4, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) O Concello de O Carballiño e a Consellería de Política Territorial e Obras Públicas ven de asinar un novo convenio sobre a obra do entorno da Veracruz. O convenio asinado fai dous anos, xa foi modificado en tres ocasións para establecer as pautas de financiamento e os prazos de remate das obras. Volve asinarse por cuarta vez unha nova modificación para poder cumplir os prazos de entrega das obras. Despois destes cambios, Carlos Montes espera que o proxecto poida comezar en outubro; o orzamento co que se conta para este ano é de 500.000 euros do millón que se tiña asinado nun principio para esta obra. No 2010 prevése un orzamento de 816.000 euros e para rematar o proxecto, no 2011 contaráse cun presuposto de 132.000 euros. A cantidade total ascende a 1.488.000 euros para poder acabar estas obras tan esperadas polo goberno municipal, según declarou Carlos Montes. Ademáis, Montes resaltou que a comisión de goberno levou un importante traballo a cabo coa expropiación dos terreos para poder poñelos a disposición da Xunta de Galicia. Con todo isto, o goberno municipal espera que con esta cuarta adenda se finalice completamente o proxecto e as obras do entorno da Veracruz.

31, Xullo 2009

Manuel Penedo falando para Cope O Carballiño

(Redacción. Belén González) No seu entorno pódense atopar numerosas arquitecturas que datan de diversos séculos como é a Ermita de San Bartolomeu e Virxe do Rosario, en Segade que data do século XVII; a igrexa de San Cosme de Cusanca do século XVIII e do pleno barroco e outras moitas máis decoran o Concello ó que esta semana se trasladou Cope O Carballiño. O Concello de O Irixo, que é o terceiro máis grande en extensión da provincia de Ourense, acolle un amplo abanico de posibilidades para non aburrirse. O seu alcalde corresponde co nome de Manuel Penedo Paradela, o cal está realizando proxectos para impulsar ó pobo. Entre as súas últimas obras está a ampliación da Casa Consistorial hacia o que foi a antiga Cámara Agraria e que hoxe en día funciona como Edificio Multiusos e almacén. Penedo tivo tempo para falar das obras do AVE, que tanto afectaron ó concello, do Plan E e de diversas actuacións que se farán nos diferentes pobos. Nestes momentos, o alcalde espera unha reclamación patrimonial pola auga de Cangues, ademáis de que a empresa concesionaria levará a cabo numerosas reparacións dos estragos causados no alcantarillado, a limpeza do cauce do río e o aglomerado das rúas. O Concello tamén se atopa pendente dunha reclamación feita no pleno que solicita o cambio do centro de transformación cara a zona norte do Outeiro. Os proxectos que aínda ten pendentes O Irixo son a base de montaxe que expropiará terreos ós veciños. A liña do AVE collerá uns 70.000 metros cadrados e esta base de montaxe vaille servir como unha liña de mantemento ó ADIF na estación do tren.

As obras que se van levar a cabo nos vindeiros meses son: o Plan E que está pendente da construcción dun muro de contención en Condomiña, asfaltar tódalas carreteras, executación da pista que vai dende A Ponte. Os plans provinciais realizarán un reforzamento da traída da auga a Parada de Laviote, entrada ó pobo por preto do Centro Social e a traída da auga a Casares. Un proxecto que aínda está no aire é a solicitude dunha gardería para o pobo, xa que nestes últimos anos tivo lugar un pequeno repunte demográfico.

Manuel Cerdeira -Lito- con Belén González nunha entrevista do programa

Outra das entrevistas foi a Manuel Cerdeira, o vicealcalde do Concello, que falou da IX Edición da Festa do Cabalo. Este ano, o programa ven repleto de actividades para esta xornada festiva o vindeiro 2 de agosto na Carballeira do Tellado.  Esta festa está organizada pola Asociación de Cabaleiros do Irixo que está composta por 30 persoas. Ás 12.00 horas comezará o concurso de beleza e estampa pura raza española; ás 12.30 horas celebraráse o concurso de beleza e estampa de cabalos cruzados e ás 13.00 horas haberá o concurso de beleza e estampa de potros/as. Despois desta exhibición haberá o xantar popular na carballeira onde os asistentes poderán degustar pulpo, carne ó caldeiro, empanada... A xornada continuará a partir das 17.00 horas co concurso de andadura galega de dous tempos; ás 17.30 horas celebraráse o concurso de andadura galega de catro tempos. Ás 18.00 horas terá lugar o concurso de andadura de cabalos trotóns. Ás 18.30 horas serán repartidos os trofeos e para rematar a partir das 19.00 horas actuará un dúo musical. Nesta edición haberá cabaleiros do Carballiño, de Maside, da Asociación de Cabaleiros do Deza e da zona da Barrela. Este mesmo día haberá unha exposición dos traballos realizados nos distintos obradoiros a partir das 10.00 horas e que estará aberto todo o día. Ademáis, non podería faltar o Verán Cultural que terá lugar entre o 3 e o 7 de agosto. Este campamento urbán celebraráse na Carballeira do Tellado, onde haberá monitores dende as 10.00 horas ata as 13.00 horas. Para que os máis novos sigan desfrutando da época estival, a IX Festa do Neno, o día 8, fará as delicias deles a partires das 16.30 horas no Colexio do Irixo. Haberá xogos populares, paiasos, xogos de escuma...

Outro dos convidados foi Antonio García Reinoso, Presidente da Asociación de Cazadores do Irixo (a esta asociación pertencen 252 socios), que manifestou as numerosas actuacións que está facendo o TECOR (Terreos Cinexéticamente Ordeados) para recuperar e protexer a biodiversidade que hai nos montes do Irixo. Despois dos incendios que tiveron lugar no ano 2006, Reinoso declarou "sempre tratamos de evitar lumes facendo cortalumes para a súa prevención". Ademáis, "cando arde máis dunha hectárea de monte, os cazadores non poden cazar durante un período de tres anos", según a nova lei de incendios. Dende o 2003, a Asociación traballa para ordear o terreo e aumentar as especies de caza menor, as cales se viron moi afectadas pola vaga de lumes. "Recuperamos moitas hectáreas de monte financiado polo programa AGADER"; tras varias reunións o programa foi aprobado no 2006 e que se levou a cabo entre o 2007 e o 2008. Dende o cumprimento deste proxecto, o Presidente da Asociación de Cazadores do Irixo confirmou que "estamos moi satisfeitos e témolo máis que cumprido. Hoxe pódese ir a pé polo monte sen ter que baixar a ningunha pista".

Un programa que abarcou diferentes puntos dende o acontencer na Casa Consistorial ata as actividades lúdicas que se van celebrar e os proxectos que está levando a cabo a Asociación de Cazadores do Irixo.

30, Xullo 2009

(Redacción.Belén González) Xa pasaron seis anos dende que se comezou a realizar o Festival Senuncan. Este venres día 31 e sábado 1 de agosto, Senuncan celebra o seu sexto aniversario que congregará a tódolos asistentes no Parque Muncipal. Despois da polémica xurdida ó coincidir con outro evento no mesmo lugar, o espectáculo comezará mañá venres e continuará o sábado; todos aqueles que queiran poderán acampar libremente. O cartel deste ano trae ó Parque Municipal ós grupos Gran Treboada, Rumborrachera, Muyayos de Raíz, Phantom Club, Os Chiquilicuatres, Kambotes, Fracasados de Antemano, Os Perqtores, Suzie Q´s, Banda Desarmada e Demetrius. Ademáis haberá obradoiros e xogos de sempre coa Asociación Cultural Os Serandeiros. A tan só un fin de semana da Festa do Pulpo, O Carballiño ofrece boa musica con acento xenuinamente galego e do entorno da comarca.

28, Xullo 2009

A Concelleira de Cultura do Carballiño, Inmaculada Ucha, deu a coñecer as dificultades coas que está a afrontar a organización das Xociviga na súa edición para este verán do 2009, xa que a estas alturas do ano está pendiente a finaciación para o certame cinematográfico carballiñés. Dunha banda, os cámbeos na Xunta de Galicia levaron a Dirección Xeral do Audiovisual a deixar sen efecto as convocatorias polas que se subvencionaban este tipo de festivais, e dentro da política de austeridade e recorte de gastos que veñen anunciando os novos responsables autonómicos. Asi e todo, a Concelleira asegurou que a Xunta está "en predisposición de contribuir a financiar as Xociviga´" a través de axudas que espera recibir por medio da Seretaría Xeral de Medios. O mesmo acontece coa petición de axuda tramitada polo Concello do Carballiño ante o Ministerio de Cultura, ón de o cámbeo do seu titular, tamén motivou a tardanza na resposta á solicitude presentada para as Xociviga. Asi as cousas, e de non concretarse estas axudas, as Xornadas de Cine que veñen celebrandose no Carballiño desde a década dos oitenta do século pasado terían moitos problemas para completar a súa financiación e poder levar a cabo a programación prevista. De todas as maneiras, a concelleira amosouse optimista e confia en que o programa cinematográfico poida desenvolverse a finais de agosto, tendo ademáis como aliciente a estrea das novas equipacións das que foi dotado o auditorio do Carballiño para acoller proxecións cinematográficas.

28, Xullo 2009

(Redacción. Belén González) A Asociación 8 Notas mostrou na "Mañá de Cope O Carballiño" o seu descontento cos organizadores das festas patroais deste ano por non contar no cartel de actuacións con ningún grupo musical carballiñés. Miguel, un dos integrantes da asociación musical composta por 80 persoas, pediu nos micrófonos do noso programa que se conte cos grupos locais, porque o que eles queren é tocar nun bo escenario e contar cun equipo de son axeitado; ademáis tamén afirman que lles gustaría ser teloeiros dalgún grupo importante e non ser reclamados soamente para tocar nunhas festas de menos envergadura que as do Setembro.
Outros dos reclamos dende a asociación é o local de ensaio, un proxecto que foi aprobado polos grupos políticos no Carballiño cando o BNG estaba na Xunta. Despois de varias reunións, os diferentes partidos políticos déronlle luz verde ó proxecto e o concello enviou tódolos papeis precisos, pero ata o día de hoxe non se voltou saber nada. Nun principio, o local íase ubicar no baixo do pavillón deportivo Paco Chao.
8 Notas bótalle en cara ó grupo de goberno municiapl que deixase de lado a idea do local de ensaio. A esperanza que lle queda é Argimiro Marnotes, o voceiro do Grupo Municipal Popular, que fará de intermediario para traer o proxecto para aquí.

27, Xullo 2009

(Redacción. Belén González) Doce rapaces desfrutarán durante unha semana no Campamento Xuvenil Espiñeira, en Boiro (A Coruña). A actividade terá lugar entre os días 2 e 9 de agosto; a saída terá lugar o día 2 dende o colexio Nosa Señora de Xuvencos despois do mediodía e coa chegada ás 18.00 horas. O día 9, será o día de volta e chegarán a Boborás ó redor das 20.00 horas. Tódolos rapces que asistan irán acompañados por dous monitores que posúen a titulación en materia de tempo libre. Eles serán os encargados de fomentar entre os rapaces a convivencia, o respeto e demáis actitudes que son imprescindibles para o desenrolo da persoa. Ademáis tamén realizarán actividades como obradoiros de artesanía, reciclaxe, xogos e moitas máis cousas que non deixarán que se aburran. O custe desta actividade é de 45 euros por asistente, dos cales o Concello subvencionará o 50%, mentres que o participante terá que por 22,5 euros.

26, Xullo 2009

Unha notificación remitida polo Concelleiro de Festexos Francisco Gómez ós polbeiros e polbeiras está motivando certo  malestar no sector, xa que se considera como de excesivo o nivel de esixencias que se piden para autorizar os postos de venda de polbo no parque municipal, na festa a celebrar o vindeiro domingo 9 de agosto. Entre a documentación que se solicita, e que deberán presentar antes do dia 31 de xullo, figura o carné de venda ambulante do exercicio anterior expedido polo Concello, unha fotografía recente tamaño carné, e determinación do número de persoas habilitadas para a venda baixo a dependencia do titular da autorización, que incluirá unha relación tanto das persoas maiores de 16 anos que traballarán no posto, e as persoas vinculadas a él mediante contrato laboral,  deberndo aportar aportar fotocopia do Nif e, de selo caso,do contrato laboral. Tamén se detallla a cuota a pagar de 40 euros e unha série de requisitos que serán de obrigado cumprimento, advertindoselle ademáis de diversas infraccións sancionables cunha multa económica. Algunhos polbeiros e polbeiras manifestaron a Cope O Carballiño o seu disgusto por esta misiva, xa que entenden que a súa participación na festa é algo tradicional e familiar, como a propia tradición polbeira da parroquia de Arcos, polo que non entenden "a que ven tanta esixencia" cando en realidade "fan un importante esforzo para estar no parque o dia da festa faltando incluso nalgunhos casos ós seus compromisos de todos os domingos". Na edición do pasado ano foron en total 28 os postos de polbo que se instalaron no parque municipal, bastantes menos dos 45 que chegaron a reunirse fai unhos cantos anos atrás.

24, Xullo 2009

Apertura da Escola Infantil no colexio Calvo Sotelo

(Redacción. Belén González) Esta mañá a conselleira de traballo e benestar, Beatriz Mato inaugurou en presenza do alcalde Carlos Montes, do Presidente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Martínez, e de Rogelio Martínez, Delegado Territorial da Xunta en Ourense a Escola Infantil no colexio Calvo Sotelo, unha inauguración na que non se fixo ningunha referencia ós promotores deste novo servizo, os antigos rectores do Consorcio e da Ex-Vicepresidencia de Anxo Quintana, o que molestou ós represntantes do BNG local, presentes neste acto..  Este proxecto sufriu un retraso dende que se producíu o cámbeo de goberno autonómico. O Bloque Nacionalista Galego foi acusado de "adoctrinamento" debido a implantación do galego como único idioma no centro infantil. O voceiro do BNG, Manuel Amil, explicou este feito e manifestou que en "ningún caso estaba previsto adoctrinar ós nenos e as nenas, porque é absurdo a nenos de meses adoctrinalos". Tamén declarou que "a xente debe ser consciente que as primeiras pedras que nas puxo foi o BNG a través da vicepresidencia que foi a impulsora deste proxecto."

24, Xullo 2009

O alcalde, Antonio Montero, nun momento do programa

(Redacción Belén González) Esta semana "A mañá de Cope O Carballiño" viaxou ata o Concello de Avión para emitir o seu programa. Ó estudio móbil acudiron diversos invitados do pobo para achegarnos a historia e a actualidade do que aconteceu e do que acontece.
      Entre os invitados hai que destacar a intervención do seu alcalde, Antonio Montero que falou do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Programa encargado de regular a construcción e a rehabilitación das casas do pobo. O parón na construcción debido a crise provocou o freo desta actividade, pero Montero tamén reclamou que "fai falta unha zona de extensión onde se poida construir e esperamos que esta crise, máis adiante, permita reactivar a necesidade de construir na nosa zona". O famoso Plan E, tamén se está levando a cabo en Avión grazas ó que se está construíndo unha residencia. Esta instalación terá lugar para 20 persoas, grandes dependentes, que cubrirá tódalas necesidades e que ofrecerá traballo para cinco ou oito persoas.
     Outra das obras é a construcción do Parque Eólico que se viu freado por diversas cuestións técnicas e legales; a obra xa está adxudicada, pero o comezo das obras aínda non se vai iniciar. Este parque suporá un ingreso de cartos que servirán para investir en novos proxectos para mellorar o pobo. Noutra orde de cousas, o máximo representante de Avión falou das diversas actividades que o concello ten para todo o verán e para tódolos públicos. Entre elas celebraránse xornadas de cine, clases de piragüismo, actuacións de magos, excursións, cursos de natación para os máis novos e maiores, campionatos de fútbol, andainas en bicicletas e actividades na praia fluvial que contará cun persoal de primeros auxilios. Outra actividade moi interesante son as rutas de sendeirismo que discorren pola Serra do Suído e a V edición da Festa Mexicana.
     Para falar desta festa mexicana, adicada este ano ós emigrantes no país azteca, achegouse ós micrófonos de Cope O Carballiño Isabel Gabián, responsable de organizar este festexo. O programa para este ano comezará ás 20.30 horas con actividades para os máis cativos como xogos de piñata e moitos máis que evitarán o aburrimento de todos. A partir das 21.00 horas, tódolos asistentes poderán degustar os famosos antojitos mexicanos e tamales, tanto doces como normais, a cargo de tres restaurantes de Galicia: Chilam-Balam de Vigo, O Rincón Azteca de O Carballiño e O Mesón Mejicano de Tourón. Ademáis, nesta edición haberá menús degustación para aqueles que se atopen indecisos e para os que descoñecen a ampla gastronomía mexicana. Para rematar a xornada festiva, a verbena estará amenizada polo grupo Garibaldi, composto por doce persoas.
     Dunha festa imos a outra, coas festas na honra ós patróns do pobo, Xusto e Pastor e San Roque que terán lugar os días 1, 2 e 3 de agosto. Para falar disto contamos coa presenza de Óscar Martínez, un dos integrantes da comisión de festas deste 2009. Este verán haberá un cartel de luxo: o día 1 a partir das 12.00 horas celebraráse unha misa solmne con procesión e haberá un pasarrúas a cargo do grupo Os Chispas. Na xornada da tarde, os avioneneses contarán cun concerto a cargo de Os Chispas e a Agrupación Musical Monterrei. Pola noite, a verbena estará amenizada polos Diplomáticos do Acordeón. Ó día seguinte, a misa solemne terá lugar ás 13.00 horas e o pasarrúas contará coa presenza da Banda a Lira de Ribadavia que tamén ofrecerá un concerto a partir das 20.00 horas. A verbena estará amenizada polas orquestras Tango e Marimba. A partir da 01.00 horas da madrugada haberá un gran folión de lucería E para rematar este día tocará o mariachi Tecatitlan. O derradeiro día de festexo contará coa misa solemne a partir das 13.00 horas. O pasarrúas correrá a cargo da Banda de Arcade. que a partir das 20.00 horas ofrecerá un concerto. Xa pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras D´Moda e Midas.
     O noso último invitado foi "unha memoria viva do que é a historia neste Concello de Avión durante case medio século"; esta descripción corresponde con D. Serafín, o párroco de Avión, que leva exercendo a súa actividade relixiosa durante 48 anos. Ata a terra do Suído chegou, ó saír do seminario, para cubrir o posto do antigo párroco, D. Jesús que se foi para América de misioeiro.
     "Fai 48 anos o único coche que se vía era o coche de línea e algún máis". Según D. Serafín, isto cambiou totalmente e cambiou para ben tanto económica como relixiosamente, porque o párroco afirma que á súa misa segue asistindo moita xente. D. Serafín xustificou a presenza de dous patróns porque foron mártires de Alcalá polo ano 400 e define a Avión polo pastoreo, etapa que marcou ó pobo pola subida ó Suído co aquel gando que a xente na súa casa non era capaz de alimentar. Había gardadores que vivían en chozos durante a súa estadía na montaña que se encargaban de coidar e velar polo gando dos veciños; dende alí víase Redondela que D. Serafín explica cunha foto: "Teño unha foto dunhas vacas que están mirando para Redondela, porque lle viña o aire da ría".
     A zona do Suído, manifesta o párroco que, nun principio non pertencía a Avión senón que era de Pontevedra, pero os avionenses gañáronlle a batalla do pastoreo. Cando chegaban as festas no mes de setembro, os segadores voltaban de Castela e eran recibidos por un gran folión. Co paso dos anos e do tempo, as festas trasladáronse a mediados de agosto porque era o único mes no que estaban os emigrantes. Durante un tempo, os festexos tiveron lugar o 15 de agosto na honra de San Roque, de Xusto e Pastor pero coincidían con moitas festas espalladas por toda Galicia. Deste xeito, os veciños solicitaron outra vez o cambio das festas para principios de agosto. D. Serafín accedeu e dende aquela, as celebracións dos patróns e de San Roque teñen lugar os primeiros días de agosto para que poidan desfrutar delas os emigrantes e os veciños de Avión.
     Un programa cargado da máis pura actualidade e modernidade contrastado co Avión de fai case medio século. Un pobo que avanzou tecnolóxicamente, pero aínda segue conservando a esencia da emigración e de ser un pobo atractivo para todos entre esas montañas do Suído, das que din que se avista o mar.  

23, Xullo 2009

(Redacción. Belén González) Fai uns días, o Concello de O Carballiño creaba tres prazas máis para discapacitados físicos na rúa Conde Vallellano. Horas despois, dúas delas foron suprimidas debido ás queixas dos comerciantes da zona presentadas na Casa do Concello. A supresión destas a última hora non a entenden dende a Asociación de Discapacitados Físicos de O Carballiño e Comarca. O seu presidente, Gerardo Pinto, pregúntase "qué poder teñen certos comerciantes para influir nas decisións aprobadas dende o goberno municipal". Ademáis, Pinto non está  dacordo conque se volte atrás cun proxecto que xa estaba aprobado polo goberno local. Pola contra, dende a Asociación de Empresarios e Comerciantes entenden axeitada esta decisión. Según pudo saber  "Cope O Carballiño", a creación de tres prazas para persoas con discapacidade física no centro do pobo é excesiva, porque aí non se acha ningunha administración pública. Asociación de Comerciantes está de acordo na creación de prazas, pero repartidas axeitadamente pola vila.  Desta maneira, os aparcadoiros para discapacitados na vila atópanse no: centro de saúde, concello, servizos sociais -rúa Faustino Santalices-,centro sociocomunitario, Casa da Cultura e Estación de Autobuses.

Lo siento tu navegador necesita flash para ver este contenido

Declaracións Gerardo Pinto, presidente Asoc. Discapacitados Físicos Carballiño

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS