
O Concello de Avión organiza a novena edición da súa andaina e primeiro trail "Ruta do Faro", evento deportivo que se celebrará o domingo, 23 de xullo. A presentación desta proba deportiva tivo luga no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Avión, Antonio Montero; e o técnico deportivo do Concello de Avión, Darío Vázquez.
O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que o municipio de Avión "dedica cada edición a un atractivo turístico típico do seu territorio, unha maneira de poñer en valor a súa riqueza paisaxística a través do deporte".
Asemade, sinalou que a Deputación de Ourense colabora con este tipo de iniciativas que "aglutinan deporte, saúde e natureza, converténdose nunha boa oportunidade para dar a coñecer a nosa riqueza cultural, paisaxística e gastronómica", dixo Rosendo Fernández. Pola súa parte, Antonio Montero sinalou que esta actividade "fomenta o deporte e tamén da a coñecer o noso patrimonio cultural e etnográfico, centrada cada ano nun novo motivo foron a zona dos muíños, dos canastros, das igrexas, e agora nesta novena edición no Monte Faro".
Ademais, o alcalde de Avión asegurou que se trata de "dar a coñecer o noso municipio non só á xente de fóra del, senón tamén aos veciños de Avión". Nese mesmo senso, Darío Vázquez dixo que "grazas ás andainas coñecemos en profundidade o municipio".
O técnico deportivo de Avión detallou os aspectos técnicos das probas sendo para andaina tres rutas: unha curta de 7,5 quilómetros, unha media de 15 quilómetros e unha longa de 25 quilómetros. En canto ao trail hai dúas posibles modalidades de 25 e de 15 quilómetros. "Este ano, por primeira vez, organizamos un trail cronometrado para darlle un carácter competitivo a todos aqueles que queiran correr", explicou Darío Vázquez.
A saída da proba será para as andainas media e longa ás 8.30 horas, mentres que para andaina curta e as probas do trail ás 10.00 hora, "para que conflúan os que van a correr cos que van a andar", explicou Darío Vázquez, quen sinalou que "a participación solemos superala cada ano, polo que esperamos superar os 200 participantes do ano pasado".
Os interesados en participar poderán inscribirse, a través da web www.magmasports.es, ata o día 17 de xullo. O custe da inscrición da andaina é de 20 euros e do trail de 22 euros, ambas inclúen comida, avituallamentos, camiseta conmemorativa e sorteo de agasallos entre os asistentes.

A Fundación "Insua dos Poetas" ven de dar a coñecer os premios que concede con carácter anual, e que na súa edición de 2017 entregaránse no transcurso dun acto que terá lugar este próximo sábado dia 15 ás once e media da mañá, neste parque cultural sito na parroquia carballiñesa de Madarnás.
Entre os distinguidos cos premios "Insua dos Poetas" desta edición están o grupo de teatro carballiñés Tiruleque no apartado de "Iniciativa Cultural destacada" e a asociación "Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires", na modalidade de emigración.

Os protagonistas da cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro” díronse cita hoxe no salón de plenos do concello do Carballiño para presentar o CD que acaba de editar a alcaldía con este tema musical e outras quince cancións máis cedidas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
O acto contou coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega; do autor da letra da cantiga, o historiador carballiñés Felipe Senén; o autor da música, o director da Real Banda de Galitas da Deputación de Ourense, Xosé Luis Foxo; o director do Coral Polifónica do Casino do Carballiño, Jaime García Pichel; do concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández; do concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; do portavoz do grupo municipal de AV-Son, Bernardo García; da concelleira e deputada provincial do PP, Teresa Cerdeira; así como directivos da Coral do Casino e representantes de diversas entidades musicais históricas do Carballiño, como Os Liborianos. Os portavoces do PP e BNG, Argimiro Marnotes e Francisco Ferreiro, respectivamente, disculparon a súa ausencia por motivos ineludibles de traballo.
Francisco Fumega agradeceu aos autores da cantiga, asi como aos intérpretes, a súa colaboración desinteresada para crear unha peza musical en honor da tradición pulpeira e da Festa do Pulpo do Carballiño. “Agora sí podemos dicir que a nosa romaría gastronómica por excelencia ten xa a súa propia cantiga”, dixo o alcalde. E engadiu que “é o resultado dun excelente traballo de Felipe Senén, de Xosé Luis Foxo e da Coral do Casino, que contén ademáis outras cancións cedidas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e dous libriños: un con vellas fotografías de pulpeiras e outras máis recentes da Festa do Pulpo, realizadas por José Luis Diz, e un segundo libriño cun texto de Felipe Senén que é unha auténtica memoria histórica dos cantares das xentes do Carballiño”. Ao respecto, Fumega evocou o carballiñesismo de todos os protagonistas.
Felipe Senén apelou á tradición e ao carácter de encrucillada de camiños do Carballiño para situar esta composición como un cantar de arrieiro. “Un cantar feito co corazón, según dixo, e que Foxo acompañou cunha música acorde cos cantares antigos, como un rexer do ronco da gaita e da roda dun carro”. Así mesmo, lembrou ás familias de gran tradición pulpeira que levan o nome do Carballiño polo mundo adiante, como Aurora Baranda, e a célebres artistas, como Faustino Santalices que pasaba os veráns na vila, para rematar dicindo que estaba moi agradecido polo honor de colaborar nesta creación.
Xosé Lois Foxo tamén considerou un honor ter participado nesta iniciativa, da que dixo era como conxugar o amor á cultura musical e á gastronomía. E referiuse a Felipe Senén como un dos persoeiros máis coñecedores da nosa cultura, e asegurou que compuxo a cantiga como un canto sinxelo e popular, cunha parte de “ronda” e outra de muiñeira antiga, para cantar e para bailar.
Finalmente, Jaime García Pichel dixo que o papel da Coral do Casino fora dar un aire popular e cercano á cantiga para que se cante nas casas e nas festas, e que por eso se interpretou e se gravou cunha especie de diálogo entre un tenor e unha soprano para rematar con todas as voces cantando a coro.
Ao remate do acto os protagonistas e asistentes entonaron a cantiga co acompañamento á gaita de Xosé Luis Foxo. Esta gaita que tocou data de principios do século XIX e foi a mesma que tocou o seu fillo Marco Foxo durante a gravación da canción.
O CD da Pulpeiriña do Arenteiro, do que o concello do Carballiño editou 1.000 exemplares, serán distribuidos como un agasallo da alcaldía, e contén un total de 16 cancións tradicionais gravadas pola Real Banda de Gaitas de Ourense, xunto coa cantiga Pulpeiriña do Arenteiro, que abre o CD.
Asemade, contén dous libriños con fotografías dos anos 40 e 50 de pulpeiras e outras recentes das últimas Festas do Pulpo, ademáis dun libriño cun artículo de Felipe Senén sobre a memoria histórica dos cantares no Carballiño dende os anos 50 ata finais do século XX.

A programación festiva e cultural prevista para este mes de xullo comezará o próximo sábado, día 8, coa Festa ¡VIVAN OS 80´s! Será un evento novidoso que comezará ás 7 da tarde nos locais de hostalería e que proseguirá ás 10 da noite na Pista Roxa, con diversas actuacións en homenaxe á música da década dos anos 80. Haberá tres grupos: o grupo local 33rpm versións do pop-rock dos 80´s; un tributo a Joaquín Sabina, co grupo Números Rojos, e un tributo a Queen, co grupo McKuin.
Esta festa, e ata unha ducia de eventos, foron presentados esta mañá polos concelleiros de Turismo, José Manuel Dacal, e de Cultura, Diego Fernández. Ambos fixeron fincapé na cantidade e calidade da programación, que busca animar as rúas do Carballiño durante este mes de xullo e ofrecer un amplo abano de posibilidades de ocio e divertimento. Así mesmo, dixeron que o sector hostaleiro estaba totalmente entusiasmado e implicado coas propostas do concello.
O público infantil e familiar ten unha cita o venres 14, no auditorio municipal, co musical Mary Poppins, cuxa entrada costa 12 euros en venda anticipada.
Coincidindo coa feira do sábado 15, celebrarase o Carnaval de Verán 2017. O día anterior será o carnaval infantil cos nenos e nenas dos campamentos urbanos, e pola tarde-noite do sábado terá lugar o desfile de comparsas e charangas, pasarrúas a cargo de “Festicultores Troupe” e charangas, a animación dun DJ na Praza Maior, e a media noite un concerto do grupo “Gin Toni´s”.
Por segundo ano consecutivo, teremos a Feira Medieval “A Liorta” 2017. Será o venres, 21; sábado, 22, e domingo, 23. Haberá engalanamento das rúas e locais hostaleiros, animación de rúa, mercado medieval e carpa gastronómica. Anúncianse máis actividades que na primeira edición, como cetrería e combates, e o mercado medieval duplicará o número de postos do pasado ano.
No ámbito formativo, celebraranse do 25 ao 28 as Xornadas de Termalismo na Casa da Cultura, organizadas polo Instituto de Estudios Carballiñeses.
Por vez primeira desenvolverase o festival “HOLI PULPO”. Será o sábado 29. É unha proposta de ocio novidosa, que inclúe unha carreira dende a Praza Maior ás 5 da tarde, e a continuación un festival no parque municipal. O principal argumento para o divertimento é o uso de pintura ecolóxica e unha sesión musical na que participarán os DJ “DE MELO”, “THE PRIETO BROTHERS” E “BIG BROWSERS”. O prezo da inscrición é de 10 euros, que inclúe unha camiseta e outros agasallos.
Na noite do sábado 29 tamén se celebrará unha andaina nocturna guiada aos petroglifos de Cangues (Madarnás-A Esgueva). Unha actividade organizada e dirixida polos arqueólogos do Centro de Estudios Chamoso Lamas.
O domingo 30, como prólogo das Xociviga 2017, terá lugar a proxección na Praza Maior da película El bosque animado, coa presencia do director José Luis Cuerda.
Tamén haberá música de rúa os domingos pola tarde na Praza Maior, a cargo de grupos locais, e bailes para os maiores no parque municipal.
Finalmente, a biblioteca municipal oferta unha serie de actividades infantiles de animación á lectura, contacontose obradoiros para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Haberá unha actividade na praza de abastos, “BIBLIOPRAZA”, o martes 11 de xullo, e outra nas piscinas,“BIBLIOPISCINA”, o xoves 20.

A tres días da celebración do xuízo a raíz dunha denuncia presentada pola Comunidade de Montes de Cristimil e A Torre, na contorna do Castro de San Cibrao de Las (San Amaro), as deputadas de En Marea Ánxeles Cuña e Luca Chao achegáronse ata o centro de intepretación castrexa para apoiar as reivindicacións dos veciños, que reclaman a titularidade de 14 hectáreas de superficie do monte da Cidade, onde se atopa a citania.
Na rolda de prensa previa á visita ao castro, o presidente de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, denunciou que dende o comezo o concello de San Amaro e a Xunta de Galicia obviaron os intereses da veciñanza no que cualificaron dun “roubo” feito a mantenta. “Fixeron un edificio nos nosos terreos sen delimitación de núcleo nin servizos”, sinalou Modesto Rodríguez, que asegurou que “estamos dispostos a chegar a un acordo pero queremos que a Xunta clasifique os terreos como monte comunal”.
A deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, que esta semana defenderá na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia a declaración de Ben de Interese Cultural para o Castro de San Cibrao de Las, lembrou que a propiedade comunal do propoio monte chamado A Cidade, onde se atopa a citania, “xa se recolle dende tempos inmemoriais e documentados dende o catastro da Ensenada, hai un recoñecemento histórico desta propiedade, pois figura no Catálogo de Patrimonio”.
Hai dous meses En Marea xa solicitara que se lle faga unha auditoría á empresa que está xestionando o conxunto arqueolóxico. “É unha empresa do fillo dun alcalde do PP, que non pasou nin pola mesa de contratación”, denunciou Cuña. “Déuselles un contrato meses despois de estragar un petróglifo con maquinaria en Campo Lameiro”, sinalou en referencia á empresa Espiral que xestiona o centro.
En Marea defende unha xestión mixta que contemple a colaboración con expertos en museística e a Universidade, e que as “actitivades que se fagan non vaian en menoscabo dos dereitos das propiedades de montes dos terreos en que se ubica”.

O concello do Carballiño procederá nas próximas semanas ao acondicionamento e reforma da praza-mirador da piscifactoría. Este espazo, situado ao final da avenida do Parque, fronte ao Instituto Chamoso Lamas, fora construido hai moitos anos pola primeira escola-taller do Carballiño, e o obxectivo é mellorar a accesibilidade así como a seguridade e a propia praza, o mobiliario e a varanda.
O orzamento desta reforma é duns 60.000 euros, que serán concedidos mediante unha subvención a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos, cofinanciada co Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia. A concesión desta subvención foille comunicada á alcaldía a finais da semana pasada.
O proxecto consistirá na creación dun acceso empedrado con lousas de granito que facilitará o acceso autónomo das persoas con problemas de moblidade. Tamén se restaurará a varanda de madeira existente que rodea a zona do mirador, mellorando a seguridade. A praza central do mirador tamén irá enlousada con granito, e se modificarán os elementos ornamentais vexetais, setos e arbustos. Trátase dunha ampla reforma que convertirá este espazo natural nun lugar agradable de lecer. Dase ademáis a circunstancia de que esta praza-mirador atópase no final do paseo da Avenida do Parque e zona residencial, que é moi frecuentada por moitas persoas, sobre todo durante este tempo de verán.
O proxecto será adxudicado nestas próximas semanas, co obxectivo de que poida ser executado no menor tempo posible. Precisamente, esta mañá o alcalde, Francisco Fumega, e a concelleira da área económica, Rita Soto, desprazáronse ata o mirador para ver a limpeza que se levou a cabo no entorno, mentres non cometen as obras. A iniciativa do proxecto partiu do alcalde, que considerou unha prioridade reformar este mirador natural sobre o río Arenteiro, que está enclavado nunha zona de gran relevancia turística, no camiño entre o parque municipal, a parte alta da piscifactoría e o conxunto formado polo parque etnográfico do Arenteiro, a Pena dos Namorados, a fábrica de papel da Lavandeira e o camping municipal.
O pasado ano, tamén mediante unha subvención semellante, procedeuse á construcción doutra praza-mirador sobre o sendeiro do río Arenteiro, na rúa Río Avia, a carón do Gran Balneario, co que con este tipo de proxectos estanse poñendo en valor os recursos turísticos do Carballiño. Por todo isto, a alcaldía transmitiu o agradecemento á Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, pola súa colaboración tanto neste proxecto como noutras iniciativas de promoción turistica do Carballiño.

O Concello de Cea organiza un ano máis a súa tradicional celebración gastronómica en homenaxe ao seu produto estrela, o Pan de Cea, produto elaborado en forno de leña seguindo un proceso artesanal que se transmitiu de xeración en xeración.
A presentación desta festa gastronómica tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) "Pan de Cea", Carlos Rodríguez.
Manuel Baltar destacou a importancia de continuar a celebrar esta festa que "xira entorno a un produto fundamental da nosa gastronomía e da nosa alimentación, un produto do que os ourensáns debemos presumir grazas ao labor que realizan hoxe os panadeiros dos fornos de San Cristovo de Cea e tamén o que desenvolveron os das xeracións anteriores, entre todos contribuíron a facer do pan de Cea un produto único, cen por cen ourensán, e que supón unha homenaxe as nosas tradicións".
A Deputación de Ourense apoia a "promoción e a exaltación deste festexo entorno ao Pan de Cea, onde o protagonista é un produto exclusivo, non hai ningún outro pan que teña esta consideración e que dure tanto en tan boas condicións", sinalou o presidente do goberno provincial. Carlos Rodríguez, quen explicou a programación prevista para a XXVI edición da Festa do Pan de Cea, sinalou que o programa de actividades deu comezo o pasado domingo coa celebración dunha andaina solidaria, e proseguirá o sábado, 1 de xullo, coa celebración da cuarta edición da Ruta dos Fornos, unha experiencia gastronómica por cinco antigos fornos de pan en Cea.
En cada un deles, os visitantes poderán degustar xunto co pan, dun viño pertencente a algunha das cinco Denominacións de Orixe galegas. A ruta estará amenizada por unha charanga e grupos de música tradicional. Ao día seguinte, o 2 de xullo, será a xornada grande da celebración, na que a IXP prevé vender arredor de 3.000 pezas deste produto.
Os actos comezarán ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo de charangas e, ás 12.00 horas, será a recepción de autoridades para continuar co coa lectura do pregón ás 12.30 horas, que nesta edición correrá a cargo da reposteira Merchi Rodal e o cociñeiro Carlos Parra, do programa televisivo Larpeiros.
Ao igual que aconteceu en anteriores edicións, o acto central da celebración estará seguido pola homenaxe aos panadeiros xubilados do municipio de Cea, para seguir con música da man de Troula Group-Pandereteiras de Cea, actuación que dará paso ao tradicional xantar popular. Pola tarde, as actividades continuarán ás 20.15 horas cunha degustación popular de mexillóns, doados por Amegrove SC, xunto co Pan de Cea, para rematar coa actuación dunha orquestra.
Pola súa banda, José Luis Valladares agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, "para poder desenvolver esta celebración que ten por obxectivo dar a coñecer o produto estrela que temos en Cea porque o noso pan é un manxar en tódalas mesas nas que está presente". Na actualidade hai "17 fornos no rexistro de elaboradores da IXP, aínda que dentro de pouco tempo vaise a incorporar un forno máis", dixo Carlos Rodríguez.
En canto á produción, o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida asegurou que "no ano 2017 roldamos as 700.000 pezas, dos cales un 45% da produción vai para fóra de Galicia, aínda que hai algúns fornos que venden o 90% fóra de Galicia". O proceso artesanal de elaboración do Pan de Cea consta de seis fases: amasado, repouso, división da masa, reamasado, enfornado, cocción e rever.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 520
- 521
- 522
- 523
- 524
- 525
- 526
- 527
- 528
- …
- seguinte ›
- última »