16, Marzo 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, confirmou ao alcalde de Cea e ao presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea, José Luís Valladares e Juan Luis Calviño, respectivamente, que o departamento que dirixe vai renovar a colaboración para seguir promocionando os produtos do mar de Galicia nesta festa de exaltación doutro dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega.

Deste xeito, a Consellería do Mar volverá estar presente na trixésimo terceira edición desta celebración, que en xullo volverá reunir na localidade de San Cristovo a profesionais da panadería cunha longa tradición e recoñecemento dentro e fóra de Galicia. A conselleira destacou a importancia de promocionar os produtos do noso mar en concellos do interior, por iso a Consellería cederá conservas e mexillón para que se poidan degustar xunto cun dos pans de maior calidade que existen.

Trátase de apoiar iniciativas que poñen en valor os produtos locais e o traballo dos profesionais do sector alimentario galego, pois tamén contribúen á dinamización económica e turística dos concellos. Neste senso, subliñou que o Pan de Cea representa “un exemplo de tradición, calidade e identidade gastronómica que forma parte do noso patrimonio”.

A reunión permitiu así avanzar na coordinación institucional para impulsar esta xornada de exaltación, que busca seguir consolidándose como unha referencia na promoción da panadería tradicional galega e na posta en valor do territorio.

13, Marzo 2026

Magistral la muestra de clase y educación en las disculpas que hoy pidio en la tertulia Manuel por unas críticas que en su opinión (cosa que no comparto) eran infundadas y estaban fuera de lugar.

Hasta para pedir disculpas aún hay gente que juega en otras ligas muy superiores a los estándares a los que nos tienen acostumbrados mucha gente y, en especial, la clase política.

Señor Nogueira, siga así. Es un referente en muchos aspectos y un ejemplo a seguir incluido en el ámbito político.

13, Marzo 2026

Esta Semana Santa do Carballiño do ano 2026, que conta por primeira vez coa Declaración de Interese Turístico de Galicia, caracterízase polo denso programa elaborado pola Cofradía da Vera Cruz en colaboración coa parroquia, o concello, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.

No programa que se presentou no salón de plenos do concello destaca a celebración de dous actos litúrxicos en conmemoración do septenario da Virxe das Dores, así como a reposición da mostra “A Paixón segundo Playmobil 3.0”, que tanto éxito tivo hai uns anos e que nesta ocasión incorpora ademáis, como complemento, unha maqueta de grandes dimensións do Templo da Veracruz.

No acto de presentación, que foi conducido pola periodista e presentadora do Telexornal da TVG Raquel Domínguez Carrete e que contou coa asistencia do alcalde en funcións, José Castro, do cofrade maior, Rafael Melero, e do párroco Jorge Juan Pérez, entre outros concelleiros e cofrades, anunciouse que o pregón correrá a cargo do presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso.

Dúas conferencias, unha exposición, dous actos litúrxicos en conmemoración do septenario da Virxe das Dores, seis procesións e unha decena de actos litúrxicos que contarán co acompañamento de oito bandas, entre outras, a de Celanova, Vilatuxe e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, sete corais, dous organistas e doce saeteiros e saeteiras, entre elas, a saeiteira sevillana Rocío Silva, que acudirá exproceso á procesión do Venres Santo para interpretar varias saetas no interior e exterior do templo da Veracruz, conforman o intenso programa relixioso desta Semana Santa.

Raquel Domínguez subliñou a consolidación da Semana Santa carballiñesa como un referente da provincia e de Galicia e fixo mención ao arraigo espiritual e a tradición de xeracións da Semana Santa no Carballiño, que ten como símbolo patrimonial o magnífico templo da Veracruz. Asemade referiurse á significación especial que conleva a Declaración de Interese Turístico de Galicia, obtida hai uns meses. Ensalzou ademais o traballo artístico do cartel, que inserta por primera vez esta declaración de interese turístico.

Rafael Melero destacou a traxectoria da Semana Santa carballiñesa con máis dun século de historia e unha gran relevancia social no concello e arredores do Carballiño. Anunciou algunhas novidades no programa deste ano, como un trono propio para a procesión da Nosa Señora da Esperanza, adquirida o pasado ano, ou a elaboración dunha alfombra floral representando o rosetón do templo da Veracruz por integrantes da Asociación Alfombrista de Ponteareas, e incluso a presencia o Venres Santo na procesión da Virxe das Dores da saeteira sevillana Rocío Silva, que interpretará varias saetas no interior e exterior do templo da Veracruz durante a procesión dos Caladiños. Tamén puxo en valor a recente declaración da Semana Santa do Carballiño como de Interese Turístico de Galicia.

O párroco Jorge Juan Pérez amosouse orgulloso do programa deseñado pola Cofradía da Vera Cruz, a quen agradeceu o seu inmenso traballo e animou aos feligreses da parroquia carballiñesa e arredores a participar nos actos programados para esta Semana Santa.

Finalmente, o alcalde en funcións José Castro sumouse ao agradecemento á Cofradía da Vera Cruz polo traballo desenvolvido nestes anos que impulsaron a Semana Santa carballiñesa cun programa de dinamización cultural e de actos relixiosos que lograron converter esta celebración nun referente provincial e autonómico, impulsando o turismo local, reforzado nesta edición pola declaración tirística da Xunta de Galicia.

13, Marzo 2026

Outro venres máis o tempo da tertulia ocupou durante unha hora a programación local de COPE O Carballiño.

Escóitaa aquí:

13, Marzo 2026

Desde o PSdeG-PSOE de Leiro queremos manifestar: ​Hoxe vivimos un novo episodio dun xeito de gobernar que confunde o interese xeral co interese dun partido. O Goberno local organizou un acto oficial para presentar un investimento de 240.000€, pero decidiu facelo de costas á corporación municipal e á veciñanza.

​O que os veciños deben saber:

UN ACTO INSTITUCIONAL "A PORTA PECHADA": Unha visita dunha Consellería é un acto oficial que representa a todo o Concello. Porén, o Alcalde converteu o que debería ser unha xornada informativa nunha reunión privada. Non avisar á oposición e ocultar a información a representantes locais é unha falta de respecto á democracia e a todos os veciños que non pensan como el.

 MÁIS FOTOS QUE REALIDADES: Resulta rechamante que se prefira a posta en escena controlada antes que unha convocatoria aberta onde se expliquen os detalles técnicos do proxecto. ¿A que ten medo o Alcalde? ¿Por que non se fomenta a participación de todos nunha obra de tal envergadura? A resposta parece clara: priorízase o marketing político sobre o servizo público.

DIGNIDADE FRONTE Á EXCLUSIÓN: A veciñanza de Leiro merece ser tratada con seriedade. Non se poden usar os recursos públicos para facer actos que exclúen deliberadamente a unha parte da corporación. Os veciños son cidadáns con dereito a unha información clara e non meros acompañantes nunha estratexia de comunicación que moitas veces esquece a rigorosidade administrativa e ambiental. ​

 XESTIÓN BAIXO SOSPEITA: Se un proxecto é positivo, non hai razón para o segredo nin para as présas. Mentres hoxe se busca o titular fácil, dende o PSOE seguiremos vixiando que se cumpra a legalidade en cada paso, especialmente naquelas obras que afectan ao noso patrimonio natural e que noutros puntos do concello están a resolverse con "parches" de formigón sen control.

13, Marzo 2026

A Xunta e o Concello de Leiro colaboran na humanización da rúa Rei de Viana, que suporá un investimento conxunto que roldará os 240.000 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe o convenio de colaboración co alcalde, Francisco José Fernández Pérez, para a execución desta actuación ao abeiro do Plan Hurbe.

A través desta actuación, abordarase a humanización desta rúa, situada no centro da trama urbana do núcleo de Leiro, así como da praza do mesmo nome que se atopa ao seu inicio.

O obxectivo é mellorar as prestacións deste viario, tanto na circulación rodada como peonil e, deste xeito, acometerase a repavimentación da rúa, que une a Casa Consistorial coa Biblioteca pasando a carón da Igrexa Nova, cunha intervención tamén na rede de saneamento, pluviais, a renovación do acabado das beirarrúas, abastecemento e reparación do mobiliario urbano e substitución de luminarias.

A conselleira destacou a “exemplar” colaboración co Concello de Leiro para traballar conxuntamente nesta actuación de humanización, “que vai supoñer un antes e un despois”. E subliñou o compromiso da Xunta para seguir avanzando “na Galicia Calidade que temos e pola que seguimos apostando”.

A través deste convenio, vixente ata o 31 de decembro, o Goberno galego cofinanciará nun 70% a actuación, cun investimento de case 168.000€, e contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Leiro achegará o 30% restante, uns 72.000€. Os traballos, que se licitarán coa maior axilidade, terán un prazo de execución de 5 meses.

12, Marzo 2026

O Concello de San Amaro organiza esta fin de semana dúas actividades vinculadas ao mundo ecuestre, pensadas para promover a convivencia, o deporte e a posta en valor do noso patrimonio natural e cultural.

O Sábado 14 será a IV Ruta Cabalar do Concello de San Amaro, un percorrido a cabalo por distintos puntos emblemáticos do municipio, como a Escola de Equitación, o mosteiro budista e o castro de San Cibrao de Las. A Saída será ás 15:30 h. desde o Campo da Feira de San Amaro

Haberá Cea popular: 22:00 h (aberta a veciñanza e visitantes)
Música: 23:00 h coa Discomovil Show

O Domingo terá lugar unha proba puntuable para a Liga Interclubs de Doma Clásica de Galicia.

A Escola Municipal de Equitación San Amaro, acollerá por segunda vez unha proba desta competición autonómica. Horario: de 10:00 a 14:00 h.

Durante a xornada participarán numerosos nenos e nenas apaixonados polo mundo do cabalo, nun entorno único e farannos disfrutar co seu talento.

O Concello de San Amaro convida á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse esta fin de semana e desfrutar destas actividades.

Na entrevista de Xan Pinal podes escoitar ao alcalde Fernando Redondo, e aos organizadores, Manuel, Quique e Marcos:

11, Marzo 2026

O Concello do Carballiño colabora na 16ª edición do Rali do Lacón Históricos, organizada pola Escudería Clásicos Arenteiro. A cita levarase a cabo este sábado, 14 de marzo, e contará coa participación de 60 coches históricos. O punto de saída é a Praza da Veracruz, onde os vehículos estarán aparcados desde as 13,00 ata as 15,30 horas.

“Convidamos á veciñanza do Carballiño e doutros concellos a achegarse á Veracruz para desfrutar da calidade dos coches”, apuntou esta mañá José Castro, alcalde en funcións, na presentación do evento. “Este tipo de eventos permiten dinamizar o noso municipio”, resaltou.

Santiago Ruibal, organizador do evento, agradeceu o apoio do Concello do Carballiño e do resto de institucións colaboradoras. “Nesta edición contamos con máis equipos participantes que o ano pasado”, destacou. Os vehículos percorrerán 150 quilómetros polo Carballiño, Boborás, Carballeda de Avia, Leiro e Maside. “Faremos unha parada para un descanso de 45 minutos nas piscinas de Boborás, onde tomaremos algo”, detallou Ruibal.

A partir das 13,00 horas do sábado, a organización realizará na Veracruz as verificacións técnicas e administrativas dos coches participantes. “Ás 15,30 horas sairá o primeiro dos vehículos”, avanzou.

11, Marzo 2026

Como ciudadán da aldea de Porto de Eguas, gustariame pedirlle o Concelleiro do Rural,  Miguel Fernández e o Alcalde do Carballiño  que se pasen por dita aldea e vexan nas condicions nas que temos que vivir , todos os días temos que pasar por diante dunha casa en ruinas, o tellado xa lle caeu case todo,  e ahora as paredes de pedra estan a punto de caer tamén , o peor  é que xusto caen pa o unico camiño polo que temos que  pasar pa ir as nosas casas, a fonte , etc tanto a pé como no coche, estamos en continuo perigo, arriesgando a nosas vidas, o máis triste de todo esto é que a casa ten dono ( pero como non a necesita  e os cartos tampouco, a casa  heredouna dunha tía) nin a vende nin arregla, ten todo abandonado.

Pero que pasa cos veciños que transitamos ese camiño a diario.  A filosofia deste señor é : mentras eu estea ben os demáis que se jodan.

E que decir da casa dos Paniaguas  que está o lado da carretera vella que vai pa Ribadavia, antes de chegar o forno de Refoxo,  tamen está caendo toda , calquer dia caelle a un coche enriba unha pedra ou os balaùstres do balcòn e das cornixas.

Os peatòns xa temos que ir sempre pola acera da dereita pa ir polo pan e volver pola misma por se nos cae algo na cabeza.

È moi triste que os veciños teñamos que andar denunciandonos por estas cousas,  USEMOS O SENTIDO COMÚN ANTES DE QUE PASE ALGO.

 

11, Marzo 2026

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense celebrou unha rolda de prensa na institución provincial para alertar sobre a ausencia de medidas preventivas contra o lume de cara ao verán. O voceiro provincial e secretario do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, estivo acompañado polas deputadas e os deputados Eva Pérez Gamote, Emilio Luís Díaz e Diego Fernández Nogueira. A mensaxe foi inequívoca: «a día de hoxe a provincia de Ourense atópase ante a perspectiva dun novo verán de alto risco nas mesmas condicións de vulnerabilidade que en agosto de 2025, cando os lumes arrasaron case 170.000 hectáreas do territorio provincial».

O pasado venres celebrouse unha reunión de alcaldes co delegado territorial da Xunta, con técnicos de Medio Rural e representantes de Seaga. Segundo Vila, o encontro non fixo senón confirmar que «o modelo non cambiou». «A administración autonómica segue derivando a xestión da prevención cara aos concellos e fiando todo o peso da loita contra os lumes na climatoloxía e capacidade de extinción nos meses de verán», subliñou este. Segundo Vila, «a Xunta segue delegando nos concellos as súas propias responsabilidades en materia de xestión do territorio e de prevención estrutural», insistindo en que a maioría dos municipios da provincia non dispoñen de medios nin de persoal para asumir esas tarefas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o 9 de setembro de 2025 no Parlamento de Galicia que o Goberno galego asumiría directamente a limpeza das franxas secundarias de seguridade —os 50 metros arredor das vivendas— nos municipios de menos de 10.000 habitantes, o que representa o 82% dos municipios de Galicia. Seis meses despois dese anuncio, o compromiso continúa sen cumprirse. Mentres tanto, a Xunta mantén a ameaza de reter até un 30% dos fondos de cooperación local aos concellos que non acrediten o cumprimento das súas obrigas de vixilancia e limpeza de franxas, obrigándoos a asinaren convenios nos que asumen competencias que, na opinión dos socialistas, «non lles corresponden».

A parálise normativa agrava aínda máis o diagnóstico. A nova lei de incendios forestais, negociada co Partido Socialista hai máis de tres anos, permanece bloqueada. Tampouco foi presentado o Plan Director da Industria Forestal, imprescindible para que o aproveitamento económico dos montes e a ordenación forestal vaian da man e para reducir a burocracia que impide manter limpas as parcelas forestais.

Sen un marco legal actualizado, resulta practicamente imposible intervir nas fincas abandonadas situadas en lugares sensibles ou reconverter solo forestal en solo agrario, como era antano e como demanda o territorio.Dende o mes de agosto de 2025 a Deputación anunciou a posta en marcha dunha Mesa de Incendios para debater causas e solucións. Porén, segundo denunciou Vila, as medidas propostas non se recolleron nos orzamentos provinciais nin autonómicos. «A día de hoxe estamos exactamente igual que fai un ano. Nin a Xunta nin a Deputación tomaron ningunha medida estruturalmente diferente ás dos exercicios anteriores», afirmou o voceiro socialista. As condicións meteorolóxicas agravan o panorama.

«Os expertos advirten que un inverno e unha primavera tan húmidos como os actuais xerarán unha acumulación excepcional de biomasa nos montes que, se o verán de 2026 reproduce as temperaturas e o vento do ano pasado, pode derivar nunha nova emerxencia de grandes dimensións», fincou o socialista.

O Grupo Provincial Socialista reclama un cambio de modelo que sitúe a prevención estrutural, a ordenación do territorio, a profesionalización dos servizos e a coordinación interinstitucional no centro das políticas forestais. Vila esixiu que a Xunta de Galicia asuma con persoal propio as súas competencias de prevención e ordenación forestal nos seus 313 concellos, que aprobe de forma inmediata a nova lei de incendios, e que presente o Plan Director da Industria Forestal. «Fállanos a prevención estrutural, fállanos a planificación a medio e longo prazo e fállanos un marco legal integral á altura do problema. Non podemos seguir apostando polo mesmo modelo e esperar resultados diferentes», concluíu Vila.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS