21, Abril 2017

O concello acometerá o proxecto de remodelación da rúa Otero Pedrayo, tras recibir a confirmación por parte da Deputación Provincial dunha subvención de 100.000 euros.

O proxecto, cuxo custo total é de arredor de 120.000 euros, consiste nun novo pavimento, con asfaltado en quente; un tramo de abastecemento de conexión entre a Avenida 25 de Xullo e a rúa Xosé Fariña Jamardo, e unha mellora no saneamento, co obxectivo de resolver un problema de anegamento que hai no cruce da rúa Otero Pedrayo coa Avenida 25 de Xullo; e, finalmente, o redeseño das prazas de aparcamento, que serán en batería e se incrementarán en 60 novas prazas. Isto será posible ao establecerse nesta rúa a dirección única.

Debido a numerosas intervencións na calzada desta rúa pola execución de zanxas para a instalación de infraestruturas, presenta zonas moi deterioradas, polo que é preciso regularizar o asfalto. Así mesmo, hai un tramo que non ten beirarrúa e hai que construila.

E con respecto ao problema de anegamento requísense varias medidas: recuperación do pozo de bombeo existente, adaptación da arqueta do verquido existente e prolongación, recollida de verquidos de augas fecais e construcción dun by-pass entre a tubería de evacuación de augas pluviais e a rede existente, na confluencia de Otero Pedrayo e Celso Emilio Ferreiro. E, finalmente, o deseño das prazas de aparcamento, pasos peatonais, flechas de indicación, etc. Con este proxecto, ademáis de mellorar esta rúa e resolver os problemas que ten actualmente, amplíanse as prazas de aparcamento e regúlase mellor o tráfico, aumentando a seguridade vial e peonil.

Tras esta remodelación, xunto cos proxectos levados a cabo anteriormente noutras rúas desta zona, teranse incrementado en máis dun centenar o número de novas prazas de aparcamento. Unha vez que se proceda á contratación destas obras, o prazo de execución está previsto en tres meses.

E isto será posible gracias á subvención de 100.000 euros concedida pola Deputación Provincial de Ourense, que acaba de ser comunicada.

Dende o concello do Carballiño "agradécese unha vez máis a colaboración do organismo provincial e da súa presidencia cos proxectos remitidos dende a Alcaldía, que redundan en beneficio da cidadanía e que doutra forma non se poderían levar a cabo polo seu elevado custo".

O Partido Popular felicítase pola colaboración institucional

O grupo popular no concello do carballiño considera que a colaboración da Deputación resulta fundamental para poder acometer proxectos estratéxicos no municipio do Carballiño.

Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adexunto:

 

 

19, Abril 2017

O grupo popular no concello do Carballiño propón, mediante unha moción que trasladará ao pleno da corporación municipal, a construcción dun heliporto no Carballiño.

Os populares acompañan coa proposta unha reportaxe fotográfica na que mostran as deficientes condicións nas que dias atrás un helicóptero de urxencias médicas aterrou no Carballiño para un traslado urxente, cando foi preciso recurrir a unha finca privada para realizar esta manobra.

Para acceder á moción que presenta o Partido Popular, prema no arquivo adxunto:

19, Abril 2017

O concello do Carballiño adicará a próxima edición da Festa do Pulpo á cidade alemana de Nuremberg, e máis concretamente, ao Centro Galego desta cidade, que o próximo mes de xuño cumplirá o 25 aniversario da celebración da súa propia Festa do Pulpo.

Por este motivo, e co obxectivo de ultimar a documentación que se precisa para a consecución da denominación de Festa de Interese Turístico Internacional, é polo que se lle adica a 55 edición da Festa do Pulpo.

Hai unhos días o alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, reuníronse no concello co presidente do Centro Galego de Nuremberg, Gerardo Arias González, un emigrante de Valdeorras, e con Ramiro Bieito Vilas, un emigrante carballiñés e directivo do centro, para comunicar esta decisión e analizar a realización dun acto para presentar a LV edición da Festa do Pulpo do Carballiño, coincidindo coa celebración da Festa do Pulpo deste centro galego. Os directivos amosáronse moi receptivos a esta proposta e dende entón trabállase conxuntamente para ultimar os detalles da presentación, que terá lugar o sábado 24 de xuño.

A Festa do Pulpo que organiza o Centro Galego de Nuremberg reúne nas últimas edicións a máis de 10.000 persoas, que acuden durante toda a xornada para degustar os produtos típicos da gastronomía galega de romaría, na que o pulpo á feira é o prato estrela, así como para disfrutar dun programa de animación cultural que inclúe grupo de gaitas e un concerto. Nesta ocasión, co gallo do 25 aniversario desta festa, haberá unha actuación de Cristina Pato.

A Festa do Pulpo do Centro Galego de Nuremberg desenvólvese na propia rúa na que se ubica a entidade, e que ese sábado, mediante unha autorización do concello, péchase ao tráfico co fin de poder acoller os actos e a gran afluencia de xente que congrega.

Na pasada edición, a Festa do Pulpo do Carballiño adicouse a catro cidades da Eurorexión, tres portuguesas (Vilanova de Gaia, Braga e Viana do Castelo), ademáis de Pontevedra. A repercusión que tivo nos medios de comunicación do Norte de Portugal foi moi importante para elaborar un dossier de prensa, que deberá completarse coas noticias que se xeneren nos xornais de Nuremberg e da rexión de Babiera, e que é un dos requisitos que se precisan para conseguir a denominación de Festa de Interese Turístico Internacional.

Ademáis, está previsto convidar a un representante dun medio de comunicación impreso de Nuremberg coa finalidade de que coñeza O Carballiño e acuda o domingo 13 de agosto á LV Festa do Pulpo para vivir e informar do evento. Para isto cóntase coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.

É a segunda ocasión na que a Festa do Pulpo se adica a Alemaña, pois no ano 1995 xa se lle adicou aos emigrantes galegos dese país, pero sen concretar en ningunha cidade. Tamén se lle adicou aos centros galegos e emigrantes galegos en México (1989 e 2009), en Arxentina (1987 e 1998), en Venezuela (1988), en Panamá (1999), en Cuba (1991), así como en comunidades autónomas españolas, entre outras deditorias dende hai trinta anos.

Neste intre estase elaborando o cartel da LV Festa do Pulpo do Carballiño, que terá como lema, ademáis dun pulpo, a imaxe do castelo de Nuremberg, que é un dos seus símbolos históricos da cidade.

19, Abril 2017

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu en San Caetano ao alcalde de Piñor, José Luis González.

Ambos abordaron diferentes temas de interese para os veciños deste concello ourensán, centrados na mellora das súas condicións de vida.

Entre eles tivo unha atención especial todo o relacionado coa colaboración entre a Xunta e o Concello en materia de prevención e loita contra incendios forestais.

18, Abril 2017

A última actualización de datos sitúa a cifra do paro nos 9 concellos da comarca nun total de 1.927 persoas, a maioría delas na capitalidade comarcal.

No municipio do Carballiño contabilízanse 1.091 persoas que están inscritas como demandantes de emprego, son 209 menos en relación a un ano atrás, ao mes de marzo de 2016.

Por tramos de idades, a porcentaxe máis alta, encontrámola nas persoas entre os 25 e os 44 anos, con 200 homes e 327 mulleres que buscan traballo. Entre os maiores de 45 anos, 237 son homes e 277 son mulleres. Finalmente, entre os menores de 25 anos, temos a 50 demandantes de emprego, dos que 30 son homes e 20 son mulleres.

No resto dos oito concellos da comarca, sumamos outras 836 persoas que están en situación de desemprego, según esta última actualización dos datos oficiais.

Abre a relación Maside, que rexistra 245 parados, seguido de Boborás con 165. Depois sitúase San Cristovo de Cea con 108 demandantes de emprego, e San Amaro que suma 87 parados.

O municipio de Piñor alcanza as 74 persoas inscritas no paro, O Irixo 73 persoas, Punxín conta con 58, e completa este ranking comarcal o municipio de Beariz, con 26 demandantes de emprego.

14, Abril 2017

Miles de persoas participaron ou presenciaron no transcurso da última semana as actividades organizadas pola Cofradía da Veracruz, o que consolida á Semana Santa carballiñesa como o gran referente na Galicia interior.

Todas as actividades programadas están rexistrando unha gran afluencia de público, como as exposicións no Templo da Veracruz, as celebracións relixiosas, e tamén as catro grandes procesións, entre as que outro ano máis hai que destacar a máis popular de todas elas, a dos "caladiños", a procesión "estrela" da Semana Santa Carballiñesa. 

 Mención especial merece o traballo que desenvolve a Irmandade da Veracruz, que cada ano que pasa logra superarse, e este ano non foi menos, incorporando novos pasos, como o visto na procesión de Ramos ou a magnífica posta en escea na procesión nocturna do Xoves Santo.

Notable afluencia de turístas

A maiores das actividades da Cofradía da Veracruz, o concello do Carballiño organizou durante estes dias unha variada oferta de ocio e cultura, tanto para veciños como visitantes, que están contribuíndo a animar a vila nestas datas.

Ademáis, o bo tempo acompañou e favoreceu a participación en moitas destas actividades.

Á falta dun balance final  sobre a afluencia de turístas e a ocupación hoteleira desta Semana Santa 2017 no Carballiño, a impresión xeral apunta a unhos excelentes datos.

 

14, Abril 2017

Esta é unha chamada á responsabilidade para quén lle competa no Concello de Maside. Xa que temos poucos cativos no pobo, polo menos, que a Administración municipal procure garantizar a seguridade pública nos espazos destinados a aquéles.

O columpio en cuestión ameaza con soltarse, e cando é utilizado simultaneamente por dous rapaces móvese a estructura que os soporta. Se a ésto unimos que pola desidia á que estamos afeitos, fai tempo que en  faltan varios tornillos,  pois xa temos a situación propicia para o accidente.

A Alameda, é unha das "xoias da coroa" que temos en Maside pero desta maneira non se fixa poboación. Urxe a reparación, que polo momento pódese solventar cun pouco de material de ferretería.

12, Abril 2017

Como se pode ver na imaxe, tomada às 10:15 do día 12 de abril frente á gasolineira da Piteira, estanse a podar as árvores do Carballiño en plena época de brote das follas. Algo totalmente fora de lugar e sorprendente nunha Vila onde a maior parte dos veciños temos raíces no rural e sabemos de sobra que non son datas para podas. Ven ao caso porque hai poucos días xa se denunciou o intempestivo desta práctica, pero semella que non aprendemos ou somos demasiado soberbos como para aceptar os propios erros.

Por certo, moita sinalización de "homes traballando", pero a realidade é que mais fumaban que podaban, ainda menos mal.

11, Abril 2017

A axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia ven de seleccionar os 10 proxectos que a nivel de toda Galicia participarán na terceira edición do programa Cemit-Innova, entre eles, encóntrase o presentado pola aula Cemit do concello de Boborás.

No proxecto, promóvese unha iniciativa para potenciar o turismo rural neste municipio e difundir o potencial turístico de Boborás, como son a aldea turística e o conxunto histórico-artístico de Pazos de Arenteiro, e tamén as igrexas románicas das distintas parroquias, asi como as pontes medievais, as rutas de sendeirismo e os recursos termais.

O Programa CeMIT-Innova busca impulsar, a través da Rede CeMIT, iniciativas de Innovación Social Dixital, que empregan a tecnoloxía para resolver retos locais ligados á educación e á saúde, ao emprego, e en definitiva ao benestar dá cidadanía. Son solucións e proxectos sociais, que teñen as TIC de base e que son deseñados polos seus protagonistas: cidadáns e axentes locais que detectan as necesidades máis inmediatas dá súa contorna e formulan posibles solucións.

O fomento da Innovación Social Dixital é unha das tres liñas estratéxicas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia xunto coa alfabetización e a capacitación dixitais.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS