A xornada "invernal" do pasado domingo levou a comisión de festas de Mesego a suspender a verbena da "XLVI Festa da Empanada".
Tras a negociación coas orquestras que estaban contratadas para actuar en Mesego este pasado domingo, "Triunfo" e "Gran Parada" actuarán no campo da festa de Mesego nunha verbena que se celebrará este próximo xoves dia 27.

Os carballiñeses estrenaronse nesta liga cun empate a domicilio no campo da Lomba ante o equipo ponteareán, un resultado que visto o visto nos 90 minutos deixou satisfeitos por igual a unhos e a outros, xa que calquera dos dous pudo gañar ou perder, polo que o 0-0 final pode considerarse xusto.
CD Arenteiro: Pachi, Gele, Ocampo, Dani Arbo, Vilachá, Dafonte, Victor Gallego, Martín Pérez, Vitti e Marcos Sotelo. Tamèn xogaron Marcos Castro, Bardelás, Sanginés e Marc.
O Partido: Típico de inicios de tempada, con moita marxe de mellora polo potencial que atesouran ambos equipos. Con imprecisións por ambos bandos tanto en defensa como en ataque, que puderon decantar o resultado para calquera. Asi que pode darse por bo o punto co que regresou o Arenteiro, toda vez que o conseguíu nun dos campos que a priori se presenta como entre os máis difíciles da categoria, aínda que polo visto hoxe, moito terá que mellorar o Cultural Areas se quere regresar á terceira división, categoria que perdeu a pasada tempada.

O alcalde de San Amaro, Ernesto Pérez e o director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos, asinaron un convenio de colaboración, polo que a Xunta se compromete a finaciar obras de mellora no neste municipio, en concreto na localidade de Cristimil.
Xunto ao rexedor de San Amaro tamén asinaron convenios de colaboración os alcaldes de Cortegada, Padrenda e Parada do Sil.
Faránse obras de mellora e conservación nos espazos públicos do pobo de Cristimil, na parroquia de San Cibrán.
Estes convenios asínanse ao abeiro dunha orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015; que está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.
O goberno municipal do Carballiño "mantén o seu compromiso de transparencia e publicidade nas contratacións do Concello. Por unha parte, no caso das recentes prazas ofertadas, seguindo as bases que xa estaban redactadas e que están a disposición de todos os grupos da oposición e cidadáns interesados en consultalas".
Así, no caso das prazas ofertadas recentementeexplican que "dúas delas son para cubrir baixas de maternidade en Servizos Sociais, coa conseguinte urxencia, xa que o goberno tomou posesión en xuño e as baixas é necesario cubrilas canto antes pola necesidade de non deixar un área de tanta importancia con carencias de persoa"l.
No caso da praza de orientador laboral, "ésta está subvencionada pola Xunta ao 100 % e ten que cubrirse antes de que remate setembro, polo que tamén se fai necesario continuar coas bases predeterminadas en aras do pouco tempo de que se dispón para cubrila".
A pesar de que as bases para estas contratacións xa estaban redactadas previamente "o goberno municipal mantén o seu compromiso de transparencia e participación, e de feito os grupos da corporación municipal teñen acceso a toda a documentación que precisen relativa a estes procesos algo que non pasou en anos anteriores, onde a opacidade foi a norma", manifestan dende o grupo socialista.
Asimesmo todos os participantes no proceso poderán acceder aos criterios, listaxe de puntuacións e decisións do tribunal para garantir a debida igualdade de trato a todos os aspirantes.
No caso das futuras contratacións, o goberno socialista redactará as bases tendo en conta "as premisas de transparencia e obxectividade nos procesos de selección. De feito, ten como obxectivo elaborar unha RPT antes de rematar o ano, contando coa colaboración e participación dos sindicatos e grupos políticos da Corporación. Do mesmo xeito, pretende elaborar uns orzamentos participativos, escoitando as necesidades, suxestións e aportacións dos movementos sociais".
A elaboración dunha axeitada relación de postos de traballo para o Concello e duns orzamentos municipais "son dous dos obxectivos prioritarios do actual goberno, ao considerar que son instrumentos fundamentais para o funcionamento axeitado do Concello do Carballiño, e mais tendo en conta que o anterior goberno do PP non foi capaz en catro anos de aprobar mais que un orzamento e que desenvolveu unha nefasta política de contratacións", conclúen os socialistas.

O alcalde do Carballiño advierte que a situación pode chegar a ser crítica no vindeiro mes de Setembro no caso de prolongarse a seca que está motivando o alarmante descenso do caudal do río Arenteiro, que rexistra mínimos históricos.
Fumega manifestou a súa preocupación por esta problemática "da que non pode responsabilizarse ao actúal grupo de goberno" e avanzou a convocatoria dunha Xunta de Portavoces para analizar a situación e posibles medidas a adoptar por parte do concello.
En relación ao episodio de mortandade piscícola detectada no tramo do río máis próximo a estación depuradora de residuais, Fumega dixo que "vendo o río como está e vendo o caudal que leva é fácil pensar que sae moita máis auga utilizada que auga limpa, ese é o problema fundamental, en todo caso é algo que se está investigando para determinar as causas concretas".
A convocatoria que ven de facer pública o concello do Carballiño para a contratación de persoal laboral temporal ven de motivar as críticas dos grupos da oposición, tanto por parte de Alternativa Veciñal como do BNG.
Alternativa Veciñal censura o feito de que o grupo de goberno "aproveitase a a fin de semana da festa do polbo para sacar as bases para a contratación de diverso persoal sen pasar por ningunha comisión informativa nin polo pleno".
Conideran que "dada a situación económica precaria do concello, este tipo de contrataicóns deben estudarse en órganos de participación, polo que descoñecemos a necesidade de efectuar esas contratacións"
Alternativa Veciñal defende que estes procedementos de contratación de traballadores debe facerse con "garantindo a transparencia". Piden ao alcalde que convoque con urxencia a Xunta de Portavoces e explique os pormenores destes procedementos de selección de traballadores sociais, auxiliares administrativos e un técnico de orientación laboral.
Pola súa parte, o BNG lamenta "que os socialistas incumpran o seu propio programa electoral e o código ético que pregonaba o alcalde cando decía que ían eliminar a parte da entrevista persoal nos procesos para acceder a un posto de traballo no concello".
Ademáis, o BNG dubida da necesidade de contratar un orientador laboral "xa que na actualmente no concello do Carballiño xa existen dous orientadores laborais".
Os socialistas aseguran que "o Concello do Carballiño atópase nunha situación de inestabilidade económica, coas arcas municipais practicamente baleiras, o que deixa ao actual goberno cunha limitada marxe de manobra, xa que conta cun límite de gasto de 8.500.000 euros para 2015 do cal o 85% xa foi comprometido polo anterior goberno do PP".
Así o evidenciaron en rolda de prensa a concelleira de Facenda, Economía, Administración e Transparencia, Rita Soto, e o portavoz e concelleiro de Persoal, Tráfico e Promoción de Emprego, Adolfo Nogueira.
A concelleira sinalou así que dos 8,5 millóns establecidos como límite de gasto para este ano, o goberno do PP xa comprometera antes das eleccións 6.800.000 euros, é dicir, o 85% do total.A esta cifra hai que engadir os 2,9 millóns estimados ao longo do ano para gastos habituais como son os do servizo de auga, luz ou recollida do lixo, o que levaría a exceder ese límite de gasto en 1.200.000 euros no segundo trimestre de 2015.
Rita Soto explicou que si se realizan todos os gastos comprometidos polo anterior goberno do PP “chegariamos a final de ano cunha cantidade estimada de gasto de 1.800.000 euros por enriba do límite, e necesidade de financiamento”.
Sinalaron ademais que mentres a xuño de 2014 o gasto comprometido polo goberno do PP era dun 53% do límite de gasto (4,1 millóns de euros), en xuño de 2015 o goberno socialista atopouse co 85% do total gastado. Nogueira explicou que “todo indica que o PP aplicou a política de terra queimada e sabendo que non ían seguir no goberno comezaron a gastar desaforadamente para deixar arcas baleiras. Tamén é, por outro lado, un caso claro de electoralismo, co que o PP quixo facer investimentos que non se fixeron en catro anos”.
Puxo como exemplo do gasto electoralista do PP o pleno ao que se levou a compra da Casa Soto e unha serie de subvencións para colectivos, e no que o goberno do PP aprobou un gasto de 5 millóns de euros utilizando remanente da tesorería e a poucos días das eleccións.
Nogueira apuntou que “non se trata de mentir sobre a débeda e falar de fregonas inexistentes, senón das contas reais. O goberno do PP só elaborou uns orzamentos en catro anos, o que explica que agora atopemos gastos que non se entende. Por exemplo, o gasto en avogados que roldaba os 18.000 euros, nestes catro anos de goberno do PP foi por riba dos 300.000 euros”.
“Tamén hai que explicarlle aos cidadáns que esa xestión económica marabillosa que nos vendía o anterior alcalde era fume, que durante catro anos o PP tivo o pobo abandonado e paralizado mentres os cartos se gastaban noutras cousas, porque a débeda financeira é prácticamente a mesma”.
O concelleiro afirmou que “non queremos queixarnos nin lamentarnos senón que queremos que a veciñanza coñeza a situación do Concello, queremos facer da transparencia a nosa bandeira e deixar claro que imos traballar para tentar suplir con aproveitamento máximo de recursos esa falla de liquidez que nos deixaron”.

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño, o festival decano de todos os que se celebran en Galicia, desenvolve unha nova edición do 12 ao 16 de agosto arredor dun intenso programa de 27 sesións cinematográficas, así como de actividades paralelas como exposicións, concertos e a primeira edición do seu concurso fotográfico.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con este encontro que, organizado polo Concello do Carballiño xunto ao Cine Clube da localidade, é un dos seis festivais audiovisuais subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para este tipo de eventos.
No apartado estritamente cinematográfico, o programa deste ano xirará arredor de filmes galegos e internacionais, ademais de presentar traballos realizados no marco de iniciativas formativas como Cine en Curso, promovida polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, as escolas galegas de Imaxe e Son e o festival audiovisual Olloboi.
Seccións infantil e documental
A produción galega será a protagonista das seccións Cine Infantil e Xociviga Documental. Así, dentro da primeira delas proxectaranse 'El club de los incomprendidos' de Carlos Sedes, 'Maimiño e o espello máxico' de Ernesto Padrón e 'Holy ninght!' de Juan Galiñanes. Na segunda, ofreceranse os traballos dos realizadores Marcos Nine ('A última viaxe de Leslie'), María e Marcos Hervera ('Avión, o pobo ausente'), Alfonso Zarauza ('A viaxe dos Chévere') e Pablo Ces ('O eslabón perdido'). Todos eles desprazaranse ata O Carballiño para presentarlle estas fitas ao público das xornadas.
Tamén se contará coa participación dos directores de 'Unary' (Luís Avilés) e 'O demais' (Manuel Iglesias Nanín e Marta F. Alberte), as dúas fitas que se exhibirán xunto a 'Ser e voltar', de Xacio Baño, na sesión dedicada ás curtametraxes galegas.
En canto ao cinema internacional, poderán verse os filmes 'Retratos de familia', 'La mirada del silencio', 'El capital humano', 'Birdman', 'Los caballos de Dios', 'Nuestro último verano en Escocia' e 'Pride'.
A sede principal das Xociviga no Auditorio Municipal será o escenario da gala inaugural de entrada libre que terá lugar o mércores 12 ás 22.30 horas, ademais de acoller parte da programación paralela. É o caso da exposición das imaxes tomadas polos alumnos dos IES Chamoso Lamas do Carballiño e Francisco Aguiar de Betanzos dentro do programa Fotografía en Curso que, como no caso de Cine en Curso, forma parte do labor formativo desenvolvido polo CGAI.
A actividade das xornadas estenderase a través dos concertos dos grupos Mornings no café Sete Flores (venres 14) e Alfonso Medela Trío na Tapería Don Paco (sábado 15).
Primeira edición do concurso fotográfico
Así mesmo, o mesmo mércores abrirase o prazo de presentación de traballos para o I Concurso Fotográfico Xociviga, dirixido tanto a profesionais como afeccionados da fotografía sen límite de idade. Cada participante pode remitir ata un total de tres fotografías en formato dixital, realizadas no marco da celebración das xornadas e cunha temática relacionada co seu desenvolvemento no Carballiño.
Nesta ampla programación tamén haberá lugar para os recoñecementos profesionais a través da entrega da Xociviga de Honra á actriz Rosa Álvarez polo súa longa carreira como intérprete en producións galegas como 'Esperanza', de Chano Piñeiro, e 'Divinas palabras', de José Luis García Sánchez, ou as máis recentes 'Heroína', de Gerardo Herrero, 'De bares', de Mario Iglesias, e 'Os mortos van á présa', de Ángel de la Cruz, entre moitas outras. Ademais, a organización outorgoulle a súa insignia de ouro a Xosé Enrique Acuña, fotógrafo, xornalista, historiador, comisario artístico, editor e escritor, pola súa contribución durante anos á celebración das xornadas como responsable de moitas das exposicións levadas a cabo como parte da programación.
O equipo dirixido por Jorge Regal realizou o seu derradeiro ensaio no campo da Uceira ante o Ourense CF. da División de Honra Xuvenil, ao que venceu por 2-0 con goles de Martín Pérez e Gele, antes do seu debút o domingo 23 ás 7 da tarde no campo do Cultural Areas, un dos galiños da categoria da Preferente Galicia para esta nova tempada.
Atrás vai quedando unha pretempada na que o técnico foi sacando conclusións e tratando de encaixar as pezas -incuidas as novas incorporacións- no esquema que pretende implementar nesta nova etapa.
Os verdes iniciarán en Ponteareas unha tempada na que parten co obxetivo de mellorar o feito o ano pasado, que siñificou a consolidación do equipo na Preferente, ademáis de facerse coa Copa Deputación, título que gañou por segunda vez na historia e 13 anos despois de facélo por primeira vez.
Para este primeiro partido de Liga son baixa Pana, lesionado e Lois, por motivos laborais. Viaxarán os 17 xogadores dispoñibles, polo que Regal terá que facer un descarte no propio campo.

O Carballiño terá unha estación propia da Inspección Técnica de Vehículos -ITV- que entrará en funcionamento a partir de 2017, según ven de avanzar a Xunta de Galicia dentro do plan de investimentos da ITV para os vindeiros anos.
A empresa "Supervisión y Control", que é a concesionaria da ITV na comunidade autónoma, abrirá no Carbaliño unha unidade que incorporará os últimos avances tecnolóxicos neste tipo de instalacións.
A estación carballiñesa da ITV prevese que atenda a unhos 5.000 vehículos anuais, e creará 4 postos de traballo.
Desta maneira, e a partir do ano 2017, os automovilistas das comarcas do Ribeiro e O Carballiño terán unha ITV de proximidade, e xa non se verán obrigados a acudir as ITV de Ourense ou Lalín, como acontece na actualidade.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 593
- 594
- 595
- 596
- 597
- 598
- 599
- 600
- 601
- …
- seguinte ›
- última »