
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, destacou os méritos da Familia Florindo para ser distinguida co Premio Honorífico da LIV Festa do Pulpo.
Nun acto que se desenvolveu no salón de sesións do concello, e que contou coa asistencia do alcalde e do concelleiro de Turismo, Xosé Maneul Dacal, así como da práctica totalidade da familia agasallada, ademáis do portavoz e dúas concelleiras do Grupo Popular, fíxose entrega dunha placa con este recoñecemento concedido “pola súa implicación e labor de promoción da vila do Carballiño”, segundo dixo o alcalde.
No seu discurso, Fumega, en representación dos carballiñeses, estableceu paralelismos claros entre a familia Florindo e O Carballiño. A distinción foi entregada a Florindo González, á súa dona, Josefa Corral e ós fillos, Florindo e Xesús así como ó resto da familia. “Unha familia creadora de riqueza e iniciativas en beneficio do Carballiño e dos carballiñeses, sexa co deporte, coas festas ou con calquera outra actividade” declarou o alcalde, Francisco Fumega.
“Frigoríficos Florindo e Hijos”, creada hai 41 anos polo cabeza da familia, Florindo González, é coñecida pola súa actividade filantrópica para coa vila, con propostas de patrocinio, sobre todo no tocante á Festa do Pulpo, levando o nome do Carballiño polo mundo adiante.
No remate, Francisco Fumega declarou que “queremos que este Premio Honorífico non se circunscriba só á LIV Festa do Pulpo, senón a unha boa parte da historia desta festa e a moitos anos de bo facer empresarial e de colaboración con moitas iniciativas no Carballiño”.
Pola súa parte, tanto Florindo González como o seu fillo Florindo, agradeceron esta homenaxe e amosáronse orgullosos de promover o nome do Carballiño, o seu lugar de procedencia alá onde vaian.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou o concello de Avión, para coñecer de primeira mano a agrupación de voluntarios de protección civil (AVPC) e o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como as súas inquedanzas nesta materia.
A AVPC de Avión conta con 14 membros e foi rexistrada no ano 1998, e dende entón sigue ininterrompidamente a súa labor na prevención e intervención, no seu caso, das emerxencias, tanto no seu termo municipal como axudando aos concellos limítrofes.
No ano 2013 inicia a súa andaina o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) que ven a reforzar as actividades desenvolvidas pola AVPC incrementando a dedicación ao tratarse dun grupo de carácter profesional.
Ambas entidades comparten base, medios e recursos. O GES conta agora con 9 membros e atende tamén aos concellos de Boborás e Beariz O concello de Avión reforzou os seus medios materiais, tanto para Protección Civil como para os GES o ano pasado, cun vehículo todo terreo pick-up, un esparexador de sal e un Remolque de Emerxencias, e durante este ano poderá disponer dun novo Remolque de Salvamento e Rescate.

O Carballiño superará de novo o fito na preparación dunha tapa xigante de pulpo.
Será este martes, 9 de agosto, na Praza Maior do Carballiño.
Ese día, ás oito da tarde, as pulpeiras e pulpeiros do Carballiño voltarán a elaborar a tapa de pulpo máis grande do mundo. Nesta edición, que e a sexta, o prato de madeira de piñeiro agrandarase un chisco máis.
Así, aumentará en 7 centímetros o seu diámetro anterior, acadando os 5,37 metros de diámetro. Nunca se viu un prato de pulpo de tal dimensión en ningunha parte. Para cubrilo é preciso cocer 750 quilogramos de pulpo e, unha vez rematado o proceso de cocción, cortalo en talladas axeitadas no menor tempo posible e aderezalo con aceite de oliva virxe, sal e pementón.
Unha labor que realizarán 25 expertos cortadores e cortadoras de pulpo. Deste prato sairán arredor de 2.000 racións que poderán ser degustadas, xunto cun anaco de pan de Cea e unha cunca de viño do Ribeiro, polos numerosos visitantes que se acheguen a O Carballiño esa tarde.
A tradición pulpeira do Carballiño, nada no medievo pola influencia do mosteiro de Oseira e o seu priorato de Marín, e que durante séculos foi espallada polas feiras e mercados de Galicia enteira e ainda de máis lonxe, acadará unha vez máis nesta LIV Festa do Pulpo o seu cénit.

O programa da LIV edición da Festa do Pulpo conta cunha gran variedade de actuacións musicais.
O mércores, día 3 de agosto, ábrense as xornadas de “Música de Sofá” co grupo de jazz, Portulego Quartet, ás 19:15 na rúa Rosalía de Castro, seguidos por Böj, un grupo de folk irlandés e escocés, na rúa Aldara ás 20:45.
O xoves 4 teremos a Groovy Killers na rúa Curros Enríquez ás 19:00; ó grupo de reggae vigués, Elephants Yard Live Dub ás 20:45 na praza Aquilino Sánchez e Transilvanians, ás 23:30 na Praza Maior.
Rematadas as xornadas de “Música de Sofá”, O Carballiño continúa coas actividades musicais ata o propio día da Festa do Pulpo, o domingo 14 de agosto. Deste xeito, o venres día 5 as 20:00, o grupo de música popular e pandereteiras, Coribantes, estará tocando na praza da Veracruz.
O sábado 6, no Auditorio Municipal, celebrarase a XXIII edición do Festival de Habaneras, ás 20:30; e ás 23:30, na Praza Maior, rememorarase o espírito dos anos 60’ e 70’ con Renegados e 33RPM.
O domingo 7 de agosto, a orquestra/espectáculo de época, Gallaecia Big Band, interpretará mambos e boleros ás 20:45 na Praza Maior, e o luns 8 haberá un pasarrúas pola vila con música de centroamérica que leva por tema “Cantares da Emigración”.
A música de The Beatles volverá a soar na Praza Maior, o mércores día 10 ás 23:00, da man do grupo tributo, The Henderson, que interpretará versións das cancións máis coñecidas do grupo de Liverpool.
Ó día seguinte, xoves 11, celebraráse o Festival Internacional de Folclore ás 22:30 na Praza Maior.
Seguindo cos grupos tributo, unha formación irlandesa versionará a ABBA na Praza Maior, o venres 12, ás 23:00.
No sábado 13, véspera da Festa do Pulpo, un Disco DJ animará o ambiente previo á celebración, ás 18:00 na Praza Maior.
O propio domingo 14, O Carballiño terá actividades musicais durante toda a festividade, dende as 12:00, con charangas polas rúas e o desfile de grupos folclóricos e “cabezudos” na Praza Maior e no Parque Municipal, pasando pola actuación da agrupación folclórica Vilanova de Gaia, no Palco da Música do Parque Municipal, que amenizará o xantar da Festa do Pulpo ás 13:30. O peche das festividades correrá a cargo da Verbena Musical con Joselito do Grove, ás 20:00, na Praza Maior.

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo encontros coa veciñanza dos concellos de Piñor e San Cristovo de Cea.
Feijóo trasladou ata estes dous concellos da comarca do Carballiño o seu banco azul, o ‘Faladoiro’ dende o que "está a conversar de ti a ti con ducias de galegos e galegas" a través da xira "A Galicia que ti queres".
Seguindo co "espírito desta xira", o presidente dos populares galegos detívose na praza principal de Piñor, ao carón da casa do concello e do centro de saúde, para falar de ti a ti cos veciños e recoller as súas impresións, inquedanzas e propostas para o programa electoral das eleccións autonómicas que se veñen de convocar hoxe mesmo.
Feijóo conversou sobre temas como a atención ao rural, o problema demográfico ou o sector da silvicultura, recordando a Tania, unha enxeñeira forestal piñoresa e empresaria do sector silvícola, o programa posto en marcha pola Xunta para plantar un millón de castiñeiros.
O presidente do PPdeG animou aos veciños "a depositar todas as súas propostas por escrito nunha urna que os populares empregarán para deseñar o seu programa electoral de cara ás eleccións autonómicas".
O líder dos populares galegos continuou acto seguindo en San Cristovo de Cea co seu percorrido na comarca do Carballiño.
Os socialistas de Leiro, consideran intolerable o estado no que se atopan os contedores do lixo existentes no Concello, máxime cando se están a destinar fondos públicos á Mancomunidade do Ribeiro por este mantemento e limpeza.
A situación, denunciada en numerosas ocasións, parece non mellorar e só se agrava co paso dos meses de verán e calor. Por isto mesmo, o Grupo Municipal Socialista, a través do seu Portavoz, Manuel Rodríguez, rexistrou unha solicitude na que reclama as copias dos albaráns dos traballos de limpeza dos contedores do lixo efectuados pola Mancomunidade do Ribeiro, durante os meses de marzo, abril, xuño e xullo do presente ano. As evidencias falan dun estado deplorable, con contedores suxos e desbordados, namentres, todos e todas os-as veciños-as manteñen, cos seus impostos, a cantidade destinada á agrupación de Concellos, presidida polo propio Alcalde de Leiro.
Os socialistas non entenden como, precisamente, o Alcalde de Leiro non pon especial coidado en que se cumpran os acordos coa entidade que preside e deixa ao pobo de Leiro desamparado ante esta situación. O PSOE denuncia esta inoperancia manifesta e esixe a limpeza inmediata dos contedores que están a por en risco a salubridade pública.
Do mesmo xeito, en aras do seu labor fiscalizador, o PSOE de Leiro, solicitou coñecer o contido de todos os expedientes de obras que se fixeron na localidade no que vai de ano 2016.
Así mesmo, reclaman coñecer os expedientes de contratación de todo o persoal que traballa ou traballou para o Concello, neste ano, ben sexa a través de convenios coa Xunta, coa Deputación ou través do goberno estatal. Tal como destaca o Portavoz, a desidia instalouse no Concello de Leiro pero tamén a manga ancha á hora de facer contratacións e obras, polo que esixen controlar o contido dos expedientes que poñen en xogo os cartos públicos que aporta toda a cidadanía.

Acusan ao goberno de incompetente á hora de arraxar a situación.
Piden a limpeza do cauce do río ao seu paso pola ponte debido á gran cantidade de lodo e sociedade acumulada.
O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, vén de presentar una MOCIÓN PARA A LEGALIZACIÓN DE OBRAS, LIMPEZA DO CAUCE DO RIO AO SEU PASO POLA PONTE E A CONSTRUCCIÓN DUNHA VERDADEIRA PRAIA FLUVIAL NO IRIXO.
No ano 2000, hai xa máis de 15 anos, iniciouse o proxecto para mellorar o entorno do Río Viñao ao seu paso pola capitalidade deste Concello, coa posta en valor da súa ponte medieval e a súa praia fluvial, mesmo coa adquisición duns palleiros que, segundo as noticias da época, marzo de 2002: “o concello iniciou a recuperación de dous antigos palleiros de pedra... serán remodelados integralmente para que poidan albergar os vestiarios, as duchas e unha pequena cafetería para os visitantes e usuarios da praia fluvial do municipio.
O alcalde do Irixo, Manuel Penedo, subliñou que, neste pasado mes de febreiro, iniciáronse as obras de reforma nestes dous inmobles, e que se espera que finalicen antes do inicio da época estival.
Esta praia fluvial a carón do Río Viñao, servirá de lugar de emprazamento da antiga ponte medieval do municipio... sendo un dos principais atractivos turísticos do Irixo.”.
Dito proxecto, de recuperación do entorno, ponte, e praia fluvial do Irixo, superou, xa no ano 2000, un gasto de 55 millóns das antigas pesetas da época, aos que se sumou outro proxecto no ano 2004, por valor de case 30 mil euros (29.449,59 €) para poder legalizar ante a confederación hidrográfica as obras realizadas que finalmente nunca foron legalizadas.
As devanditas obras teñen incoado Expediente sancionador contra este concello por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, expediente incoado o 30 de decembro de 2008 por “daños al Dominio Público Hidráulico”, do que hai xa 8 anos. Dito expediente foi iniciado pola “realización de obras consistentes en la construcción de muros de hormigón en ambas márgenes del Río Viñao, a lo largo de setenta metros, construcción de aceras en ambas márgenes de sus zona de servidumbre e instalación de mesas y mobiliario recreativo en zona de policía y servidumbre, sin contar con la preceptiva autorización administrativa de este Organismo de cuenca, en O Irixo...” e cunha sanción aplicable, segundo este propio organismo, entre os 6.010,13 euros ate os 30.050,61 € naquela data. Mediante Resolución da Confederación Hidrográfíca Miño-Sil de data 14 de decembro de 2009, acordouse impoñer ao Concello de O Irixo unha sanción de 12.672,25 euros.
O 15 de xaneiro de 2010, o Concello interpuxo recurso de reposición e o 25 agosto do ano 2010 a Confederación hidrográfica dita unha resolución pola que declara ao Concello desistido da súa petición de legalización do expediente “al no haber presentado el peticionario dentro del plazo establecido los documentos precetivos para la tramitación del expediente, que le fueron requeridos...” polo que Resolve; “PRIMERO.- Declarar desistido de su solictud de legalización de un area recreativa ejecutada en dominio público hidráulico y zona de policía del río Viñao en A Ponte, Término municipal de O Irixo...” SEGUNDO.- Advertir al Ayuntamiento de O Irixo que debe abstenerse de realizar cualquier tipo de obra sin haber obtenido previamente la preceptiva autorización de este Organismo.”
Posteriormente, o 11 de xaneiro de 2011, a Confederación hidrográfica resolve desestimar o recurso de reposición imposto e fixa segundo o punto terceiro da resolución, pola modificación de diversos regulamentos para adaptación á Lei 17/2009 de 23 de novembro , a imposición dunha multa de 3.155,31 € que debeu pagar o Concello do Irixo.
A pesar de todo o tempo transcorrido, máis de 15 anos, e o diñeiro que se gastou entre outros, na suposta praia fluvial do Irixo ao seu paso pola Ponte´; a realidade é que non existe tal praia, nin os seus vestiarios, nin duchas, nin ningún lugar neste Concello apropiado nin acondicionado para o baño dos veciños e veciñas do Irixo.
Tal como destaca o Portavoz socialista, Iago Fariñas, “nada se sabe deses famosos palleiros reconvertidos en vestiarios que nunca funcionaron e están pechados, o cauce do río está sucio e o baño é impracticable pola sucidade e falta de caudal; a pesares deses máis de 55 millóns das antigas pesetas e doutro proxecto posterior, de case 30 mil euros para legalizalo, legalización que nunca se fixo”.
A realizade é que hai unha obra que pretendía ser unha praia fluvial, xa hai máis de 15 anos, moi custosa, da que se fixo moita publicidade e a cal se pretendeu executar sen os correspondentes permisos da Confederación hidrográfica, e que na actualidade ten unha orde de derribo por executarse mal e por non ser quen, este Concello, de arranxar e legalizar a situación para así dotar ós veciños e veciñas do Irixo dunha verdadeira praia fluvial como teñen outros concellos dende hai anos, con ben menos recursos que O Irixo.
Engade Iago Fariñas que :”consideramos unha incapacidade total deste goberno que en 15 anos, despois de todos os millóns que se investiron no entorno do río o seu paso pola Ponte no Irixo, non sexa quen de ter un espazo acondicionado de baño, e ademais teña un expediente sancionador con orde de derribo da Confederación hidrográfica e se teñan pagado multas por unhas obras mal planificadas, mal executadas e sen permisos, das que entendemos responsable a este goberno e a súa incapacidade xestora”
Dito todo o anterior, o Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo presentou para a súa consideración e dado a sucidade do río ao seu paso pola Ponte e o estado ilegal das obras realizadas no seu entorno e a necesidade de dotar ós veciños e veciñas do Irixo dunha verdadeira praia fluvial inexistente no Irixo, na que insta ao Pleno municipal á adopción dos seguintes ACORDOS:
1º.- Que o Concello do Irixo solicite á Confederación Hidrográfica a limpeza do caudal do río ao seu paso pola Ponte ou autorización para proceder a limpeza visto o estado de sucidade e lodos que se acumulan no entorno.
2º.- Que o Concello do Irixo retome o expediente da praia fluvial do Irixo e legalice as obras realizadas.
3º.- Que de ser o caso, se proceda á construción da praia fluvial do Irixo neste ou noutro emprazamento mais idóneo para desfrute dos veciños e veciñas do Irixo na época estival.
Para acceder á denuncia que fai o grupo municipal do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Erika Paz, inicia o proceso de recepción de propostas para o proxecto integral do parque municipal. Esta iniciativa é unha demanda veciñal que foi asumida pola corporación municipal nunha sesión plenaria celebrada o 29 de outubro do 2015.
O prazo para a presentación de propostas rexirá dende o luns, 1 de agosto, ata o 15 de novembro. A partir do próximo luns poderase consultar na páxina web do concello a convocatoria así como descargar a instancia para poder formular as propostas. Asemade, poderase solicitar esta instancia no rexistro xeral do Concello. Unha vez cumplimentada deberá entregarse por rexistro xunto con toda a documentación que se queira adxuntar.
Con esta iniciativa quérese facer partícipe a toda a sociedade carballiñesa deste proceso que ten por obxecto mellorar o entorno do parque municipal, tendo sempre en conta que se trata dunha superficie de 32 hectáreas de arbolado e zona verde, con prazas, avenidas e camiños que debe conxugar o respeto medioambiental co disfrute. Así, invítase a todos os sectores da población, persoas físicas, asociacións legalmente constituídas, centros educativos, entidades e persoas xuridicas a realizar as súas propostas.
En todo caso, debe respetarse dun xeito especial a esencia medioambiental do parque, procurando un uso sostible dos recursos naturais cos que conta, sen que as actividades de ocio e disfrute poñan en perigo a súa conservación
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 560
- 561
- 562
- 563
- 564
- 565
- 566
- 567
- 568
- …
- seguinte ›
- última »