Política

13, Marzo 2015

Prestixiosos artistas galegos da música e a danza participarán nesta actividade que organiza a Escola de Cultura Popular do Carballiño.

Prema no arquivo adxunto para ver toda a programación.

13, Marzo 2015

O Grupo Municipal do PSdeG do Carballiño critica que Marnotes "tente eludir o debate e evite dar a cara ante a cidadanía ao seguir sen convocar o pleno ordinario que anunciou hai tres semanas".

Os socialistas lembran que "non é a primeira vez que o alcalde retrasa a convocatoria do pleno cando os temas que sabe que se van presentar a debate lle son incómodos, como é neste caso pola problemática existente con colectivos como o dos traballadores do Matadoiro, o Servizo de Axuda no Fogar, o Servizo de Emerxencias ou a Residencia do Tempo Libre, colectivos que se agruparon nunha fronte  común para denunciar o desamparo e abandono que sofren polo goberno de Marnotes".

"O goberno municipal rexeitou ademais debater as mocións de urxencia presentadas polo PSdeG, polo que os socialistas manteñen a súa intención de tratar estes temas e de solicitar Pleno Extraordinario para permitir así abordar estas cuestións dado que o alcalde tenta evitalas", manifestan.

O PSdeG sinala que ésta "é unha estratexia moi habitual neste goberno municipal, e de feito dende o 30 de setembro de 2014 ata o 12 de febreiro deste ano non convocou ningún pleno ordinario, saltándose así os prazos que marca a lei de convocar como mínimo unha sesión plenaria cada dous meses e evitando así os rogos e preguntas. O mesmo acontece cos orzamentos, xa que a pesar de que o goberno do PP conta con maioría absoluta, Marnotes non foi capaz de aprobar en catro anos mais que un só orzamento, o de 2012. Este é un feito vergonzoso, que demostra unha desidia e desinterese absolutos por parte do equipo de goberno", remarcan.

Finalmente, o PSdeG afirma que "Marnotes soamente se deu presa para subir impostos, pero para aprobar os orzamentos ou presentar contas tomase todo o tempo do mundo, xa que estamos no mes de marzo e  nada se sabe tampouco da presentación das  contas xerais, que son un importante balance da situación na que se atopa o Concello".

O

11, Marzo 2015

O proceso de primarias desenvolveráse este sábado dia 14 de Marzo na casa da cultura do Carballiño en horario de 18 a 21 horas. Calquera persoa maior de 16 anos censada no municipio carballiñés poderá votar nestas primarias, presentado o seu DNI.

Os electores elixirán cinco mulleres e cinco homes, sinalando a orden de preferencia, entre unha relación de aspirantes a formar parte desta candidatura que competirá con PP, PSOE, e BNG nas eleccións municipais do vindeiro 24 de Maio.

A persoa con máis votos será o candidato ou candidata á alcadía do Carballiño desta candidatura veciñal, que se completará co resto dos aspirantes pola orden que determinará o número de apoios nesta votación de primarias.

10, Marzo 2015

O Grupo Municipal do PP no Concello de Piñor denuncia a situación de abandono na que se atopa a xestión municipal, así como a deixadez de funcións por parte do alcalde de Piñor, o socialista Francisco José Fraga Civeira.

“En Piñor  levamos máis de 5 meses sen ter plenos da corporación, non temos aprobada a conta do ano 2014 e tampouco o orzamento do ano 2015", afirma o portavoz popular, José Luis González Rodríguez. Resulta incomprensible que nun municipio e 1.200 habitantes, onde  a metade do orzamento se adica ao capítulo un de gastos de persoal 406.000 € , -onde traballan 8 persoas ademais do Alcalde, do Secretario e a arquitecta municipal; en total 12 persoas para tan só 1.200 habitantes-, os veciños teñan que esperar por un simple trámite ou acudir varias veces para preguntar como está o seu expediente porque non reciben resposta algunha. Antes de que o PSOE gobernase en Piñor, con tan só dous traballadores e o alcalde, os trámites eran moito máis áxiles, lembran os populares.

"Descoñecemos a realidade da actividade e do traballo do alcalde en beneficio do Concello, non sabemos en que inviste o tempo, pero o que temos claro é que non se adica a preocuparse polo noso Concello", di o portavoz popular. "Os concelleiros do PP de Piñor estamos  cansos da actitude do rexedor, leva  obstaculizando dun xeito deliberado o acceso á información que solicitamos os edís da formación popular  para realizar o labor de control e fiscalización da xestión municipal que temos encomendada como concelleiros.

É de vergoña allea que o noso Concello só saia nos medios de comunicación polas políticas caciquís do PSOE en Piñor, supostas contratacións irregulares, políticas de empadroamento partidistas, etcétera", sinala José Luis González.

Por último, recalcan os populares que "é lamentable o proceder do alcalde de Piñor que pon de manifesto o absoluto desprezo á democracia e á transparencia".

9, Marzo 2015

Unha muller de 84 anos, veciña da rúa Manuel Fernández Pousa do Carballiño tivo que seer trasladada ao centro de saúde do Carballiño tras sufrir unha intoxicación provocada polo abundante fume dunha pota incendiada na cociña da súa vivenda.

Foi unha veciña da muller a que deu aviso ao CAE 112, que solicitou a intervención do servizo municipal de Protección Civil e emerxencias médicas. Procederon a trasladar á muller, á que encontraron tendida no chan,  ao centro de saúde do Carballiño, onde foi atendida e dada de alta unhas horas despois, igual que un Policia Local que tamén tivo que ser atendido con intoxicación leve, tras participar no operativo.

6, Marzo 2015

A cofradia da Veracruz presentou a Semana Santa carballiñesa no centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense, coa presenza do alcalde do Carballiño, o bispo ourensano e o presidente da Deputación.

O encargado de presentar a programación desta Semana Santa foi o confrade maior Rafeal Melero, quen destacou as novidades que este ano engadiron ao programa como é a exposición "Don Evaristo: Sempre connosco", que se situará na capela do santo do templo da Veracruz; o ciclo de conferencias "Ante a Semana santa: de san Francisco a santaTeresa"; e as dúas novas imaxes adquiridas pola cofradia para enriquecer esta Semana Santa: Unha María Magdalena e un Cristo de la Sentencia, que procesionarán por primeira vez este ano.

Durante a presentación o Bispo de Ourense recalcou a calidade da Semana Santa Carballiñesa, referencia da semana santa ourensana, así como o traballo e sacrificio dos confrades para crear e manter durante estes 8 anos unha tradición como esta.

Ademais dos actos antes referidos, a Semana Santa carballiñesacomezará o 15 de marzo, coa solemne bendición e santa misa en honor das novas imaxes, en e templo da Veracruz. O 27 de marzo terá lugar a procesión do venres de Dolores, para continuar o 29 de marzo coa celebración do domingo de Ramos.

Xa no mes de abril, o 1, celebrarase o viacurcis dos mozos, a partir das 20:30 horas. O 2 de abril celébrase o Xoves Santo, que leva consigo varias citas relixiosas como a celebración penitencial ás 10:00 na igrexa do centro, a cea do señor ás 16.30 na capela do asilo de anciáns, acto que se repetirá na Veracruz, durante a que se realizará o lavatorio de pés e o traslado do santo ao monumento, onde permanecerá para a adoración solemne dos fieis.

Ese mesmo día ás 23:30 terá lugar a procesión penitencial da Sentenza dende a capela dos irmáns prieto á Veracruz. O 3 de abril, celebración do venres santo, da Paixón do Señor, na capela do asilo ás 16:30, e ás 18:00 na Veracruz. Ás 21:00 procesión do santo enterro ou "Dous Caladiños".

O 4 de abril, sábado santo, solemne liturxia da vixilia pascual, tanto na capela de dos irmáns prieto como no propio templo da Veracruz.

Os actos finalizarán o 5 de abril, domingo de pascua, coa celebración da resurección do señor.

6, Marzo 2015

O candidato do PSdeG á alcaldía, Paco Fumega, trasladou onte aos traballadores do Matadoiro, o Servizo de Emerxencias, de Axuda no Fogar e Residencia do Tempo Libre, o seu "máximo apoio nas súas reivindicacións, e o compromiso de buscar unha solución ante a inacción e a manifesta incapacidade de Marnotes".

Máis de 40 representantes deste colectivos acudiron onte a unha xuntanza co candidato á alcaldía e cos deputados autonómicos da provincia, María Quintas e Pachi Vázquez.

Fumega comprometeuse "a atopar unha solución a esta situación cando chegue á alcaldía". Pola súa parte, os deputados socialistas ofrecéronlle tamén o seu máximo "apoio e comprometéronse a facer chegar as súas reivindicacións á Xunta mediante iniciativas que presentarán no Parlamento Galego".

Os colectivos din "sentirse enganados e esquecidos polo goberno de Marnotes, e incluso castigados dende que comezaron a expresar as súas protestas polos incumprimentos do alcalde".

O PSdeG lamenta que  "Marnotes permaneza impasible ante a situación destes traballadores e considera inaceptable a actitude de desprezo e arrogancia ante as súas demandas, que non é propia dun alcalde que ten que defender aos seus cidadáns". 

4, Marzo 2015

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou o centro ocupacional de Aspadasi no Carballiño, que oferta un total de 22 prazas públicas para persoas con discapacidade ás que a Consellería de Traballo e Benestar destina 153.000 euros ao ano.  A asociación Aspadisi ocúpase da formación de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Carballiño.

Piñeiro percorreu as instalacións de Aspadisi, nun edificio sito nas inmediacións do auditorio municipal do Carballiño,  e mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios do centro para coñecer de primeira man as súas demandas e, deste xeito, pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario.

 A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.

2, Marzo 2015

O portavoz do Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño e candidato á alcaldía, Paco Fumega, afirmou  que a decisión de Marnotes de retirar o proxecto de modificación do PXOM evidencia a súa falta de iniciativa e de xestión, xa que “nos fixo perder tempo e diñeiro,cando dende o primeiro momento o PSdeG lle advertiu que a súa proposta urbanística era  prexudicial para os cidadáns e tiña que ser anulada”.

Fumega destacou que “a cabezonería do alcalde para dar marcha atrás a algo que a todas luces era un desastre custará aos carballiñeses 40.000 euros”. Esta cantidade é a xa gastada ata o de agora dos 200.000 euros orzamentados en total para a redacción deste proxecto “e que poderían terse destinado a cubrir necesidades dos cidadáns”.

Por iso, afirmou que “tras a retirada do PXOM, é o momento de que a cidadanía retire tamén a Marnotes da alcaldía”, xa que “non é bo para O Carballiño ter un alcalde que nos mete en líos simplemente por obstinación”.

Lembrou que Marnotes dixo dende o primeiro momento que esta reforma “era marabillosa” a pesar de que dende o PSdeG xa lle advertimos que non había razóns nin económicas, demográficas e urbanísticas que xustificasen a necesidade de modificar o planeamento neste intre.

Naquel entón o alcalde culpou ao PSdeG deste proxecto, “cando o certo é que o goberno socialista non chegou a redactar nin unha soa liña do mesmo. De feito, o único que fixemos os socialistas neste proceso foi informar sen demagoxia aos cidadáns do que ía supoñer esta modificación urbanística”.

Por iso considerou que a retirada deste plan “é unha vitoria dos veciños, que coas súas protestas conseguiron que o alcalde entrase en razón, algo do que nos congratulamos”, sinalou, á vez que agradeceu a atención e boa acollida dos cidadáns nas charlas informativa que organizou o PSdeG sobre o PXOM.

Fumega engadiu que a decisión de anular este proxecto “ten un claro tufo electoral” e puxo en dúbida que a intención de Marnotes non sexa continuar co mesmo se chega a alcaldía. Pola contra, recalcou que o PSdeG se opuxo dende o primeiro momento e se comprometeu a anular o proxecto ao chegar ao goberno municipal.

Cuestionou tamén a ineficaz xestión e capacidade de goberno de Marnotes e do concelleiro de Obras, que en catro anos non foron capaces de sacar adiante un PXOM axeitado para O Carballiño e de ver que esta modificación non debía ir adiante, a pesar de todas as advertencias.

Fumega lembrou que houbo moitos casos nos que o alcalde acabou dando a razón ao PSdeG, como coa necesidade de adxudicar o matadoiro mediante concesión, rescindir o contrato coa empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar, o non á  incineradora ou a defensa do noso xulgado, entre outras.

“O que non é normal é que O Carballiño teña un alcalde que  leva catro anos tomando decisións equivocadas que logo ten que rectificar, o que demostra que non é nin un bo xestor nin un bo alcalde”, concluíu o candidato socialista.

O PP afirma que "ao PSOE carballiñés moléstalle a transparencia do actúal grupo de goberno"

Marnotes, facendo un repaso cronolóxico dos feitos, recordaba que "nunca debemos esquecer que este avance foi solicitado polo anterior grupo de goberno municipal, formado polo PSOE. Eles encargárono e asinaron o contrato co equipo redactor. Cando o tiveron, gardárono nun caixón onde nós o encontramos". Neste punto o alcalde carballiñes apunta "a falsa moralidade dos socialistas que, dende que viron que o PP o sacaba á luz e o mostraba aos veciños, empezaron a tremer, xa que eran eles os principais promotores deste".

Mostralo aos veciños é o normal, "polo menos para un grupo democrático e transparente como é o PP. Entendemos que algo que afecta tanto ao futuro desta vila e dos veciños, non pode estar escondido. Debe mostrarse, facendo oídos xordos a critícalas dos socialistas carballiñeses, que en todo momento quixeron culpar ao noso grupo municipal de algo que só eles solicitaran".

Para o PP carballiñés todas as reunións mantidas ao longo do pasado ano cos veciños, sectores afectados e asociacións veciñais, "foron un dos mellores aspectos de todo este proceso, xa que foron eles, os veciños, os que nos agradeceron que mostrásemos un documento que lles afectaba tanto e que, noutros momentos, non se tivese habido que non avisar, simplemente teríase aprobado baixo a lei do rolo que imperaba hai uns anos neste concello".

 Marnotes agradece aos veciños e profesionais da construción, o que mostraran tanto interese en cada unha das charlas informativas convocadas dende o concello e se pronunciasen sobre este avance "xa que así é como o PP quere gobernar nesta vila, sempre escoitando os veciños,".

En todo este procedemento do avance do PXOM "os socialistas foron tan torticeros dende que os empezamos a mostrar, que mesmo se atreveron a dicir que concelleiros do PP se beneficiaban desta modificación. Unha mostra mais das armas que sempre usa o PSOEcarballiñés, a mentira e a difamación para intentar enganar os veciños. Algo que, por sorte, non conseguen xa que oscarballiñeses xa coñecen os que son estes señores do PSOE".

Por último, sobre o gasto de 40.000 euros na redacción deste avance, Marnotes afirmaba que "o PP ten por costume pagar todo o que encarga, creo que outros non facían o mesmo, e considero que é un diñeiro moi ben gastado, xa que nos permitiu a todos os veciños coñecer o futuro que esperaba ao Carballiño se se levase a cabo esta adaptación á lei do chan,".

Finalmente, a xeito de reflexión o alcalde carballiñés argumentou "facendo unha análise fria de todo este proceso, se o actual grupo de goberno vía que este plan non era bo para O Carballiño, para que o iamos sacar á luz, teriámolo deixado nun caixón, como fixeron os socialistas, e deixariamos este problema a outros. Pero o PP carballiés ten unha cousa clara, a transparencia absoluta, e iso moveunos a mostralo, xa que en ningún momento era nin o noso plan, nin o noso interese aplicar esta modificación, Só queriamos o que conseguimos, que todos e cada un dos veciños opinarán e decidisen se se presentaba ou non esta modificación".

 

27, Febreiro 2015

A candidatura veciñal que concurrirá ás vindeiras eleccións municipais no concello do Carballiño sigue aberta a todos os veciños e veciñas que queiran participar no proceso de primarias, que culminará a partir do vindeiro 10 de marzo coa votación que elixirá aos integrantes da lista electoral. 

Os promotores da candidatura manifestan que "ante a constatación de que conforme pasan os días hai máis demanda,prorrogase o prazo de inscripción de voluntarios/as para participar nas primarias que terán lugar sobre o 10 de Marzo"

Recalcan desde a comisión xestora que se trata dun  proceso totalmente transparente e aberto "nada de amigos e achegados no senso pexorativo como alguén está insinuando.Feitas as primarias continuará o proceso aberto de elaboración de programa e planificación de campaña"

Aínda está por decidir tanto  o nome  como a formula xurídica coa que acudirán  ás eleccións do vindeiro 24 de Maio e fan un chamamento a  "toda a xente que de boa fe aposte por unha candidatura veciñal participativa, que pode dirixirse ao tlf 687 95 81 61".

Páxinas

Subscribirse a RSS - Política