6, Decembro 2016

Os tres grupos da oposición -Polos veciños, PSOE e Fai O Irixo- solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario para que sexan tratadas as súas mocións,ante a ausencia de convocatorias de plenos ordinarios da corporación municipal do concello do Irixo.

A solicitude está acompañada da seguinte documentación:

FUNDAMENTACIÓN XURÍDICA

PRIMEIRO: Que a lexislación vixente e anteriormente citada, contempla a posibilidade de que os concelleiros propoñan a celebración dun pleno extraordinario atendendo os seguintes puntos.

SEGUNDO.- Que a solicitude ten que estar firmada polo menos pola cuarta parte dos concelleiros da corporación.

TERCEIRO.- Que ningún concelleiro poderá solicitar máis de tres sesións extraordinarias do Pleno o ano.

CUARTO.- Que a convocatoria solicitarase por escrito, no que se especificará o asunto que a motiva e, no caso de que se pretenda adoptar un acordo, se incluirá o texto que se queira someter a debate a votación.

QUINTO.- Que a celebración do Pleno extraordinario non poderá demorarse máis de quince días hábiles dende que fora solicitado, e sen que se poida incorporar o asunto proposto na orde do día dun Pleno ordinario ou de outro extraordinario, se non o autorizan expresamente os solicitantes da convocatoria.

SEXTO.- Que se o Sr. Alcalde presidente non convocase o Pleno extraordinario para a súa celebración no prazo sinalado, quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte o da finalización de dito prazo, as doce horas.

SEPTIMO.- Que en ausencia do presidente ou de quen legalmente haxa de substituílo, o Pleno será presidido polo membro da Corporación de maior idade entre os presentes.

EXPOSICION DE MOTIVOS

PRIMEIRO.- Que entendemos os grupos da oposición que o Sr. Alcalde de O Irixo, e o seu tenente de alcalde en especial, xunto co resto de concelleiros do partido popular, exercen o goberno do concello de O Irixo de forma despótica sen ningún respecto polos concelleiros da oposición que democraticamente foron elixidos polos veciños e veciñas de O Irixo.

SEGUNDO.- Que proba de esto e que o Sr. Alcalde arbitrariamente non inclúe nas sesións plenarias ordinarias as propostas e mocións da oposición, mocións que entendemos axudarían a mellorar a vida dos veciños e veciñas de O Irixo.

TERCEIRO.- Que entendemos unha falta de talante democrático e bo goberno que non se consulten as convocatorias das sesións plenarias e sen permitir conciliar a vida municipal e profesional de forma escandalosa e a sabendas de que se prexudica os concelleiros da oposición os que arbitrariamente se aceptan ou denegan as súas moción a hora de incluír na orde do dia das sesións plenarias.

CUARTO.- Que non se convoca Pleno de ordinario dende o pasado 31 agosto 2016, fai xa mais de 3 mes, e nesta ultima convocatoria non se incluíron varias mocións xa presentadas pola oposición, algunha dende hai mais de catro meses, acumulándose a data de hoxe 13 mocións da oposición que non se levan a pleno. Que tendo en conta o anteriormente exposto e que todas as mocións xa foron presentadas no rexistro do Concello e entendendo que se cumpren tódolos requisitos legais esixibles, solicitamos a convocatoria dun PLENO EXTRAORDINARIO coa orde do día que debe ser transcrita segundo se achega da forma seguinte:

1º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA A REPARACIÓN REHABILITACIÓN DO CRUCEIRO DE ORROS, E CONSERVACIÓN E PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR DO ENTORNO E DO CRUCEIRO DA RUA E DA SUA PRAZA NA PARROQUIA DE LOUREIRO. (Rexistrouse o día 29 de xullo de 2016.)

2º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA O MANTEMENTO, LIMPEZA E REPARACIÓN DAS HUMIDADES DO CENTRO ESCOLAR DE O IRIXO. (Rexistrouse o día 12 de agosto de 2016.)

3º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA A CONSTRUCCIÓN E/OU APERTURA DUN CENTRO DE DÍA NO IRIXO. (Rexistrouse o día 19 de agosto de 2016.)

4º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA O RECOÑECEMENTO PÚBLICO CUNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE DA LABOR E IMPORTANCIA DA COOPERATIVA DE LOUREIRO E DO SEU FUNDADOR PARA O IRIXO. (Rexistrouse o día 9 de setembro de 2016.)

5º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA A ORGANIZACIÓN DE REUNIÓNS INFORMATIVAS POR PARROQUIAS SOBRE BENEFICIOS E PERXUIZOS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA NO IRIXO. (Rexistrouse o día 23 de setembro de 2016.)

6º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. (Rexistrouse o día 4 de novembro de 2016.)

7º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA A CONTRATACIÓN DAS EMPRESAS DO IRIXO NAS OBRAS PÚBLICAS DO CONCELLO DO IRIXO. (Rexistrouse o día 11 de novembro de 2016.)

8º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA QUE SE REFORCE CON OUTRA AMBULANCIA O SERVIZO DE EMERXENCIAS DO PAC DO CARBALLIÑO DO QUE DEPENDE O IRIXO. (Rexistrouse o día 25 de novembro de 2016.)

9º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL DE FAI IRIXO PARA QUE SE ADOPTEN MEDIDAS PARA INSTAR Á CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA MIÑO-SIL PARA QUE PROCEDA Ó DRAGADO DE SEDIMENTOS DO LEITO DO RÍO VIÑAO Ó SEU PASO POLOS LUGARES DAS LAXAS E DA PONTE. (Rexistrouse o día 9 de agosto de 2016.)

10º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL DE FAI IRIXO PARA QUE SE ADOPTEN MEDIDAS PARA QUE A XUNTA DE GALICIA ASUMA OS GASTOS DE FUNCIONAMENTO E MANTEMENTO DO CENTRO DE SAÚDE DO IRIXO. (Rexistrouse o día 12 de agosto de 2016.)

11º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL DE FAI IRIXO PARA QUE SE ADOPTEN MEDIDAS PARA A CREACIÓN DE RUTAS DE ÁRBORES E FORMACIÓNS VEXETAIS SINGULARES DO CONCELLO DO IRIXO. (Rexistrouse o día 12 de agosto de 2016.)

12º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL DE FAI IRIXO PARA QUE SE ADOPTEN MEDIDAS PARA A PRESTACIÓN DE AXUDAS Á MOBILIDADE DENTRO DO CONCELLO. (Rexistrouse o día 18 de outubro de 2016.)

13º.-MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL DE POLOS VECIÑOS PARA A CREACIÓN DUNHA ESCOLA TALLER AGROALIMENTARIA NO CONCELLO. (Rexistrouse o día 17 de xuño de 2016.)

6, Decembro 2016

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro denuncia "o desleixo do goberno municipal, máis unha vez, para coas necesidades do Concello".

Manifestan como "hai xa dous anos e medio que no lugar de A Agra, na estrada provincial OU-0307 que une Leiro e Berán, se procedeu a ampliación dunhas curvas nese tramo. A intervención consistiu en ampliar o radio das curvas e na colocación de sábrego como firme. Dende aquelas, o tramo segue sen ser asfaltado, co conseguinte risco para a circulación e para a integridade dos veciños e veciñas da zona".

Hai, precisamente, dous anos e medio que o Grupo Municipal Socialista lle preguntou ao Alcalde de Leiro -recordan- en Pleno cando se ía proceder ao asfaltado destas perigosas curvas, ao que respostou "que andaban en negociacións coa Deputación para facelo, de tales negociacións nada se sabe e a pista segue en condicións de provisionalidade", remarcan

"Fartos desta situación de desleixo, os socialistas de Leiro deron traslado ao Grupo Provincial Socialista, concretamente na persoa de Ignacio Gómez, deputado pola comarca do Ribeiro. En verbas de Nacho Gómez, quen procedeu a solicitar explicacións ante a institución provincial, competente no tema, Esta cuestión non é máis que a evidencia do que veño denunciando en numerosas ocasións, a falta dun plan de estradas provincial rigoroso e serio. Ano tras ano, fan pequenas obras e reformas nas estradas que, lonxe de solucionar, xeran problemas aínda meirandes”, afirman os socialistas.

Así pois, por unha banda, dende o PSOE de Leiro queren que o Alcalde explique en que consistiron as súas xestións coa Deputación para solucionar o problema e, por outra, dende o Grupo Provincial Socialista esixen que a institución provincial informe cando teñen pensado solucionar un problema que xera grave risco para os usuarios e usuarias.

4, Decembro 2016

Esta semana no Carballiño estreamos pista de patinaxe por partida dobre. Velaquí o estado no que se encontran as beirarrúas da avenida 25 de xullo dende que empezou a caída da folla (e non pode ser por falta de previsión xa que todos os anos a folla cae pola mesma época), entre outras beirarúas que tamén se atopan do mesmo xeito. Esta é unha zona concorrida pola xente que sae a andar e pasear. Por outra banda a diario anda unha nova aspiradora con motor de gasolina facendo ruído as tantas da maña (5:00 – 8:00 horas) polas rúas do centro, e molestando o descanso dos veciños, e iso que dende as 20:00 ata as 8:00 horas regulase que non pode haber maquinas na vía publica facendo ruído. E por mais que se empeñen en aspirar as rúas do centro, e non deixar descansar aos veciños,  non locen mellor, porque non é que digamos que o pobo estee limpo precisamente.

3, Decembro 2016

As Marchas da Dignidade solidarizáronse co mozo carballiñés Emilio Cao, e fixerono no transcurso dunha manifestación celebrada na mañá deste sábado polas rúas do Carballiño, cunha asistencia que os organizadores elevan ata as 2000 persoas.

Ata O Carballiño achegáronse colectivos procedentes de diversas localidades da xeografía galega, incluso das máis distantes, xa que poideron verse pancartas de Ferrol Terra, e plataformas galegas como a de defensa das pensións públicas.

A manifestación saíu da Praza Maior e completou o recorrido en 40 minutos, coreandose varias consignas en apoio e solidaridade con Emilio Cao, e pedindo a súa libre absolución. Na cabeceira da marcha o propio Emilio Cao portaba unha pancarta co texto "Non á represión. Todos somos Emilio Cao. Columna galega das Marchas da Dignidade".

Emilio Cao, que contaba 18 anos de idade cando en 2014 participou en Madrid na Marcha da Dignidade, víuse involucrado daquéla nunhos incidentes entre manifestantes e policia. Agora, a fiscalía pide unha pena de 5 anos e 8 meses de prisión por un presunto delito contra a autoridade.

3, Decembro 2016

Os fundadores, fai 33 anos, do Grupo Cer&Ber, Rosa Cerdeira e José Manuel Bernárdez, e a súa familia, recibiron da man da directora xeral de comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez, o premio Azougue 2016.

O galardón, creado fai 10 anos pola Asociación local de Comerciantes e Empresarios recoñece a traxectoría comercial e empresarial carballiñesa, e tamén o seu compromio e implicación coa sociedade carballiñesa.

O acto desenvolveuse con gran éxito de convocatoria no marco da 10ª Festa do Comercio do Carballiño, cunha cea de gala servida por Restaurante Derby, e á que asistiron 250 persoas, comerciantes e socios do Centro Comercial Aberto,  tamén moitos clientes do Grupo Cer&Ber, asi como numerosos amigos dos galardonados.

Ademáis da intervención da directora xeral de comercio, dirixiron alocucións e salientaron ós méritos que concorren no Grupo Cer&Ber o presidente do CCA Julián Garriga, o alcalde Francisco Fumega e o concelleiro de comercio Adolfo Nogueira.

No nome da familia Bernárdez Cerdeira agradeceu todos os parabéns recibidos, Uriel Bernárdez Cerdeira, que ademáis puxo en valor "o carballiñesismo" que leva por bandeira o grupo Cer&Ber.

 

 

1, Decembro 2016

Fai tempo, era sinónimo de prosperidade. O cabaceiro cheo  marcaba a diferencia entre sufrir un ano de precaridade, ou de presumir de "casa farta". 

Nos nosos días, este hórreo que leva anos desafiando inútilmente as leis da física, non é outra cousa máis que o símbolo da decadencia do noso rural. Este en concreto, que se sitúa no concello de Maside, pero que podería atoparse en calquera dos pequenos núcleos de poboación da bisbarra, ademáis de amosarse coma unha xeometría que somella estar anclada por profundas raíces, e que se resiste a ser vencida pola gravedade coma se fora un equilibrista de pedra, representa, por atoparse nun espazo público un claro perigo.

Outra proba do abandono que sofren algunhas aldeas por parte da Administración. Empezando pola municipal, pois levando xa anos esta construcción ameazando con derrumbarse, ninguén ata o de agora resolvéu nada para eliminar este perigo. Descoñezo se o propietario foi apercibido pola administración competente. Sexa como fora, somella que ningún dos dous arquitectos integrados no Concello de Maside se preocupóu por solventar esta situación cuio inminente desenlace representa un perigo potencial. 

Diríase que están ambos moi ocupados e que confían  en que os veciños  sigan "apuntalando"  cos medios dos que, de maneira precaria,  dispoñan en cada momento.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

30, Novembro 2016

Unha pista de patinaxe, que se instala na Praza do Emigrante, abrirá este venres o programa cultural, deportivo e lúdico do Nadal 2016. Esta pista de material sintético permanecerá aberta do 2 ao 11 de decembro, en horario de 11 a 14 h, e de 16 a 21 h.

Esta instalación para o divertimento dos nenos e mozos marca o inicio do programa de Nadal que foi presentado esta mañá polos concelleiros de Cultura, Diego Fernández, e Xosé Manuel Dacal, concelleiro de Deportes e Turismo. Concertos, monólogos, teatro infantil e de adultos, cine, exposicións, atletismo e rutas de tapas, ademáis dos eventos propios do Nadal, como a visita de Papá Noel e a Cabalgata de Reis, completan un longo programa de actos que se desenvolverán do 2 de decembro ao 14 de xaneiro.

O alumeado artístico das rúas e prazas encenderase o próximo luns, 5 de decembro, nun acto que está previsto para as 20,30 h., na Praza Maior.

E a partir dese día sucederanse uns trinta eventos dirixidos a todos os públicos, nenos, mozos, adultos e maiores, conxugando unha programación de interese maioritariamente familiar, según dixo Diego Fernández, que asegurou que se trataba dun programa moi por riba da cantidade e calidade de actos que ofrecen outras vilas semellantes ao Carballiño. Neste sentido, destacou os monólogos, o concerto de DJ e o teatro como espectáculos de ámbito estatal, que non son habituais fóra das capitais e cidades.

Así, o día 10 de decembro terán lugar dous espectáculos destacados no auditorio municipal. Trátase da obra para público infantil e familiar “Cuento de Navidad”, que terá lugar ás 5 da tarde. E ás 9 da noite, o monólogo “De cañas con… Enrique San Francisco”, un dos actores e humoristas máis recoñecidos do panorama español. O seguinte monólogo será o sábado 14 de xaneiro, co coñecido cómico galego Touriñán.

Entre os concertos destaca o que terá lugar na discoteca Isis Pharia o venres, 23 de decembro, ás 22,30 h., que traerá a DASOUL con Dani Romero, ademáis de DJ Stewe Gómez, The Prieto Brothers e Groove Amigos. Asemade, recoméndase a sesión de baile da Discoteca Paulino do 25 de decembro, coas orquestras Olympus e Ritmo Jóven. Tamén se fai mención especial do II Festival de Canto de Taberna “No bico un cantar”, que se celebrará o sábado, 7 de xaneiro, nos locais de hostalería, e, por suposto, toda unha serie de concertos vencellados coa música tradicional do Nadal, coa intervención da Real Banda de Gaitas de Ourense, a banda de música de Vilatuxe, o Orfeón, a Coral do Casino e os alumnos do Conservatorio.

O programa é o seguinte:

CONCERTO DE PANXOLIÑAS. Organiza a Coral Coral Polifónica do Casino do Carballiño. Coral do Casino e Banda de Música de Vilatuxe. Sábado, 17 de decemnbro, 10 da noite no Casino.

CONCERTO DE NADAL. Conservatorio Profesional de Música. Martes, 20 de decembro, 8 da tarde, no auditorio.

CONCERTO DE NADAL. Coral Polifónica do Casino. 25 de decembro, 6 da tarde, no templo da Veracruz.

CONCERTO FIN DE ANO. Real Banda de Ourense e Coral do Casino. Venres, 30 de decembro, 20,30 h.,no templo da Veracruz.

CONCERTO DE REIS. Orfeón do Carballiño. Venres, 6 de Janeiro, ás 6 da tarde no templo da Veracruz.

No apartado teatral destacan dous eventos: A compañía asturiana Teatro del Norte representará no auditorio o 17 de decembro, ás 20,30 h., a obra “Elektra”, e a compañía Teatro Chévere, que dirixe Miguel de Lira, traerá ao auditorio o venres, 23 de decembro, ás 9 da noite a obra “Eroski Paraíso”. E no teatro infantil, ademáis de “Cuento de Navidad”, o venres 30 de decembro, ás 6 da tarde, no auditorio, terá lugar a obra musical “O mundo máxico de Pinocho”, pola compañía Teatro Educateatro Producións.

Asemade, do 26 ao 29 de decembro, celebraranse unhas Xornadas de Animación á Lectura en Galego, así como obradoiros infantís de Nadal, na Biblioteca Municipal, para nenos e nenas de 6 a 11 anos, co horario de 11 a 13 horas.

Tamén para os nenos e público familiar, o Cine Club Carballiño proxectará os días 26, 27, 28 e 29 de decembro catro películas no auditorio, ás 6 da tarde: Capitán América: civil war; Pánico en la granja; Alicia frente al espejo e Zootrópolis.

A carteleira cinematográfica tamén ofrece a proxección da película “Os días afogados”, dentro do ciclo Cinemas de Galicia. Será o venres, 16 de decembro, ás 22,30 h.

O programa de Nadal inclúe dúas exposicións: Unha exposición de fotografía de Abanca. OFICIOS ENTRE LUSCO E FUSCO. Un proxecto fotográfico de Xosé Abad. Do 15 de decembro ao 14 de Janeiro no concello. E unha exposición da Fundación “María José Jove”, que leva por título “MIRAR CON-TACTO”. Arte por discapacidade visual. Do 15 de decembro ao 22 de Janeiro, de 11 a 13 horas na sala de exposicións do auditorio.

No eido deportivo, destaca a Carreira Solidaria que se desenvolverá o domingo 18 de decembro ás 11 horas.

Finalmente, haberá tres rutas de tapas. A primeira, este venres, 2 de decembro, cos productos da matanza como protagonistas. O venres, 16 de decembro, unha segura ruta con tapas de marisco. E a terceira ruta o 7 de xaneiro.

Haberá concurso de escaparates, en colaboración co Centro Comercial Aberto, e a tradicional Cabalgata de Reis que nesta edición contará coa novidade de incluir música en directo nas carrozas.

Para ver o calendario detallado da programación prema no arquivo adxunto:

30, Novembro 2016

A praza de abastos renova a súa imaxe tras a reforma levada a cabo nas últimas semanas e que concluirá hoxe. Precisamente, a empresa adxudicataria das obras está levando a cabo os últimos detalles contemplados no proxecto.

Os cambios producíronse tanto no exterior como no interior. Así, dende mañá xa se pode disfrutar das dúas áreas de estar e de xogos infantís creadas no interior da praza, e localizar os postos polas cores da nova cartelería colocada en cada posto. Unhas lonas colocadas nas fachadas e uns carteis con indicativos dos diferentes sectores de alimentación, situados nas dúas portas de entrada, informan aos clientes dos servizos que ofrece a praza, que conta tamén cunha nova iluminación na parte central.

A semana pasada xa quedara culminada a construcción dunha beirarrúa e da zona de aparcamentos na parte traseira da praza.

Esta reforma, que se executou segundo un proxecto promovido pola concellería de Promoción Económica que dirixe Adolfo Nogueira, ascendeu a uns 90.000 euros. O obxectivo era proseguir coa modernización desta instalación municipal, para valorizar o mercado público como lugar onde mercar productos frescos e de calidade, fundamentalmente, carnes e pescado. De aí este cambio de imaxe, co que se pretende contribuir ao incremento das ventas.

Para a realización desta proxecto o concello contou cunha subvención de 60.000 euros da Dirección Xeral de Comercio da consellería de Industria, e os 30.000 euros restantes aportounos o concello.

30, Novembro 2016

A convocatoria das "Marchas da Dignidade" faise para pedir a derogación da chamada "lei mordaza" en solidariedade e apoio a este xóven carballiñés que víuse involucrado nunhos incidentes que se rexistraban en Madrid tras concluir a "Marcha da Dignidade" en 2014.

Emilio Cao resultara dáquela detido pola policia, e agora enfróntase a unha petición da Fiscalía de 5 anos e 8 meses de prisión por un presunto delito contra a autoridade.

Dende Alternativa Veciñal do Carballiño-En Marea, Bernardo García e Manuel Nogueira, fixeron un chamamento público á toda a cidadanía para que acuda a esta manifestación convocada para este sábado dia 3 de Decembro ás 12 da mañá na Praza Maior do Carballiño baixo o lema "Eu tamén son Emilio Cao".

Dende as "Marchas da Dignidade" piden a retirada dos cargos que se lle imputan e a súa libre absolución.

29, Novembro 2016

O evento foi presentado esta mediodía nun acto ao que asistiron os concelleiros de Cultura e Medio Rural, Diego Fenández e Rosario González, respectivamente; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares; a xerente da bodega Pazo Tizón, e representantes dos establecementos hostaleiros que están integrados nesta iniciativa.

Tosta en rolo rechea de productos da matanza, carrilleiras de porco en salsa, brocheta moruna con patacas panadeiras e bocadillo de papada de porco con queixo parmesano, son algunhas das tapas que se amosaron hoxe e que serán servidas o próximo venres, a partir das 8 da tarde, nos 21 mesóns, bares e restaurantes que participan na Ruta das Tapas.

Tanto Diego Fernández como Rosario González animaron aos carballiñeses e visitantes e percorrer a ruta e degustar estas tapas ao prezo de 2 euros que, ademáis, ofrece a posibilidade de participar nos concursos que se celebrarán ao final da tempada con 2.000 euros en premios.

As representantes do Centro Comercial Aberto, de Pazo Tizón e dos hostaleiros tamén convidaron á participación e expresaron o seu convecemento de que a xornada será un éxito, pois os productos do porco ofrecen neste tempo infinitas posibilidades de preparación gastronómica, que atraerán o interese da clientela.

Neste sentido, o éxito acadado o pasado ano fai augurar unha gran afluencia nesta xornada.

Tamén se anunciou a realización dunha nova xornada de tapas na terceira semana de decembro, pero neste caso adicada ao marisco. Esta Ruta desenvolverase o venres, 16 de decembro.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS