Política

As Comunidades afectadas son aquelas que na época franquista fixeron convenios e consorcios para a reforestación dos montes. É o caso da Comunidade de Comuneiros do monte veciñal en man común do Testeiro, no municipio do Irixo, que agrupa a comuneiros dos pobos de Carballeda, Subirol e Munín.
Veñen de manifestarse para demandar da Xunta que "que nos aclare cómo se van facer esas liquidacións, porque non sabemos nada, so que aquelas comunidades que non atendan esas liquidacións en agosto de 2016 estarán obrigadas a facer contratos con empresas forestais para ceder a xestión dos montes, na consellería dinnos que a lei non se vai aplicar, pero eso non ten moito sentido", manifestan.
Manteñen dende estas Comunidades de Comuneiros que "as supostas débedas deben ser eliminadas por falsas e inxustas, falsas porque os convenios incluen gastos no monte que non se fixeron, e inxustas porque nacen dun roubo, porque os montes foron usurpados ós comuneiros". No caso concreto do monte do Testeiro, a reforestación fíxose no ano 1958.

O bar-tapería “O Papón” de Maside acolleu esta tarde o Congreso Local do PP nesta localidade. A única candidatura presentada foi a que lidera Juan Manuel Álvarez González, que acadou o apoio do 100% dos votos emitidos polos compromisarios participantes na elección.
Tras coñecerse o escrutinio, o presidente local electo agradeceu expresamente o unánime apoio recibido á súa candidatura, facendo unha sentida lembranza do seu antecesor, Casimiro Campo Fernández, falecido o 1 de decembro de 2012. Juan Manuel Álvarez González sinalou que o novo equipo da Xunta Local que el lidera “busca unha profunda rexeneración, con ilusión e unha nova estrutura organizativa. O PP ten que ser o artífice do profundo cambio que Maside necesita”. Sobre este “cambio”, o presidente local fixo referencia expresa á necesidade de “fixar poboación, empresas e emprendedores no municipio, con infraestruturas necesarias que redunden no pobo, algo que se perdeu nestes últimos sete anos de goberno socialista”.
Tralo discurso do presidente local, tomou a palabra o presidente provincial do PPOU, encargado de clausurar o Congreso Local de Maside. Manuel Baltar afirmou que “as políticas municipais deben fundamentarse na cooperación entre administracións, co obxectivo irrenunciable de mellorar a calidade de vida dos veciños de Maside”.


Os socialistas galegos demandaron no Parlamento á Xunta que poña en marcha de forma inmediata a residencia para persoas maiores O Cornuval no Concello de O Carballiño e que teña xestión pública.
“As obras remataron hai dou anos, tiveron un custo de 6,7 millóns de euros e deben ser xestionadas desde o público, como pasa coa parte máis antiga da residencia”, asegurou hoxe Carmen Gallego na Comisión de Sanidade, durante a explicación dunha proposición non de lei dos socialistas sobre este tema que foi rexeitada polo PP.
A viceportavoz socialista apuntou que “en setembro, tanto a conselleira de Traballo como o alcalde do Carballiño adiantaron a posible xestión privada, o que reflicte unha vez máis a estratexia do PP en políticas sociais”. O PSdeG advirte ademais de que a Xunta de Feijóo “retrasa as aperturas de centros para que pareza que son autoría do seu goberno”.
“O Grupo Parlamentario Socialista considera que os centros que foron construídos con fondos públicos para prestar atención en materia de Servizos Sociais deben ser xestionados desde o público, pois só así garantiremos igualdade e calidade na prestación das políticas sociais”, manifestou Gallego.
“As empresas privadas que operan neste sector xa teñen un nicho de mercado naquelas persoas que deciden libremente optar por estas, pero dende a política pública os gobernos teñen que garantir que calquera persoa que o queira poida ingresar nunha praza pública, pois os Servizos Sociais son un dereito universal”, engaden os socialistas.

As axudas enmarcanse dentro do plan provincial termal que financia a Deputación de Ourense, que contempla actuacións en materia de termalismo en 9 concellos da provincia.
En Punxín, na área ternal do Bañiño-As Quintás contruiránse dúas pozas de augas termais, cun investimento de 49.000 euros, según se recolle no convenio asinado entre o citado concello e a entidade provincial.
No concello de Cenlle, e por importe de 47.828 euros están previstas dúas obras, a mellora do acceso ao balneario de Laias e acondicionamento do sendeiro que comunica este balenario de Laias coa área termal de Barbantes-Estación.
No caso do concello carballiñés executaráse o proxecto de acondicionamento do acceso peonil e entorno do Bañiño de Arcos, cun investimento de 50.000 euros.
Na comarca do Ribeiro tamén se beneficiarán destas subvencións do plan provincial termal os concellos de Ribadavia, que destinará 33.879 euros á mellora do acceso a Prexigueiro, e o de Cortegada, con 36.000 euros que investirá no novo balneario da localidade.

O presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou nun acto desenvolvido no balneario do Carballiño un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense, polo cal ambas as dúas institucións se comprometen a “darlle o pulo definitivo á aposta polo turismo termal” que o Goberno autonómico leva poñendo en práctica “desde 2009”, segundo salientou o mandatario galego.
Feijóo recordou que o turismo galego está a bater este ano récords históricos –excluíndo o Xacobeo 2010-, pois rexistráronse sete millóns de pernoitas ao longo dos primeiros nove meses de 2014, millón e medio delas correspondentes a turistas procedentes de fóra de España. “O turismo termal é unha das nosas bazas fortes para seguir mellorando estes rexistros”, subliñou.
O acordo rubricado no Carballiño por Feijóo e o presidente da Deputación de Ourense establece como obxectivo central poñer en valor turístico os recursos naturais da provincia de Ourense. Para conseguilo, o convenio tamén supón o nacemento do Consello Termal Ourensán, un organismo multilateral, formado polos concellos das vilas termais, a provincia, a Xunta de Galicia, o Goberno central e asociacións de empresarios, e que ten como finalidade reivindicar a grandeza termal desta provincia e “manter e reforzar o noso liderado natural”. Así e todo, o mandatario autonómico expresou a súa vontade de “sumar a todas as institucións posibles” a este acordo pioneiro.
Marnotes "o termalismo será no futuro unha oportunidade para o noso territorio e as nosas xentes"
Durante a súa intervención na sinatura deste convvenio no balneario do Carballiño, o alcalde Argimiro Marnotes manifestou a súa satisfacción porque con este acto "deixaráse o nome do Carballiño escrito na historia do renacer do termalismo".
O rexedor municipal carballiñés remarcou que o balneario do Carballiño "´é o lugar ideal para a sinatura deste acordo, pois O Carballiño que añora os mediados do século XX, como explendor de augas mineromedicinais, aspira a recuperar ese tempo, e para elo esta iniciativa que hoxe se pon en marcha fará un pronto presente que nos faga esquecer outros tempos".
Para o PSdG o acto foi "pura propaganda"
O PSdeG lamentou que "a visita de Feijóo ao Carballiño non fose mais que mera propaganda, xa que non anunciou a posta en marcha de ningún dos proxectos pendentes na vila". Afirman que "Marnotes fixo novamente o ridículo ao demostrarse que os do seu propio partido non lle fan nin caso, xa que non é capaz de conseguir ningún compromiso do Goberno galego que beneficie aos carballiñeses".
Subliñan que "nos orzamentos da Xunta non se inclúe ningunha partida específica para O Carballiño, que está totalmente abandonado polo goberno autonómico e cun alcalde que amosa unha vez máis a súa inutilidade para xestionar investimentos que poidan dar un impulso á vila".
Así, recalcan dende o PSdG, "Feijóo asinou hoxe o convenio coa Deputación para a posta en marcha do Plan Termal Provincial, pero non dixo unha palabra do proxecto do Instituto Termal para O Carballiño, que é ademais un dos compromisos electorais de Marnotes e incluído no seu programa cando se presentou á alcaldía"
Finalmente, preguntanse os socialistas por qué Feijóo non falou nesta visita de proxectos pendientes da Xunta no Carballiño, como a Galiña Azúl ou o Parque de Bombeiros..

O Xurado encargado da elección dos premiados nesta III Edición do Galardón da Arenteira que organiza con carácter anual o Aparthotel Arenteiro do Carballiño, acordou en reunión celebrada no citado establecemento hoteleiro conceder esta distinción ás seguintes persoas:
Arenteira Modalidade Deporte: D. Cesáreo Rivera Pérez. Exfutbolista e maior exponente nesta disciplina saído destas terras. Foi xogador do Celta, do Sevilla e internacional coa Selección Española. Subliñar que foi proposto pola práctica totalidade dos centros que votaron nesta edición.
Arenteira Modalide Cultura e Investigación: D. Carlos Varela García. Fiscal Superior de Galicia. Polo seu decidido compromiso coa nos lingüa e coa normalización lingüística da xustiza, manifestada abertamente e polo seu traballo neste sentido tanto nas diversas publicacións realizadas como nas institucións e asociacións ás que pertence.
Arenteira a Título Póstumo: D. Olimpio Liste Regueiro. Fundador do Museo Liste de Oseira. Personaxe fundamental na preservación do noso legado patrimonial e valedor do mesmo nunha dura batalla na que non sempre foi correspondido e comprendido.
A entrega destes galardóns farase no Salón de Actos do Aparthotel Arenteiro o día 28 de novembro, ás 20 horas.

O Diario Oficial de Galicia publica no seu número deste venres dia 14 de Novembro o concurso para a contratación da xestión do servizo de atención residencial para persoas dependentes na Residencia de Maiores do Cornuval, por parte da Consellería de Traballo e Benestar.
O orzamento de licitación é de 417.520,90 euros e o número de residentes aos que se vai atender a través deste servizo de xestión é de 20 persoas dependentes. O contrato terá unha duración dun ano, ata o 31 de Decembro de 2015.
A CIG entende "que esta decisión é gravísima, máxime cando dende fai máis de dous meses o Comité de empresa ben reclamando unha xuntanza coa Secretaría Xeral da Consellería, sendo ninguneado continuamente pola mesma".
Recorda o sindicato como inicialmente esta residencia foi concebida para unha oferta de 118 prazas, polo que estará ao "17% da súa capacidade, cun investimento de 20.876 euros por residentes" o que leva a CIG a considerar que estamos "ante un despilfarro escandaloso de diñeiro público, a maiores da ocultación e secretismo con que se está a levar a situación na que queda a residencia xa existente".
A CIG califica esta licitación "como unha burla ao pobo do Carballiño, xa que unha vila necesitada de traballo e con un índice de paro elevado, tiña a posibilidade dunha residencia cunha dotación de persoal de uns 90 traballadores, e con esta capacidade as necesidades de persoal quedarán nunhas 15 persoas, e dicir, a perda de máis de 75 postos de traballo".
Dende a central sindical esixen "que se retire a licitación da contratación da xestión do servizo de atención residencial paras persoas dependentes, na residencia do Carballiño, e se abra de xeito inmediato con persoal público e co 100% da súa capacidade".

Dende o BNG carballiñés aclaran que "a proposta non é nin oportunista nin electoralista, aínda que se presente dias despois de informes realizados por funcionarios municipais que recollen a situación preocupante na que se encontra o parque municipal, co risco existente mesmo para a integridade física das persoas polas caidas de polas de árbores e desprendemento de terra".
Entenden que o parque podería ser un importante recurso para a xeración de emprego, ademais do que representa para O Carballiño pola súa importancia por razóns "tanto económicas, ecolóxicas e sociais".
Ante o constante deterioro que sufre "dia a dia" esta área natural, o Bloque Nacionalista Galego presentou por medio do seu responsable local Marco Antonio Reboredo, as propostas que os nacionalistas van incorporar ao seu programa electoral, e que consisten na elaboración dun inventario da Flora, A Fauna, Xeoloxía, Topografía e Infraestructuras dotacionais, asi como un PLAN INTEGRAL "onde teñan especial protagonismo as diferentes asociacións do Carballiño, e implicar ás Universidades.
Tamén propoñen a declaración do parque como "Espazo Natural de Interese Local" por parte da Xunta de Galicia, o que facilitaría a achega de subvecións para realizar investimentos, e a creación dun PADROADO para facer un seguimento e control de todas as actuacións que se executen neste espazo natural.

O alcalde do Carballiño Argimiro Marnotes "decidiu, á vista dos informes presentados polos servizos de secretaria, intervención e Benestar Social, trasladar ao órgano de contrataciòn non prorrogar a concesión do servizo de axuda no fogar á empresa Galaurea SL, que solicitara polo prazo legal de 1 ano", según se informa dende o propio cocello.
Esta decisión que xa foi anunciada tanto á citada empresa, coma ao sindicato CIG, "foi adoptada tras estudar detidamente os informes de intervención, secretaria, Benestar Social, o sindicato e a propia empresa, chegando á conclusión que é a mellor forma de iniciar unha nova contratación para levar a cabo o servizo coas máximas garantías".
O contrato con Galaurea finalizará o próximo 5 de decembro. Dende o concello sacarase novamente a concurso este servizo municipal "véndose a empresa obrigada a continuar co servizo mentres non se resolva o novo procedemento".
Finalmente, dende o concello carballiñés avanzase que "no novo expediente considerarase unha nova redacciòn dos pregos administrativos que melloren o control por parte da administraciòn, que terá unha exposiciòn pùblica para recoller achegas, previo a súa aprobaciòn".
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 29
- 30
- 31
- 32
- 33
- 34
- 35
- 36
- 37
- …
- seguinte ›
- última »