Tiven a oportunidade de ver o desgraciadamente famoso vídeo dos dous funcionarios do Concello do Carballiño repartindo as citacións para os sorteados das mesas cara as vindeiras eleccions. Os partidos que denunciaron deberian saber que os veciños da Fontela votan en Maside.
Do que ningún fala é do menosprezo co que estes dous tratan a terceira persoa, que sin consentimiento expreso, sae neste video que agora inunda as redes. A burla de poñelo nunha situación confusa tan so a cambio dunha moeda de 2 euros (que lle teñen que durar para o mes!), iso é o reprochable. Aproveitarse dunha persoa enferma para rir e ainda por riba, publicalo, é cando menos absolutamente reprochable.
Todo é miserable. Nada escusa o que fixestedes. Deberiades estar meses sin traballo nin soldo e vermos na tesitura de limpar as ruas do Carballiño a diario, cuestión de acadar algo de humildade.

O cantautor arxentino -de 79 anos- faleceu en Madrid, onde residía nos últimos anos.
Alberto Cortez fora recoñecido como Fillo Adoptivo do concello de Punxín, a única persoa que conta con esta distinción neste concello, de onde era orixinario o seu abó, emigrante a Buenos Aires a principios do século XX, e a quen dedicou unha das súas grandes cancións "El Abuelo".
En Punxín, aínda residen familiares do que é dos grandes cantautores argentinos de todos os tempos.

O Concello do Irixo vai celebrar o sábado 6 de abril, ás 12 h., no Salón de pleno, o acto no que se fará entrega á familia da declaración de Fillo Predilecto do Irixo, a título póstumo, a D. Elixio Villaverde García .
Elixo Villaverde finou o 14 de setembro de 2018, ós 64 anos de idade, e o vindeiro 6 de abril cúmprense os 65 anos do seu nacemento no Irixo. A concesión de tal distinción foi decidida recentemente polo Pleno do Concello do Irixo por unanimidade dos seu membros en base ós seus méritos como profesor, educador, animador sociocultural, historiador, ecoloxista e galeguista. A continuación deste acto descubrirase unha placa na fachada da casa onde naceu situada na praza do concello do Irixo.
Elixio Villaverde era licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Historia tamén pola USC. Autor de libros de relevancia no campo da investigación histórica como “A Terra de Orcellón”, “Heroes e Mártires. A II República e a Guerra Civil no Barbanza”, “Ramón Martínez López pola Universalide de Galicia”, “Pioneiros na Corrente do Golfo. A primeira emigración galega a México (1837-1936)” e “Galegos en México (1878-1936) Inmigración e sociedade no alén mar”. Está pendente de editar o seu derradeiro traballo, “Arrieiros somos, Viños do Ribeiro de Avia cara a Santiago e a A Coruña por camiños de mil anos”.
Escribiu tamén os limiares de varios libros, na Enciclopedia Galega, en diversas revistas científicas e de divulgación, en diversos periódicos do Estado Español e de América. Participou en numerosas conferencias e mesas redondas. Tamén tivo unha destacada participación no documental “Avión, el pueblo ausente”.
Este recoñecemento fíxose a proposta da asociación cultural Arracada do Irixo.

Arredor de 150 profesores, educadores sociais e estudantes participarán no XXXIII encontro Galego-Portugués pola Paz, que se desenvolverá na Residencia do Tempo Libre do Carballiño, do 3 ao 5 de maio. Así o manifestou o profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus universitario de Ourense e integrante do colectivo Nova Escola Galega, Xosé Manuel Cid Fernández, durante o acto de presentación deste evento ao que tamén asistiu o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a profesora Alicia González Barreiro e a directora da Residencia do Tempo Libre, Pilar Sotelo.
Este encontro volve ao Carballiño tras trinta anos de terse celebrado na vila, e nesta edición o fai co lema “Reciclar, Reutilizar, Reducir, Repartir: Repensando a Non Violencia desde o Ecopacifismo”. Cid Fernández dixo ao respecto que traballar pola paz era facelo por un sistema máis xusto, no social, no educativo, no ecolóxico, e por eso no programa figuran temas e propostas que van neste sentido.
Francisco Fumega destacou a implicación do profesor Xosé Manuel Cid con moitas inciativas do Carballiño vencelladas coa educación e a cultura, como o Centro de Estudios Chamoso Lamas, e destacou o importante papel desenvolvido pola profesora carballiñesa Alicia González Barreiro e a directora da Residencia do Tempo Libre, Pilar Sotelo, para que este encontro se poidera celebrar no Carballiño.
A dinámica do encontro é horizontal e participativa, de modo que se impliquen todas as persoas matriculadas.
Como nas anteriores edicións, ao remate do encontro, o domingo 5 de maio ás 12,30 h., realizarase o Paseo e largada da pomba, que é a solta dunha pomba fabricada con poliexpán e atada a uns globos de helio, que se recollerá alí onde caia, sempre que sexa posible.
A organización ten fixado un prezo reducido de matrícula para estudantes, que tamén se fai extensivo para o profesorado do Carballiño.

Son xa cinco os candidatos coñecidos e confirmados para optar á alcaldia do Carballiño o dia 26 de Maio.
O último, de momento, en situarse na carrreira electoral é Pachi Vázquez, que será o candidato de Espazo Común, a formación política que él mesmo fundou tras darse de baixa no PSOE.
Antes, fixérono outros tres candidatos, o actual concelleiro Bernardo García como cabeza da lista de Alternativa Veciñal , o actúal alcalde Francisco Fumega que busca a reelección para o Partido Socialista, e Ricardo Perea, candidato do Partido Popular e ata o de agora o único entre os candidatos que se estrea como tal.
No transcurso da semana, a Asamblea Local do BNG confirmará a Chema Ferreiro para repetir como candidato pola formación nacionalista, con él no nº 2 da candidatura irá a tamén actúal concelleira Sofia García.
De momento son cinco candidatos, pero non se descarta que nos próximos dias ou a última hora, o prazo remata o dia 22 deste mes de Abril, poida incrementarse esta oferta electoral no concello do Carballiño, de concretarse as posibles candidaturas de Ciudadanos e En Marea.

Asi o confirmou o alcalde e candidato á reelección Francisco Fumega no transcurso dunha intervención nesta emisora de radio, optando por dúas persoas da súa confianza con experiencia na vida política municipal no concello carballiñés para acompañálo nos primeiros postos.
O número dous da candidatura socialista será o actúal concelleiro de turismo e deportes Manolo Dacal, e no terceiro posto irá a tamén actúal concelleira Rita Soto, responsable da área económica no actúal goberno de Fumega, e chamada a asumir novas responsabilidades no caso de que os socialistas sigan gobernando no próximo mandato municipal.
Fumega tamén anunciou que o cuarto posto da lista está reservado para outra muller.

Ademáis da Ministra, o alcalde Francisco Fumega e a candidata nº 1 ao congreso Marina Ortega tamén tomaron a palabra neste "Encontro coa Cidadanía" celebrado no comedor do Restaurante Derbi do Carballiño "ateigado de numeroso público", valoran dende o propio PSOE.
A ministra galega no goberno de Pedro Sánchez destacou os acordos deste mesmo venres adoptados no Consello de MInistros para loitar contra o reto da despoboación do rural, con diversas medidas estratéxicas que inclúen un plan de dixitalización do ámbito xeográfico rural do que se beneficiarán os concellos con menos de 5.000 habitantes.
Tamén fixo referencia Nadia Calviño ao Real Decreto que permitirá aos concellos a destinar o superavit de 2018 a investimentos sostibles durante este ano 2019, ademáis da financiación de obras "gobernando para as persoas" e "destinando a servizos sociais o que antes estaban obrigados a dedicar a amortización de débeda", destacando que o goberno do que forma parte "é un goberno responsable que trata de compaxinar a ambición social coa xestión eficiente dos recursos públicos".
A candidata nº 1 ao congreso pola provincia de Ourense, a carballiñesa Marina Ortega asegurou que neste tempo que o PSOE leva no goberno "aumentaron as becas e as axudas en material escolar, revertironse os recortes da LOMCE e aumentaron as bolsas dos comedores escolares".
A concelleira carballiñesa tamén se referíu á aposta socialista por recuperar o rural e pedíu o apoio incondicional ao proxecto de Pedro Sánchez "`para non padecer máis os experimentos da dereita".
Tanto o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega como o Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamaron a unha movilización masiva cara as próximas citas electorais que "os socialistas encaramos con proxectos, programas e argumentos para lograr un pais mellor".

A Semana Santa do Carballiño terá por vez primeira unha procesión matinal o Venres Santo, e outra o domingo de Pascua. Unha será a procesión do Cristo da Boa Morte e celebrarase ás 12,00 h., con saída da capela do Sagrado Corazón, pasando por Praza Maior, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Antonio Palacios, Templo da Veracruz, Rúa dos Canteiros, Aldara, Praza Maior, e remate na capela do Sagrado Corazón.
E a outra é a Procesión da Resurrección, que se celebrará o domingo 21 de abril ás 12,45 h., con saída do templo da Veracruz e remate na igrexa parroquial. Esta é unha das novidades que ofrece o programa organizado pola Cofradía da Vera Cruz, que foi presentado esta mañá no concello, coa asistencia do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o cofrade maior Rafael Melero, actuando de presentador-moderador o locutor ourensán Vidal López.
Ao acto tamén asistiron o párroco do Carballiño, José Benito Sieiro; cofrades, integrantes da Cruz Vermella e numeroso público.
Seis procesións e un Vía Crucis procesional conforman este programa, que comezará o domingo 7 de abril, no templo da Veracruz, coa lectura do pregón a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e finaliza o domingo 21 de abril.
As procesións son: O traslado da Nosa Señora de Doores, dende a igrexa parroquial ao templo da Veracruz, o venres, 12; a de Ramos, dende o templo da Veracruz, o 14 de abril; o Vía Crucis procesional arredor do templo da Veracruz, o mércores 17 de abril; a do Xoves Santo, dende o Asilo á Veracruz, e dúas o venres 19, unha pola mañá dende a igrexa do Sagrado Corazón e a tradicional “Dos Caladiños”, con saída e chegada no templo da Veracruz. Finalmente, o domingo de Pascua, 21 de abril, terá lugar a Procesión da Resurrección.
Estas procesións contarán coa participación dun elenco importante de Bandas, agrupacións musicais e cantantes. Concretamente, intervirán a Banda-Escola de Gaitas do Carballiño, Banda da Brigada Lixeira Aerotransportable “Galicia VII”, Real Banda de Gaitas de Ourense, Banda de Gaitas “Lembranzas da Terra” de Guillarei, Banda de Música A Lira de Ribadavia, Orfeón do Carballiño e Almudena Mosquera, Maribel López, Ilduara Perianes, Miguel Guillermo Sáez Sotelo, Christian Casas, Concepción Nanín, Elisa Novoa, Samino Otero, Mª José Rodríguez e Soledad Torres.
O gaiteiro carballiñés Isidro Vidal estrenará o mércores 17 de abril, ás 20,30 h., no templo da Veracruz, a obra “Vía de Fol”, durante o Vía Crucis Procesional, sendo o primeiro vía crucis composto para gaita que exista ata a actualidade.
Entre as novidades que se incorporan nesta próxima Semana Santa están un novo trono para a procesión do domingo de Ramos, que necesitará máis de trinta costaleiros para levalo, e unha nova imaxe, un neno hebreo, realizado polo mesmo taller de escultura e imaxinería de Sevilla que fixo A Borriquiña.
Francisco Fumega agradeceu o esforzo que realiza a Cofradía da Veracruz e que contibúe a dar realce á Semana Santa do Carballiño, tanto a nivel relixioso como cultural e incluso turístico. Dixo que nos últimos anos a nos vila estaba sendo un referente na programación de eventos de todo tipo, e que este programa que se presentaba complementa o propio programa cultural e deportivo do concello, situando á vila carballiñesa nun lugar destacado da oferta turística en Semana Santa.
Por iso, propuxo a posibilidade de pedir a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Semana Santa do Carballiño. “Temos unha boa oferta termal, gastronómica, cultural, deportiva e tamén de actos relixiosos que, agás as cidades e vilas galegas que teñen unha Semana Santa recoñecida, moi poucos pobos poden ofrecer”, dixo ao respecto.
Rafael Melero, cofrade maior, recordou os doce anos de andaina da Cofradía da Veracruz, tomando o relevo dunha tradición centenaria do Carballiño, e resaltou sobre todo a incorporación da nova imaxe do neno hebreo, que era a cuarta imaxe adquirida pola cofradía. Así mesmo, agradeceu a colaboración da Cruz Vermella, do concello, da Deputación provincial e dos patrocinadores, A Fuchela, A Canivela Fritida, Cer&Ver, Pulpería Veracruz e Balgón.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 436
- 437
- 438
- 439
- 440
- 441
- 442
- 443
- 444
- …
- seguinte ›
- última »