Xa case pasóu un ano dende que comimos as últimas uvas. Niste periodo aconteceron unha morea de cousas.
Fai tamén un ano que en Maside, un grupo de veciños, preocupados, indignados e ata cabreados, conminaron ó seu Concello, representado na persoa do seu rexidor, a que dira cumprimento á Ley. Concretamente esixiron coas súas sinaturas que se fixera efectivo o precepto do artigo 70 da Ley de Bases do Réxime Local que obriga a convocar un pleno extraordinario e levar necesariamente a él a moción proposta polos veciños.
Foron exactamente 771 veciños os que decidiron facer uso do seu dereito de participación na adminstración municipal e acordar, amparados en dito dereito pola Ley, a celebración dun pleno para debatir a posibilidade de que se ubicara unha instalación de incineración.dentro da demarcación territorial de Maside.
Estos masidaos, foron calificados polo seu alcalde de "enterradores de burros" nos medios de comunicación, o cal fai que Maside ben poidera entrar no libro guiness polo ratio de habitantes que exercen a debandita profesión entre a súa veciñanza. Concretamente setecentos setenta e un.
Aparte de esta desafortunada declaración do primeiro edil, dende o Concello, ata o día de hoxe, nin se diu unha sola explicación sobre o proxecto. Nin se informa, nin se confirma nin se desminte.
Un ano e dezasete días despóis de presentarse a iniciativa popular, nin houbo pleno, e parece que nin se lle espera. Debéronse esquecer no concello de cumprir a ley, que imperativamente obriga a convocar e debatir a iniciativa popular. Desta maneira o goberno municipal lesiona un dereito constitucionalmente recoñecido como é a participación dos cidadáns na administración, pasándose a Ley polo forro dos seus caprichos.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense despide ano co seu Concerto de Fin de Ano, que terá lugar no templo da Veracruz do Carballiño, o vindeiro venres, 30 de decembro, ás 20.30 horas.
A presentación deste evento cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a deputada provincial, Teresa Cerdeira; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e o párroco da Veracruz, José Benito Sieiro.
Rosendo Fernández destacou "o importante labor que realiza a Real Banda de Gaitas da Deputación na defensa das tradicións, pois é unha gran embaixadora da cultura de Ourense e de Galicia". Así mesmo, sinalou que a Real Banda de Gaitas recibiu este ano o premio nacional "Excelentia á cultura", "un galardón que recoñece os trinta anos de traxectoria da agrupación que durante este tempo levou o nome de Ourense e de Galicia e a nosa cultura e tradición musical aló por onde foi".
Xosé Lois Foxo explicou que este concerto é "o resumo do noso traballo durante este ano e tamén ten como obxectivo honrar nesta ocasión a Aurora Dapía Domínguez e Elpidio Justo Salgado, quen mantiveron durante 80 anos a tradición musical e son o paradigma dos músicos populares que transmiten ese saber". O concerto celébrase tamén en memoria de Arturo Vázquez González, gaiteiro de Vilamoure-Freás (Punxín). "A súa viúva recollerá a medalla coa que a Real Banda honra aos músicos populares", dixo Foxo.
No concerto deste ano, a Real Banda de Gaitas interpretará unha obra de Ángel Custodio Santaballa, mestre da catedral de Mondoñedo, de finais do século XVIII; unha peza musical litúrxica creada nas catedrais de Galicia que recrearemos ese día con músicos e cantores", explicou Xosé Lois Foxo.
Ademais da Real Banda, no concerto tamén actuarán Coral Polifónica do Casino do Carballiño e a Banda de Gaitas do Carballiño.
En total, cos compoñentes de todas as agrupacións, participarán máis de cen músicos, que encherán de música, cultura e tradición, o templo da Veracruz.

A Xunta de Galicia vén de recuperar nos depósitos xudiciais do Carballiño documentación dun xuízo especial de foros de 1947, con arquivos do século XV ao XVIII. O documento foi atopado durante o proceso de identificación da documentación anterior a 1946, considerada de interese patrimonial e que por tanto debe transferirse ao Arquivo Histórico Provincial a fin de conservala e poñela en valor, permitindo a súa divulgación.
O expediente forma parte do fondo do Tribunal Especial de Foros e atopábase custodiado nos depósitos do actual xulgado de 1ª instancia e instrución nº 1 do Carballiño. En concreto, trátase dunha reclamación de renda foral dirixida a este Tribunal, na que se inclúe un testamento de doazón da terra denominada Chao de Castela, lugar de Sobreira Mayor, feligresía de San Juan de Piñeiro, xurisdición de Maside, ao convento de Santo Domingo de Ribadavia, con data de 1427. Xúntase tamén escritura de propiedade de 1601 e Real Provisión de 1787 a instancia do Prior do Convento para facer prorrateo do foro do lugar de Sobreira Mayor.
O sistema agrario galego estivo presidido historicamente polo réxime foral. O foro é un contrato agrario de orixe medieval e fórmula dominante da cesión da propiedade en Galicia dende o século XIII ata principios do século XX. A súa aparición e consolidación vincúlase ao gran protagonismo que na sociedade medieval galaica alcanzaron as institucións eclesiásticas, especialmente monásticas.
A existencia do foro supoñía unha pluralidade de dominios sobre a mesma terra. Participan nel catro axentes sociais: nobreza, clero, fidalguía intermedia (titular de foros e subforos dende o século XVI) e familias campesiñas. Así as relacións sociais de produción e distribución estarán condicionadas polo mesmo. No século XIX afírmase que ao redor dun 75 por cento do territorio galego está suxeito ao réxime foral.
A desaparición do foro non terá lugar ata ben entrado o século XX, despois dun lento proceso de redención mediante acordos particulares iniciados na década de 1910. Será o decreto-lei de 1926 o que o acabará de regular e creará os tribunais de foros como xurisdición especial para entender na materia, mais o seu fin legal fixarase en 1973, segundo a Compilación de Dereito Foral de Galicia.
Trátase por tanto de documentación de gran valor histórico, non só pola singular importancia da figura dos foros en Galicia e a súa pegada na sociedade galega actual, se non tamén pola condición de fonte primaria para o estudo da propiedade da terra e das relacións sociais e produtivas durante o antigo réxime.

COPE O Carballiño emite o programa especial de noiteboa este sábado dia 24 de Decembro de 13 a 14:30 horas.
O programa poderá sintonizarse en directo a través da radio convencial -no 91.9 da Frecuencia Modulada- e tamén na emisión global, en calquera lugar do mundo a través desta mesma Páxina WEB pulsando "Radio en directo".
No transcurso da emisión, escoitaránse as mensaxes de nadal dos alcaldes dos concellos de Avión, O Carballiño, Boborás, San Cristovo de Cea, Leiro, San Amaro, Cenlle e Carballedo.
De ningún xeito debemos consentir o peche da nosa estación de tren. Cómpre dispoñer de trens con orixe ou destino Carballiño, estamos sin este serivizo imprescindible que ninguen entende que ata fai pouco tempo viña funcionando dende hai décadas. Impotentes, non podemos sair, nin chegar, e os visitantes que perdemos por esta causa. Quedamos no atraso.

Na víspera de Noiteboa, O Carballiño ofrecerá dúas actividades de gran interese neste Nadal Cultural. Trátase da obra teatral Eroski Paraíso, da compañía Chévere, coa actuación estelar do actor Miguel de Lira, e do concerto de música latina e electrónica que ofrecerán, entre outros, Dasoul e Danny Romero.
O concerto que terá lugar na discoteca Isis Pharia este venres, 23 de decembro, a partir das 22,30 h., traerá ata O Carballiño a centenares de persoas que xa adquiriron as súas entradas para asistir a este evento musical que se prolongará ata as 6,30 h. da mañá do sábado. Na súa maioría serán mozos e mozas da capital da provincia, pero tamén doutras vilas e incluso doutras provincias.
Para facilitar o traslado ata a discoteca, sen necesidade de usar vehículo propio, hai un servizo de autobús dende Ourense, Ribadavia e O Carballiño. Tamén se habilitará unha zona de aparcamento de vehículos na Avenida do Arenteiro, accedendo á discoteca a través dunha das pasarelas do río.
A organización espera encher a práctica totalidade do aforo, que é de 1.800 persoas.
Ademáis de Dasoul e Danny Romero, que son a atracción máis destacada, o espectáculo contará cos mellores DJ de Galicia, da provincia e do Carballiño, como son Groove Amigos, The Prieto Brothers e Stewe Gómez. De aí que o evento terá unha duración de sete horas.
MIGUEL DE LIRA
Tamén o venres, pero ás 9 da noite, a compañía de teatro Chévere representará no auditorio municipal a comedia Eroski Paraíso. No elenco figuran Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Patricia de Lorenzo, Fidel Vázquez e Luís Martínez.
HINCHABLES PARA OS NENOS
O Centro Comercial Aberto ten previstas actividades de animación para este venres dia 23 de Decembro, instalaránse hinchables na rúa Curros Enríquez e na rúa do Paseo.
PAPÁ NOEL
A súa visita a O Carballiño será na tarde do 24 de Decembro, Papá Noel estará dende as seis da tarde na Praza Maior do Carballiño.
MONÓLOGO DE TOURIÑÁN
Por outra parte, o monólogo do humorista galego Touriñán, que terá lugar o sábado 14 de xaneiro, ás 21,00 h., colgou o cartel de “esgotadas as entradas”. A compañía promotora “Moitamerda Producións” xestiona neste intre un segundo pase para as 7 da tarde dese mesmo día. Esta posibilidade será anunciada nestes próximos días.
A segunda tempada do ciclo de monólogos “Carballiño Comedy2” está a suscitar un gran éxito. Así, no primeiro monólogo de Enrique San Fracisco, o 10 de decembro, esgotáronse as entradas e ainda quedou xente fóra do auditorio. E para este segundo monólogo, tamén se esgotaron as entradas.
Ambos eventos forman parte da programación do Nadal Cultural, coa oferta de concertos, monólogos, cine e teatro infantil, teatro e outras actividades dirixidas aos nenos, á mocidade e aos maiores para entreter e animar este tempo de Nadal.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 543
- 544
- 545
- 546
- 547
- 548
- 549
- 550
- 551
- …
- seguinte ›
- última »