El Sevilla, Pablo Carbonell, Antípolez, José Corbacho e Carlos Blanco.

O evento foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e os representantes da productora MoitaMerda Promocións, Juan Quintela e Lito Caballero. Miguel Lago abrirá o ciclo o domingo, 3 de decembro, ás 20,00 h. O seu espectáculo “Que no salga de aquí” é estrea en Galicia.

Así o asegurou Juan Quintela, que agradeceu ao concello e á concellaría de Cultura a colaboración que manteñen dende hai dous anos e que sitúa ao Carballiño entre as localidades preferentes dos espectáculos que promove a súa compañía en Galicia.

O sábado, 13 de xaneiro, ás 21,00 h., actuará El Sevilla, e Pablo Carbonell o fará o sábado, 3 de febreiro, ás 21,00 h. Trae un monólogo baseado na súa vida, e que tamén será estrea en Galicia. O 25 de marzo, sábado, ás 20,00 h., será a quenda de Antílopez, que foi cualificado como a gran sorpresa do humor a nivel nacional. José Corbacho estará no auditorio o sábado, 21 de abril, ás 21,00 h., e finalmente, Carlos Blanco pechará o ciclo o sábado, 21 de maio, ás 21,00 h.

Diego Fernández expresou a súa satisfacción pola aposta que fai MoitaMerda Promocións polo Carballiño, traendo espectáculos que só se poden ver nas grandes cidades, e asegurou que o cartel desta terceira tempada é excepcional, esperando que acade tanta expectación como a anterior, que foi seguida por máis de 3.000 persoas.

O concelleiro tamén adiantou dúas novidades importantes que atinxen a esta productora de espectáculos, como é a superproducción musical “La Bella y la Bestia”, que chegará ao auditorio do Carballiño o 28 de decembro, e o mago Joel, gañador da última edición de Got Talent de Maxia, que estará no Carballiño o 3 de marzo.

As entradas para os monólogos xa están á venda anticipada nos restaurantes A Fuchela e Comonacasa, ao prezo de 10 euros, ou a través de Internet, na páxina www.woutick.es, ao prezo de 10 euros máis gastos, en total 11 euros. E na taquilla o mesmo día dos espectáculos, a 13 euros.

14, Novembro 2017

O concelleiro e portavoz de Veciños de Piñor presentou un escrito no rexistro municipal do concello de Piñor no que comunica ao alcalde a súa renuncia como concelleiro-delegado de servizos socias e socio-sanitarios.

Uxío Rodríguez viña exercendo como tal dende o inicio do actúal mandato municipal, no que a súa formación -Veciños de Piñor- alcalzou un acordo de goberno co Partido Popular.

Non obstante, a falla de sintonía entre o grupo do alcalde José Luis González e o portavoz de Veciños de Piñor foi indo a máis no transcurso dos últimos meses, de tal maneira que esta próxima fin de semana Veciños de Piñor analizará a situación, e de non reconducirse a situación, todo indica que o acordo de cogoberno está a un paso da ruptura.

En declaracións a esta emisora de radio, Uxío Rodríguez manifestou que non tiña sentido continuar ao fronte dunha concellería que carece de competencias, ainda que o que máis lamentou "é que se nos ningunee, que non se valore o noso traballo, ou incluso que se nos poñan trabas, como ven sucedendo", asegurou.

Presentación da "Estratexia de Promoción da Saúde"

Foi, precisamente, unha das iniciativas promovidas por Uxío Rodríguez, na súa condición de responsable de servizos socias no concello piñorense.

O Concello de Piñor aprobou en pleno a adhesión á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a Federación Española de Municipios e Provincias coa finalidade de promover a saúde e a prevención para mellorar a calidade de vida das persoas que residen no concello. Esta estratexia propón o desenvolvemento progresivo de intervencións dirixidas a gañar en saúde e a previr as enfermidades, as lesións e a discapacidade e o seu obxectivo final é fomentar a saúde e o benestar da poboación promovendo estilos de vida saudables e potenciando a seguridade fronte ás lesións.

O mércores día 15 de novembro terá lugar a presentación pública para dar a coñecer á poboación a adhesión do Concello de Piñor á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención ás 13:00 horas no Salón de Plenos do concello. Este mesmo día, con anterioridade a esta presentación terá lugar a creación dunha Mesa intersectorial no concello que será o instrumento para implementar esta estratexia e para planificar conxuntamente entre os diferentes sectores que a van compoñer o intercambio de información, a coordinación e avanzar cara a metas e resultados comúns.

Para posibilitar esta mellora da saúde e benestar da poboación é necesaria a implicación e coordinación de sectores que implementan políticas e actividades con impacto na saúde como educación, benestar social, medio ambiente, traballo e inmigración, urbanismo e planificación do territorio, transporte e mobilidade activa, ou economía e facenda. É necesario que dende o entorno local traballemos xuntos, articulando os mecanismos necesarios para participar na mellora do noso municipio xa que o ámbito local é un entorno esencial para mellorar a saúde e o benestar da poboación xa que dende o entorno local, podemos contribuír a mellorar la saúde da poboación mediante as políticas locais de saúde, educación, benestar social, transporte, medio ambiente, cultura, urbanismo, vivenda, deportes, seguridade, etc.

En definitiva, trátase de reorientar o sistema sanitario, os sistemas de información e a investigación cara a promoción da saúde e prevención da enfermidade e que as actividades doutros sectores teñan en conta á cidadanía. Preténdese implicar a toda a sociedade no desenvolvemento desta estratexia para que a poboación teña información e apoio relevante e de calidade para que poida modificar os seus estilos de vida e que sexan máis saudables.

13, Novembro 2017

A Xunta de Goberno do concello do Carballiño adxudicou con carácter definitivo á empresa Matadero de Carballiño S.L. o proxecto do novo matadoiro.

As obras poderían comezar en breve tras a aprobación das licencias de construcción pertinentes. A adxudicación tera unha vixencia de 20 anos, que pode ser prorrogada por outros 20 anos mais, en períodos de dous en dous anos. Con esta adxudicación remata un proceso laborioso iniciado a principios do actúal mandato municipal pola concellería de Promoción Económica que dirixe Adolfo Nogueira, para poñer en marcha esta instalación industrial municipal que permanecía pechada dende setembro do ano 2012, hai máis de cinco anos.

O proxecto supón un investimento de 1.100.000 euros e a creación duns quince postos de traballo. Tanto o orzamento como a creación de emprego previstos considéranse unha primeira fase do proxecto, xa que se o matadoiro cumnpre os obxectivos da empresa adxudicataria, podería levar a cabo unha ampliación a curto ou medio prazo.

O novo matodoiro prestará servizo aos carniceiros do Carballiño e da comarca, reducindo os costes de transporte creados por ter que matar as reses noutros matadoiros máis alonxados. Pero tamén se espera que sexa unha instalación moderna e de referencia, que acade a maior cuota de mercado posible, abarcando aos carniceiros doutras comarcas da provincia e de Galicia. Neste senso hai unha gran expectativa, e non só pola novedade da instalación senón tamén pola súa ubicación, a carón da autovía AG-53.

 

11, Novembro 2017

A nova estación fixa da ITV do Carballiño entrará en funcionamento a finais deste mes de novembro. A inauguración oficial terá lugar o día 27 deste mes.

Esta instalación ubicada no parque empresarial carballiñés, e que ocupa unha superficie de 3.200 metros cadrados, contará coa última tecnoloxía, permitindo inspeccionar todo tipo de vehículos, incluso os máis novidosos. As obras están prácticamente concluidas e quedan só algúns pequenos detalles para proceder à inauguración e apertura.

Cun investimento cercano a un millón de euros, a ITV dará emprego directo a catro persoas e inspeccionará arredor de 4.000 vehículos durante o primeiro ano de funcionamento, calculándose que para o ano 2020 os vehículos que pasen revisión serán uns 14.000.

Esta nova estación de ITV do Carballiño é a segunda de Galicia que incorpora un sistema punteiro de control así como un xeito de construcción novidosa de tipo modular. O proxecto técnico foi elaborado polos arquitectos Manuel Amor e Félix Suárez, en colaboración coa Escola de Arquitectura da Coruña, e é moi semellante ao que xa se elaborou para a nova ITV de Santiago.

Ata agora no Carballiño só prestaba servizo unha ITV móbil, que inspeciona vehículos lixeiros durante varios días cada mes, e só unha vez ao ano aos vehículos agrícolas. Unha situación que cambiará en canto entre en funcionamento esta nova estación, dentro de poucas semanas.

10, Novembro 2017

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou, xunto co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, as obras da senda peonil na marxe dereita do río Avia ao seu paso por Leiro, unha construción que supera os 200 metros de lonxitude e que substitúe á antiga pasarela de madeira que estaba situada neste lugar.

Analizadas por parte dos técnicos as distintas alternativas para repoñer a continuidade da senda fluvial optouse por demoler a pasarela e dar continuidade ao paseo ocupando o espazo situado entre o muro que delimita a marxe do río e as fincas lindeiras.

Con elo conséguese recuperar este tramo da marxe do río Avia, integrándoo no ámbito urbano de Leiro e eliminando o obstáculo que supuña a pasarela para o cauce do río, en liña cos obxectivos do Plan Hidrolóxico e da Directiva Marco da Auga. Trala demolición da pasarela realizáronse as obras de construción e acondicionamento da senda peonil, que alcanza os 210 metros no seu trazado principal, cun ancho de catro metros nalgúns tramos.

A parte final da senda remata nunha explanada empedrada, contigua a un muíño restaurado hai anos, tentando poñer así en valor esta edificación, que na actualidade se destina a punto de información e conexión a Internet. Manuel Baltar saudou positivamente "que se concreten propostas que veñen da man dos concellos para mellorar aspectos relacionados co medio ambiente, como é esta senda fluvial nunha das riquezas que temos na provincia de Ourense como é a nosa auga e o noso termalismo, nun municipio turístico por excelencia como Leiro".

O presidente do goberno provincial agradeceu "a cooperación, sempre, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e tamén do Concello de Leiro, porque estas son obras que perduran no tempo e que repercutirán moi positivamente nos visitantes e tamén nos veciños deste municipio. En definitiva, facemos e transformamos provincia, que é do que se trata", expresou Manuel Baltar. Francisco Marín destacou que o importante desta obra foi "mellorar o dominio público hidráulico, porque se eliminou a antiga pasarela que invadía o río, e se construíu un novo sendeiro que contará cun firme ecolóxico, iluminación e mobiliario urbano" para facer máis cómodo e accesible o tránsito de peóns por esta senda fluvial.

Pola súa banda, o alcalde de Leiro agradeceu tamén a colaboración da Deputación de Ourense e da CHMS para levar a cabo este proxecto "que achega aínda máis valor medioambiental a esta fermosa contorna do noso concello", dixo Francisco José Fernández.

O acceso norte desde Leiro a este novo tramo de paseo fluvial será acondicionado con adoquín, mentres que o acceso sur será acondicionado cos mesmos materiais que o resto do itinerario. O importe total das obras ascende a 191.469 euros, achegados polo Concello de Leiro, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Deputación de Ourense, estando prevista a finalización dos traballos no presente mes de novembro. Neste momento estase na última fase da súa execución, na que se levan a cabo labores de pavimentación, instalación eléctrica e alumeado, acabados de urbanización e recuperación natural dos noiros.

10, Novembro 2017

O Voceiro do Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, ven de presentar unha MOCIÓN PARA A MELLORA DA SEGURIDADE E SINALIZACIÓN DAS ESTRADAS DO IRIXO, en base á seguinte exposición de motivos:

PRIMEIRA.- Que o noso concello como administración máis próxima ó cidadán, debería velar polo benestar e a seguridade de tódolos veciños e veciñas do Irixo. Esto implica que os servicios públicos que presta e as infraestruturas propias e alleas situadas dentro do término municipal deben estar en perfecto estado, para o que o goberno municipal debe estar en todo momento vixiante para que esto sexa unha realidade.
SEGUNDA.- Que a realidade do Irixo é a deixadez do goberno municipal que non se preocupa, como sería de desexar, polo benestar e a seguridade de tódolos veciños e veciñas do Irixo, e esto é así cando observamos moitas estradas do concello de titularidade municipal ou de outras administracións pero situadas dentro do propio municipio, que están en mal estado ou non garanten un mínimo de seguridade para os usuarios das mesmas como sería desexable.
TERCEIRA.- Que o grupo socialista ven de salientar moitas destas fallas de seguridade e mostras de deixadez do goberno municipal na xestión de moitas estradas que percorren o noso concello de titularidade municipal ou de outras administracións ás que o concello debería requirir a mellora da seguridade ou condicións da mesma.
CUARTA.- Que lamentamos que o grupo de goberno no esté vixiante, nin teña intereses nin ganas de traballar polo benestar e a seguridade de tódolos veciños e veciñas do Irixo, neste e noutros moitos temas que nos ocupan apesares de que o goberno municipal ten tres membros con soldo que nos costan máis de 73 mil euros ó ano.
Que dito todo o anterior, e para garantir benestar e a seguridade de tódolos veciños e veciñas do Irixo, e non menos importante para evitar futuras desgrazas, cando se desprazan polas estradas do noso concello, o Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN instando ó Concello a:
1º.- Que o Pleno do Concello de O Irixo aprobe a mellora na seguridade e sinalización das estradas que recorren O Irixo no caso de ser titularidade municipal ou reclame a mesma ás administracións responsables da estrada de ser o caso e máis concretamente nos seguintes casos:

1. Colocación de varandas, barreiras de seguridade ou quita medos na estrada o seu paso polo río no Tellado de abaixo na parroquia de San Cosme.

2. Acometer o ensanche deste tramo tendo en contra que se produce o paso do río nunha curva estreita e sen ningunha protección.

3. Colocación de varandas, barreiras de seguridade ou quita medos na estrada o seu paso polo río na Costa na parroquia de San Cosme.

4. Colocación de varandas, barreiras de seguridade ou quita medos na estrada o seu paso previo á ponte da vía da tren nas inmediacións do velorio da parroquia de San Cosme.

5. Colocación de varandas, barreiras de seguridade ou quita medos na estrada das Laxas a Marnotes o seu paso polo regato á altura do túnel do tren do lado de Marnotes na parroquia do Campo.

6. Colocar no mesmo lugar dun espello para mellorar a visibilidade entre vehículos que saen do túnel e acceden ó mesmo.

7. Colocación dunhas reixas de ferro no canal de recollida de auga da cuneta da ponte do ferrocarril á altura da Laiña na parroquia do Campo.

8. Retirada da caseta depositada na cuneta da estrada ó pasar o Tellado á altura das antigas explanadas abandonadas na parroquia de San Cosme.

9. Retirada de tódalas sinais de obras, e saída de camións que aínda están colocadas dende as obras do Ave sen retirar, por exemplo na Lama, na parroquia do Campo e outros lugares do concello.

10. Pintado do paso de peóns nos principais acesos a servicios públicos do concello e outros establecementos de primeira necesidade.

11. Repintado do paso de peóns que en tempos existía diante da praza do concello e que na actualidade non existe polo paso do tempo.

12. Para mellorar a circulación de vehículos cando coinciden dous vehículos simultaneamente, debería estudiarse o desprazar medio metro ou un metro as barreiras de seguridade ou quita medos instaladas no tramo do ponte da vía do Ave o seu paso pola Lama - Laiña para mellorar a circulación no encontro de dous vehículos.

13. Repoñer no mesmo lugar a sinal que está tirada no inicio da ponte indicando o trazado da curva.

14. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada a Nogueiroa antes de chegar ó pobo ó pasar a ponte do río, polo desnivel terraplén que existe na estrada.

15. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada saíndo de Nogueiroa na primeira curva ante da ponte dirección Boborás.

16. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada a Parada de Labiote o seu paso polo fondo do pobo coincidindo cun camiño de paso paralelo máis baixo.

17. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada por enriba do pobo de Fontes na parroquia de Readegos.

18. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada pasando por Fontes antes de chegar a Barcia na parroquia de Readegos.

19. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada na curva por debaixo do pobo do Outeiro ate a entrada do pobo do Casar na parroquia de Readegos.

20. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada por enriba do pobo de Rivela na parroquia de Readegos.

21. Colocación de barreiras de seguridade ou quita medos na estrada de Saavedra a Dadín ó paso da estrada por un regato.

22. Sinalización da curva pronunciada na estrada de Baxin ó Tellado á altura do camiño da Esfarrapa na parroquia do Campo.

9, Novembro 2017

Esta semana o Cinema Club Carballiño desenvolve unha programación especial, con catro películas integradas dentro dun ciclo titulado Escravitudes.

Iníciase o xoves día 9 coa proxección ás 22:00 horas de Manderlay, do director Lars von Trier, unha impecable disección do xénero humano que estivo nomeada á Palma de Ouro en Cannes e á Espiga de Prata no Festival de Valladolid no ano 2005. O pase será en versión dobrada ao castelán.

O venres día 10 proxéctase I´m not your negro, sen dúbida un dos mellores documentais dos últimos anos, onde se repasa a historia do movemento afroamericano nos Estados Unidos. Gañadora do Premio ao Mellor documental para a Asociación de críticos de Los Ángeles, nomeado ao mellor documental nos Óscar e nos premios Gotham, está baseada no libro do escritor James Baldwin. Os pases serán ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 horas en VOS.

O sábado día 11 teremos Rebelde, filme canadense do 2012 que gañou o Festival de Tribeca e estivo nomeada aos Óscar no que se nos narra a historia de Komana, secuestrada por un exército rebelde nun dos moitos conflitos armados en África. Os pases serán ás 20:00 e ás 22:30 horas, ambos en VOS.

O ciclo péchase o domingo día 12 co nacemento dunha nación, dirixida por Nate Parker no 2016, gañadora do Premio do Público e da Mellor película no Festival de Sundance. O horario será ás 18:00 (versión dobrada ao castelán) e ás 20:00 horas (VOS).

Todas as proxeccións serán no Auditorio Municipal Manuel María, e o prezo do bono para acceder a cada película será de 3 euros.

7, Novembro 2017

A Praza Maior do Concello foi o lugar elixido pola Asociación de Persoas con discapacidade Física do Carballiño e Comarca para denunciar a falta de accesibilidade universal neste e outros lugares do Carballiño, como as estacións de autobuses ou Renfe, e reivindicar "a posta en marcha de medidas dirixidas a eliminar barreiras que vulneran dereitos, liberdades e vida independente das persoas con discapacidade".

ASDIFICA convocou esta concentración no marco dunha campaña de COCEMFE Nacional que, baixo o lema “#AccesibilidadYA: Pola accesibilidade de produtos, entornas, bens e servizos”, consistíu na celebración de 35 concentracións simultáneas en cidades repartidas por todo o país onde se prevé la participación de máis de 2.500 persoas.

Durante a concentración no Carballiño, informaron sobre esta problemática ás persoas que transitaban pola zona e procedeuse á lectura dun manifesto.

O acto contou coa participación de representantes de ASDIFICA, así como de diferentes persoas que contaron como lles afecta a falta de accesibilidade universal no exercicio dos seus dereitos e liberdades.

Impulsada por COCEMFE Nacional en colaboración coas súas entidades membro, esta campaña tamén pretende chamar a atención sobre o previsible incumprimento do mandato da Lei Xeral de Dereitos de Persoas con Discapacidade y e da súa Inclusión Social que establece o 4 de decembro de 2017 como límite temporal para que todos os produtos, bens, entornas e servizos sexan accesibles.

A Asociación de Persoas con Discapacidade Física do Carballiño e Comarca -ASDIFICA- está integrada por persoas con discapacidade física e organica, residentes nos concellos de Beariz, Boborás, O Irixo, Piñor, San Cristovo de Cea, O Carballiño e Maside.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS