
Trece establecementos comerciais ocuparán a totalidade das casetas instaladas na Praza Maior para a celebración da 14 Feira do Stock, que organiza o Centro Comercial Aberto coa colaboración do Concello do Carballiño e da Xunta de Galicia, e que se abrirá mañá venres, 22 de marzo, ás 11, 00 h., e rematará o domingo ás 21,00 h.
Trátase de tendas de moda infantil, mocidade, muller, cabaleiros, librerías e zapaterías.
O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Francisco Fumega, e a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares.
Entre os alicientes que ofrece esta feira están os descontos de ata un 80% e un sorteo de vales de compra por valor de 50 euros cada un, que se adxudicarán á clientela o domingo pola noite. Tamén haberá colchonetas para os mais cativos o sábado e o domingo.
Francisco Fumega destacou a importancia do comercio na economía local, e a celebración desta feira como un xeito de poner fin á campaña de rebaixas de inverno. Felicitou ao CCA polo traballo que realiza e reiterou a máxima colaboración do goberno municipal para dinamizar o sector e intentar paliar a competencia que se produce por mor das vendas online.
Neste senso defendeu o comercio local como o principal sostén da vida nas vilas, e por eso animou á veciñanza a mercar nos establecementos do Carballiño e achegarse esta fin de semana a Praza Maior.
Noelia Mares tamén animou á xente a visitar os stands e aproveitar a oportunidade de descontos e agasallos que ofrecen os establecementos da feira, e que son unha boa representación do excelente comercio que hai no Carballiño.
A feira abrirá o venres, sábado e domingo, en horario de 11,00 a 14,00 e 17,00 a 21,00 h.

Nesta celebración na Insua dos Poetas, o parque natural e cultural sito na carballiñesa parroquial de Madarnás, participaron 350 escolares en representación de nove centros educativos da comarca do Carballiño, asi como dun colexio da lolalidade pontevedresa da Estrada.
O presidente da Deputación de Ourense destacou o papel dos protagonistas da xornada, "os nenos e nenas que son o futuro de Ourense e de Galicia e que fixeron coas súas actuacións un espectáculo vencellado ás palabras identidade e dignidade, falando na nosa lingua, o noso maior tesouro, tal e como o recolle o Estatuto de Autonomía e, mentres haxa mocidade que fale en galego, que lean a tódolos que fixeron de Galicia algo tan grande, o futuro está asegurado".
Manuel Baltar agradeceu a Luís González Tosar a posta en marcha de proxectos desta índole que a Deputación de Ourense "sempre apoiará" e felicitou ao "ourensán universal" Acisclo Manzano pola "obra senlleira Kalíope" que desde hoxe pasa a formar parte da Insua dos Poetas.
No acto tamén participou o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o director do CEIP do Irixo, Carlos Bericat.
Esta peza escultórica Kalíope, Musa da Poesía, obra do artista ourensán Acisclo Manzano, inaugurada hoxe na celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía "vai a ser a que rexa toda a Insua dos Poetas", sinalou Tosar.
E, neste mesmo sentido, o alcalde do Carballiño, Franscisco Fumega agradeceu a Tosar, á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense "por facer posible que esa utopía se fixera realidade e que permite que teñamos un dos parques escultóricos máis importantes de Galicia".
Pola súa parte, o conselleiro de Cultura lembrou que a Insua dos Poetas posibilita "realizar actos tan fermosos como os de hoxe onde se mestura a natureza salvaxe cunha serie de esculturas que están a convertelo nun dos mellores parques escultóricos ao aire libre". Asemade, Román Rodríguez destacou "o traballo e o esforzo dos máis cativos, e dos seus profesores, coas súas actuacións que fixeron á poesía aínda máis fermosa".
Trala inauguración da obra escultórica, o alumnado plantou ao redor da escultura, diferentes árbores autóctonas. A Insua dos Poetas "naceu hai dez anos, e dous anos despois decidimos que unha das actividades que aquí se celebraran debía ser sempre a entrada da primavera que significa un cambio de ciclo, a esperanza da nova natureza que deixa atrás o inverno e no que nos presenta un futuro esperanzador", explicou Luís González Tosar, quen lembrou que un dos principios que "rexen esta república dos soños, da arte e da palabra é o agradecemento".
A Fundación "Insua dos Poetas", declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.

Ana Patricia Torres Madureira (Caracas, 1984) será a nova cabeza de lista da candidatura que o Partido Popular presentará en Boborás, reto que afronta “como un mandato no que a veciñanza sexa a protagonista e participe na construción dun concello en clave futuro”. Torres toma o relevo de Cipriano Caamaño, alcalde desde 1991 “e que culmina una etapa de goberno exitosa, sempre revalidando maiorías absolutas”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, que tamén agradeceu á candidata que se puxera a disposición do partido aproveitando a súa ampla experiencia no equipo de Caamaño”.
Patricia Torres forma parte do goberno de Boborás desde 2011, asumindo, entre outras, as competencias de cultura e turismo, onde procurou a recuperación de diferentes tradicións, a posta en valor do patrimonio ou a festa da Batalla, sen deixar de citar outras responsabilidades no ámbito social como o servizo de conciliación ou a construción do edificio sociocultural.
Torres afirma estar moi ilusionada e agradecida “porque teño a oportunidade de levar a cabo un proxecto moi ambicioso para Boborás, con proxecto e un equipo cheo de gañas por traballar”. Como declaración de intencións, a candidata asegura que loitará “pola construción de novas infraestruturas que melloren a calidade de vidas dos veciños e daqueles que veñan no futuro, humanizando cada vez máis os pobos e conseguindo que Boborás non só sexa un referente turístico, senón tamén pola recuperación do seu patrimonio social e cultural”.
A candidatura de Patricia Torres “foi unha decisión tomada por unanimidade porque Patricia nos superou a todos en interese, xestión e traballo”, asegurou pola súa banda Cipriano Caamaño, para quen Boborás ten na candidata “a unha persoa con todas as garantías de servizo, formada e cunha gran sensibilidade cara o patrimonio e a cultura”. O propio Caamaño explicou que decidiu dar un paso ao lado “porque vexo que hai xente comprometida e competente, polo que creo que debo dar o relevo, agradecendo aos meus veciños todo o cariño demostrado e o apoio maioritario en cada mandato".
Tamén o presidente provincial, Manuel Baltar, quixo agradecer “o traballo, o compromiso e a lealdade demostrada en todo este tempo por Cipriano Caamaño”, unha etapa, insistiu, “marcada sempre pola confianza dos veciños con maiorías absolutas en todos os comicios nos que se presentou e noutras convocatorias electorais”.
Agora, declarou, “ábrese unha nova etapa con Patricia Torres, que ten experiencia dabondo de goberno, con especial vocación pola cultura, por poñer en valor o importante significado que ten Boborás en ámbitos como o turismo ou mesmo o termal”. Para Manuel Baltar, a candidata sabe que o seu concello “está chamado a xogar un importante papel na comarca, pero aínda máis na provincia, por iso saudamos e agradecemos que puxera a disposición do partido a súa experiencia e iniciativa”.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu a presentación do programa de actividades que a "Ruta do Viño do Ribeiro" vai desenvolver durante o ano 2019 baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", unha iniciativa que conta co apoio da Deputación de Ourense e que reúne por primeira vez a catro entidades -Deputación, Consello Regulador da denominación de Orixe Ribeiro, Ruta do viño e Xeodestino O Ribeiro-Carballiño-, que colaboran conxuntamente para potenciar o territorio histórico do Ribeiro.
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou na presentación "a aposta da Deputación de Ourense pola asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e pola visualización do enoturismo nunha comarca fundamental da provincia de Ourense, como é a do Ribeiro". Baltar salientou "as grandes posibilidades que se abren para Ourense coa próxima chegada da alta velocidade e en vésperas do Xacobeo 2021".
"Estamos a falar do viño por excelencia de Galicia e da segunda denominación de orixe máis antiga de España, o Ribeiro, así como do primeiro viño de Galicia que se internacionalizou, un viño de excelente calidade que afronte neste século XXI unha andaina máis que importante da man das institucións para potenciar a posta en valor desa parte tan representativa de Ourense como é a comarca do Ribeiro, onde se une non só viño senón o termalismo e a súa riqueza histórico-artística", afirmou Baltar.
A presentación contou, ademais, co presidente da asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares; e co presidente do xeodestino O Ribeiro-Carballiño, Francisco José Fernández.
O obxectivo desta colaboración é facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e impulsala como destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.
O presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, dixo que outros retos son "espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debera ser reivindicado." Asemade apuntou que "queremos que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións; o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos".
Actividades
As actividades a desenvolver durante o ano 2019 se concretan nunha campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro. Farase unha presentación en Santiago da Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, na simbólica Porta de Mazarelos, lugar histórico de entrada do produto a Compostela.
Unha misión inversa de xornalistas e escritores especializados de ámbito español daralle unha dimensión nacional á estratexia, e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración con AMECHIR (Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro. Finalmente, a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará no mes de xuño a VIII edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia.
A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 como unha entidade destinada á promoción do territorio ribeirán e os seus recursos cunha finalidade turística. Hoxe en día conta con 52 socios entre os que hai 19 adegas, 7 establecementos de restauración, 9 aloxamentos, balnearios e termas. Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén), así como co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que ostenta a presidencia.
Durante o ano 2018 se foron tecendo redes de cooperación entre a Ruta do Viño do Ribeiro e o xeodestino O Ribeiro-Carballiño promocionando o turismo neste territorio. Puxéronse en marcha actividades como o "Bus do Viño" durante os meses de xuño a setembro e tamén se desenvolveu unha misión inversa con medios xornalísticos galegos especializados no mes de novembro.
Segundo Francisco José Fernández, "o éxito acadado nestas accións nos animou a ir un pouco máis alá e propoñer unha cooperación con máis entidades. Deste xeito, por vez primeira na historia do Ribeiro, catro entidades con obxectivos e intereses comúns (Deputación, Consello Regulador, Ruta do viño e Xeodestino) establecen unha estratexia conxunta e poñen en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela".
As catro entidades deseñaron un paquete de actividades que se acubillan baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", que quere trasladar a idea do Ribeiro como unha zona con historia desde os romanos ata hoxe, pasando polas grandes ordes monacais, os fidalgos ou señores da terra e a figura dos arrieiros.
Segundo Casares, "o Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: Tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia".
De xeito principal, apunta Francisco José Fernández Pérez, "identificar a Ruta do Viño do Ribeiro co "Camiño do Viño" fundaméntase na importancia da figura dos arrieiros e dos percorridos que, pouco a pouco, se foron definindo en función de cal era o destino do viño (do Ribeiro) que transportaban".
O certo é que a existencia de granxas vitivinícolas dependentes de ordes eclesiásticas establecidas en Compostela, fixo que un dos destinos principais destes "comerciantes" sexa Santiago. Esta relación comercial Ribeiro – Compostela, tórnase estratéxica para o desenvolvemento económico dos dous territorios fundamentalmente polo comercio do viño do Ribeiro, que tivo repercusións a nivel social e cultural. Pontevedra foi o outro gran punto de negocio do Ribeiro xa que era o porto de mar desde onde este viño se comercializaba a outras zonas de España e ao estranxeiro. O Ribeiro foi o primeiro viño que chegou a América e o primeiro viño galego que se internacionalizou.
Este domingo pouco antes da tardiña ía paseando cun amigo polo paseo do Arenteiro cando de repente, entre a ponte da estrada de Ponevedra e o viaducto do tren, apareceu un xabaril adulto de gran tamaño transitando tranquilamente polo paseo como si tal cousa. Ao percatarse da nosa presencia este porco bravo, posiblemente asustado, deteuse e quedouse mirando para nós durante un intre. Tras asegurarse de que nós non constituíamos unha ameaza para el o xabarín reanudou a súa marcha avanzando dereitiño ata onde estábamos.
Para evitar problemas con este animal o meu amigo e máis eu decidimos saír do paseo e subir a unha costa para deixarlle o paso libre, pero para a nosa sorpresa o xabaríl tamén fio a mesma manobra que nós e acercándose cada vez máis. Por sorte este animal, quen sabe se levado polo medo que nos tiña, decidiu esquivarnos subindo por un terraplén para internarse nunha arboleda.
Aínda que non pasou nada e todo quedou nun susto, sobre todo para o xabarín, poño estes feitos en coñecemento de quen corresponda para que tome as medidas oportunas, pois como comprenderán a presenza dun xabaril de gran tamaño neste paseo supón un perigo para as persoas que a diario transitan por el para pasear e facer deporte. De feito a poucos metros de onde tivemos o encontro co xabaril había unha parella paseando cunha nena pequena. Non sei se esta parella se topou co xabarín, pero concidirán comigo que de atoparse con xemellante animal, por moi pacífíco que fora, este presentaría un perigo para eles e, sobre todo, para a neniña.

Asi o confirmou este domingo a comisión federal de listas do PSOE, Marina Ortega Otero será a cabeza de lista ao congreso na provincia de Ourense para as eleccións xerais do 28 de Abril.
Psicóloga de profesión, Marina Ortega Otero compatibiliza na actualidade o seu cargo como Xefa de Gabinete na Subdelación do Goberno en Ourense co de concelleira de Benestar Social, Igualdade e Sanidade no goberno municipal de Francisco Fumega no concello do Carballiño.
Ademáis, no PSdeG forma parte da dirección autonómica, e agora con esta designación como nº 1 da lista ao congreso a carballiñesa continúa coa súa fulgurante carreira política.
Pachi Vázquez presentou o seu novo proxecto político no Carballiño rodedado, igual que o fixo dias atrás na súa presentación en Ourense, por varios exsocialistas, que no transcurso das últimas semanas foron anunciando a súa baixa no PSOE.
Foi nun acto conducido polo exsecretario local da Agrupación Socialista Carballiñesa Adolfo Nogueira no salón do Aparthotel Arenteiro ante unha concurrencia que dende a propia organización eleva a "máis de 350 persoas".
A concelleira no Carballiño, Charo González dixo sentirse “moi ilusionada co proxecto ao que podo aportar a experiencia adquirida nos últimos anos en aspectos como as necesidades concretas que afectas ao medio rural e ás parroquias do Carballiño, en particular”.
Gonzalo Rodríguez Conde, concelleiro en San Amaro e activista veciñal no Carballiño mostrou ante o auditorio“as ganas de traballar para establecer un correcto diagnóstico das necesidades do pobo do Carballiño e da realidade da comarca”.
A tamén edil en Maceda, a tamén exsocialsita Ana María Rodríguez Blanco animou a que, “a que as persoas com inquedanzas por mellorar o seu entorno social, de calquera tipo, veciñal, educativo, se incorpore a este movimento cidadán de acción política para conquerir cousas útiles para a veciñanza”.
Francisco Fraga, deputado provincial e exalcalde de Piñor expresou "a necesidade de apostar polos concellos do rural desde o fondo coñecemento da súa realidade e a definición de modelos adecuados á mesma que garantan a correcta prestación dos servizos públicos nestas áreas, en pé de igualdade".
Tras as intervecións da ourensana Maria Quintas e a concelleira carballiñesa Érika Paz, despedíu o acto o promotor desta nova formación política, Pachi Vázquez,subliñando que Espazo Común “non nace contra ninguén nin contra nada, nacemos en positivo, é un proxecto no que teñen cabida homes e mulleres que queiran traballar polos seus pobos”.
Finalmente, avanzou que se está a traballar na composición de candidaturas en diversos lugares tanto da provincia de Ourense como noutros lugares de Galícia.

O concello do Carballiño adxudicará nos próximos días dous proxectos de renovación do pavimento en varias rúas do casco urbano, así como en Mesego do Cabo e Seoane. A contía global da licitación supera os 225.000 euros, e finánciase con fondos do concello, cuxo orzamento forma parte do acordo alcazado na aprobación dos presupostos a finais do pasado ano entre o grupo municipal de goberno e o grupo do PP.
Trátase das rúas Marcelino Parrondo, Catro Camiños, Rega, Cornuval, Carballa, Vicente Risco, Xosé Fariña Jamardo e Mesego do Cabo, cuxo orzmento de licitación supera os 125.000 euros, así como diversas rúas na parroquia de Seoane, cuxo orzamento é de 100.000 euros.
Estes proxectos enmárcanse no plan de mellora das infraestruturas no casco urbano e nas parroquias, iniciado hai dous anos e que se intensificou nos últimos meses, a raíz da aprobación do orzamento do 2018.
Recentemente, asfaltáronse as rúas Alberto Vilanova, Aller Ulloa e tramo da estrada de Señorín a Treboedo, cuxo orzamento foi de 115.00 euros. E neste intre, renóvase o pavimento da rúa de acceso á igrexa de Mesego, campo da festa e rúa de acceso á estrada de Mesego, así como a continuación da beirarrúa ao Instituto Chamoso Lamas pola avenida do Parque, cuxo orzamento é de máis de 100.000 euros.
Tamén comezou hai unha semana a reforma das rúas do casco urbano, Cuba e Brasil, dentro dun proxecto que inclúe tamén as rúas Uruguay, Venezuela e República Arxentina, e cuxo orzamento global é de 270.000 euros.
Así pois, as obras que se realizan dentro deste plan neste comezo de ano superan un orzamento de 700.000 euros.
Anteriormente, o concello, xunto coa Deputación Provincial e Xunta de Galicia, procedeu á renovación do pavimento de diversas rúas e estradas do municipio, entre as que se atopan Ponterriza, Veiga, Pavillón de Deportes, Partovia e Señorín, no ámbito rural, e Aquilino Sánchez no casco urbano do Carballiño, esta última mediante o acordo dos orzamentos alcanzado con AV-SON, ao igual que a continuación da beirarrúa da avenida do Parque ata o Instituto Chamoso Lamas.

O Pleno do Irixo prolongouse dende as 9.30 h da mañá ata pasadas as 11:00 h, no que destacou unha vez máis o traballo do concelleiro da oposición PSdeG-PSOE, Iago Fariñas Valiña, que defendeu as únicas 13 mocións presentadas das que foron aprobadas 12 por unanimidade.
Os socialistas lamentan que "o goberno aprobe tódalas súas mocións para despois deixalas durmindo o sono eterno no caixón mentres o Irixo esmorece pouco a pouco, si ben, continuaran achegando propostas para que quede constancia do seu traballo e propostas de cara a un futuro goberno de progreso no Irixo a partir do próximo ano".
MOCION REXEITADA COS VOTOS DO GRUPO DE GOBERNO
- Moción para transparencia e fiscalización da mancomunidade de concellos da Comarca do Carballiño da que forma parte O Irixo.
MOCIÓNS SOCIALISTAS APROBADAS:
- Moción para adopción de medidas disuasorias para previr accidentes/atropelos con xabarís nas estradas do Irixo.
- Moción para a posta en marcha dun plan de rehabilitación, conservación e posta en valor das fontes dos pobos do Irixo.
- Moción para crear un transporte público municipal, especialmente os dias de feira, entre O Irixo e O Carballiño.
- Moción para a creación dun arquivo fotográfico histórico de O Irixo. - Moción para a conservación e posta en valor da cultura inmaterial no Irixo.
- Moción para o recoñecemento cultural da figura de Rosalía de Castro no Irixo.
- Moción para a creación dun espazo para o estacionamento e pernoctación de autocaravanas no Irixo.
- Moción para a protección da saúde da cidadanía fronte ó gas radón no Irixo.
- Moción para a creación dunha agrupación de voluntarios de protección civil no Irixo.
- Moción para axudas a retornados de Venezuela en estado de necesidade no Irixo.
- Moción para a mellora do financiamento dos concellos galegos incluído O Irixo.
- Moción para o fomento da recuperación e rehabilitación de vivendas e edificacións no Irixo.
Está ben eso de criticar a move por moverse e participar no "proxecto" de Sánchez (de concretarse ). Pero alguén me pode explicar os photocall de Baltar??? Pode explicar alguén se supón algunha nova este pasteleo con candidatos (algúns que levan máis de 30 anos, outros postos a dedo por xente que leva na tarta máis de 30 anos) ou se supón unha mellora pra calidade de vida dos veciños???
Un amigo e máis eu temos un xogo. Recientemente atopou a cara de Baltar 14 veces no mesmo día nun mesmo diario. E non por facer nada senon polas súas fantasías de ourensanía, ourense termal, e todo ese bla, bla, bla...
E nada, non hai xeito de desintoxicarnos de tanta caspa. O champú que vende Baltar é moi casposo.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 438
- 439
- 440
- 441
- 442
- 443
- 444
- 445
- 446
- …
- seguinte ›
- última »