30, Agosto 2010

O incerto novo proxecto do C.D Arenteiro comezaba a tempada con tres puntos e o segundo posto momentáneo na clasificación, pouco máis se lle pode pedir á primeira xornada do campionato. En canto ó encontro, pouco que resaltar dun partido cativeiro xogado baixo un sol de xustiza. A victoria carballiñesa consolidábase na segunda parte cando Iago conquería o primeiro gol no minuto 67. O definitivo 2-0 sería obra do capitán Marcos Castro no minuto 81, un sobervio gol que finiquitaba un partido no que os de Mindo mandaron de principio a fin e non tiveron excesivos atrancos para doblegar a un debutante A Peroxa certamente limitado. Non moito máis sobrado está tampouco o C.D Arenteiro que terá que mellorar moito para evitar complicacións de cara a salvar a categoría, en todo caso seguimos agardando que poida chegar algunha fichaxe máis nos vindeiros días para seguir sumando.

30, Agosto 2010

O PSOE da comarca de O Carballiño esixe a paralización da execución da pranta de compostaxe que se está a construír na localidade de Fontaíñas, no concello de Cea, e solidarízanse cos veciños afectados por este proxecto. Os socialistas esixen, ademais, unha resposta por parte do alcalde de Cea, ao recoñecer nunhas declaracións que non tiña ningún coñecemento de que se estivesen realizando obras no lugar onde se ubicará a pranta. Sen embargo, xa hai dous meses que se está a traballar en ditas obras, e según o PSOE comarcal de O Carballiño, o concello de Cea deulle o visto bo a este proxecto o pasado mes de maio a sabendas de que afectaba directamente ós concellos de O Carballiño, Maside e Cea. Resulta sospeitoso, según o PSOE, que o "Proxecto de zona de maduración de compostaxe e nave de almacén", que é así como se denomina a pranta, fose redactado por unha concelleira do PP de Cea, a cal votou a favor da súa instalación en Fontaíñas. Todos estes interrogantes, según o PSOE, deberán ser explicados polo alcalde de Cea e polo Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o cal foi o principal opositor da construcción dun Parque Empresarial Medioambiental no Riberio, que non contemplaba nin residuos urbanos nin queimas, e agora aproba a tramitación dunha pranta de compostaxe. A agrupación comarcal do PSOE de O Carballiño considera que un proxecto destas caracteríastas non pode ser levado a diante desta maneira, xa que se  trata dunha instalación que debe reunir unhas condicións medioambientais excepcionais debido a que afecta a moitas localidades, terreos e acuíferos lindantes, e por iso, esixen ao PP de O Carballiño e Maside que se manifesten en contra deste proxecto e axuden á súa paralización, como xa o están a facer os alcaldes de ambos municipios. Do mesmo xeito, o BNG presentaba esta mañá unha moción onde solicita ao Concello de Cea a inmediata e definitiva paralización tanto das obras como do transporte do lixo que está a converter a zona nun vertedoiro ilegal, así como tamén a intervención das autoridades tanto das Consellarías de Medio Ambiente como de Medio Rural e Sanidade para que elaboren as súas correspondentes avalización e informes ao tratarse dunha problemática que está por riba, según o BNG, das competencias municipais.

27, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) Situado no corazón do Ribeiro, a tan so 10 km do Carballiño e de Ribadavia atópase o concello de Leiro e ata alí trasladáronse os micrófonos da Cope con motivo da XXI edición da Festa da Vendima que se celebra o vindeiro domingo 29 de agosto. O seu alcalde, Francisco José Fernández, aseguraba que se por algo se coñece Leiro é polo seu viño. Pero no so o viño é importante neste concello, senón que o eslogan fai mención a outras dúas xoias "Leiro terra de pedra, auga  e viño".  Pedra referida á da Perna Corneira e das grandes obras arquitectónicas como o Mosteiro de Clodio e a ponte romana, a auga do río Avia e do balneario de Berán e por suposto, o famoso viño do Ribeiro. Foi en Leiro onde se formou a primeira cooperativa de viño. Pero o alcalde tamén tivo ocasión de falar dos diferentes temas municipais que afectan ó concello. Un deles, o balneario de Berán onde o concello está a traballar na súa posta en funcionamento, neste caso parada por un problema de tipo económico debido á profunda crise, aínda que xa existen tres empresas interesadas na súa posta en funcionamento e no hotel. Pero este non é o único problema, xa que algún membro da entidade local de Berán, así como algún veciño, están a poñer continuas trabas. Outro dos proxectos que se levaron a cabo nos últimos meses foi a remodelación da Praza do Cruceiro, onde "a maioría dos veciños están encantados co resultado final", anunciaba o alcalde. Non tanto o están os membros da oposición, que o xoves presentaban unha moción onde denunciaban graves deficiencias na remodelada praza, onde o piso non é uniforme a pesar dos 300.000 euros investidos. Outro dos temas tratados foi o traslado da biblioteca municipal ó Centro Social, e nas mesmas instalacións da biblioteca, gracias a unha subvención recibida, albergarán as oficinas de atención ó cliente para favorecer o acceso ás persoas maiores. Hai uns días, según aseguraba o alcalde, solucionáronse tamén os problemas da TDT e gracias a Alfonso Rueda, conqueriuse que Leiro fose un dos primeiros concellos que recibise a emisión vía satélite directamente. Franciso José Fernández adiantou, nos micrófonos da Cope, que a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello vai máis rápida do previsto. Presentáronse de novo as respostas en diversos organismos e xa se está traballando na resposta das alegacións que fixo a confederación hidrográfica. En canto ó proxecto do Centro de Día xa foi encargado por parte da Xunta de Galicia e agora so falta esperar para realizar posibles correccións, e a partir do vindeiro ano procederase ós trámites de licitación da obra.

Outro dos convidados no noso programa foi Ramón Álvarez, concelleiro de cultura do Concello de Leiro e coordinador da Festa da Vendima. Ramón contábanos que a súa pasión polo viño ven de familia e que este ano a colleita das uvas está mellor nas zonas baixas, onde hai máis lentura na terra, mentres que nas zonas altas, hai menos lentura e a colleita está máis verde. O concello de Leiro conta con importantes adegas, as cales crean postos de traballos tanto directos como indirectos, facendo desto a industria máis importante para o concello. Ramón Alvárez adiantábanos o programa da Festa da Vendima que este ano espera batir récord de participación en canto ó desfile de carrozas, un dos principais atractivos da festa. A xornada festiva e de lecer comezará as 10:00 horas coa recepción de Acios na Praza do Cruceiro, os cales se presentan a concurso; o mellor acio recibirá un premio de 90 euros, o segundo mellor acio levará 60 euros e o acio de bronce quedará con 30 euros. No concurso valorarase ante todo, a calidade da uva, a presentación e o grado de maduración. Ás 12:00 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo da Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella e ás 12:30 horas dará comezo o tradicional desfile de carrozas e charangas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira. Os premios das carrozas consérvanse con respecto ós do ano pasado. A carroza de adultos gañadora recibirá 1000 euros, a segunda 750 e a terceira 500. Ademais tódalas carrozas participantes recibirán un premio de 300 euros. Os máis cativos non quedan fora deste festexo e a mellor carroza recibirá 450 euros, a segunda levará 350 e a terceira, 250 euros; 150 euros será o que leven só por presentarse. Un mercado artesanal con 18 postos no paseo fluvial será outra das actividades programadas para este día. Ademais todo aqueles que queira comer, a partir das 14:00 horas terá lugar o xantar oficial no Salgueiral cun menú do máis variado. As entradas que teñen un custo de 23 euros aínda están á venda nos diferentes bares de Leiro ata o sábado á noite. Na sobremesa farase a entrega de premios ós gañadores do concurso de Acios e das carrozas. Despois do xantar, ás 20:30 horas, as corais do Val de Avia, Berre e Portugal darán un concerto na Igrexa de San Pedro de Leiro. A partir das 22:00 horas, unha orquestra amenizará a verbena ata que o copo aguante.

Outro dos convidados foi Ernesto Romero, propietario do Cine de Leiro. Ernesto leva 27 anos co cine e neste tempo "houbo momentos moi complicados" onde tivo que pechar a sala. Foron momentos difíciles pero o cine é unha das súas pasións e pensou en implantar o cine en 3D, o cal lle ocasionou un custo de 90000 euros. Foi co fenómeno da película Avatar cando se pasaron por Leiro cerca de 5000 persoas e onde o novo cine do concello se convertIu no centro de atención. Este éxito, según anuncia o propietario, quizais nunca se volva a repetir porque cidades como Ourense ou Xinzo de Limia xa contan agora con cine en tres dimensións. Ernesto anunciábanos algúns dos vindeiros estrenos como "Come, reza, ama" de Julia Robertes e Javier Bardem, "Los viajes de Gulliver", "Las Crónicas de Narnia 3", mentres que durante esta semana e a que ven a película en carteleira será "The Karate Kid". Ernesto, "espera xubilarse e disfrutar co seu cine e oxalá os espectadores o disfruten tanto como o fai el".

25, Agosto 2010

Maside celebra as súas festas do San Vitorio cun programa de tres días que se abrirá este venres. Pero desde o día 21 son moitas as actividades culturais que se veñen celebrando nesta vila, como a tradicional Festa do Cabalo. As actividades previstas para o mércores 25 corren a cargo da obra de teatro "A familia do Pindirico" que terá lugar ás 19:30 horas na Praza Julio Rodríguez Soto e a exhibición da película "Ace Age 3" ás 22:00 horas na Praza Maior. O xoves 26 remata a programación cultural de Maside 2010 coa actuación do monologuista "Avelino González " na Rúa Principal ás 21:30 horas e cunha sesión de fogos artificiais á medianoite. En caso de que o tempo non o permita as actividades trasladaranse ó Pavillón de Deportes e á Casa da Cultura. O venres 27 unha salva de bombas de palenque e un pasarrúas cunha banda de música anunciarán o inicio dos festexos á primeira hora da mañá. A misa cantada pola Coral A Torre e a procesión celebrarase ás 12:30 horas. As 20:30 da tarde a Banda de Gaitas de Maside ofrecerá un pasarrúas e desde as 22:00 horas as orquestras Montes e Combo serán as encargadas de amenizar a verbena. Á medianoite terá lugar unha sesión de fogos de artificio. O sábado 28 haberá misa cantada polo Coro Parroquial e procesión ás 12:30 e a partir das 22:00 horas verbena amenizada polas orquestras Lamas e Alcotán. Ás 24:00 horas interrumpirase a festa cunha sesión de fogos de artificio. O domingo 29 terá lugar unha festa campestre na Rañoa cun xantar que organiza a Comisión de Festas, con servizo de restaurante incluido onde a charanga "Castro Vello de Maside" se encargará de animar a tódolos asistentes ás 13:00 horas, na sobremesa a partir das 16:30 horas e pola noite cunha terceira actuación ás 23:30 horas. Pola noite,unha afamada orquestra encargarase de pechar os festexos de Maside. O domingo 5 está prevista unha carreira Popular en honra ás Festa do San Vitorio.

24, Agosto 2010

O Concello de Beariz procedeu ó fallo do "Concurso Literario 2010" que se enmarca dentro da programación cultural do verán. O primeiro premio, cunha dotación económica de 550 euros, concedeúselle a un veciño de Torrejón de Ardoz, pola súa obra "Un espejo ovalado". O segundo premio, de 350 euros recaeu nun veciño de Sevilla e o terceiro, de 250 euros foi parar ás mans dun veciño de Beariz. Dende o concello tamén se presentou  a edición nº 20 da súa revista cultural "O Quince". A revista cunha tirada de 1000 exemplares edítase anualmente pola Comisión de Cultura do Concello de Beariz. Un ano máis intentaron mergullarse na cultura da xente do pobo, debido o especial interese que estes temas despertan sobre aquelas persoas ás que se lle solicita algún tipo de coloboración ou que por iniciativa propia presentan os seus traballos para que sexan incluídos na revista. Pero esta non foi a única presentación que se fixo durante os últimos días no Concello de Beariz. Unha exposición de pintura, de María Ofir Janeiro Ramos, e outra de escultura, de Juan Manuel Paz son outras actividades que se presentaron e que se encontran dentro da programación do verán cultural do concello. As esculturas expostas son da súa serie de inspiración medieval e están elaboradas en diferentes tamaños e materiais. A exposición estará aberta os días lectivos en horario de mañán na casa do Concello de Beariz ata o día 31 de agosto.

24, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O I Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU), organizado polo Xacobeo 2010, levará durante os días 3, 4 e 5 de setembro ó concello de Cea a formacións musicais de distintos puntos do mundo que participarán nun evento novidoso co baile como protagonista. O innovador proxecto pretende convertir a Cea no escaparate das mellores orquestras a nivel mundial. Desta maneira, o evento, acollerá orquestras de distintos tipos e procedencias, ata un total de 11, entre as que se encontran a Orchestre National de Barbès (Francia), a Billo's Caracas Boys (Venezuela), Roy Paci & Aretuska (Italia) e as galegas Sintonía de Vigo e Olympus, entre outras. Paralelamente ó evento musical, a festa complétase con outras actividades como unha exposición sobre a historia das orquestras de baile en Galicia que estará distribuida pola localidade de Cea, un mercado popular e coloquios, así como un aparcamento e zona de acampada libre de case 10.000 m2 e 408 prazas. Os interesados pódense apuntar enviando a folla de inscripción que se atopa na propia páxina web do concello.

Durante os tres días, a programación iniciarase ás 13:30 horas coa sesión vermú, que dará paso, ás 20:00 horas, ós "Clásicos Latinos" e ás 23:00 horas ás "Orquestras do mundo". Así mesmo, á 1:00 horas terá lugar unha sesión verbena coas orquestras galegas e, a partir das 3:00 en adiante, unha festa cun dj. Trátase dun festival que responde ó estilo festeiro que nos caracteriza ós galegos. Un novo concepto que conxuga o formato tradicional da verbena popular cos actuais eventos musicais de masas. A gran foliada será grabada para un documental que recollerá a orixe e a evolución das miles de verbenas populares de Galicia e os momentos estelares do Festival.

23, Agosto 2010

A quinta festa da Asociación de Comerciantes e Empresarios de O Carballiño, terá como protagonista este ano a empresa "Frigoríficos Florindo e Hijos S.L." que recibirá o "Premio Azougue 2010". O premio recoñece a traxectoria profesional da empresa que foi fundada en Arcos hai preto de 50 anos por Florindo González Otero e que segue en mans dos seus fillos, Floro e Suso. A empresa cumpre cos requisitos axeitados para recibir dito galardón pola súa antigüidade, o alto número de empregos directos que ofrece e o alto grao de internacionalización con presencia en diferentes países como Chile, China, Japón, Malasia e Estados Unidos, e que según anunciaba Adolfo Nogueira, con "perspectiva de seguir crecendo"  O premio entregarase o vindeiro 3 de setembro nunha cea que se celebrará no restaurante O Pote. O prezo da entrada terá un custo de 20 euros e poderase adquirir en diferentes establecementos de O Carballiño, na Confitería Cerviño, en Establecementos Celta, en Hipercalzados e na Sastrería Pájaro. Manolo Blanco facía unha petición a tódolos comerciantes que asistan, "de levar un obsequio á dita cena".

20, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) A Casa do Concello acolleu o acto de presentación da programación das Festas do San Cibrao que se celebrarán do 14 o 19 de setembro no Carballiño. A gran aposta deste ano serán as orquestras, en lugar dos concertos que ata este ano eran o sinal de identidade dos festexos. Pero a actuación das mellores orquestras de Galicia non será a única novidade para este ano, senón que tamén apostan pola animación diaria con diferentes charangas, bandas de música, gaiteiros e actividades para os máis cativos. Previa á celebración dos festexos, o día 11 e 12 de setembro terá lugar o festival "Likorkafest 2010" coa actuación de diferentes grupos locais noveis de rock e rap na Praza das Monxas. O martes día 14 darán comezo as Festas na honra do San Cibrao coa inauguración do tradicional Alumeado Artístico ás 22:00 horas. O mércores día 15 terá lugar o pregón popular a cargo do "Humorista Campos" e a partir deste día e ata o 19 as verbeas correrán a cargo das mellores orquestras de Galicia. Paris de Noia, Gran Parada, Panorama, La Oca, Olympus, Tekila, Nova Palma, Filadelfia e Sintonía de Vigo serán as encargadas de amenizar as noites durante estes días festivos. Unha gran cambio onde se aposta polas orquestras debido a gran experiencia acadada en edicións anteriores, apuntaba o alcalde de O Carballliño, Carlos Montes. As diferentes actuacións terán lugar na Praza Maior, aquelas que conten cun palco de grandes características, e na Pista Roxa, o resto. As actuacións musicais deixarán un oco para outras actividades de ocio, culturais e deportivas. A tradicional Feira de Artesanía durantes os días 16, 17,18 e 19 e a "4º proba puntuable do Campionato Galego de Trial 4x4 na Comunal de Pol, serán algunha delas. A gran tirada de fogos realizarase os días 16 e 17 a cargo da Pirotecnia "Penide" e "La Gallega". Juan Nogueira, representante da comisión de festas, agradecía ós patrocinadores, colaboradores, comerciantes e persoas do pobo "a súa colaboración nun ano tan delicado como este" e onde contan cun orzamento de 130.000 euros.

20, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O vindeiro 22 de agosto celébrase en Maside a XXIII edición da Festa do Cabalo. Trátase dun concello que sempre tivo unha gran relación co cabalo, debido primordialmente á súa situación, nun cruce de camiños, por iso tal vez, houbo tantos arrieiros e comerciantes que enriba de mulas ou cabalos percorrían a nosa comunidade levando viño do Ribeiro ás vilas máis alonxadas de Galicia, das que a cambio traían xamóns e diferentes obxectos. Pero non so iso, senón que Maside tamén é terra de tratantes de gando ou feirantes que coa súa gorra, chaqueta negra e tixolas recorrían Galicia nas súas bestas en busca do mellor gando. Os descendentes dos antigos arrieiros gardaron sempre un gran cariño a dito animal e por iso, no ano 1988 decidiron organizar a I Festa do Cabalo de Maside, na paraxe natural do Puzo do Lago. Unha festa que non so desperta interese a nivel rexional ou autonómico, senón tamén nacional e internacional, a Festa do Cabalo de Maside é a festa cabalar continuada máis antiga que se celebra en toda Galicia. Os cabalos convértense durante un día nos auténticos protagonistas das máis diversas probas, as cales a organización intenta variar e innovar ano tras ano.

Joaquín Rodríguez, presidente da asociación do cabalo "Puzo do Lago", adiantou nos micrófonos da Cope o programa previsto para este ano. Ás 9:30 da mañá será a recepción dos animais e a apertura de inscripción para as diferentes probas, pero a xornada festiva dará comezo ás 10:00 horas con concursos morfolóxicos e cabalos do país. Éguas do País, Éguas Cruzadas, Cabalos de Pura Raza Española, Cabalos de Pura Raza Árabe, Éguas de Pura Raza Árabe, Andadura a dous tempos, Andadura de cabalos trotóns e Arrastre conforman a programación matinal que culminará a mediodía, ó redor das 14:00 horas cun xantar popular con posibilidade de degustar carne de poldro, o que converte esta festa cabalar tamén nunha xuntanza gastronómica. Ás 16:00 horas reanudarase a xornada festiva cunha ximkana para os máis cativos onde haberá trofeos para os cinco primeiros participantes. Ás 16:30 horas reanudaranse as probas con diferentes carreiras de cabalos trotóns, cabalos trotóns con carro, carreira de burros, carreira de cabalo de País, carreira de cabalos cruzados e carreira de cabalos de puro sangue inglés serán o atractivo para a tarde do domingo que rematará ás 19:30 cun sorteo dun magnífico potro. Finalmente ás 8 da tarde terá lugar a entrega de premios. En cada unha das probas haberá 3 premios de 100, 60 e 40 euros respectivamente acompañados dun trofeo. Unha festa que organiza a Asociación do Cabalo "Puzo do Lago" en colaboración co Concello de Maside e que este ano está adicada a Moncho Dalama, un dos grandes impulsores da festa, falecido hai un mes. Joaquín Rodríguez recordaba a súa figura como un peso importante da festa que fixo que progresara e se asentara nas súas primeiras edicións.

19, Agosto 2010

 (Redacción. Rocio Campos) A Casa do Concello de O Carballiño acolleu a renovación do convenio en materia de política da muller que leva a cabo o concello de O carballiño, xunto cos de Piñor, Punxín, Maside e Boborás.  Ó acto acudiron os alcaldes de ditos concellos, coa excepción do alcalde de Boborás, o cal non puido asistir, pero que fixo a súa asinación en días anteriores. Tratáse dun servizo, apuntaba o alcalde de O Carballiño Carlos Montes, de obrigado cumprimento porque o demanda a sociedade de hoxe en día. O servizo ten como finalidade a atención ás mulleres en tódolos aspectos e conta nas súas instalacións con persoas especializadas, entre elas unha psicóloga e unha avogada. A día de hoxe, o Centro de Información á Muller suma 136 expedientes abertos, dos cales 70 deles son de violencia de xénero. O convenio entre os diferentes concellos facilitará os medios económicos por parte da Xunta de Galicia para levar adiante este servizo, o cal so ten custo algún para o concello de O Carballiño, xa que ó resto dos concellos adscritos so se lle pide colaboración e compromiso coa causa, apuntaba a Concelleira de servizos sociais, Aúrea Francisco. O orzamento deste ano alcanza os 30.000 euros, que no caso de verse reducido coas vindeiras eleccións seguirán poñendo todo da súa man para traballar na materia.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS