20, Xuño 2025

Dende o Partido Popular, expresan "o rexeitamento rotundo a calquera falta de respecto producida no pleno de onte. As sesións plenarias deben ser un espazo para o debate democrático e a confrontación de ideas, pero sempre dentro dos límites do respecto e da convivencia institucional."

Fan referencia a este último pleno covocado por Espazo Común sobre o transfuguismo "comportamentos baseados en descalificacións persoais, interrupcións constantes ou actitudes ofensivas non teñen cabida nesta corporación. A cidadanía que nos elixiu merece un exemplo de responsabilidade, educación e compromiso co ben común".

Os populares do grupo municipal no concello carballiñés apelan "ao sentido institucional de todos os membros desta corporación para que se retome un clima de diálogo construtivo e de respecto mutuo. Non se pode defender ningunha posición política a través da falta de respecto".

Finalmente, manifestan que "noso compromiso é claro, seguiremos traballando por un pleno onde as ideas se debatan con firmeza, si, pero tamén con educación, respecto e altura
democrática".

20, Xuño 2025

Na tertulia deste venres 20 de xuño participan Sebas Lamazares, Fátima Gómez, Manuel Nogueira e José Antonio Barge, xunto a Xan Pinal.

Escóitaa aquí:

19, Xuño 2025

Os feitos aconteceron na tarde deste pasado mércores nas piscinas do Carballiño, un grave episodio violento protagonizado por dous mozos veciños do concello do Carballiño, e presenciado polos numerosos usuarios -moitos nenos- que estaban no recinto, atónitos co que pudo verse.

Ata cinco denuncias están presentadas contra os autores desta auténtica batalla campal, o concesionario do bar por destrozos de botellas e equipamento nas instalacións, as dos dous socorristas que estaban de servizo, que foron agredidos e sufriron lesións, asi como a encargada da "taquilla", á que amenazaron esixíndolle a entrega de diñeiro obtido pola venda de entradas.

Tamén presentou denuncia o concelleiro de deportes Pepe Castro-Gil, pola actitude violenta dos dous mozos e os danos causados no recinto público.

Cando chegaron ás piscinas Policia Local e Garda Civil, os protagonistas dos incidentes xa fuxiran, sendo posteriormente identificados e detidos. Esta mañá pasaron a disposición xudicial.

19, Xuño 2025

Escoita aquí a entrevista ao portavoz de Espazo Común, Adofo Nogueira, en COPE O Carballiño, tras a celebración do pleno extraordinario convocado a instancias deste grupo sobre o transfuguismo político;

19, Xuño 2025

A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) de San Cristovo de Cea para dotar o municipio dun instrumento eficaz de ordenación do territorio. A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica. No que se refire á tramitación, tras a aprobación inicial, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.989 habitantes, clasifica un total de 82 núcleos rurais, repartidos en 13 parroquias. Ademais o Plan tamén contempla un total de 530 elementos de patrimonio cultural, clasificados do seguinte xeito: Bens de Interes Cultural (BIC), 1 arquitectónico, 10 artísticos e 18 etnolóxicos; e Bens Catalogados, 71 arqueolóxicos, 128 arquitectónicos, 301 etnolóxicos e 1 relativo ao Camiño de Santiago.

18, Xuño 2025

O pasado 28 de maio de 2025, a cidadanía tivo coñecemento a través do Boletín Oficial da Provincia de Ourense da apertura do período de información pública relativo á solicitude de Autorización Administrativa Previa (AAP) e ao Estudo de Impacto Ambiental (EsIA) dos parques eólicos denominados Agratina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi, promovidos por diversas empresas do sector.

Estes proxectos afectan a varios concellos da comarca, incluído o do Carballiño, xa sexa pola instalación directa de aeroxeradores ou pola construción das infraestruturas de evacuación da enerxía xerada, mediante liñas eléctricas de alta tensión. Destaca especialmente a reactivación dos proxectos Agratina e Agromaces nunha área que xa fora obxecto dunha avaliación ambiental desfavorable en 2022 (Proxecto Avoceta, expediente 2022/0148) por parte da Xunta de Galicia, o que incrementa a preocupación sobre a viabilidade ambiental desta iniciativa.

Ademais, non consta que o Concello do Carballiño puxera en marcha ningún proceso informativo nin establecera canles de comunicación coa veciñanza afectada, antes da publicación oficial no BOP. Esta ausencia de participación pública efectiva vulnera os dereitos da cidadanía e contribúe á súa indefensión, especialmente nun contexto de elevada complexidade técnica e cun prazo reducido de 30 días hábiles para a presentación de alegacións. Segundo o Estudo de Impacto Ambiental, as empresas promotoras xa terían mantido reunións con representantes municipais co obxectivo de asinar convenios de colaboración que destinarían parte dos beneficios a proxectos locais.

Porén, non existe constancia pública de tales encontros nin do contido destes supostos acordos. Un dos puntos máis sensibles é o trazado da infraestrutura de evacuación eléctrica (LASAT SE Carqueixa SE Agroventosas), que atravesa zonas de protección de augas minerais e termais, incluíndo a contorna do Balneario do Carballiño, entre os apoios 38 e 64. Esta situación podería afectar os acuíferos da zona, así como múltiples parroquias do municipio, como Seoane, A Piteira, Mudelos, Madarnás, Banga e O Varón, todas elas próximas a núcleos de poboación. Cómpre salientar tamén que este proxecto podería supoñer un impacto negativo sobre o patrimonio natural, paisaxístico e etnográfico, así como sobre a biodiversidade local e o benestar da veciñanza, polo que se considera imprescindible unha avaliación rigurosa, transparente e participada antes de que o proxecto avance nas súas fases administrativas.

Polo que o BNG do Carballiño, ven de rexistrar unha solicitude dirixida ó Sr. Alcalde cos seguintes puntos:

Que o Concello do Carballiño convoque asembleas informativas abertas nas parroquias afectadas, co obxectivo de explicar á veciñanza os detalles dos proxectos, os seus posibles efectos e as vías de participación cidadá.

Que se faga pública a posición oficial do goberno municipal respecto destes parques eólicos, indicando se ten previsto presentar alegacións a través das concellarías competentes

17, Xuño 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Lás, situado a 10 quilómetros do Carballiño, nos termos municipais de San Amaro e Punxín.

Esta publicación, polo tanto, supón o comezo do procedemento e a aplicación de forma inmediata e provisional do máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia.

Deste xeito, fundaméntase a declaración de San Cibrao de Lás como Ben de Interese Cultural “no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro”.

Ademais do seu valor histórico e arqueolóxico, San Cibrao de Lás destaca polo seu bo estado de conservación, cun 15% da extensión do poboado xa escavado e musealizado. Neste senso, o expediente destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono. Cómpre destacar que esta singularidade foi a que fixo que a Xunta o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia.

Tras esta publicación, ábrese agora un período de información pública dun prazo dun mes, que comezará a contar a partir de mañá, co fin de que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e facer alegacións. De igual xeito, solicitarase o ditame aos órganos consultivos correspondentes que acrediten o valor cultural sobranceiro desta instalación, que son necesarios para que conte con esta máxima protección e o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.

O inicio deste expediente para declarar Ben de Interese Cultural este espazo reflicte o importante compromiso do Goberno Galego por protexer, poñer en valor e conservar o patrimonio sobranceiro da nosa Comunidade. Así o demostran os 114 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando un total de 787.

Valor cultural singular
O Castro de San Cibrao de Lás foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou lugar elevado do cambio de Era, pero nas intervencións máis recentes ampliase a súa ocupación como castro entre os séculos II a. C. ata ou século II d. C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico ata o derrube da muralla e abandono definitivo do xacemento no século XI d.C.. As diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde inicios do século XX levan a describir o ben como un espazo elevado que conta con dous recintos ovalados e concéntricos.

Ademais, San Cibrao de Lás conta coa presenza dunha variada tipoloxía de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural na súa veciñanza que avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude, e a súa relevancia e valor cultural singular.

17, Xuño 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para avaliar cuestións de interese para o concello en materia de saneamento e xestión de residuos.

En concreto, o rexedor informou á conselleira do interese municipal por acometer a reforma e ampliación da rede de saneamento na contorna de Igresario no lugar de Doade. Ángeles Vázquez indicou que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto presentado polo Concello de cara a avaliar a súa viabilidade e as posibles fórmulas para acometer o seu financiamento.

Nesa liña, a conselleira incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de xestión da auga de xeito máis eficiente para que poidan prestar servizos da máxima calidade á súa veciñanza. De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

En canto á xestión de residuos, a conselleira e o alcalde analizaron a solicitude municipal para habilitar un punto limpo de pequenas dimensións no parque empresarial de Lebozán. Neste caso, Ángeles Vázquez lembroulle a Manuel Prado que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo á disposición das entidades locais unha oficina técnica de asesoramento específico en materia de xestión de residuos municipais na que pode recibir información sobre liñas de financiamento para levar a cabo esta iniciativa.

16, Xuño 2025

Asi o anunciou en COPE O Carballiño o tenente alcalde de Punxín, Eladio Fernández, que ven de recibir a confirmación por parte da Xefatura Provincial do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

A nova conexión coa estrada N-541, unha vella demanda do concello e a veciñanza, faráse á altura da propia capitalidade municipal.

Escoita aquí a entrevista a Eladio Fernández:

16, Xuño 2025

O BNG do Carballiño quere denunciar públicamente o descaro do goberno municipal formado polo PP e PSOE en relación á limpeza de maleza nos ámbitos de competencia municipal.

Está totalmente fóra de comprensión que o propio Concello anime aos veciños a acudir a denunciarse mutuamente pola limpeza de parcelas privadas, mentres deixa os espazos públicos en estado de abandono.

Esta situación obriga a circular por estradas literalmente ocupadas pola maleza; pon en perigo a seguridade viaria e amosa un incumprimento moi grave das súas funcións como administración local. Hai que ter en conta que é prerrogativa do goberno municipal velar pola aplicación da ordenanza reguladora da xestión da biomasa no solo urbano, algo que non están a facer.

Como exemplos evidentes deste desprezo, destacamos o lamentable estado do camiño que leva dende Pol de Piteira ata a vila da Lama, ademais dos colectores no medio de Pol.
Non son casos separados: en todo o municipio pódense situar condicións comparables o que reflicte unha deficiencia de dedicación e previsión do goberno local.

Dende o BNG do Carballiño esiximos ao goberno municipal que asuma as súas responsabilidades, actúe coa dilixencia e poña fin a esta situación de abandono que afecta non só á veciñanza senón a todo o municipio.

BNG do Carballiño

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS