19, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O Mosteiro de Aciveiro, no concello de Forcarei, foi o lugar elexido para acoller o derradeiro acto de presentación da XXXI edición da Festa do Gaiteiro que se celebra o vindeiro 21 de agosto en Soutelo de Montes. Ata alí achegáronse os micrófonos da Cope para recoller a información de primeira man.  No acto de presentación estivo o alcalde do concello, David Raposeiras, acompañado polo concelleiro de Cultura, Francisco Rozados "Rochi" e por Cristina de Andrés, en representación do despacho no que o concello delegou este ano dotar dunha maior proxección a festa co obxectivo de que sea declarada de Interese Turístico Galego. De feito, foi esta iniciativa a que levou ó concello a presentala na Casa da Galicia de Madrid, no Centro Cultural de Ourense, no Hostal Pazo los Escudos de Vigo e no Hostal de Los Reyes Católicos en Santiago. Raposeiras destacou que a celebración de todas as presentacións suscitaron "sensacións e emoción moi profundas" en todos os presentes. O empresario soutelano, José Manuel Otero Alonso, presidente do Grupo Puentes y Calzadas, será o primeiro embaixador da Festa do Gaiteiro, que como anunciaba Raposeiras é un gran defensor alá por onde vai do plato gastronómico por excelencia de Forcarei "a richada". Xosé Luis Barreiro Rivas "Fillo Predilecto de Forcarei" e gran escritor e politólogo exercerá, pola contra, de pregoeiro da festa. Por último o alcalde destacou que o presuposto deste ano está en torno ós 40.000 ou 50.000 euros. Señalou a "austeridade" coa que se programou este ano a festa e o abaratamento mediante o intercambio de agrupacións.

As actividades programadas para a Festa do Gaiteiro comezarán xa a víspera, co concerto do grupo folk "Fía Na Roca" o venres ás 23:00 horas na Praza da Igrexa. Pero o día grande espérase o sábado. As 10:00 horas comezará un pasacalles de bandas de gaitas, o pregón, a entrega de medallas do Gaiteiro, a imposición do título de Embaixador da festa e a intervención da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, conforman a programación matinal, que culminará ó mediodía co trailer da campaña Gadis que realiza un "cásting" para elexir ó "Super Gaiteiro". Pola tarde terá lugar o XII Concurso de gaiteiros solistas Avelino Cachafeiro "Gaiteiro de Soutelo". A partir das 22:30 horas haberá un concerto en homenaxe a José Firvida Cachafeiro "Maduro" coas actuacións de Lume na Lareira e os Diplomáticos do Acordeón.

Francisco Rozados "Rochi" falou da importante figura de Avelino Cachafeiro que tanto ten que ver na celebración desta festa. Cachafeiro naceu en 1899 e foi un home polifacético que non so destacou no mundo da música, senón que tamén foi un importante tallista, escultor, pintor, empresario e poeta. Con ta so 25 anos foi considerado o mellor gaiteiro e tivo ocasión de tocar en lugar tan emblemáticos como a apertura das Olimpíadas de Amberes ou no Teatro de Avenida de Bos Aires. Pero a Festa do Gaiteiro non é a única das actividades que se inclúe dentro do "verán cultural", senón que hai un amplo abanico de actividades lúdicas e culturais para todos os gusto e idades. A presentación, o 27 de agosto, da XIII edición da Revista Cotaredo, exposición das pinturas de Mario Rodríguez, exposición de fotografía "Forcarei en Cores" de Pancho Rodiño e Francisco Rozados, diferentes xogos infantís como a festa da espuma e a táboa de surf, festa da bicicleta para nenos e nenas, noite folk e noite rock en Forcarei o 27 de agosto, Festa das Dores en Forcarei do 27-30 de agosto  son algunhas das actividades que se incluén dentro do programa que remata o día 4 de setembro coa actuación de Xestreu no festival folk Churruchao de Presqueiras.

O concelleiro de urbanismo, comercio, industria e turismo, José González, apuntaba o crecemento industrial que se esta vivindo na zona, en concreto no polígono industrial de Vilapouca onde o que se pretende e que as empresas se asenten en Forcarei para non perder poboación e crear postos de traballos. Na área xa hai seis empresas asentadas e na parte nova do polígono xa están vendidas a case totalidade das parcelas. A última empresa en abrir foi ABCR, unha aposta arriscada polo dificultade de conseguir os terreos, pero que foi positiva porque se trata dunha empresa líder no seu segmento. Pero non so se pode falar do polígono de Vilapouca senón que nos últimos anos foron moitas as infraestructuras que deron a luz no concello como a residencia de anciáns en Forcarei, a nova gardería infantil, o Observatorio Astronómico Público situado en As Casetas e o Circuito de Kárting en A Magdalena que este ano albergou probas de alto nivel como o Campionato de  España "Supermotard"

Un concello situado no centro da comarca Deza-Tabeirós que conta con diferentes atractivos como o Mosteiro de Aciveiro, diferentes rutas de sendeirismo polas beiras do río Lerez, paraxes de casas rurais e ante todo unha boa gastronomía nun entorno único.

16, Agosto 2010

O concello de Boborás organiza para os días 11 e 12 de setembro unha excursión a Portugal para visitar lugares tan emblemáticos como o Santuario de Fátima, Coimbra ou Aveiro, entre outras. A saída está programada para o vindeiro día 11 desde o Colexio Público de Boborás. Farase unha parada na cidade de Braga e entorno ó mediodía está prevista a comida na localidade de Fátima, onde se visitará o Santuario de Fátima e máis tarde a localidade veciña de Nazaré. A cea será no hotel Católica. O día 12 pola mañá terá lugar unha visita guiada ós monasterios de Alcobaza e Batalha e rematarase a viaxe cunha visita ás cidades de Coimbra e Aveiro, co fin de chegar o lugar de residencia arredor as 23.00 horas do mesmo día. O custo da viaxe é de 70 euros para as persoas empadroadas no municipio, xa que o concello subvencionará o 50% do custo. Para aquelas persoas que non estean empadroadas e queiran asistir, o custo será de 100 euros. O prezo inclúe a viaxe de ida e volta, aloxamento e almorzo no hotel, xantar e cea do sábado, xantar do domingo, as visitas guiadas e o seguro de viaxe. Aquelas persoas interesadas poden facer a súa inscripción no concello antes do día 3 de setembro.

13, Agosto 2010

Un veciño da urbanización de Outeiro Grande, en Maside, que corresponde ás iniciais J.A.I.A. denuncia que autores descoñecidos, tras forzar a porta de entrada ó recinto da empresa, así como tamén a porta da nave,  roubaron do interior un camión cunha grúa da marca Volvo de cor branco e franxas vermellas o pasado xoves de madrugada, entre as 23:00 e as 00:30 horas. O camión que se atopaba cargado con aparatos sanitarios e grifería estaba no interior da nave aberto, pero sen chaves no seu interior. O camión valórano nuns 45.000 euros, o material sustraído nuns 9000 euros, mentres que os danos ocasionados en 1000 euros.

13, Agosto 2010

A Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, xunto co Delegado Territorial, Rogelio Martínez González e o Xefe Territorial da Consellería de Traballo, José Sela Souto visitaron Avión con motivo da nova Residencia de Maiores "Alvetus" onde o alcalde do concello, Antonio Montero e a Directora do Centro, Eva Campo os esperaban á súa chegada para recorrer ás novas instalacións do centro. Esta residencia de maiores pasa a formar parte do Centro  Integral de Servicios Sociais "Alvetus", que desta maneira se converte nun gran complexo residencial e de servizos sociais para persoas maiores ou dependentes. Con esta nova residencia cérrase o círculo sobre as posibilidades tanto de vellez como de dependencia sen sair do concello, xa que dende que abra as súas portas terán á disposición dos cidadáns tódolos equipamentos posibles según os grados de dependencia previstas. Despois da visita da Secretaria Xeral de Familia e Benestar, os veciños de Avión terán a oportunidade de coñecer a fondo a nova residencia durante unha semana completa, desde este venres 13 de agosto ata o vindeiro 30 de agosto, incluido a fin de semana tanto en horario de mañá como de tarde. Un servicio que serve de modelo para outras localidades, xa que ademais de cubrir as necesidades tanto de vellez como de dependencia creou ata agora máis de vinte postos de traballo, ocupados a inmensa maioría por xente de Avión, e que está previsto aumentar a plantilla con este novo equipamento que empezará a funcionar en moi pouco tempo.

13, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O programa que cada venres de verán emite Cope O Carballiño de forma itinerante, estivo esta semana adicado ó concello de Carballedo, na provincia de Lugo. Aínda que pertence a outra provincia é certo que Carballedo está intimamente ligado co concello de O Carballiño, tanto na súa raíz toponímica como na escasa media hora que separa a ambos núcleos de poboación. Os dous concellos fan honor ó seu nome, xa que están bañados de carballos e outra vexetación típica de Galicia. O concello ten a súa capitalidade municipal na localidade de A Barrela, e hoxe mesmo celebra a súa feira mensual. Ó longo de todo o programa tivemos a ocasión de falar con diferentes traballadores do concello, entre eles co seu alcalde Julio Yebra-Pimentel. O alcalde aseguraba que Carballedo é un pobo moi rural que conta con moitos núcleos de poboación e que en parte segue vivo gracias á colaboración de tódolos traballadores do concello. O medio rural galego está sufrindo unha gran recesión debido a que se concentra todo nas grandes cidades. Hoxe en día é moi difícil manter un concello con estas características onde desde o concello non se pode planificar, xa que sempre están pendentes doutras administracións. Dende o programa pide a colaboración cidadán, xa que o que "non se pode pretender é que o concello solucione todo". O polígono industrial que verá a luz unha vez que remate a autovía axudará ó asentamento da poboación que tanto necesita o pobo. Pero esto non parece algo inmediato, xa que as obras da autovía Ourense-Lugo quedaron paralizadas nos últimos días.  Unha grave situación para o concello nesta época estival que demostra unha gran improvisación neste tipo de obras e que desta maneira teñen que buscar outras alternativas para o tramo dende A Grela-A Barrela, xa que afecta ó nexo de comunicación entre as comarcas de O Carballiño e O Ribeiro. Pero a paralización da obra non so afecta á comunicación entre as diferentes vilas, senón tamén perxudica ós ríos, á fauna e á flora. 

Outro dos convidados ó programa foi Jesús Fernández Dorego, un artista de renome que viviu durante trinta e oito anos en Madrid, pero que voltou a súa terra xa que nunca se considerou da capital de España. Entre os traballos que realiza destaca a talla en pedra, madeira e colmillos de elefante.  Jesús asegurou que nos 139 km2 cos que conta o concello podemos atopar unha importante mostra arquitectónica relixiosa e un dos primeiros testimonios do cristianismo en Galicia. Nunha pequena igrexa da parroquia de Temes achouse un sarcófago que data do s. IV. Jesús tamén nos falou do carballo máis lonxevo de Europa, o cal ten  máis de 1500 anos de antigüidade, 34 metros de altura e que produce unha sombra de 630 m2.

Elvira Fernández González é unha das propietarias do Hotel Río Bubal, o cal se atopa na entrada de A Barrela indo dende O Carballiño. Podemos atopar un menú do máis variado, pero a súa especialidade céntrase na carne á brasa, o bacallao e os postres caseiros. O nome do hotel fai referencia o principal río que atravesa o concello, o río Bubal. Un río que ten moita soa polas boas troitas que leva, as cales non se poden comercializar.

Raquel Vázquez, educadora familiar, e Beatriz Ríos, informadora xuvenil, son as encargadas de realizar diversas actividades e de axudar ós máis cativos. Debido a gran extensión do concello, que conta cun total de 201 entidades locais, tenden a centralizar as actividades nun so núcleo de poboación, xa que doutra maneira tería un custo moi alto.  O concello ofrece unha oferta cultural moi ampla dirixida ós máis cativos e ás persoas da terceira idade. Aínda que nos últimos cinco anos aumentou o índice de poboación, a maioría segue sendo envellecida.  Debido á situación do concello, enclavado na Ribeira Sacra, existen diferentes rutas de sendeirismo propias para os meses de verán, así como tamén se poden visitar as moitas igrexas que rodean o concello. Pero a oferta cultural de verán para os máis ctivos comezou a finais de xuño cunha festa para os nenos e nenas, un campamento para nenos de entre 4 e 12 anos nas instalacións do polideportivo, diferentes espectáculos de maxia, circo e excursións á Ribeira Sacra, entre outras actividades. Raquel e Beatriz recordaban que existe unha oficina de información xuvenil para resolver dúbidas de calquera aspecto.

Jesús Sánchez, encargado de emprego local do concello, asentía que estamos nun concello onde a gandeiría ten un peso importante "onde se ven boas vacas, aínda que non tantas como antes". Existen explotacións con cerca de 200 vacas de tipo tradicional de rubia galega, mentres que as de raza de leite  foron desaparecendo co paso do tempo. A xente xoven, polo xeral, non tende a implicarse nas explotacións agrarias familiares, pero si nas diferentes asociacións cooperativas que existen no concello. Pero non so a gandeiría é importante, senón que outros sectores productivos do concello son o forestal que atravesa unha profunda crise debido ó baixo nivel de corte e venta no monte, o sector servicios nos grandes núcleos de poboación como en Castro ou A Barrela, o pequeno comercio, a construcción e o sector do transporte. Dende o día 18 de agosto do ano 2009 existe un servicio de orientación laboral onde acude xente de toda a comarca de Chantada. Jesús ofrece servicios de asesoría, axuda ós emprendedores, ós desempregado e incluso axuda en tarefas como pode ser a realización dun curriculum vitae.

Unha xornada radiofónica que abarcou tódalas perspectivas de Carballedo, dende a xestión, pasando por turismo, gastronómica, historia e servizos. Unha localidade enclavada na Ribeira Sacra que alberga entre os seus límites xeográficos unha historia relixiosa, arquitectónica e paisaxística. Un pobo que recorre as primeiras pegadas do cristianismo e posúe a árbore máis lonxeva de Europa.

11, Agosto 2010

( Redacción. Rocio Campos) A Agrupación Local do PSOE felicita ó grupo do goberno municipal polo resultado acadado na derradeira edición da Festa do Pulpo e da celebración das Xociviga 2010. Ambos actos de gran repercusión gastronómica e cultural para o concello favoreceron tanto á hostelería como ó sector turístico. Nas derradeiras semanas as prazas hoteleiras do Carballiño e dos arredores quedáronse curtas, rexistrando unha ocupación do 100%. Pero o éxito acadado non sería posible, segundo o PSOE, sen a intensa laboura feita desde as diferentes áreas do concello, como a de Turismo, Cultura ou Comercio, que cunha organización á altura das circunstancias colaboraron na consecución dun record guinness para O Carballiño, o do plato de pulpo máis grande xamais visto. Na celebración de ambos eventos tamén cabe destacar, apunta o PSOE, a implicación dos departamentos de Medio Ambiente e Obras e Servizos Públicos, así como tamén da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e Forzas e Corpos de Seguridade. Pero os agradecementos por parte da agrupación local do PSOE, non so se limitan á colaboración cidadán, senón tamén á presenza de diferentes persoeiros que tras ser invitados polo concello carballiñés se derón cita o pasado día 8 na  XLVIII edición da Festa do Pulpo. Entre os presentes hai que destacar ós membros do goberno municipal de Oberhausen, cidade xa irmandada coa historia carballiñesa despois da repercusión do pulpo "Paul", así como tamén a presenza do actual ministro de Fomento José Blanco. Non é o caso da falta da representación do Goberno Galego, o presidente Alberto Núñez Feijoó, tamén invitado con suficiente antelación, e do líder da oposición municipal do Partido Popular carballiñés, Argimiro Marnotes. O Secretario Xeral da Agrupación Local do PSOE, Guillermo Fernández Dopazo quixo agradecer finalmente "o esforzo de todos os partícipes nestes eventos e felicitalos e animalos para que as vindeiras edicións tanto das Xociviga como da Festa do Pulpo sigan o camiño marcado neste ano".

9, Agosto 2010

O concello de Boborás pon a disposición dos rapaces un total de quince prazas para disfrutar do Campamento Xuvenil Virxe do Loreto, en Porto do Son entre os vindeiros días 23 e 29 de agosto. A saída terá lugar o día 23 ás 9:30 da maña do CEIP Nosa Señora de Xuvencos, para chegar a dito campamento ás 11 da mañá, sendo a chegada a Boborás o día 29 ás 12:30 da mañá. Os asistentes irán acompañados de dous monitores con titulación en materia de tempo libre que tratarán de fomentar nos rapaces a convivencia, o respeto e outras actitudes imprescindibles para o desarrollo armónico da persoa, a través de diferentes actividades como obradoiros de artesanía, reciclaxe e xogos, entre outras. O concello de Boborás farase cargo do 50% do custo do campamento e cada un dos participantes deberá de abonar a cantidade de vinte euros.

8, Agosto 2010

O abade de Oseira, O Cónsul español en Dusseldorf e o Concelleiro de cultura de Oberhausem, foron os protagonistas do acto institucional que acollía a casa do concello do Carballiño, con motivo da celebración da XLVIII Festa do pulpo, e que trouxo atá O Carballiño a otros persoeiros da vida social e política, entre eles ó Ministro de Fomento José Blanco, todos eles asinaron no libro de honra do concello carballiñés. Deulles a benvida o Alcalde do Carballiño, Carlos Montes, e logo tomou a palabra o Abade de Oseira, Juan Javier Martín, que agradeceu a dedicatoria da festa ó Mosteiro de Oseira e manifestou sentirse emocionado nun acto no que "siento en estos momentos que no solo represento a la Oseira de 2010, sino a tantas y tantas y tantas generaciones que durante 8 siglos poblaron Oseira". Manuel Viturro, o Cónsul Español en Dusseldorf, destacou a gran repercusión mediática que despertou o pulpo Paul e o acordo do Concello do Carballiño de nomealo "Amigo Predilécto", e amosouse sorprendido ante "el ambiente festivo que me he encontrado en O Carballiño, la alegria y la implicación de la población, se nota la importancia que tiene esta fiesta". Desde as once da mañá en adiante as caravanas de vehículos convertironse na estampa que podia verse en todas as entradas á vila, aínda que non houbo que rexistrar retenciones no tráfico. A Afluencia de público O Carballiño durante esta xornada festiva volveu a ser importante, acaso non na medida que apuntaban algunhas previsións feitas nos últimos dias debido "o efecto Paul", asi e todo desde a propia organización cifrouse a asistencia arredor das 90.000 persoas, o que constituiría un record na historia da convocatoria festiva.

6, Agosto 2010

( Redacción. Rocio Campos) O vindeiro domingo 8 de agosto celébrase a XLVIII edición da Festa do Pulpo en O Carballiño adicada este ano o Mosteiro de Oseira.  Ás 12 da mañá terá lugar o acto de recepción institucional na Casa do Concello onde se espera unha representación oficial da comunidade cistercense de Oseira. Unha adicación acertada a deste ano dada a estreita relación en tempos pasados e a importancia dos propios monxes na historia de dita vila e na tradición "pulpeira". Pero este ano o mosteiro tivo que compartir coprotagonismo co afamado pulpo "Paul", recoñecido por acertar os resultados dos partidos no Mundial de Sudáfrica 2010, que foi nomeado "Amigo Predilecto de O Carballiño. Esta consideración sería unha forma de agradecer a repercusión internacional que tivo a vila gracias ó cefalópodo. Repercusión que chegou a Alemania onde a visita do alcalde a Oberhausen foi o inicio dun proceso de colaboración turísta entre os dous municipios, que será  ultimado na visita que a delegación do concello alemán realizará o vindeiro domingo. Á cita acudirán o cónsul de Dusseldorf, Manuel Viturro, os edís de Cultura e Turismo, o xerente da capitalidade cultural europea, así como o xerente do acuario Sea Life onde se atopa o afamado cefalópodo. O alcalde de O Carballiño, Carlos Montes, mostraba a súa ledicia sinalando que "vai  ser un verdadeiro reto, sobre todo tengo en conta o magnífico trato recibido durante a nosa visita á cidade de Oberhausen". A intención dos dirixentes municipales é contar coas dúas vilas como eixes centrais do programa de turismo entre Alemania e España. A partir da repercusión do afamado cefalópodo formouse en O Carballiño a asociación de "Amigos del Pulpo Paul" que convocou para a semana da Festa do Pulpo  unha serie de actividades. Entre elas destacaba a de elaborar a tapa de pulpo máis grande do mundo sobre un plato de madeira de 2,20 metros de diámetro onde se serviron 120 kilos de pulpo. Un notario deu fe da elaboración da tapa, para poder enviar estos datos ó Récord Guinness, demostrando que é a tapa máis grande do mundo. O anterior récord tíñao a localidade madrileña de Alcobendas cun prato de 2,06 metros de diámetro. Esta iniciativa da asociación acrecentou aínda máis a repercusión mediática, de aí que  ocupación hoteleira en O Carballiño xa rexistre o 100%, así como o cámping municipal que conta con cheo absoluto tanto nas 26 prazas de acampada como nos 6 bungalows. Pero este ano as reservas xa estaban agotadas varias semanas antes da celebración da festa, incluso nos hoteis das comarcas veciñas. Manuel Amil, concelleiro de urbanismo e teniente alcalde do concello, anunciaba que todo o operativo de limpieza estaba preparado para a cita gastronómica do vindeiro domingo, o cal requiere moito esforzo, pero permite dar unha boa imaxe do pobo. Francisco Valeiras, xefe da policía local de O Carballiño, aconsella a tódolos asistentes vir escalonadamente durante toda a mañá para que a regulalción do tráfico sexa máis fácil para todos.

4, Agosto 2010

A asociación "Amigos del pulpo Paul" programa do 3 ao 8 de agosto diferentes actividades en O Carballiño con motivo da XLVIII Festa do Pulpo. A primeira cita tiña lugar onte día 3 cun reto dun plato de “pulpo á feira” de 2,20 metros de diámetro onde se serviron 120 kilos do cefalópodo a cerca de duas mil persoas na Praza Maior de O Carballiño. Pero a iniciativa da asociación non se reducirá so a este récord, senón que se ampliará con diferentes actividades ata a cita gastronómica do vindeiro domingo 8 de agosto. O mércores dia 4 haberá xogos para nenos a partir das 7 da tarde , e ás 11 da noite o concerto de "La Acústikasesina".

 O xoves día 5 concerto dun cantautor celestial a partir das 0.00 horas. O venres día 6 a partir das 18:00 horas actuación do espectáculo cabaret "Troula" e da charanga "Garrafón.com". Ademais, a partir das 21:00 horas terá lugar o festival "Octopusfest" onde se inclúe o final de Bandas do primeiro concurso "Jorigames.com" e a actuación dos grupos Buenos Aires de Portugal e Eladio y los Seres Queridos de Vigos, ambos fóra do concurso. O sábado 7 celebrarase unha cea para tódalas peñas. A venta anticipada das entradas poderase adquirir nos locais "A Botica" e "Moma" por un prezo de 15 euros.  Todas as actividades terán lugar na Praza Maior, Irmás Prieto e Aquilino Sánchez. Pero a gran cita será o domingo 8 de agosto coa tan esperada Festa do Pulpo e que rematará cun espectáculo de maxia para os máis cativos.  Á cita do vindeiro domingo hai que sumarlle a presenza do cónsul de Dusseldorf, Manuel Viturro, e varios dos edis de Oberhousen que confirmaron a súa asistencia á Festa do Pulpo. Pero non serán os únicos, xa que onte desde o concello alemán anunciábase a visita dos edis de Cultura e Turismo, o xerente da capitalidade cultural europea, así como o xerente do acuario Sea Life onde se atopa o cefalópodo. O alcade de O Carballiño, Carlos Montes, mostraba a súa ledicia, sinalando que "vai ser un verdadeiro reto, sobre todo tendo en conta o magnífico trato recibido durante a nosa visita á cidade de Oberhausen". Esta expedición ten como fin a posta en marcha de futuros proxectos comúns entres ambos concellos, sobre todo en materia de turismo e cultura.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS