23, Outubro 2022

Ás 12:30 horas COPE O Carballiño ofrecerá en directo o sorteo da Copa do Rei, no bombo estará o Arenteiro, ao que deberá corresponderlle un equipo da Primeira División, que xogará a eliminatoria a partido único no estadio de Espiñedo os dias 12 ou 13 de novembro próximo,  sábado ou domingo.

Por segundo ano consecutivo, un equipo da máxima categoria do fútbol español visitará O Carballiño, revivindo a gran festa do ano pasado coa visita do Valencia CF. Precisamente o equipo valencianista é xunto a R. Madrid, Barsa e Betis os catro equipos que están exentos nesta primeira ronda da Copa do Rei, xa que son os catro finalistas da Supercopa de España. Calquera outro dos 16 equipos da Primeira División poden tocarlle en sorte ao Arenteiro.

22, Outubro 2022

Preto dun cento de representantes de concellos galegos e caboverdianos, da administración central e autonómica e de organizacións da sociedade civil, entre outros, conmemoraron o 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no Concello de Nigrán, onde se xestou esta rede concellos e deputacións. Baixo o lema #oglobalélocal, celebrouse un gran acto conducido pola actriz Diana Sieira no que se combinaron os discursos e recoñecementos con lembranzas e emocións, alén da música galega e africana.

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, foi o encargado de dar a benvida ao evento, no que definiu á asociación municipalista como “un espazo compartido que democratiza a participación de todas as administracións locais galegas en materia de cooperación ao desenvolvemento, dándolle coherencia, continuidade, coordinación e proxectando tamén a Galicia no exterior”. Tomoulle o relevo o director do Instituto Galego de Análise e Cooperación Internacional, Daniel G. Palau, para quen “estes esforzos de base local son a esperanza para a acadar un futuro diferente no medio das crises actuais”.

Os países do Sur estiveron representados por Herménio Fernandes, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, coa que se cumpren “vinte anos de colaboración nos que se executaron máis de trinta proxectos que melloraron tanto as condicións de vida das persoas como as capacidades da administración local”, dixo. Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, indicou que “o traballo do Fondo Galego permite concretar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible” e lembrou que a Xunta de Galicia está a apoiar a localización dos ODS. Do mesmo xeito, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, apuntou que “a cooperación e a solidariedade van no noso ADN” e reafirmou o compromiso cos países máis desfavorecidos.

Tras os discursos institucionais, tivo lugar a entrega de recoñecementos aos concellos fundadores e ás entidades que apoiaron a constitución do Fondo Galego, como o IGADI, a propia Xunta ou a Federación Galega de Municipios e Provincias. “Vós destes forma aos ODS e puxéstelos na nosa axenda hai un cuarto de século, cando o interese do mundo ía en dirección oposta” afirmou o presidente da FEGAMP, Alberto Varela. Tamén subiron ao estrado representantes dos concellos de Allariz, Arteixo, O Carballiño, Corcubión, Culleredo, Fene, O Irixo, Moaña, Nigrán, Porto do Son e Oleiros. Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coas palabras da concelleira de Cooperación deste último municipio, Marga Figueroa, quen lembrou con agarimo ao tamén edil e presidente do Fondo Galego durante catorce anos, Alfredo Novoa, finado no mes de febreiro.

O evento, que contou coa música galega de Leni Pérez e Roberto Comesaña e mais cos ritmos angolanos de Alberto Mvundi, pechouse cun vídeo no que municipios e organizacións de distintos países enviaban parabéns ao Fondo Galego e coa entrega de agasallos ás persoas asistentes. Entre eles, unhas bonecas elaboradas de xeito artesanal por mulleres mozambicanas e árbores autóctonas cedidas pola Escola de Capataces Forestais de Lourizán (Pontevedra), que agora cadaquén terá que plantar e coidar.

22, Outubro 2022

A nova asociación impulsada por Pachi Vázquez constitui a súa xunta directiva que preside él mesmo, figurando Manuel Álvarez Peña coma vicepresidente, Ísbert Gayoso coma secretaria, Xosé Cortés coma tesoureiro e Bernardo García Nóvoa, Ernesto Atanasio Iglesias, Maika Castro López, Gonzalo Rodríguez Conde, Eladio Munín Barreiro e Alberte coma vogais.

A previsión é que a curto prazo se vaian incorporando máis persoas provintes dos diferentes colectivos que xa manifestaron a súa intención de apoiar esta inciativa indican dende a nosa asociación, que manifestan "a preocupación pola situación desta histórica institución non fai se non aumentar á vista dos acontecementos dos últimos tempos e da falla absoluta de transparencia".

Na súa folla de ruta, a asociación deu a coñecer os primeiros acordos da xunta directiva desta asociación, que foron os seguintes:

1. O apoio público ás traballadoras e exixencia da readmisión de aquelas ás que os tribunais lle recoñeceron o seu despido coma nulo.
2. A retirada das multas impostas polo Concello do Carballiño.
3. A remisión de sendas cartas aos patronos responsables (alcalde, bispo e arcipreste) demandando un cambio urxente na xestión do asilo e da mesma Fundación e acceso a actas e contas dos últimos anos.
4. Asemade tamén se dirixirán os mesmos escritos ao Protectorado da Xunta de Galicia (encargado de velar pola legalidade das fundacións) e á Conferencia Episcopal.
5. A creación de redes sociais e páxina web para difundir as accións do colectivo e por en valor o gran patrimonio material e inmaterial legados polos Irmáns Prieto.

20, Outubro 2022

Asi o anunciou en COPE O Carballiño o alcalde Francisco Fumega. A Xunta concentrará todos os servizos autonómicos que presta no Carballiño no chamado Centro Comarcal, na zona do Cornubal, a carón da estrada N-541.

O edificio, que data dos anos 90 do século pasado e que fora concebido como sede da desaparecida Fundación Comarcal, concentrará a partir de 2023 todos os servizos que a Xunta presta no Carballiño, algunhos de nova creación, como será o futuro Polo de Emprendemento impulsando pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, un proxecto incluído nos orzamentos autonómicos de 2023. Trátase dun novo modelo impulsando pola Xunta que pretende contribuír ao dinamismo laboral e ofrecendo, entre outros, servizos de información e asesoramento para o emprendemento, de forma personalizada e adaptada ao territorio comarcal, espazos fisicos para o traballo temporal, captación de inversións e financiación, e outros recursos  para a modernización do ecosistema emprendedor.

A este edificio, de titularidade autonómica, xa se trasladou fai unhos anos a Oficina Agraria Comarcal. Unha vez executadas as obras de adecuación e reforma que a Xunta levará a cabo, tamén se procederá ao traslado da Oficina de Emprego do Servizo Público de Emprego, na actualidade na rúa Otero Pedraio.

O alcalde Fumega tamén anunciou en COPE O Carballiño que o concello vai levar a cabo un proxecto para a mellora da comunicación do Carballiño con esa zona do Cornubal, as piscinas e o pabillón de deportes, que consistirá na construcción de beirarrúas e unha zona de acceso peonil, para mellorar o tránsito peonil e a seguridade en toda esa zona.

19, Outubro 2022

O Concello do Carballiño e o Servizo Galego de Saúde, Sergas, asinaron hai unhas semanas un protocolo inicial de colaboración para facer realidade o proxecto do que será o novo Centro de Saúde do Carballiño. O acto desenvolveuse o día 2 de agosto no edificio da Estación de Autobuses, espazo que será destinado a acoller o futuro centro sanitario de referencia para a vila e a comarca.

Para poder materializar a actuación e desenvolver o proxecto faise necesario, segundo se lle trasladou dende o Sergas ao Concello, que se introduzan unha serie de modificacións no PXOM. As mesmas teñen que ver coa modificación da protección da parcela onde se atopa o servizo, facéndose necesario mudar o cambio de uso, pasando do referido ao transporte (cualificación que ten na actualidade) a ser de uso sanitario.

Ademais, tamén se incluirá na proposta puntual sobre o PXOM que será levada a pleno a modificación referida ao volume de edificabilidade. Un aspecto que se fai necesario para que o Sergas poda desenvolver o proxecto que se quere construír no Carballiño. Coa actual normativa urbanística non se poderían crear o número de plantas, tres, que se fai necesario para poder acoller os servizos e instalacións que está previsto crear no Carballiño.

O novo Centro de Saúde do Carballiño contempla ocupar os máis de 4.000 metros cadrados da parcela para acoller as dotacións do novo centro e contar con máis espazo ao dispoñer dun maior volume de edificabilidade. As actuais dársenas serán transformadas para instalar alí os servizos que necesitan un acceso mediante ambulancias ou transporte sanitario e destinarase parte da mesma a crear un aparcamento. A consultas repartiranse polas tres plantas do futuro edificio. As previsións do Sergas pasan por contar co proxecto ao longo do que resta de ano e sacalo logo a licitación.

18, Outubro 2022

O Concello do Carballiño acometerá o proxecto de acondicionamento e mellora da pista que comunica os pobos de Godás e Longoseiros. O trazado que vai dende a N-541, en Godás, ata a estrada de Astureses por Longoseiros. Á obra destinarase un investimento de 127.136 euros. O prazo de execución dos traballos será de dous meses.

O proxecto "Asfaltado da pista Godás-Longoseiros" foi redactado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas Nogueiras, e a zona de actuación comprende tres tramos ben diferenciados. A intervención principal será o asfaltado da pista que une Godás coa estrada de Astureses, un trazado de 1.753 metros.

Tamén se procederá a acometer a mellora da pista de Godás da Cima, que vai dende o vial principal á N-541 (con saída na zona da Isis Pharia, fronte á que vai da N-541 á fábrica do papel da Lavandeira). Neste caso actuarase sobre un trazado de 600 metros. A terceira zona que se mellorará con cargo a este proxecto é un vial do propio pobo de Longoseiros, de 174 metros.

En conxunto, sumando as tres zonas de actuación incluídas, o proxecto "Asfaltado da pista Godás-Longoseiros" contempla a mellora de 2.527 metros. É dicir, máis de 2,5 quilómetros.

17, Outubro 2022

A empresa carballiñesa "Frigoríficos Arcos" e a súa marca de polbo cocido envasado ao baleiro "A Pulpeira" están presentes na SIAL 2022, a maior feira de alimentación do mundo, que estáse a celebrar na capital francesa. A empresa ubicada no parque empressarial do Carballiño forma parte do continxente galego que está presente en París no stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

SIAL constitúe o mercado global da industria da alimentación cunha oferta completa e representativa de todos os axentes do sector e de todos os alimentos e bebidas, procedentes do mundo enteiro, trátase da cita mundial máis importante do sector alimenticio, concentra en París a mellor oferta agroalimentaria.

A feira representa 19 sectores de produtos e recibe máis de 140.000 visitantes e 5.500 expositores, celébrase cada dous anos, unha mostra mundial agroalimentaria que presenta unha oferta exhaustiva e multisectorial no centro de exposicións Paris-Nord Villepinte.

17, Outubro 2022

Recuperada a normalidade logo de superada a pandemia, volve o programa O Carballiño Cardiosaudable. Unha actividade que se desenvolverá durante toda a semana, do 17 ao 22 de outubro, e que está organizada polo personal do Centro de Saúde, colaborando con eles o Concello do Carballiño. As sesións celebraranse no segundo andar da Casa do Concello (no salón de xuntas).

Durante toda a semana haberá encontros de grande interese que achegarán información, prácticas, hábitos e outros coñecementos para levar unha vida máis cardiosaudable. Tamén se resolverán todas aquelas dúbidas que as persoas asistentes desexen plantexar.

Tras a pimeira xornada celebrada na matinal deste lúns e no que se incidíu na "importancia de dar vida as anos con hábitos de vida saudables, o programa continúa o martes dia 18 ás 10.30 horas no salón de xuntas do Concello do Carballiño. O tema proposto é . Contarase coa presenza dos enfermeiros Pablo Taboada Pampín, Leticia Carral Otero e Vanesa Núñez Gil (dos centros de saúde do Carballiño e Valle Inclán e A Cuña –de Ourense-) e a médica Cristina Álvarez Gordo.

A farmacéutica Montserrat Fernández Montenegro será a encargada de coordinar a sesión do mércores 19. Comezará ás 11.30 horas e centrarase nas .

O coñecemento e coidado do solo pelviano por parte das mulleres centrará o encontro do xoves, día 20. A sesión comezará ás 11.00 horas e será conducida polas matronas Laura Vila Ferreiro e Isabel de la Torre Sas, dos centros de O Carballiño e Ribadavia.

A do venres 21 será unha xornada cunha ampla oferta de asuntos de interese. Marta Fernández del Río (do Centro de Saúde da Valenzá) impartirá a conferencia . A cita está programada para as 10.30 horas. Sobre , falarán Sabela Losada Diéguez e Melania Fraga Deus ás 12.30 horas. Pola tarde, 17.00 horas, chegará a quenda dos máis novos. Verónica Civeira, Beatriz Blanco e Melania Fraga falarán sobre .

A terceira edición do Carballiño Cardiosaudable pecharase o sábado cunha sesión en clave de xogo, un obradoiro para toda a familia dirixido a aprender en materia de primeiros auxilios. O obradoiro comezará ás 11.00 horas.

A entrada aos obradoiros é libre, aínda que PARA O OBRADOIRO DO SÁBADO É NECESARIO ANOTARSE. Pode formalizarse a inscrición nas consultas de Pediatría (Vanesa) ou na consulta 006 (Melania) do Centro de Saúde do Carballiño. Tamén se pode realizar por internet, a través do enderezo electrónico heroes@pupas.org.

15, Outubro 2022

Quería enviar esta denuncia dado a que na zona de o Baron de Seoane donde está a antiga fábrica EMBEN de estructuras de hormigón para pontes pasa unha carretera a sua beira e o lado dereito da coas suas intalacions e ali casi todos os dias ven alguen da propiedade a mirala ou facerlle algún mantemento pero aunque xa os avisei seguen na misma e con isto quero decir que cando pasamos cos coches para casa pegannos as silvas nos coches porque non limpan nada e chegan ata o medio do camiño e do outro lado pola parte do concello parece que esa carretera non existise porque tampouco a desbrozan case nunca e cando asfaltaron pola zona de seoane asfaltaronlles todas as carreteras e esta que estou a falar nada e eso que e a que mais usamos os do pobo, tamen aproveito a decir que no fondo de esa carretera que hay que ceder os que veñen de donde o Ojea hai un espello polo cal non se ve nada xa que esta moi vello o cristal e e imposible ver algo.

14, Outubro 2022

Na carteleira cinematográfica da fin de semana temos 4 películas, a do Cine-Club Carballiño "Teneis que venir a verla" de Jonás Trueba este venres 14 no auditorio do Carballiño, en pases ás 20:00 e 22:30 horas. E 3 películas para estes dias no Novocine de Leiro: "Tadeo-ons 3 La Tabla Esmeraralda" ás 16:00 horas, "No te preocupes querida" ás 18:15 horas e "Los renglones torcidos de Dios" ás 20:30 horas.

O sábado temos teatro dentro da programación da mostra de teatro afeccionado que organiza Tiruleque, ás 20:00 horas no auditorio coa actuación da compañía valdeorresa "Gargallada" e o seu espectáculo "Un desastre de función", teatro de comedia.

Dende as 9:30 horas do sábado e durante once horas, cun pequeno receso para o xantar, o pavillón Paco Chao acolle a 3ª Fase de Niveis do 1 ao 3, unha competición de patinaxe artística da Federación Galega que organiza o club carballiñés Aehde, e que reunirá no Carballiño a 180 patinadoras dun total de 26 clubes das provincias de Pontevedra e Ourense.

O sábado, dende as 20:30 horas, no Templo da Veracruz, o festival musical "Outros países, outras músicas" coas actuacións dos anfitrións e organizadores do Coro de Cámara de Müsica Viva do Carballiño, e como agrupación invitadas a Coral de Agolada, e a Coral "Estelas do Mar" de Mugardos.

Para a matinal do domingo temos o "Dia da Bici" do Carballiño, can saída dende a Praza da Veracruz ás 11:30 horas, cun percorrido de 8 quilómetros polo Carballiño e arredores, a gran festa familiar da bicicleta organizada pola concellería de deportes, e que repartirá premios e agasallos entre os participantes.

Ademáis, a Asociación Fotográfica O Potiños, co apoio do Concello, converte ao Carballiño na capital da fotografía de Galicia durante este outono.  Desta volta o festival anual da fotografía galega incorporou como espazo expositivo un céntrico local da Rúa Principal para amosar as súas exposicións. Trátase do baixo situado no número 6 (onde antigamente estaba a tenda deportiva Hobby Sport (abrirase ao público durante a fin de semana).

Na actualidade o Arenteiro Fotográfico 2022 ten abertas ao público as seguintes mostras: -Asociación Fotográfica O Potiños. . Casa do Concello. -IES Chamoso Lamas. . Rúa Principal, Edificio Ramón García. -Asociación F. O Potiños..Antigo Hobbit Sport. -Teté D. Estate.

 Antigo Hobbit Sport. -José Miguel Martín Ordoño. . Antigo Hobbit Sport. -A. F. O Potiños. . Antigo Hobbit Sport. -Beatriz Cabanelas. . Antigo Hobbit Sport. -Marcelo Caballero. <4 movimientos>. Antigo Hobbit Sport.

As mostras do Antigo Hobby Sport estarán abertas ao público durante a fin de semana, cos seguintes horarios: -Venres e sábado. De 18.30 a 21.00 horas. -Domingos: De 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 21.00 horas. O Arenteiro Fotográfico renovará a súa oferta expositiva no mes de novembro.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS