4, Agosto 2023

A capitalidade municipal do concello de Avión vive desde o sábado 5 ao lúns 7 as súas festas patronais dedicadas aos santos Xusto e Pastor, e a San Roque, cun variado e atractivo programa de actividades festivas, que inclúe pasarrúas e concertos das bandas de música A Lira de Ribadavia e Municipal de Celanova, charangas, boas orquestras nas verbenas e tamén música tradicional cun concerto dos Coribantes de Pontecaldelas.

Tamén actividades de animación infantil e, por suposto, o maior espectáculo de pirotecnia que pode verse nas comarcas do Ribeiro-O Carballiño, programado para a unha da madrugada do domingo ao lúns.

De todo elo falamos neste programa co alcalde de Avión Antonio Montero Fernández, co que ademáis repasamos a actualidade municipal neste concello de Avión.

E para o próximo venres dia 11 de agosto  quedará aínda a celebración da Festa Mexicana de Avión, un evento festivo e gastrómico que foi indo a máis cada ano e que para esta edición de 2023 chega con varias novidades, e de todas elas e toda a súa programación conversamos coa coordenadora da organización, Isabel Gabían.

Escoita aquí o programa especial dos vernes de verán dedicado en COPE O Carballiño ao concello de Avión.

3, Agosto 2023

A Festa do Pulpo reforza nesta 61 edición a súa programación. Con este fin, o Concello trasladou ao mes de agosto a Feira Medieval “A Liorta”, que ofrecerá espectáculos musicais, de lume ou circo, entre outras propostas. Celebrarase do 4 ao 6 de agosto polas rúas do centro da vila e a Veracruz, en horario de tarde o venres e de mañá e tarde o resto da fin de semana.

Descarga o arquivo adxunto con toda a programación detallada da feira medieval "A Liorta" do Carballiño.

2, Agosto 2023

Conta atrás para a gran comida da Festa do Pulpo. As entradas poderán solicitarse a partir de mañá na Casa Consistorial. Os pases retiraranse, por orde de chegada, a partir das 9.00 horas a un prezo de 45 euros cada unha, tal e como vén de ser publicado no Boletín Oficial da Provincia do pasado 28 de xullo.

A gran comida en honor a este manxar terá lugar no Parque Municipal, o 13 de agosto. Unha das novidades desta edición será a recuperación da música tradicional cos concertos Son do Pulpo, a cargo de Coribantes de Buchabade e Ardentía. A música será protagonista todos os días de celebración, con concertos e charangas.
Faltan 11 días para a gran comida da Festa do Pulpo, se ben a programación arrancou esta semana coa Semana Grande para Pequenos, que celebrará esta tarde a gran festa da espuma, en horario de 19.00 a 21.00 horas e coa Veracruz como escenario.

Esta edición da Festa do Pulpo dedícase ao Camiño Miñoto para potenciar a súa internacionalización dentro da Ruta Xacobea, polo que a celebración será presentada o venres en Santiago de Compostela, nun acto que comezará ás 12.00 horas na Praza do Toural.

Outro dos pratos fortes da programación será, como é tradición, a elaboración da tapa máis grande do mundo, o 8 de agosto. Intentarase bater un novo récord con 580 quilos de pulpo e para a súa elaboración empregaranse 45 litros de aceite, 5 quilos de sal e 2 de pimentón. O Concurso de Camisetas, previsto para o 12 de agosto, contará con animación DJ, a partir das 18.00 horas.

2, Agosto 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro congratúlase de que o goberno municipal do Partido Popular escoitase por fin as demandas socialistas e procedese ao arranxo e humanización da rúa Real, en pleno casco urbano do municipio. Os e as socialistas sinalan que con esta reforma “gaña á veciñanza”, cunha mellores condicións de benestar e mobilidade e ofrecendo unha maior seguridade aos vehículos e peóns que circulan por dita rúa.

Dende o grupo municipal socialista explican que o arranxo da rúa Real “foi unha reivindicación do noso grupo dende o ano 2020, cando presentamos o primeiro escrito”. Neste senso, lembran que en setembro de 2021 presentaron unha moción para o seu debate no pleno, na que pedían a reforma e humanización de dita rúa, pero tal e como apuntan “o alcalde negouse a debater da moción, retirándoa da orde do día e facendo uso dunha política ditatorial e caciquil, que só buscaba darlle ás costas aos veciños e veciñas que padecían a problemática do pésimo estado da rúa”.

“Tres anos despois, a reforma da rúa Real é unha realidade”, destacan os e as socialistas, que tamén apuntan que “este é un triunfo da veciñanza, que por fin verá mellorado o seu día a día, sexa da cor política que sexa”. O edil socialista no concello de Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, afirma que “queremos transmitir os nosos parabéns á cidadanía en xeral, xa que a loita que se perde é a loita que non se empeza, e neste caso fomos tódolos veciños e tódalas veciñas, un exemplo de loita para lograr o arranxo desta emblemática rúa”.

Rodríguez Vázquez fai fincapé en que esta actuación “era imprescindible”, xa que tal e como indica “a rúa presentaba numerosas deficiencias e anomalías coma perigosos desniveis e profundas fochancas, polo que era vital unha reforma deste tipo”. O concelleiro socialista tamén subliña que “agardemos que o alcalde tome nota desta reforma e proceda igual co resto do patrimonio e estradas que seguen agardando por unha actuación e que a día de hoxe presentan un estado deplorable”. Por último, sinala que “os e as socialistas seguiremos a loitar por un Leiro mellor e no que se escoiten as reclamacións da veciñanza”.

1, Agosto 2023

Onde está o técnico municipal que aproba a apertura de este tipo de atraccions que lle parece boa idea que unha estatua sexa un punto de anclaxe? que poucas cousan pasan para s barbaries que se ven

31, Xullo 2023

A Asociación de Amigos da Terra de Montes, como asociación cultural leva a cabo unha serie de actividades encamiñadas a promocionar a comarca histórica de Terra de Montes tanto mediante a organización de actividades culturais, societarias e tamén no ámbito social. A actividade máis recoñecida e seguida é a Xuntanza Anual que este ano se celebrará en Forcarei o día 5 de agosto. No marco desta xornada haberá actos culturais societarios e tamén se realizará unha homenaxe a tres figuras importantes para a Terra de Montes.

Homenaxes 2023

Joaquín Barreiro Varela, vocalista dos “Diplomáticos do Acordeón”, ex funcionario do Concello de Forcarei. Polos méritos que concorren na súa persoa, como difusor da música da nosa comarca, como home que consagrou a súa profesión ao servizo dos veciños, pai de familia e un referente para as xeracións que o suceden como exemplo de bonhomía e xeneroso terramontés.

A Asociación cultural “Os Abrentes” de Cerdedo. Unha asociación senlleira no ámbito da música e a cultura dentro da Terra de Montes, no seu seo formáronse músicos durante máis de 30 anos de historia e levan a ledicia da nosa música a centos de celebracións na nosa terra.

O Club de Fútbol Sala Beariz. Este club é a máis importante sociedade deportiva de Beariz e leva unha historia de participación en diversas competicións provinciais dando a oportunidade de xogar a moitos rapaces de Beariz e arredores ao longo de máis de 30 anos dunha historia que aínda segue.

A homenaxe consiste na entrega dunha enseña por parte da Asociación a cada un dos premiados ao remate do xantar que terá lugar no restaurante París da vila de Forcarei. Todos aqueles que queiran acompañar e amosar o seu respecto aos homenaxeados poden reservar o seu prato mediante unha mensaxe de Whatsapp no número 607306171 e facendo o ingreso na conta bancaria da asociación 2080 5444 8630 4010 8647

31, Xullo 2023

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, vén de asinar os decretos de nomeamento do goberno provincial, que estará integrado por tres vicepresidencias, oito áreas de goberno e catro delegacións especiais, cunha reorganización das responsabilidades en función das competencias da administración provincial e segundo o perfil de cada un dos membros do equipo de Luis Menor.

O novo equipo queda integrado, en primeiro lugar, polos membros da Xunta de Goberno:

•Presidencia e responsable de Cooperación: Luis Menor Pérez

•Vicepresidencia 1ª, Facenda, Economía e Recursos Humanos: Marta Nóvoa Iglesias

•Vicepresidencia 2ª, Cultura, Educación e Deporte: César Manuel Fernández Gil

•Vicepresidencia 3ª, Administración provincial, Transparencia, Emerxencias e Cooperación Transfronteiriza: Plácido Álvarez Dobaño

•Políticas Sociais, Conciliación, Envellecemento Activo e portavoz: Patricia Torres Madureira

•Presidencia do Inorde, Turismo, Termalismo e representación institucional: Rosendo Fernández Fernández •Medio Ambiente e Enerxía: José María Lago Cabo

•Innovación, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030: Jorge Pumar

As delegacións especiais son as seguintes:

•Igualdade e Mocidade: Teresa Barge Bello

•Infraestruturas: Manuel Seoane Rodríguez •Novas Tecnoloxías, Reto Demográfico e Dinamización do Medio Rural: Xosé Miguel Pérez Blecua

•Delegación especial para Valdeorras: María del Carmen González Quintela

Ao trámite de composición do novo goberno provincial seguiralle a convocatoria do pleno de organización da Deputación, previsto para o xoves 3 de agosto. Luis Menor destacou que o novo equipo de goberno “mestura a renovación, tanto de áreas como de deputados delegados, xunto coa experiencia de persoas cunha importante traxectoria na administración provincial”, engadindo que unha das principais características deste grupo “é que a práctica totalidade dos seus membros son alcaldes”. Puxo en valor tamén a designación de Marta Nóvoa como vicepresidenta primeira, “por ser a primeira muller que ocupa este posto na historia da Deputación, pero tamén pola súa preparación profesional, polo seu labor como parlamentaria e por ser unha das candidatas que obtivo un significado apoio nas eleccións locais de maio para presidir o seu concello”.

Tamén Patricia Torres será a primeira muller en ocupar o posto de portavoz do grupo provincial de goberno, “cunha traxectoria acreditada e un excelente traballo no seu concello, como alcaldesa de Boborás, referendado polo apoio veciñal”. Nas tarefas de representación do grupo de goberno, Torres estará acompañada polos vicepresidentes segundo e terceiro -César Fernández e Plácido Álvarez-, que exercerán as funcións de portavoces adxuntos. Entre as principais novidades do goberno figura ademais a creación dunha delegación especial para Valdeorras da que se encargará a alcaldesa de Carballeda, María del Carmen González, “coa intención de que teñamos axenda propia na comarca e incrementar a presenza da Deputación neste territorio”. Cómpre recordar que Luis Menor, tal e como anunciou no seu discurso de investidura, farase cargo “en primeira persoa” da competencia da Cooperación.

30, Xullo 2023

Aparte de apoiar a critica anterior e xa postos a falar de vergoñas e abusos, tamen o cortar nucleos do rural por horas, sin deixar sair nin a persoas nin a coches a onde lle pete...moitas hotras. Alguen tera algo que dicir. Porque beneficio as zonas por onde pasou pouco ou ningun. ...a seguir asi e todos caladiños 

30, Xullo 2023

E unha auténtica vergoña que o rally pase polo parque do Carballiño e aínda por encima campan a súas anchas no terreo natural (camións, remolques, etc).

Non chega co abandono do parque que axudamos a degradalo aínda máis do que está.

30, Xullo 2023

E cousa miña ou non houbo Xociviga este ano? Queda alguén por ahí para dar algunha explicación?

Bueno, despois de conseguir o aumento de salario xa está todo cumprido.

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS