
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fuemega, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a promoción da Residencia de Tempo Libre que a Xunta de Galicia ten en servizo no Carballiño.
. O obxectivo é impulsar o uso e aumentar os tempos de apertura desta instalación, que acada os seus maiores niveis de funcionamento na tempada estival –dende xullo ata mediados de setembro-, así como nos períodos de vacacións de Semana Santa e Nadal.
Rey Varela destacou a colaboración institucional entre Xunta e Concello para “conseguir un maior uso e aproveitamento dun patrimonio que é de todos” e ao que cómpre “quitar o maior rendemento posible en beneficio do desenvolvemento da economía e do turismo desta comarca”, engadiu. Neste sentido, as dúas administracións intensificarán o traballo de divulgación desta residencia co fin de chegar a un maior número de usuarios entre asociacións, colectivos e entidades.
O ente local ocuparase de contactar cos posibles usuarios interesados para ofrecerlles información e ofertarlles estancias, tanto para períodos de vacacións como para a celebración de diversos actos.
Pola súa banda, a Consellería, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ocuparase da xestión das reserva de prazas para os futuros usuarios da residencia, polo que o Concello do Carballiño dirixirá aos interesados ao departamento autonómico.
Ademais, o Concello fará extensiva a súa oferta de actividades de lecer e recursos turísticos coa finalidade de que os futuros usuarios da instalación poidan participar gratuitamente en calquera delas.
Asemade, o Concello confeccionará o material relacionado coa promoción da residencia; e incorporará toda a información relativa á mesma á páxina web municipal, así como un link de ligazón co Portal de Política Social, na cal se facilite información de interese para o usuario.
O acordo establece que o establecemento prestará servizos en tempada baixa e media sempre que a demanda chegue a un mínimo do 80% de ocupación.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, José María Costa, anunciaron a apertura dun proceso de colaboración entre ambas institucións para promover o intercambio cultural e potenciar o turismo, así como para aproveitar en común as potencialidades de cada poboación.
José María Costa, que acudiu á recepción ofrecida este mediodía no concello do Carballiño en compañía de varios concelleiros e concelleiras así como dun nutrido grupo de mardomas ataviadas con traxes tradicionais, expresou a súa satisfacción pola invitación e abogou por establecer unha relación persoal e institucional co alcalde e co Carballiño para colaborar en materias que redunden en beneficio das respectivas poboacións.
En concreto, citou o patrimonio histórico, a cultura e o turismo. Asemade, aproveitou para presentar a Romaría da Agonía, que é unha das celebracións festivas máis concurridas do norte de Portugal e que se celebra do 19 ao 21 de agosto en Viana. Precisamente, unha parte da comisión de festas deste evento asistiu a esta recepción.
Pola súa parte, Francisco Fumega agradeceu a acollida de que foi obxecto a delegación carballiñesa que visitou Viana no mes de xullo para presentar a Festa do Pulpo, e coincidiu co rexidor vianés en aproveitar o coñecemento e os recursos de cada poboación para colaborar na resolución de problemas e potenciar o turismo e o intercambio cultural.
Ao remate do acto ambos rexidores intercambiaron agasallos protocolarios dos seus respectivos concellos.
E a continuación, autoridades e convidados realizaron unha visita ao parque municipal, e pola tarde presenciarán o pasarrúas dos cabezudos de Viana, que animarán o desfile das Peñas da Mocidade exhibindo as súas camisetas alusivas á Festa do Pulpo.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, recibe este sabado dia 13 no concello ao seu homólogo da cidade portuguesa de Viana do Castelo, o presidente da cámara municipal, José María Costa.
O acto desenvolverase ás 13,00 h., e a continuación, ás 13,30 h., efectuarán un saúdo aos medios de comunicación no salón de plenos do concello.
José María Costa visitará O Carballiño acompañado doutras autoridades municipais de Viana, entre elas, a concelleira de Cultura, María José Guerreiro, así como un nutrido grupo de mardomias.
A delegación portuguesa virá acompañada tamen polos tradicionais cabezudos da cidade, que ofrecerán pola tarde un pasarrúas pola vila, a partir de 18,30 h., rematando na Praza Mayor arredor das 19,30 h.
A esa hora comezará a Festa das Camiseras das Peñas, con máis de dous mil mozos e mozas repartidos en un cento de peñas que se inscribiron para participar no concurso de deseños de camisetas alusivas á Festa do Pulpo. Cada Peña recibirá unha axuda de 60 euros por participar, e haberá dous premios de 200 euros para as dúas peñas que presenten o mellor deseño de camiseta ou o maior número de integrantes.
A Festa das Peñas comezará ás 20,00 h., na Praza Mayor, e estará amenizada por un Dj, se ben a mocedade xa comezará a concentrarse neste lugar a partir das 19,00 h.

Avión celebra este venres a 12ª edición da Festa Mexicana, con degustación da comida tradicional mexicana e música dos grupos de mariachis de Leonardo Flores e Fiesta Ranchera, que amenizarán a festa na praza da Igrexa de Avión.
COPE O Carballiño emite este venres a programación local dende a casa do concello de Avión, para escoitar o programa en directo podes facélo sintonizando o 91.9 da FM ou, a través de internet, na emisión global de COPE O Carballiño nesta mesma páxina WEB, pulsando "Radio en directo".

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Ourense investigan a aparición dun artefacto incendiario nun monte de Boborás, que se atopaba nas inmediacións do colexio desta localidade.
Segundo os propios policías, tratase dun artefacto “de libro” confeccionado a partir dunha mecha dos antigos chisqueiros e unha coroa de arredor de oito ou dez mistos, que permitirían acender o dispositivo con tempo suficiente para abandonar a zona.
Ademais, recalcan, atopábase “situado ao carón dunha pila de material sensible para arder” polo que o seu descubrimento foi vital para evitar un novo incendio forestal intencionado. Tras facer a pertinente inspección ocular do lugar, o obxecto foi retirado e levado á Policía Científica, onde se tratará de esclarecer quen o quenes foron os seus autores.
A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Ademais, tamén está a súa disposición o número de emerxencias común, o 112, un teléfono gratuíto e dispoñible as 24 horas, todos os días do ano.

O concello do Carballiño felicitou á familia González Atanes polo premio á calidade acadado recentemente en Bruselas polo produto comercializado pola empresa da súa propiedade, Frigoríficos Arcos S.L., coa marca “A Pulpeira”.
Nun acto presidido polo alcalde, Francisco Fumega, o concello galardoou á pulpería Frigoríficos Arcos cun recoñecemento pola súa labor na expansión do prato principal da gastronomía carballiñesa, o pulpo.
O acto contou coa presenza do concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, así como dos irmáns Daniel e Camilo González Atanes, propietarios de Frigoríficos Arcos e promotores da marca A Pulpeira. Fumega resaltou o mérito desta empresa, con máis de cincuenta anos de andaina, e agradeceu o feito de espallar un prato típico alén das fronteiras, levando sempre como escudo o nome do Carballiño. “i+D+i, innovación e calidade, este é o camiño do futuro”, dixo o alcalde, que se amosou orgulloso de que o parque empresarial do Carballiño acolla unha iniciativa de tanta proxección nacional e internacional.
Pola súa parte, Daniel González Atanes, afirmou que o que pretendían era mellorar os estándares de calidade na elaboración do cefalópodo, e tanto el coma seu irmán, Camilo, coinciden en que o recoñecemento de carácter mundial que tivo o seu produto é todo un orgullo, algo que rebotará en beneficio do Carballiño. Baixo a marca A Pulpeira, “Frigoríficos Arcos” SL logrou dúas estrelas de ouro nos premios do Instituto do Sabor e Calidade (iTQi), con sede en Bruselas.
O xurado deste certame está composto polas asociacións culinarias máis prestixiosas de Europa, como Verband der Köche Deutschelands, a Federación de Asociaciones de Cocineros de España ou os Maitres Culinaire de Francia, entre outros. Dentro delas, podemos atopar chefs da talla de Ferrán Adriá, Mario Sandoval ou Alberto Chicote. Nos premios ó Sabor Superior do iTQi participan empresas de máis de 120 países, como Estrella Galicia, Pascual, Heineken ou Coca Cola.
“Frigoríficos Arcos” SL encárgase de conxugar tradición con innovación. Encabezado polos irmáis Daniel e Camilo González Atanes, teñen moi interiorizada a maneira de cociñar o pulpo propia das pulpeiras de Arcos, que é o que lle introduce a distinción pola que é coñecida a vila do Carballiño.
Tendo isto como base, o resto é colleita propia. A marca A Pulpeira renova o mercado coa súa nova maneira de facer: o pulpo cocido ó vapor. O proceso comeza coa materia prima de maior calidade, pasando polo envasado ó baleiro e a cocción ó vapor deste no seu propio xugo, o que se traduce nunha explosión de sabor potenciado grazas á conservación das súas vitaminas, proteínas e sales minerais, mantendo o sabor a mar.
Trátase dun produto da maior calidade, que pode conservarse ata 150 días refrixerado e de fácil recuperación no microondas, na grella ou a “baño maría”. O produto dos irmáns Atanes é resultado de dous anos de investigación e probas en canto a calidade e sabor. Trátase dun prato que é empregado por chefs de toda España, e que se comercializa de maneira internacional, chegando a lugares como Australia, Corea do Sur e Inglaterra.
Actualmente, a produción é de 25.000 quilogramos ao mes, e a venta ao exterior acada xa un 12%.

O concelleiro de Alternativa Veciñal acudíu ao rexistro municipal para proceder á devolución da tarxeta-invitación que lle entregara o concello do Carballiño, e na súa condición de membro da corporación muncipal, para participar no xantar no recinto do concello, este próximo domingo no parque.
Bernardo García manifesta que "o concello do Carballiño non pode permitirse o luxo de repartir invitacións a xente que non traballe directamente na organización da festa". E recorda que o ano pasado "o concello puxo 41.000 euros pola comida e recaudouse só 26.560 euros", a un prexo de 30 euros a tarxeta, "polo que o deficit é evidente", remarca.
Asimesmo, considera o concelleiro que "son os sectores que se benefician da festa os que deberían encargarse da súa organización e buscar o diñeiro preciso"
Finalmente, Bernardo García avanza que "xa pedín o orzamento previsto para esta festa e valorar como se distribuíu o mesmo, e evitar que sexan os veciños os que paguen sempre este tipo de eventos".

O concello do Carballiño rendeu hoxe homenaxe a Manuel Domínguez Carrete, chef do restaurante Lúa, e entregoulle unha placa coa distinción de Embaixador da Festa do Pulpo e do Carballiño en Madrid.
O acto, que estivo presidido polo alcalde da vila, Francisco Fumega, contou coa presenza do concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira e a concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz, así como a nai de Manuel Domínguez, Adela Rosa Carrete e as xefas de cociña e sala do restaurante Lúa, Paula Villanueva e Mari Morales, ademais do propio cociñeiro e empresario restaurador carballiñés Manuel Domínguez. Francisco Fumega resaltou que o traballo de Manuel Domínguez Carrete é “un exemplo para a mocidade carballiñesa como modelo de emprendemento e creatividade”.
Do mesmo xeito, agradeceulle o feito de “abrir unha porta que conduce ó progreso e ó éxito”. O restaurante Lúa é unha referencia da nova cociña na capital de España, e conta cunha Estrela Michelín dende finais do ano pasado. O seu chef e impulsor, Manuel Domínguez, prepara o polbo, prato estrela de Galicia, dos xeitos máis innovadores. O seu traballo supón o prólogo a un salto cualitativo en canto a calidade e servizo no modo de cociñar o cefalópodo.
No remate da presentación, Domínguez Carrete agradeceu esta homenaxe e o recoñecemento do concello do Carballiño, así como a confianza que a súa familia depositou nel, con especial mención ó seu pai. Do mesmo xeito referiuse á relevancia do apoio brindado polas súas xefas de cociña e sala, Paula Villanueva e Mari Morales, que, en palabras de Carrete, “cada vez se senten máis galegas”. O chef carballiñés asistirá como convidado de honra á elaboración da Tapa de Pulpo Máis Grande do Mundo, que terá lugar esta tarde na Praza Maior do Carballiño.
No día de onte aparecía unha nova, moi preocupante, na prensa galega: a listaxe dos Concellos que van pasar a ser tutelados pola Xunta de Galicia debido ao seu déficit financeiro.
Ata un total de 46 Concellos da nosa Comunidade, incumpriron, no peche do exercicio do ano pasado, o teito de gasto imposto polo goberno central e son incapaces de continuar pola senda marcada da estabilidade financeira, é dicir, gastan máis do que ingresan. Entre estos Concellos está o de Piñor, tal como reflicte a noticia referida.
O que vén a indicar tal noticia é que o Concello de Piñor debe presentar un plano de axuste económico-financeiro, apertar o cinto e quedar baixo a tutela financeira da Xunta. O PSOE de Piñor, hai xa uns cantos meses, avisou desta situación, unha vez analizaron o estado de liquidación do orzamento do ano pasado e alertaron da posibilidade de que o Ministerio de Facenda intervira na situación, coma agora fixo, corroborando os malísimos datos económicos sobre os que os socialistas alertaran.
O actual goberno de Piñor, xa que logo, non cumpriu cos principios da estabilidade orzamentaria aos que obriga a lei, nin coa regra de gasto e, aínda por riba, presenta un resultado de liquidación dos orzamentos, moi negativo (uns 140.000€ máis de gastos ca de ingresos) e cun remanente de tesourería, que tamén arroxa un saldo negativo.
Así mesmo, aínda por enriba, págase máis tarde ca nunca ós provedores do Concello, superando, con moito, os 100 días de período medio de pago. Os socialistas agardan que o actual goberno bipartito (PP-Veciños de Piñor) teña a pouca vergoña de culpar á herdanza recibida destes pésimos resultados da súa xestión económica; nembargante, dende o PSOE de Piñor, amósanse tranquilos posto que a liquidación do último goberno socialista foi máis que positiva, cumprindo coa regra de estabilidade tanto no tocante ao gasto coma no resultado orzamentario e no remanente de tesourería.
Os actuais gobernantes de Piñor, destacan os socialistas, van ter moi difícil xustificar o seu descontrol e desgoberno botándolle as culpas ós demais, posto que as cifras e as contas falan por si propias. Fronte a unha xestión económica impecable e positiva dos socialistas, o actual goberno de Piñor ofrece unha xestión pésima, digna de aparecer nos xornais. Dende o PSOE de Piñor, queren lembrar as insidias que tiveron que aturar durante a campaña electoral do ano 2015, cando dende o PP e dende VdP, non contaban máis ca contos sobre unha suposta desidia na xestión económica. Fronte aos contos das municipais, o tempo e os papeis ofrecen datos contrastados e contas claras.
Tal como destacan os socialistas de Piñor, ata o de agora, o novo goberno só ofrece propaganda e festexos, contos e verbas que leva o vento, namentres que os papeis sosteñen unha verdade moi distinta que lles encantaría agochar.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 559
- 560
- 561
- 562
- 563
- 564
- 565
- 566
- 567
- …
- seguinte ›
- última »