Política

9, Xaneiro 2015

Nota da prensa do Grupo Municipal Socialista

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Paco Fumega, cualificou o 2014 como “un ano perdido” para O Carballiño, no que a ineptitude, desidia e política de brazos caídos que levou a cabo Marnotes só trouxo aos cidadáns máis paro, máis impostos, máis débeda pública e menos desenvolvemento económico. Fumega lembrou que os cidadáns están a sufrir as políticas de recorte do PP dende o Goberno central, a Xunta e o Concello, ao que se engade a pésima xestión de Marnotes, que non está a traballar para mellorar a calidade de vida dos carballiñeses.

“Ningún cidadán do Carballiño vive hoxe mellor que cando Marnotes chegou á alcaldía” sinalou Fumega, que cualificou a Marnotes como un “pésimo alcalde, que está a levar ao Carballiño ao desastre”.

Fumega lembrou que o programa electoral de Marnotes incluía o emprego e a promoción económica como as súas principais prioridades, con propostas como a creación dun centro municipal de formación para o emprego e dunha liña de apoio a iniciativas emprendedoras, a xeración de máis solo empresarial, creación do centro de negocios, relanzamento da praza de abastos, e promoción do Carballiño como lugar para vivir. “Destas propostas, non levou a cabo ningunha. É mais, a situación do tecido comercial, económico, turístico e empresarial empeorou dende que chegou á alcaldía”, apuntou.

O portavoz socialista lembrou o peche de numerosos negocios históricos do Carballiño e a falla de oportunidades laborais debido ao escaso desenvolvemento e promoción de sectores tan importantes como o turismo, a hostalería e o comercio. A ineficaz xestión de Marnotes reflíctese nas cifras do desemprego, xa que se en Novembro tres persoas foron ao paro cada día; en Decembro O Carballiño foi o concello no que mais subiu a cifra de parados de toda a provincia de Ourense.

Así, nun mes que normalmente é positivo para o emprego, na Comarca do Carballiño rexistráronse 40 persoas mais no paro, das cales 32  pertencen ao Concello do Carballiño, que pechou o ano con 1.415 parados.Fumega lembrou que cada vez mais xente ten que emigrar dunha vila que esmorece día a día, e que Marnotes, que incluía no seu programa electoral o proxecto de Carballiño como lugar para vivir “está a converter esta vila nun lugar para fuxir”.

“Cada vez hai menos servizos públicos e máis taxas municipais. Non temos prazas nas garderías, e despois de dous anos dende que se aprobou o proxecto de Galiza Azul non temos nin siquera o ovo”, apuntou, e ademais “as familias pagan cada vez mais impostos e as escolas de fútbol ou o conservatorio de música, cada vez teñen prezos mais abusivos”.

Ademais lembrou os proxectos anunciados por Marnotes para 2014 que quedaron polo camiño, entre eles o Parque de Bombeiros do que nada sabemos a pesar do compromiso de Marnotes e do conselleiro da Presidencia. O alcalde tampouco foi quen de dar unha solución aos traballadores do matadoiro, que levan dous anos de promesas incumpridas; nin para a Residencia do Cornuval,  na que a Xunta investiu 7 millóns de euros e que leva 5 anos parada. “O único que se fixo foi poñerlle un parche cunha privatización que permitirá ofertar 20 prazas das 80 das que estaban previstas”.

Un dos principais potenciais que ten O Carballiño que é o turismo está totalmente abandonado polo goberno municipal. Marnotes comprometeuse  á posta en marcha do Instituto Termal, impulso do Padroado de turismo, apertura da residencia do tempo libre todo o ano, área de estacionamento de autocaravanas no camping, potenciación dos sectores hoteleiro e hostaleiro, e impulso do termalismo. E o que vemos é que actualmente o camping está abandonado, o proxecto para as autocaravanas, esquencido; do Instituto Termal nada se sabe, e o único impulso en materia de termalismo é o investimento de 25.000 euros da Deputación para o Bañiño de Arcos. Mentres, o patrimonio natural como o parque e o museo etnográfico, sen ningún tipo de coidado, promoción e impulso por parte do goberno local.

Fumega tamén denunciou que Marnotes se comprometera a poñer en marcha un sistema efectivo de limpeza de rúas, “e o que vemos é que cada vez as rúas están mais deterioradas, cheas de bache e con mais suciedade. Pagamos mais polo servizo do lixo dende que o alcalde asinou o convenio coa Deputación, xa que pasamos dos 340.000 euros aos 650.000 euros, mentres e que as rúas están máis sucias”. O convenio para a recollida do lixo coa Deputación foi un derroche de diñeiro, xunto co gastado en avogados, en facer unha pista de padel, en intereses polo plan de axuste e en pagar ao equipo redactor do PXOM. “En total, un millón de euros tirados, co que podería terse feito políticas de dinamización económica municipal”, sinalou Fumega. 

 A  isto hai que engadir que Marnotes non foi capaz de reducir a débeda pública, de 4,2 millóns de euros, a pesar de subir as taxas de case todos os servizos públicos e de privatizar a xestión de outros, como o de axuda no fogar. “O resumo deste ano é que a xestión de Marnotes foi desastrosa, que dende que  chegou a alcaldía O Carballiño está moito peor pola súa ineficacia, que a súa contribución ao desenvolvemento económico e á dinamización do emprego foi nula, e que con Marnotes como alcalde O Carballiño pasou de ser unha vila punteira desta provincia nun auténtico desastre”, concluíu o portavoz socialista.

Nota de prensa da alcaldía do Carballiño

 O alcalde do Carballiño cualifica as declaracións do PsdeG PSOE doCarballiño como electoralistas "cunha intención de confundir os veciños só para un futuro proveito nas próximas eleccións municipais". Estas declaracións do máximo edil carballiñés fundaméntanse en varios puntos. En primeiro lugar, e sobre critícaa da oposición en referencia ao paro parécenos pouco menos que temerario usar este argumento, co que socialmente leva consigo, sobre todo cando podemos observar nos datos estatísticos que durante todo o ano o paro no Carballiño descendeu, en contra da tendencia nacional e, malia que en novembro e decembro subiu esta cifra, séguese mantendo nas cifras do 2011. Dende que iniciamos este mandato realizamos numerosas accións para fomentar a contratación dos nosos veciños, como un número considerable deles poden afirmar. Iso é precisamente o que nos importa, eses veciños que conseguiron traballo grazas ás xestións realizadas dende este grupo de goberno (destacar a xestión con empresas de ámbito internacional que se instalaron no último ano no Carballiño e ofertaron postos de traballo local).

Sobre a política municipal en termalismo Argimiro Marnotesrecordaba que "o termalismo no Carballiño está en mans privadas. Malia iso dende o grupo de goberno aprobamos unhas bonificacións fiscais para potenciar a construción do novo balneario de Partovia, que esperamos que estea rematado en setembro, por non contar as xestións que tivemos que realizar para retomar as boas relacións cos propietarios do Gran Balneario, relacións que se romperon en pasados mandatos socialistas," así mesmo recorda Marnotes eses anuncios de expropiacións "irrealizables" anunciados dende o goberno do PSOE, que só valeron para entorpecer o futuro termal carballiñés.

Por último, sobre o tema das obras realizadas durante este mandato, Argimiro sinala que non é cuestión de enumerar todas elas, pero é curioso que o PSOE non recoñecese aínda a grande obra do ámbito da Veracruz que tivemos que rescatar ante o nefasto proxecto que eles pretendían executar e que colocaba a nosa xoia arquitectónica entre muros de cemento. Pero se falamos de obras non podemos esquecer o tempo e lle diñeiro gastado en arranxar o que herdamos de anteriores gobernos socialistas, como a súa "grande obra" do Arenteiro, que deixaron os colectores sen conectar, e que nós tivemos que executar, por non falar dos 3.500.000 de euros que tivemos pagar para devolver os impostos de obra cobrados, de forma un tanto ilegal, aos promotores en épocas socialistas". Tamén recorda proxectos de impulso como apeatonalización de zonas comerciais da vila ou o tempo que nos está a ocupar resolver un problema como o da Fábrica de Papel, que segundo o anterior alcalde, estaba todo resolto, tanto que mesmo a Xunta investiu diñeiro e tempo nunha propiedade que nin xiqueira é municipal".

Argimiro Marnotes finaliza asegurando que "aínda queda moito por facer para seguir impulsando o noso municipio, pero é difícil avanzar cando tivemos tanto que arranxar dos desastres realizados polos anteriores gobernos socialistas do Carballiño".

8, Xaneiro 2015

A menos de cinco meses das eleccions municipais de 2015, a concelleira do grupo socialista Maria Josefa del Carmen Pérez ven de presentar a súa renuncia como integrante da corporación carballiñesa.

Mediante un escrito asinado pola concelleira e presentado no rexistro municipal do concello carballiñés alude a "motivos persoais, que me impiden atender aos deberes propios do cargo de concelleira coa adicación que tal responsabilidade conleva, véxome na obriga de presentar a miña renuncia ao cargo de concelleira, de tal forma que asi o comunico perante esta corporación municipal do Carballiño".

Maria Josefa del Carmen Pérez exercera como concelleira de medio ambiente no último goberno socialista presidido por Carlos Montes. Precisamente,  como responsable da canceira da Medela, encontrase inmersa nun proceso xudicial en relación ás mortes violentas e masivas de cans nestas instalacións municipais durante o ano 2009, feitos polos que a Audiencia Provincial resolveu abrir Xuizo Oral.

A vacante que deixa na corporación carballliñesa corresponde ocupála a Remedios Castro, nº 8 na candidatura socialista nas eleccións de 2011.

5, Xaneiro 2015
5, Xaneiro 2015

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Paco Fumega, e o concelleiro Adolfo Nogueira, mantiveron unha xuntanza con representantes dos extraballadores do matadoiro do Carballiño "a fin de tratar sobre a súa situación e traballar nas fórmulas para a súa solución", apuntan.

Recordan os socialistas que "os traballadores levan xa máis de dous anos agardando a que Marnotes cumpra co seu compromiso de retomar a actividade do matadoiro. Neste tempo o único que recibiron foron promesas que quedaron en nada e escusas para deixar pasar o tempo" e remarcan como "nestes dous anos a situación dos traballadores volveuse aínda máis preocupante xa que remataron as súas prestacións por desemprego, co cal teñen dificultades económicas nas que de nada valen as promesas, polo que esixen feitos e canto antes".

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Paco Fumega, comprometeuse neste encontro "a reactivar o matadoiro do Carballiño cando chegue á alcaldía, pensando non só nos traballadores senón tamén nos carniceiros e nos veciños que precisan deste servizo".

Esta xuntanza enmárcase nos encontros que o PSdeG está a realizar con diversos colectivos da vila para coñecer de primeira man as súas principais necesidades e artellar así propostas concretas no seu programa de cara as vindeiras eleccións municipais

2, Xaneiro 2015

No procedemento electoral participaron 97 persoas que forman parte da Asamblea Cidadán de Podemos O Carballiño, que votaron a través de Internet. 

Eduardo Ordoñez acadou 50 votos, o 51,55%, proclamandose polo tanto como o primeiro Secretario Local desta formación política no municipio carballiñés.

Os outros dous candidatos que otaban a este cargo, Francisco Javier Obenza e kevin Valcárcel, obtiveron  42 e 5 votos, respectivamente.

2, Xaneiro 2015

O accidente aconteceu sobre as 10 da mañá na rúa do Irixo do Carballiño, un camión do servizo da recollida do lixo da Deputación envorcou e chocou contra o túnel do ferrocarril que atravesa a rúa do Irixo.

O vehículo accidentado, que estaba recollendo o lixo nesta zona do Carballiño, transitaba pola rúa Buenos Aires, paralela a vía do ferrocarril, en dirección a rúa do Irixo, cando por causas aínda por determinar o conductor perdeu o control do camíón, que quedou envorcado sobre a rúa do Irixo despois de chocar contra o túnel do ferrocarril. 

O conductor, Felisindo Pérez González, de 64 anos de idade, veciño de O Reino, sufríu feridas na cabeza, foi trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario de Ourense. O outro traballador, que ocupaba a parte traseira do camión, saltou ao chan e saíu ileso tras o accidente.

30, Decembro 2014

O Grupo Municipal de Emerxencias do Concello do Carballiño mobilizou aos efectivos dispoñibles e dous camións de bombeiros, que lograron controlar e extinguir o lume orixinado nunha chimenea dunha vivenda da rúa Vicene Risco.

A intervención, a última hora da tarde, evitou que o lume afectase ao resto do edificio. Están pendientes de valorar os danos materiais rexistrados.

30, Decembro 2014

O concello do Carballiño traballa na elaboración dunhas bases que regularán un concurso de ideas que terá como obxetivo definir as actuacións que se acometan nun futuro no parque municipal do Carballiño.

O concurso pretende recoller ideas sobre os posibles equipamentos e uso das 42 hectáreas que integran este espazo natural do parque municipal, e tamén das zonas máis próximas como o campig, os muiños, a antiga fábrica de papel, a piscifactoria e o paseo fluvial do río Arenteiro, formando un conxunto homoxéneo "no que pretendemos que tamén se contemple a gran escalita da residencia de tempo libre" adiantou o alcalde do Carballiño.

Marnotes espera que "sexa un proxecto de pobo, por eso para o mesmo ademáis dos profesionais, pediránse as aportacións de todo tipo de asociacións e veciños que queiran presentar as súas suxerencias". O rexedor municipal espera "ter as bases feitas e proceder a convocatoria do concurso na vindeiro mes de febreiro, aínda que dando tempo suficiente antes de proceder a súa resolución, que deberá facer xa a próxima corporación".

30, Decembro 2014

A corporación municipal do Irixo aprobou o orzamento para o ano 2015, por un importe total de 1.085.147,63 euros. En relación ao ano 2014, diminue o capítulo de gasto de personal en 65.365 euros e aumentase o capítulo de investimentos reais en 66.238 euros.

Dende o goberno municipal do Irixo que preside o alcalde Manuel Penedo destacan -por mediio dunha nota informativa- que "este concello ten débeda cero, xa que o pasado dida 22 de Decembro cancelouse a débeda coas entidades bancarias".

Tamén se aprobou neste derradeiro pleno do ano a creación da sede electrónica do concello, con vistas -fundamentalmente- á entrada de facturas electrónicas que pasará a ser accesible para todos os proveedores as 24 horas ao dia durante os 365 dias do ano, presentación que será obrigarotia nesta via electrónica para aquelas facturas superiores aos 2.500 euros.

29, Decembro 2014

Representantes dos  partidos políticos locais, PSdG, BNG, Podemos e Anova, do sindicato CIG, asi como de algunhas asociacións culturais, veciñais e xuvenís, desplegaron unha  gran pancarta ás portas da casa do concello do Carballiño, que servíu como presentación pública desta recentemente constiuída Plataforma Cidadá.

Ademáis, anunciaron o inicio dunha campaña de recollida de sinaturas que comezará este mércores 31 de Decembro, coincidindo coa celebración da derradeira feira do ano no Carballiño.

Demandan que "se abra de xeito inmediato, ao 100% da súa capacidade e dotada de personal público". Consideran dende esta plataforma "que a Xunta e o Concello están a despilfarrar o diñeiro dos nosos impostos ao regalarlle a unha empresa privada unha residencia que costou 7 millón de eruos, e por riba, darlle 500.0000 eruos máis ao ano".

Recordan como no proxecto inicial estaba prevista "unha capacidade de 115 usuarios, e agora tan so vai abrir con 20 prazas". Finalmente, a plataforma cidadán considera "especialmente grave os postos de traballo que se están a perder, xa que coas 115 prazas cubertas necesitaríase un mínimo de 80 postos de traballo, e coa apertura de tan so 20 prazas de residentes van traballar como máximo 12 persoas".

Páxinas

Subscribirse a RSS - Política