4, Marzo 2016

O concello do Carballiño remitirá unha solicitude á Xunta de Galicia para poder convocar dúas novas prazas de Policía Local, alegando unha situación de excepcionalidade.

Así o anunciou hoxe o concelleiro de Seguridade, Adolfo Nogueira, durante unha comparecencia de prensa na que informou das circunstancias que xustifican esta petición.

En primeiro lugar,  "estas novas prazas xa están contempladas, e en segundo lugar, hai un número insuficiente de axentes para formar patrullas coas que cubrir nalgunha ocasión todas as quendas".

Así, subliñou Nogueira, dos 16 axentes que conforman a plantilla da Policía Local, hai 2 que están en segunda actividade, realizando labores administrativas noutros servizos; hai   outros 2 axentes de baixas prolongadas; o xefe e o adxunto coordinan e fan distintas funcións pero non forman parte das patrullas, e, ademáis, están os permisos por descanso, vacacións, asuntos própios e horas sindicais.

En consecuencia, resulta moi difícil garantir patrullas na rúa as 24 horas do día, 7 días á semana e 365 días ao ano, polo que é absolutamente necesario convocar esas prazas previstas, segundo afirmou o concelleiro.

Ainda así, Adolfo Nogueira quixo tranquilizar aos veciños e veciñas do Carballiño, asegurando que non hai ningún motivo de alarma, tal e como se pode desprender dalgunha recente declaración pública, senón que O Carballiño conta cun dos ratios provinciais máis baixos en materia de seguridade.

Así, con respecto á crítica pola falla dunha patrulla unha tarde, o servizo estivo cuberto por un axente, que é ademáis, cabo, e resolveu unha situación dun aparcamento improcedente diante dun vado, segundo dixo o concelleiro, que engadiu: en todo caso, sempre hai un retén, formado polo xefe e o adxunto á xefatura da Policía Local, para calquera incidencia. E isto, sen contar coa Garda Civil, que está de garda permanentemente.

Nogueira advertiu que a situación heredada con respecto á Policia Local era moi deficiente, e que nestes oito meses que levan no goberno se estaba intentando poñerlle remedio.

E  puxo como exemplo tres iniciativas que estaban en marcha: A elaboración dun convenio regulador da Policía Local do Carballiño, unha RPT e a convocatoria de 2 novas prazas. Tres cuestións absolutamente inéditas nos catro anos anteriores asegurou.

O concelleiro lamentou a postura do Partido Popular, que a inicios desta semana denunciou que O Carballiño estivo sen quenda de tarde na Policia Local este pasado lúns, "cunha nota de prensa insidiosa e cargada de maldade de Marnotes, que denota o pouco que aprendeu no seu paso pola alcaldia".

O Partido Popular levará este asunto ao pleno da corporación municipal

Os populares incidiron, tras a comparecencia de Adolfo Nogueira, na necesidade de que se convoque unha reunión de portavoces para tratar a situación que vive o servizo de Policia Local, e advierte que "no caso de que non se convoque de forma urxente, tal como xa se solicitou este pasado dia 1 de marzo, este asunto será trasladado por medio dunha moción en sesión plenaria ou en pleno extraordinario co seu debate correspondente"

2, Marzo 2016

As xornadas teñen como obxetivo informar e asesorar ás comunidades de montes e veciños en xeral que sexan propietarios forestais da capacidade productiva do sector forestal cara á creación de emprego e a diversificación da actividade económica do medio rural.

As xornadas consistirán en diversas charlas que se celebrarán o venres 4 e horario de tarde e o sábado 5 en horario matinal no centro multiusos do concello do Irixo, organizadas polas asociación cultural Arracada.

O venres ás 4 da tarde darálle a benvida aos participantes o alcalde do Irixo, Manuel Penedo. Logo, José Manuel Justo, director da Federación de Razas Autóctonas Españolas, disertará sobre "Gandería de razas autóctonas, montes en man común e coeficientes de aproveitamento de pastos PAC". As 17,40 horas, o secretario da IXP castaña de Galicia, Manuel López, falará do"Cultivo da castaña de calidade".

O sábado, as xornadas inicianse coa charla de Manuel Lois sobre "Axudas públicas ao sector forestal. A figura das SOFOR". Ás 11:45 horas, José Núñez achegará aos presentes a súa experiencia sobre unha explotación extensiva de cabra galega. Seguirálle a intervención de Eugenio García sobre "As axudas dirixidas ás Comunidades de Mntes no ámbito da gandeiría aos mozos"

A clausura das Xornadas estará ao cargo de Eladio Munín, presidente da asociación organizadora.

1, Marzo 2016

O grupo municipal do Partido Popular no concello do Carballiño ven de solicitar "unha reunión urxente dos portavoces dos grupos políticos co alcalde, concelleiro de seguridade e e xefe do servizo de Policia Local, co fin de que se nos informe sobre o que está acontecendo con este servizo".

Os populares aseguran que esta petición faise despois "de que este lúns dia 29 de Febreiro fumos advertidos por veciños do pobo de que o servizo de Policia Lcal estivo sen patrulla na quenda da tarde, pois tras reclamar a súa presenza a través do teléfono, comunicouselles que ata as 22 horas non existía axente algún que estivese en disposición de atender incidencia algunha", manifestan.

Considera o Partido Popular que "coa seguridade das persoas non se xoga, coa seguridade das persoas requírese ter un concelleiro que antepoña o servizo diario de atención á veciñanza, ante calquera situación que poida existir dentro do servizo da Policia Local".

Esperan no Partido Popular que esta reunión aclaratoria se convoque canto antes por parte dos responsables municipais.

29, Febreiro 2016

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co concello na mellora e acondicionamento da Rúa Padre Eiján no núcleo urbano.

Durante o encontro, o alcalde explicoulle á conselleira que se trata dunha rúa que constitúe un eixe vertebrador do núcleo, xa que da acceso ao Paseo Fluvial dende a rúa Gabino Bugallal e presenta un ancho escaso. Pola súa banda, a conselleira trasladoulle que se trata dunha actuación que se pode enmarcar dentro do Plan hUrbe da Xunta de Galicia, que busca promover e apoiar actuacións que perseguen recuperar os espazos de encontro dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no medio rural. Mato Otero indicoulle que é necesario asinar un convenio de colaboración para a execución das obras, que debe contar co visto bo do Consello da Xunta, e posteriormente licitalas.

As accións a acometer teñen como finalidade fundamental o acondicionamento para o tráfico peonil e rodado deste punto, xa que nestes momentos conta cun pavimento bastante deteriorado.

Así, executarase unha nova pavimentación da rúa, salvo o ancho irregular que presenta agora, para o que tamén será necesario soterrar unha pequena rede de tubaxe de paso e arquetas, e instalarase alumeado público.

Esta actuación tamén implicará a mellora das infraestruturas que discorren baixo a rúa, polo que se procederá a revisar a rede de saneamento de fecais. Realizarase unha nova rede de saneamento de pluviais, porque os sumidoiros para a auga de chuvia verten directamente na rede de fecais. Esta nova rede deseñarase de tal xeito que cando sexa necesario acometer nela as baixantes de pluviais das edificacións, non será necesario recorrer ao picado masivo do novo pavimento. Tamén se propón deixar executada unha preinstalación a base de arquetas de rexistro e tubaxe que nun futuro permitan instalar redes de telefonía ou similares sen necesidade de picar o pavimento da rúa.

28, Febreiro 2016

O conxunto carballiñés impúxose aos vigueses do AlertaNavia tras voltear o marcador, xa que os visitantes cobraron ventaxa á media hora de partido. A un minuto para chegar ao descanso, o árbitro sinalou como penalti unha man dentro da área dun xogador vigués, e Martín Pérez empatou para o Arenteiro, nunha xogada que seguramente resultou providencial para o desenlace final do partido. Logo, na reanudación, o mesmo Martín Pérez -no minuto 53- e xa preto do final Pana, marcaron os goles da remontada.

Comezou moi espeso o Arenteiro, con moitas imprecisións atrás e sen conseguir superar aos vigueses no medio do campo, e asi toda a primeira parte. Afortunadamente para os verdes, primeiro o penalti e logo o gol tras o intermedio nivelaron o encontro, pero as acometidas do AlertaNavia seguiron facendo sufrir a retagarda local, ata que Pana a pase de Dani González, acaso na mellor xogada da tarde dos verdes, sentenciou o encontro.

Con esta victoria, o equipo dirixido por Manel Vázquez logra sumar catro partidos imbatido, con tres victorias e un empate, achegandose -con 40 puntos- ao obxetivo da permanencia.

CD Arenteiro: Israel, Marcos Castro, Aitor Martínez, Dafonte, Pana, Victor Gallego, Bardelás, Martín Pérez, Sanginés, Vitti e Alberto. Tamén xogaron Marcos Sotelo, Iván Portos, Dani González e Vilachá.

27, Febreiro 2016

O concello do Carballiño lamenta profundamente o fallecemento do doctor Luís Rodríguez Míguez, condecorado coa Medalla de Ouro do Carballiño en novembro de 1995.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, en nome de toda a corporación municipal e do pobo do Carballiño, expresa á súa dona, á súa filla e ao resto da  súa familia as máis sentidas condolencias polo pasamento dunha das personalidades máis salientables de Galicia no estudo e promoción do termalismo, que tivo unha dedicación e unha querencia especial polo Carballiño, e por iso foi distinguido co máis alto recoñecemento a unha persoa que se contempla na normativa municipal.  

O doctor Luis Rodríguez Míguez foi o verdadeiro impulsor das Xornadas de Termalismo de Galicia, que se desenvolveron durante moitos anos no Carballiño, dende 1984, e da creación do “Curso Básico de Hidroloxía Médica”, que tamén tivo como sede a vila carballiñesa.

Ademáis, publicou unha obra esencial para o coñecemento da historia e divulgación dos balnearios do Carballiño, como é o “Estudio Histórico Bibliográfico del Termalismo: principales surgencias de la provincia de Ourense”, onde se fai unha mención especial das augas termais do Carballiño, fundamentalmente, do Gran Balneario e do Balneario das Caldas de Partovia.

E foi un árduo defensor da creación do Instituto Termal de Galicia no Carballiño, un soño que, sen embargo, nunca viu cumplido.

Por estas e outras consideracións, que teñen moito que ver coa súa traxectoria profesional, docente e investigadora, pero tamén coa súa vertente humanista, que tanto o caracterizaba, a corporación municipal do Carballiño incoou un expediente de honores para otorgarlle, en sesión extraordinaria celebrada o 30 de novembro de1995, a “Medalla de Ouro da Vila do Carballiño”.  

Daquela, era o alcalde Pachi Vázquez, e o acordo plenario, adoptado por unanimidade dos grupos municipais que conformaban a corporación, PSdeG-PSOE, BNG e PP, culminaba unha proposta que fora realizada polo xa daquela exalcalde Argimiro Marnotes Rodríguez, en marzo de 1995.

 

26, Febreiro 2016

O mercado laboral da comarca de Carballiño creceu preto do 1% –en concreto, ó 0,91%– no ano 2015, o que lle permite afianzar e consolidar por terceiro trimestre consecutivo o nivel dos 8.000 traballadores afiliados á Seguridade Social. Trátase da segunda forza de traballo máis dimensionada da provincia, só por detrás da existente na comarca de Ourense, e con vantaxe sobre á de Valdeorras: 8.002 afiliacións en Carballiño e 7.923 en Valdeorras.

Estes datos foron divulgados polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, na primeira presentación comarcal do Observatorio Económico da Deputación de Ourense, realizada no salón de plenos do Concello do Carballiño, coa asistencia de alcaldes, técnicos de emprego, empresarios e axentes sociais da zona.
 
Segundo as estatísticas do estudo, con ese ritmo de rexeneración de afiliacións próximo ao 1% en taxa interanual, foi a quinta comarca ourensá con mellor comportamento neste indicador da recuperación económica. Non dista moito da creación neta de empregoque acreditan as outras dúas comarcas con maior des-envolvemento empresarial da provincia: a de Ourense, cun auxe de afiliacións do 1,2% no último ano; e a de Valdeorras, cun incremento do 1,3%.
A nivel municipal, catro concellos lograron crear emprego, un conservou a mesma cifra de postos de traballo (Piñor) e catro perderon afiliados en 2015. Entre os primeiros, Irixo e Boborás impulsaron un 3% de emprego neto; e O Carballiño e Maside, un 2%. No lado oposto, as peores evolucións déronse en Beariz, que nun ano acurtou o seu mercado de traballo en algo máis do 9%; e en Punxín, onde a baixada foi do 5%.

Ao analizar o convulso período dos últimos oito anos, obsérvase que a comarca perdeu o 15% das afiliacións en taxa acumulada, proporción que supera en dous puntos ás medias provincial e galega, situadas ambas na contorna do 13%. Con todo, presenta un comportamento mellor que sete comarcas ourensás, xa que só recuperou menos afiliados que Ourense, Verín, Allariz-Maceda e Viana. 
 
Por outra parte, o paro rexistrado baixou en 2015 un 6,6% no conxunto da comarca de Carballiño, cifra moi en liña coa redución media da provincia (-7%). Presenta o sexto maior descenso comarcal e, de manter o ritmo actual, en dous anos lograría situar o censo de parados por debaixo dos 2.000 demandantes de emprego, situación que xa produciuse excepcional e illadamente nos meses de agosto e setembro de 2015, pero que non se tiña visto desde outubro de 2009.
 
A análise do paro por municipios reflicte contrastes moi acentuados. Si ben se acurtou en 2015 nun 10% na cabeceira comarcal, O Carballiño, e nun 9,6% en San Cristovo de Cea, nese mesmo ano a taxa interanual subiu un 37,5% en Beariz. Pero cabe precisar que este inusual repunte en Beariz responde en realidade a un incremento moderado en términos absolutos, ao pasar dun total de 32 parados en xaneiro de 2015 a 44 no mesmo mes de 2016, o que equivale a un inscrito máis ao mes.
 
Na comparativa coa situación previa á crise, ve-mos un primeiro concello, o de San Cristovo de Cea, que rexistra hoxe menos parados que en xaneiro de 2008, cun descenso do 2,4%. E O Irixo achégase ta-mén a ese fito, xa que o aumento acumulado limítase ao 4,9%. Pola súa banda, o paro acumulado no municipio de Carballiño aínda sinala un incremento do 40%, moi superior á media provincial do 28,7%.

O sétimo Observatorio Económico Ourensán adicou un fondo tratamento ao colectivo dos pensionistas, desde o enfoque demográfico e tamén desde o punto de vista dos tipos de cotizacións, do poder adquisitivo e do grao de cobertura. Unha das conclusións do informe é que o desenvolvemento empresarial da comarca non se percibe aínda no importe medio das pensións, que está fixado en 674 euros, o terceiro máis feble da pro-vincia, si ben no último ano subiu un 1% (e un 5,7% en taxa acumulada desde 2011).
 
Mentres, a cobertura das pensións entre o colectivo dos maiores de 65 anos (porcentaxe da poboación que cumpriu os 65 anos e que percibe pensión) sitúase nesta comarca no 81,3%, cando a media da provincia está no 79,6% e a de Galicia no 78,5%. O grao de cobertura que alcanza Carballiño é o sexto máis alto de Ourense, só superado por Terra de Caldelas (88,1%), Terra de Trives (85,2%), Allariz-Maceda (83,4%), A Limia (83%) e Viana (81,6%). As proporcións máis cativas son as das comarcas de Verín (75,7%), Ourense (77,9%) e A Baixa Limia (78,5%).

26, Febreiro 2016

José Luis González mostra, a través de comunicados remitidos aos medios de comunicación, a súa satisfacción, tanto pola aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal como dos orzamentos municipais para o exercicio do ano 2016 no que andamos.

Para acceder aos comunicados do alcalde de Piñor prema nos arquivos adxuntos:

26, Febreiro 2016

Os alumnos de 3º de ESO do IES Chamoso Lamas, Pilar España, Marta Fernández, Santiago López e Manuel Quireza participarán o sábado 27 de Febreiro na sétima edición do Parlamento Xove, mentres que o sábado 5 de Marzo a quenda será para os alumnos de Bacharelato, Yeray Barreiro, Danarys Michaelis, Ana Fernández e Lucía España.

O proxecto Parlamento Xove confórmano un conxunto de encontros dialécticos que teñen por obxecto fomentar entre os mozos o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias.

Poténcianse habilidades individuais e en grupo entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

Na edición deste ano o tema a tratar leva como título “Determina o papel do profesor/a o futuro dos nosos mozos e mozas? ”, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, nesta edición participan 48 centros de toda Galicia.

24, Febreiro 2016

O concello do Carballiño porá en marcha, a partir do próximo mes de marzo, un programa de reinserción laboral para 60 persoas desocupadas, coa finalidade de que poidan acceder ao remate do mesmo a un posto de traballo.

Esta iniciativa, promovida pola concellalía de Promoción Económica, que dirixe Adolfo Nogueira, fíxase o obxectivo de conseguir, alo menos, a colocación da metade das persoas que participen neste programa, concretamente, o 45% (entre 25 e 30 persoas). Non obstante, espérase que acaben atopando colocación a maioría das persoas inscritas.

Este programa integral de emprego, que se presenta baixo a denominación de “Carbaemprega”, vai dirixido, fundamentalmente, ao colectivo de persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

Unha das características de Carbaemprega é, precisamente, proporcionar unha  formación cualificada para poder obter un emprego de calidade.

De aí que o programa contemple accións específicas en técnicas de coaching, intelixencia emocional e de motivación para a busca de emprego, así como no uso das novas tecnoloxías e, por suposto, na adquisición de habilidades prácticas naqueles sectores con implantación no tecido industrial do Carballiño.

De feito, unha das finalidades da concellalía de Promoción Económica, é exercer a intermediación entre empresas que precisan cubrir necesidades de persoal e as persoas traballadoras desempregadas. E este mesmo obxectivo se fixa para este programa.

Por iso, nalgúns cursos previstos se prestará unha atención especial  aos contidos de carácter práctico e de corte industrial destinados á adquisición de competencias específicas e necesarias para o empeño profesional en empresas da zona.

Se temos en conta que o tecido empresarial do Carballiño está caracterizado por empresas de actividades relacionadas coa soldadura e calderería, estes cursos estarán orientados a dotar de coñecementos, destrezas e habilidades técnicas relacionadas coa soldadura e calderería dende unha perspectiva da construcción, fabricación e montaxe de estruturas metálicas. Pero tamén se inferirá no coñecemento e respecto das normas de prevención de riscos laborais no entorno laboral.

Sen embargo, outros aspectos do programa se centran en incrementar a capacidade emprendedora dos participantes, tanto para poder traballar por conta allea como por conta propia.

Para a posta en marcha deste programa, o concello do Carballiño conta cun equipo de profesionais formado por tres orientadoras laborais e dous técnicos de emprego, así como coas instalacións adecuadas para impartir os cursos e as accións contempladas, como unha aula de informática, aulas para impartir clases e para desenvolver obradoiros.

 O programa, que terá unha duración dun ano, dende marzo deste2016 amarzo do 2017, xa se remitiu á consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, para a súa aprobación, dentro das bases  dunha convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os naos 2016 e 2017.  

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS