28, Xullo 2016

O informe presentado ante a Xunta Local de Seguridade do Carballiño constata un descenso no número de delitos denunciados no municipio no transcurso do último ano.

Doutra parte, abordouse o operativo de seguridade para a festa do pulpo, que integrarán máis de 200 persoas.

O operativo quedou ultimado nunha reunión da Xunta de Seguridade desenvolvida no salón de plenos do concello polos responsables dos distintos corpos, institucións e entidades encargadas de que todo transcurra con normalidade. A reunión estivo presidida polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a ela asistiron os concelleiros de Seguridade, Adolfo Nogueira; de Festas e Turismo, Xosé Manuel Dacal; de Cultura, Diego Fernández, así como os responsables de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Tráfico e Cruz Vermella.

A Festa do Pulpo reúne nun só día no Carballiño a ducias de miles de persoas e vehículos, e isto require unha boa previsión e coordinación para solventar de inmediato calquera incidencia que se poida producir.

Segundo os informes da Subdelegación do Goberno, tanto o plan de seguridade como o de autoprotección elaborado polo concello do Carballiño, están moi ben deseñados e resultan óptimos para que a festa se desenvolva con normalidade e resolver calquera incidencia.

Por outra parte, no informe anual de seguridade que elabora a Subdelegación do Goberno tamén se salientou o descenso no número de delitos así como de denuncias por violencia de xénero con respecto ao pasado ano no termo municipal do Carballiño, polo que se amosou unha grande satisfacción.

27, Xullo 2016

Os clientes da Praza de Abastos participarán no sorteo dun televisor LG de 43 pulgadas, que se celebrará o día 9 de setembro.

Esta iniciativa forma parte dunha campaña que foi presentada esta mañá polo concelleiro de Promoción Economica, Adolfo Nogueira, e os representantes dos praceiros Eligio González e Esther González.

Todas as persoas que merquen neste mercado ata o 9 de setembro recibirán unha rifa por cada compra de 5€ que poderán depositar nunha furna para entrar no sorteo.

Eligio González dixo que non sería a única iniciativa que se poñía en marcha para atraer clientes, senón que se farían outras máis adiante e que esperaban que fose un revulsivo para incrementar as vendas.

Asemade, dixo que nesta campaña participaban todos os postos do mercado e que estarían encantados de que se cubrisen canto antes as prazas vacantes. Tamén agradeceu ao concello o apoio que recibían.

Pola súa parte, Adolfo Nogueira engadiu que a campaña perseguía fidelizar a clientela e que dende a súa área municipal intentaban apoiar todo aquelo que supuxese recuperar a Praza de Abastos como un lugar onde mercar produtos frescos e de calidade, e convidou aos veciños redescubrir o mercado público do Carballiño.

21, Xullo 2016

Duascentas cincuenta fotografías en cento vinte páxinas. Estes son os datos máis significativos do libro de fotografías XENTES DO CARBALLIÑO 1890-1990, que foi presentado este mediodía polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os membros da Asociación Fotográfica O Potitos, José Luis Diz e Manuel Blanco.

O libro, editado por esta asociación co financiamento do concello, sae á luz no marco das XOCIVIGA 2016, seguindo a pegada doutras dúas publicacións anteriores. Conta, asemade, con textos introductorios do Potiños, do alcalde e de Miguel Anxo Fernández, que realizou a primeira edición dun libro de fotografías antigas do Carballiño hai xa moitos anos.

Francisco Fumega agradeceu o traballo realizado para a colleita das fotografías, así como a colaboración das persoas que as cederon, e salientou que é unha parte da historia do Carballiño. “Para quen, coma min, adoitamos investigar nos arquivos históricos, é un pracer ollar esta escolma gráfica e documental da memoria viva do Carballiño”, dixo.

O alcalde engadiu que “estamos ante un libro que xorde dunha iniciativa da Asociación O Potiños para promover a recuperación de fotografías antigas. Ainda que só fose por iso, xa merece o noso recoñecemento”. Ademáis, subliñou que “queremos contribuír a conservar e valorizar o noso patrimonio, que non o conforman só os vestixios históricos ou os monumentos, senón tamén todo aquilo que represente, dunha ou doutra forma, un significado para a colectividade. E esta é, precisamente, a intencionalidade e, quizais, a principal achega deste libro”.

Manuel Blanco amosou a súa satisfacción por ver impreso neste libro o traballo de seis meses de colleita de mil fotografías antigas, das que duascentas cincuenta foron seleccionadas para a publicación. Referiuse á importancia da elaboración dun arquito fotográfico do Carballiño, como o que realiza O Potiños, e destacou como un dos elementos diferenciais do libro a posibilidade de ver os cambios suscitados nas xentes do Carballiño ao longo de todos estes anos.

Finalmente, José Luis Diz, que realizou a selección das fotografías por seccións, explicou o sentido de cada unha para darlle coherencia á publicación. En total, hai nove seccións, con fotografías anteriores a 1940 e outras referidas a personaxes, alcaldes, cregos, familias, negocios e incluso unha sección dedicada ao cruceiro da Saleta, que é un lugar onde se tomaron fotografías de cantas xuntanzas de mozos e mozas se teñen celebrado nesta romaría.

A tirada do libro, que se venderá no marco das Xociviga e na Oficina de Turismo pola Asociación O Potitos, é de cincocentos exemplares, se ben unha parte son para agasallos de protocolo do Concello do Carballiño e outra para as persoas que cederon as fotografías e para a propia asociación fotográfica.

Unha escolma deste libro, con fotografías ampliadas, formará parte dunha das exposicións destas XOCIVIGA, que poderá verse na Casa da Cultura a partir da tarde do martes, 26 de xullo

21, Xullo 2016

Esta tarde, xa pasados os abafantes días de calor, e facendo uso e consumo das miñas vacacións de vran, atopábame en compaña da miña santa esposa nunha das moitas terrazas que ofrecen os bares do Carballiño. É un pracer simple pero moi socorrido, polo menos para xente sinxela coma nos, manter unha conversa máis ou menos transcendente mentres ves pasar xente pola beirarrúa, e saboreas a grolos curtos algunha bebida refrescante. A relaxada plática, habida conta do tempo de lecer que ambos estábamos a disfrutar,  interrumpíuse de forma inevitable, cando a nosa atención foi atraída polo paso de catro rapazas que a dous metros de nos camiñaban moi dispostas. Percorrían a Praza do Emigrante coma quen desfila pola pasarela Cibeles, cos seus corpos adolescentes erguidos, co porte contundente da xuventude, do que pisa forte porque ten pouco pasado, e o suficiente futuro para comerse o mundo.

Reparamos tamén na indumentaria das mociñas: camisetas axustadas que evidenciaban a firmeza e perfecta proporción dos seus xóvenes corpos (quén se lembra de aquel "cruzado máxico") e cómo non, os pantalóns curtos, moi curtos.  Ata o punto de que en lugar de insinuar, como diría a miña aboa, amosaban  "media nádega".
Quixo a casualidade que un grupo de mozos de aparentemente a mesma idade  se cruzara coas atractivas rapazas.  Esta circunstancia púxome á expectativa, pois esperaba ver cómo reaccionaban aqueles "machos xóvenes" ante o paso das  púberes belezas.  Pero resultóu que eles lebavan cada quen seu trebello de telefonía móbil na man. E ían esemismados nos seus aparatos  (os teléfonos, quero decir) de tal sorte que nin miraron para as damiselas.

A miña santa, que coma tódalas mulleres ten sempre disposto ise sexto sentido, advertíu que os zagáis andaban a cazar non sei qué bechos, que disque só se poden ver nos teléfonos. E era esa tarefa a que os tiña ensemismados ou, eu diría,  atontados.
Máis tarde explicóume que a moda de andar por ahí como polo sen cabeza perseguindo os dichosos pokemons no teléfono, xa chegara tamén ó Carballiño.
Esta situación fíxome lembrar cando iste xuntador de palabras precisaba falar por  teléfono e tiña que meter o dedo no disco do aparato de sobremesa facéndoo xirar tantas veces coma cifras compoñían o número do abonado. E cómo nos tempos en que saíamos os sábados polo Carballiño, e nos cruzábamos cun grupo de fermosas mociñas, ademáis de piropealas,  non deixábamos de miralas, primeiro de frente de despóis ata que desaparecían da nosa vista, xirando a cabeza, se fose necesario, coma a nena do exorcista. 
Claro que daquelas só había unha realidade, e os teléfonos móbiles non nos tiñan sorbido o seso.
Apurámolas consumicións e voltamos á casa cavilando no reto que temos  de educar ó noso fillo de oito anos nesta sociedade tan...  peculiar.

 

19, Xullo 2016

As Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (XOCIVIGA) do Carballiño proxectará este ano un total de trinta e sete filmes dos máis diversos xéneros e para todas as idades.

Do mesmo xeito, acollerá concursos audiovisuais como Curtas Prima, exposicións fotográficas, sesións de cine amateur, e a entrega dos premios XOCIVIGA de Honra a Mariana Carballal e a Insignia de Ouro a Eduardo Galán.

O Concelleiro de Cultura, Diego Fernández, presentou nunha rolda de prensa o programa da semana do XOCIVIGA, e anima ós cidadáns de tódalas idades a participar nas xornadas de cinema.

Na presentación, o concelleiro agradeceu a colaboración do CineClube Carballiño e de personalidades ligadas ás primeiras edicións do XOCIVIGA, tales como Pepín Prada ou Miguel Anxo Fernández.

As XOCIVIGA 2016 abrirán cun pasarúas da man da Agrupación Musical da Limia, que interpretará bandas sonoras icónicas e, posteriormente, ás once da noite na Praza Maior, proxectarase a película muda Miss Ledyia, dirixida por Xosé Gil en 1916, acompañada pola interpretación da banda da Limia.

As Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia ofertan este ano películas da máis variada índole: películas infantís ás mañás, cinema documental ou filmes galegos icónicos.

Do mesmo xeito, farase entrega do premio XOCIVIGA de Honra a Mariana Carballal e a Insignia de Ouro a Eduardo Galán.

Durante a semana, O Carballiño acollerá a un grupo de alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que se encargarán de facer un proxecto cinematográfico sobre os dous puntos fortes da vila do Arenteiro: o polbo e o termalismo.

As XOCIVIGA contarán este ano con dúas exposicións de carácter artístico e cultural: o traballo fotográfico Xentes do Carballiño 1890-1990 e Aurelio Pego, un xornalista cinematográfico galego en Nova York. Antoloxía Gráfica.

XOCIVIGA proxectará este ano os filmes que participan no concurso Curtas Prima, e a sesión Cine en Curso, no que se pasarán curtas rodadas por diferentes colexios e institutos galegos.

As proxeccións dos filmes e as exposicións terán lugar na Casa da Cultura e no Auditorio Municipal.

Para ver a programación completa prema no arquivo adxunto:

17, Xullo 2016

Os premios "Insua dos Poetas" 2016, entregados no transcurso da VIII Festa da palabra, levaron este ano distintivo carballñés.

O Centro de Estudos Chamoso Lamas recibíu o premio pola súa defensa do Patrimonio e do Medio Ambiente, galardonando o xurado a "o seu presidente, o profesor Xosé Luis Sobrado e a todos o seus integrantes e colaboradores polo esforzo que veñen mantendo no estudo e investigación do patrimonio histórico e na divulgación da riqueza artística e natural das comarcas do Carballiño e O Ribeiro".

COPE O Carballiño e Xan Fernández Pinal tiveron o recoñecemento na modalidade do "emprego da lingua e a promoción da cultura propias nos medios de comunicación, e pola encomiable labor de información comarcal, aberto sempre á pluralidade ideolóxica e centrado nunha realidade poliédrica que vai do local ao universal", recolle a acta do xurado que, expresamente fai referencia a esta emisora de radio como "pioneira na radiacion de esquelas na lingua galega, iniciativa que contribúe, decididamente, á normalización linguística".

Ademáis, tamén foron distinguidos cos premios Insua dos Poetas 2016, a escritora Inma López Silva pola súa labor literaria; A Irmandande Galega de Venezuela pola súa contribución á cultura galega no exterior, e a adega vitivinícola "Cachín" da Ribeira sacra, pola súa acción económica e social a prol da cultura galega.

A VIII Festa da Palabra celebrada no parque natural e cultural da Insua dos Poetas, sito na carballiñesa parroquia de Madarnás, servíu para homenaxear ás escritoras, as irmás Pura e Dora Vázquez. Precisamente, na súa lembranza, quedou instalado un monumento nesta paraxe, obra de Luis González Tosar.

O presidente da Fundación salientou que a Insua dos Poetas "é un proxecto novidoso, no que a natureza dialoga coa palabra escrita, coa literatura, cos artes plásticas e coa creatividade".

A esta nova edición da Festa da Palabra asistiron representantes de varias institucións, como os conselleiros de Cultura e Medio Rural, Román Rodríguez e Ángeles Vázquez; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar e o alcalde do Carballiño Francisco Fumega, entre outros.

 

 

 

 

 

 

15, Xullo 2016

O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, vén de rexistrar un escrito dirixido ao Alcalde, no que acompaña unhas fotografías do estado da sala de polivalentes do centro de saúde, e no que recorda que o pasado 12 de xullo se celebrou Pleno Extraordinario deste Concello, onde se defendeu unha moción presentada o pasado 22 de abril de 2016 polo Grupo Municipal Socialista, PARA A MELLORA E ACONDICIONAMENTO DO CENTRO DE SAÚDE DO IRIXO.

En dita moción, entre outras, solicitábase; “Que o Concello do Irixo faga as reparacións oportunas encamiñadas a evitar as filtracións de auga dentro das salas do centro de saúde como é o caso da sala de polivalentes onde chove dende hai un ano e do que é coñecedor o Concello.”

A mencionada moción foi rexeitada cos votos en contra dos concelleiros do Partido Popular sen dar explicación algunha a esta negativa de facer o mantemento e reparar tan sequera, o “interior do propio centro de saúde, concretamente na sala de polivalentes chove, disto xa ten coñecemento o Concello dende hai xa máis dun ano sen que, a día de hoxe, fixera nada por arranxalo.”.

O estado do centro de saúde e a pasividade do Goberno do Concello do Irixo que, nin recoñece nin mostra intención nin interese en acometer dita pequena reparación dende e votando en contra inexplicablemente do seu arranxo, non se comprende.

Polo que, é intención do Grupo Municipal Socialista, de non procederen, dende o Concello, ao arranxo inmediato destas humidades, poñer estes feitos e o estado do centro de saúde en coñecemento da Consellería de Sanidade.

No caso de seren infrutuosos, tanto a comunicación a Concellería de Sanidade para que actúe así como si se persiste na pasividade por parte de este Concello, se intentaría o arranxo a costa do Concelleiro que subscribiu o escrito, é dicir, o Portavoz socialista no Concello do Irixo.

Por todo isto, di o Portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, que: “de non seren reparadas ditas humidades por parte deste Concello, nin mediar actuación algunha por parte da Consellería de Sanidade á que ten intención de dirixirse o noso grupo, como membro da corporación deste Concello, veciñ@ e usuario de dito centro de saúde, se teña a ben autorizarme, chegado o caso á miña costa, a proceder á reparación das humidade que sofre o centro de saúde na súa sala de polivalentes dende hai mais dun ano”.

15, Xullo 2016

O espazo cultural da Casa da Luz de Pontevedra, na Praza da Verdura, acolleu esta mañá o último acto de presentación da LIV Festa do Pulpo que está adicada ás vilas e cidades do Eixo Atlántico.

No acto interviñeron os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o do Carballiño, Francisco Fumega, que estiveron acompañados polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, polos portavoces do PP e BNG, Argimiro Marnotes e Francisco Ferreiro, respectivamente, pola concelleira Pilar Caride; polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e polo presidente da denominación de orixe do pan de Cea, Carlos Rodríguez.

Fernández Lores salientou a importancia da gastronomía e, en concreto, do polvo, como ingrediente central das feiras e romarías de Galicia, así como da Festa do Pulpo do Carballiño, da que dixo tiña un gran atractivo.

O alcalde de Pontevedra amosouse partidario de incrementar a produción interna do pulpo e desexou unha boa festa, se ben excusou a súa asistencia, xa que o 14 de agosto Pontevedra atópase nas Festas da Peregrina. Finalmente, dixo que con este acto iniciábase unha longa colaboración de cara ao futuro entre Pontevedra e O Carballiño.

Pola súa parte, Francisco Fumega agradeceu a acollida e fixo un breve percorrido pola historia da relación entre a Ría de Pontevedra, o pulpo e O Carballiño, e convidou aos pontevedreses a asistir á Festa do Pulpo.

Ao remate do acto, que estivo amenizado por un grupo da Escola Municipal de Gaitas, degustáronse unhas racións de pulpo, pan de Cea e viño Branco Pazo Tizón. Con este acto rematan as presentacións da Festa do Pulpo nas catro cidades da Eurorrexión ás que se dedica esta ano a festa, e que son as portuguesas de Vila Nova de Gaia, Viana do Castelo e Braga, e Pontevedra.

Criticas do Partido Popular pola inactividade da Páxina WEb "festadopulpodocarballino.es"

O grupo municipal do Partido ven de "expresar a súa indignación pola irresponsabilidade do grupo de goberno socialista, que en véperas dunha nova edición da Festa do Pulpo mantén pechada a páxina web deste evento",unha situación que "se produce pola falta de pago nos conceptos da mantemento na rede".

Para acceder ao comunicado do Partido Popular, prema no arquivo adxunto:

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS