21, Marzo 2016

A deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, deu conta esta dos acordos da Xunta de Goberno da institución provincial, no que destaca o convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro para a prestación de asistencia para a xestión do abastecemento en Alta "Razamonde–San Trocado" durante o exercicio 2016. Dende a ETAP de Razamonde levaráse a auga ata o depósito distribuidor no monte de san Trocado

Por parte destes concellos solicitouse da Deputación a prestación da dita asistencia para o abastecemento, e tralos estudos e negociación das posibles fórmulas acadouse un acordo en canto ás condicións da dita asistencia. O servizo prestarase pola Deputación a través da entidade AquaOurense, Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente, S.L.

En contraprestación polo servizo prestado, a Deputación de Ourense percibirá a seguinte retribución económica: do Concello de Cenlle: 1.737,05 euros; do Concello de Punxín, 1.085,66 euros, e do Concello de San Amaro, 1.519,92 euros. O convenio estará vixente entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2016. Montserrat Lama destacou a importancia dos convenios de colaboración entre Deputación de Ourense e os concellos da provincia "para levar a cabo obras, servizos e infraestruturas que teñen na cooperación institucional o seu piar fundamental".

18, Marzo 2016

O Voceiro do Grupo Municipal socialista no concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, denuncia algo inadmisible: que un goberno que non pon en marcha una soa iniciativa que xere riqueza para o concello de O Irixo e que aproba un orzamento que se reduce este ano con respecto ao anterior en ingresos; sexa capaz de aprobar uns gastos nos seus propios soldos de 73.113.1 € por tres adicacións parciais máis outros 6.000 euros en dietas dos órganos de goberno,uns 80 mil euros (79.113,1 €), en total.

O único que fai o goberno do Irixo, en mans do seu Tenente de Alcalde, Manuel Cerdeira, mentres o Alcalde se amosa rendido e ten abandonada a deficitaria xestión do concello, é aprobar as mocións da oposición que veñen nalgúns casos con 30 anos de atraso como e o caso da APERTURA DA GARDERÍA PÚBLICA MUNICIPAL DO IRIXO. Gardería que xa viñan reclamando dende o grupo escolar ao igual que a apertura da biblioteca pública do Concello, que se abriu recentemente gracias tamén á moción conxunta presentado no seu dia polos grupos da oposición.

Alertamos, os socialistas, que a moción aprobada sobre a APERTURA DA GARDERÍA PÚBLICA MUNICIPAL DO IRIXO se presentou polos grupos da oposición o pasado 27 Novembro 2015, antes da elaboración do Orzamento e que, a pesar de iso, non se deixou previsto nada neles para este gato, o que seria desexable se realmente se queren facer as cousas ben. Os socialistas, tamén, recordan que a posta en marcha debe ser mediante “...unha comisión de traballo formada para tal efecto [...] onde terán representación todos os grupos políticos e o consello escolar do centro, para artellar un proxecto de gardaría coordinado co centro escolar do Irixo....” e “...se poña en funcionamento coa maior brevidade posible e nunca máis tarde do mes de Setembro de 2016, coincidindo co inicio do curso escolar....” e que se aprobou abrir una gardaría non un servizo de atención temperá, que son cousas totalmente distintas. Tampouco tivo problema nin vergonza, o goberno do Irixo, en aprobar, como propia, unha moción que o Voceiro socialista presentou por rexistro o pasado 19 de Febreiro de 2016 e que non foi incluída na orde do día da sesión plenaria, pero, sorprendentemente, incluíron unha igual do grupo de goberno no punto número 6º “Ordenanza modificación IBI” presentada con data 14 de Marzo de 2016, na que se bonificara o 95% da cota íntegra do IBI para os bens inmobles nos cales se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras…” e se fixara un “…mínimo coeficiente o valor catastral que será do 0,3%.” Proposta feita polos socialistas e agochada polo grupo de goberno e aprobada como propia.

Denunciamos os socialistas que no orzamento municipal, se crean unha serie de prazas de novos traballadores do Concello, entre elas unha de condutor da pala mixta retroescavadora do Concello. O Grupo Municipal Socialista indica que esta praza se foi dilatando no tempo para, presuntamente, beneficiar a un ex-concelleiro do Partido Popular no concello ata que recentemente se xubilou. Esta persoa, hai uns anos, foi contratada ata que, legalmente, xa non foi posible entón, sacouse a concurso un contrato menor que se lle adxudicou en varias ocasións á empresa que realiza a meirande parte das obras do Concello nos últimos 30 anos: Coviastec, a nova denominación da empresa Construccsiones Benigno Alvarez S.L. Esta mesma empresa, prestouse, presuntamente a colocar de condutor da pala a este ex-concelleiro do Partido Popular do Irixo e amigo do grupo de goberno, agora ao terse xubilado sacan a praza e prescinden de sacar un novo concurso, xa que non lles é necesario.

Lamentamos, os socialistas, que se saque esta praza cando un contrato menor por horas ou días negociado con algunha empresa do Irixo sería moito mais vantaxoso para as arcas municipais e para o conxunto dos veciños e veciñas, salvo que o grupo de goberno en interese propio xa teña pensado quen podería ser o beneficiario desa praza. Mágoa que o goberno do Irixo antepoña os intereses persoais, familiares ou de grupo fronte aos intereses xerais de tódolos veciños e veciñas do Irixo, proba disto é que non lle importa seguir cobrando do Concello importantes cantidades e mesmo aumentalas ate case os 80 MIL EUROS mentres o Orzamento do Concello se reduce porque non son capaces de poñer en marcha una soa iniciativa que cree riqueza para o propio concello.

18, Marzo 2016

Os portavoces dos grupos municipais do Carballiño arriaron este mediodía a bandeira da Unión Europea do balcón do consistorio en sinal de protesta polo posicionamento europeo ante a crise dos refuxiados sirios. Por este motivo, a bandeira europea deixará de ondear xunto coas bandeiras de Galicia e de España no balcón do concello.

Este acordo foi tomado unánimemente polos representantes dos catros grupos políticos, PSOE, PP, BNG e AV, a proposta do portavoz do BNG, Francisco Ferreiro co apoio do portavoz de AV, Bernardo García, durante unha reunión da Xunta de portavoces.

O alcalde, Francisco Fumega, sinalou que se trataba dunha chamada de atención pola crise humanitaria que se está vivindo nas fronteiras europeas coas persoas que fuxen da guerra de Siria.

O portavoz do BNG, Francisco Ferreiro, agradeceu o apoio á súa proposta e dixo que había que trasladar á cidadanía esta catástrofe humanitaria, que cualificou como a peor desde a Segunda Guerra Mundial, que ten xa contabilizados arredor de dez mil nenos e nenas desaparecidos.

O portavoz do PP, Argimiro Marnotes, indicou que era un feito simbólico, unha forma de poñer en evidencia o que está a pasar, e que a Unión Europea ten a suficiente capacidade e infraestrutura para cobixar aos refuxiados.

Finalmente, Bernardo García, de Alternativa Veciñal, recordou que O Carballiño era un pobo solidario, como xa o había demostrado acollendo na Residencia do Tempo Libre aos refuxiados bosnios que fuxían da guerra en Yugoslavia, e que propoñía que no próximo pleno municipal se acordase por unanimidade ofrecer de novo a Residencia para cobixar a refuxiados sirios.

17, Marzo 2016

Os concelleiros carballiñeses do BNG presentaron un escrito no concello no que piden ao goberno municipal que, con carácter inmediato, leven a cabo as xestións oportunas para que O Carballiño sexa a sede do Campionato do Mundo de Pesca Fluvial de Seleccións, que se celebrará no próximo mes de agosto en Galicia, en localidade aínda por decidirse.

Marco Antonio Reboredo e Chema Ferreiro refírense neste escrito a boa infraestructura hoteleira e a magnífica rede fluvial e de instalacións e servizos para a práctica da pesca deportiva coas que conta O Carballiño.

O BNG demanda do concello carballiñés que se poña en contacto coa Federación Galega de Pesca para presentar a candidatura do Carballiño para acoller a esta actividade. Tamén consideran os nacionalistas que sería interesante e fundamental a implicación dos diferentes axentes sociais e a Sociedade de Pesca Deportiva Arenteiro, que xestiona o couto do río Arenteiro.

A repercusión, tanto económica como mediática, considera o BNG  que serían relevantes para  O Carballiño

15, Marzo 2016

A corporación municipal do Carballiño acordou por unanimidade posicionarse en contra do proxecto industrial dunha pranta de incineración de neumáticos usados, que pretende ubicarse na comarca, máis concretamente, no municipio de Maside.

O acordo foi promovido polo grupo municipal do Partido Popular, e contou co apoio do resto dos grupos políticos representados na corporación carballiñesa: PSdeG, BNG e Alternativa Veciñal.

A sesión plenaria foi presenciada por varios membros de Plataforma Masidá que, tras o acordo unánime, aplaudiron a postura da corporación carballiñesa, mentres que nun comunicado emitido censuran a postura do alcalde de Maside.

Comunicado de Plataforma Masidá

Dende a Plataforma Masidá queremos agradecer o apoio unánime do Pleno do Concello do Carballiño a moción, presentada polo portavoz do PP, de rexeitamento a planta de incineración de neumáticos no Concello de Maside. No debate previo a votación en pleno, os distintos portavoces manifestaron as súas opinións e o seu posicionamento relativo a instalación da incineradora. Destacaría en primeiro lugar ao portavoz do PP por presentar a moción e o por dicir que a incineradora quérena instalar sobre un terreo rústico mancomunado e poboado de arbores, incumprindo a lei de montes. Non deixaría no esquecemento o mencionado polo portavoz de Alternativa que ca súa coloquialidad e retranca manifestou que, na última semana lle chegara unha carta dos comuneiros de Bouzas na que o invitaban a ir a planta de Alcázar de San Juan coa idea de sacar a conclusión de que non contamina, como si iso se poudera ver, e a que o portavoz coa súa retranca dixo, nos invitarían a comer e beber e logo veríamos as rodas de colores. Comentar tamén o mencionado polo portavoz do Bloque, que se remontou a anos atrás, nos que en distintos Concellos da Mancomunidade intentaron colocar estes focos de contaminación e merda, que só poderían facer o efecto chamada de outras empresas contaminantes para a súa instalación nos nosos Concellos e converternos nun foco de lixo, do que dende logo non poderíamos sentirnos nada orgullosos. E do Alcalde do Carballiño agradecer o seu apoio en contra dun Concello do PSOE sendo totalmente coherente coa súa opinión e quedaríame con unha frase que dixo antes da votación, eu estaría en contra da incineradora incluso si se instalara en solo industrial. Todos os membros da Plataforma Masidá presentes no Pleno sacamos a mesma conclusión ao final, que PENA que en Maside teñamos o que temos de alcalde e que ENVEXA nos deu ver o que había no Carballiño.

14, Marzo 2016

O portavoz do PSdG na Deputación, Ignacio Gómez, instará ao presidente Baltar para que esixa á empresa adxudicataria o remate deste proxecto de mellora da estrada, de titularidade provincial, entre Leiro e Pena Corneira.

Á altura da localidade de Lebosende a as súas inmediacións, onde se executa esta obra, a estrada presenta "un estado deplorable, con sinalizacións deficientes, numerosos buracos, e un colector colocado enriba dunha fosa séptica, mal executada e sen rematar, con alta perigosidade e tramos nos que non poden cruzarse dous vehículos ao mesmo tempo", subliña Manuel Rodríguez, portavoz dos socialistas en Leiro, encargado de trasladar esta reivindicación ao portavoz do PSdeG na Deputación.

Apuntan, ademáis, que a situación afecta incluso á seguridade para o tráfico, polo que consideran necesario rematar as obras canto antes, "´é hora de que a Deputación esixa o remate e posta a punto da estrada posto que a empresa contratada, ten que ter un aval ou garantía para facélo", conclúen.

 

13, Marzo 2016

Tarde primaveral e fenomenal entrada no Estadio Municipal de Espiñedo para ver unha nova victoria do Arenteiro, malia que os verdes comezaron moi mal o partido, nunha primeira media hora de aturdimento total do equipo local. Afortunadamente, os vigueses non souberon aproveitalo e na segunda parte o Arenteiro pudo recompoñerse e lograr 3 puntos máis que permiten aos carballiñeses escalar na clasificación e situarse sextos.

Saíu de inicio o Arenteiro fora do partido, sobre todo na zona de creación do equipo e na parte de atrás, e ata que transcurrida media hora o equipo comezou a reaccionar tímidamente. O paso por vestiarios foi providencial, xa que ao reinicirse o partido e nun saque de esquina e a colaboración da defensa visitante, Maxi lograba empurrar o balón e abrir o marcador. O Valladares, que xogou boa parte do segundo periodo con 10 xogadores ao ver doble cartón amarelo un dos seus defensas, xa non logrou repoñerse, e so foi capaz de aproximarse á porteria do Arenteiro en xogadas a balón parado. Coincidindo co baixón físico dos vigueses, no minuto 65 Martín Pérez colocou dende a banda un excelente balón na cabeza de Alberto e éste fixo o segundo e defintivo gol da tarde.

CD Arenteiro: Israel, Marcos Castro, Maxi, Aitor, Pana, Bardelás, Victor Gallego, Marcos Sotelo, Dani Vázquez, Martín Pérez e Alberto. Tamén xogaron Dafonte, Vitti, Dani González e Vilachá.

11, Marzo 2016

A Semana Santa do Carballiño terá a súa propia “madrugá” na noite do xoves. Será unha procesión que partirá do Asilo ás 23,30 h., e rematará no templo da Vera Cruz despois de recorrer as rúas céntricas da vila. Destaca o paso do Noso Señor da Sentencia, que irá custodiado por un escuadrón romano.

Esta é unha das novidades que ofrece o intenso programa relixioso-cultural organizado pola Cofradía da Vera Cruz, que foi presentado no centro comercial Ponte Vella de Ourense, coa asistencia do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o obispo de Ourense, Leonardo Lemos e o cofrade maior Rafael Melero. Ao acto tamén asistiron o párroco do Carballiño, José Benito Sieiro; o voceiro do grupo municipal do PP, Argimiro Marnotes, concelleiras do grupo de goberno e do PP, e cofrades da Vera Cruz.

Catro procesións, catro conferencias e unha exposición conforman este programa, que comeza o sábado, 12 de marzo, e remata o venres, 25. Haberá catro precesións: O traslado da Nosa Señora das Doores, dende a igrexa parroquial de San Cibrao ao templo da Veracruz, o venres, 18; A de Ramos, co mesmo recorrido, o 20 de marzo; A do Xoves Santo, dende o Asilo á Veracruz, e a tradicional “Dos Caladiños” o Venres Santo, con saída e chegada no templo da Veracruz. Estas procesións contarán coa participación dun elenco importante de agrupacións musicais e de canto. Concretamente, intervirán a Banda Municipal de Música do Carballiño, a Banda-Escola de Gaitas do Carballiño, a Banda de Gaitas REDEGAITA, vinculada á banda de gaitas da Deputación, e a Banda de Gaitas de Tui. Asemade, cóntase coa participación do Coro de Voces Brancas do Orfeón Unión Ourensana e dos Nenos Cantores da Capela Madrigalista de Ourense”, así como do Orfeón do Carballiño. Na procesión “Dos Caladiños” destaca a participación do grupo Alfonso Medela Trío, acompañados coas voces de Maribel López, Almudena Mosquera, Samino Otero, Emilio Rodríguez e José Luis Reza, do Orfeón do Carballiño, que interpretarán unha versión dun Nocturno de Frédéric Chopin.

Rafael Melero, cofrade maior, sinalou na presentación que o pograma conxugaba arte, historia e tradición, cunha importante vertente cultural e de innovación. Francico Fumega, alcalde do Carballiño, destacou o esforzo que realizaba o colectivo da Cofradía da Vera Cruz para programar unha Semana Santa vistosa e atractiva, e non só dende o punto de vista relixioso senón tamén cultural e turístico.

No mesmo sentido pronunciouse o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, dicindo que a Deputación, como institución, ten a obriga de apoiar a outras institucións e entidades que promoven iniciativas de interese cultural, turístico e relixioso.

E, finalmente, o obispo, Leonardo Lemos, situou ao Carballiño como referente do que se pode facer traballando xuntos, e ensalzou o programa proposto, por aunar arte, cultura e fe, que son, segundo dixo, os alicerces da alma do noso pobo.

O programa comezará o sábado, 12 de marzo, coa inauguración no templo da Vera Cruz da exposición “Colección de Medallas e Escapularios de Cofradías e Irmandades de Semana Santa de España”, que terá lugar ás 12,00 h. E pola tarde, terá lugar a conferencia inaugural, que será impartrida por José Manuel García Iglesias, catedrático de Hª da Arte da Universidade de Santiago.

10, Marzo 2016

13 stands de establecementos con prendas infantís e de adultos, calzado, complementos, lencería e, por vez primeira, artigos gourmet, estarán abertos dende mañá, venres, 11 de marzo, ata o domingo, 13 de marzo, na Feira do Stock de inverno, que promove o Centro Comercial Aberto, en colaboración co concello do Carballiño. Outra das novidades desta feira será que se entregarán uns bonos sorpresa, con regalos directos, por cada compra superior a 10 euros. Así o sinalou o presidente do CCA, Julián Garriga, durante o acto de presentación deste evento, que se inaugurará este venres dia 11 ás 12 do mediodía na “pista roxa” da Praza do Emigrante. Dominará a oferta o sector da roupa, tanto infantil como para adultos, pero tamén con presenza doutros sectores. En concreto, os establecementos que participan son, por sectores: 1. Prendas infantís como Contos, Píkaros, Duende e Endebén Mundo Infantil 2. Prendas de adultos contamos coa presenza de B-Jeans 8, Aura Modas e El Desván de Mía e Rembrandt 3. Calzado estará representado por Castaño e Pasiños 4. Complementos con Uno de Cada by Quintana 5. Lencería de La Moderna 6. Artigos Gourmet representada por El Jamonar Asemade, Garriga adiantou unha iniciativa para a celebración do Día do Pai. Durante os días 17, 18 e 19 de marzo vanse promocionar os establecementos acollidos ao Centro Comercial Aberto, con actividades de entretemento, como uns zancudos que entregarán diversos regalos e figuras de globoflexia ás portas dos comercios, e a realización de talleres para os rapaces na Praza da Veracruz, na Praza Maior e na Praza Emilia Pardo Bazán. Finalmente, informou doutra iniciativa para desenvolver en Semana Santa, do 21 ao 27 de marzo, que, baixo o lema de “Semana Santa Divertida”, intentará dinamizar o comercio ofrecendo actividades lúdicas para os máis pequenos. O presidente do Centro Comercial Aberto compartiu o acto de presentación co concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, que amosou o poio da súa concellalía e do concello a esta feira, así como ao resto das actividades programadas. Nogueira indicou que a promoción do comercio é un dos obxectivos fundamentais para o concello, xa que é o motor económico do Carballiño. Reiterou o apoio ao comercio de cercanía e ao desenvolvemento de actividades que redunden na dinamización deste sector, resaltando o papel fundamental que representa o Centro Comercial Aberto, que conta xa con 102 socios.

10, Marzo 2016

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), adxudicará dúas vivendas de promoción pública vacantes no municipio do Carballiño. A Comisión Provincial de Vivenda decidiu, na súa reunión de hoxe, iniciar o procedemento de adxudicación de ditas vivendas.

Os inmobles, que se adxudicarán a través do preceptivo sorteo entre os solicitantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, están emprazados na avenida de Compostela 122 do Carballiño.

As vivendas a adxudicar son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo e xa estiveron ocupadas por anteriores adxudicatarios. O réxime de adxudicación (aluguer ou compravenda) dependerá dos ingresos dos adxudicatarios, xa que a normativa obriga á adxudicación en alugueiro cando os mesmos non superan 1,5 veces o Iprem (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS