22, Decembro 2016

En pleno debate da necesidade de pedir ao Adif unha mellora dos servizos existentes no nosa comarca a primeira responsta do administrator de infraestructuras é a intención de querer pechas o servizo de informacion e venda de titulos de transporte na estacion carballiñesa. Outro servizo mais que nos queren quitar.

http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2016/12/22/adif-renfe-planean-c...

21, Decembro 2016

O concello edita un novo plano-guía do Carballiño e comarca, que contén unha ampla información turística e de servizos da vila e dos arredores.

Trátase dun folleto desplegable, que permite gardalo nun bolsiño pero que aberto ofrece uns planos e mapas o suficientemente grandes como para que se vexa ben a información que ofrecen.

Este plano-guía foi presentado a mediodía polos concelleiros de Turismo e Cultura, Xosé Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente. Dacal dixo que se trataba dunha verdadeira necesidade, xa que o anterior era vello e contiña erros, e este está totalmente actualizado cos nomes das rúas novas, así como o resto dos lugares de interese.

O novo plano-guía leva por una cara o plano do casco urbano do Carballiño, destacando a zona centro e o barrio histórico de Flores, e o conxunto que conforman o parque, a piscifactoría, a fábrica do papel, os muíños e o camping.

E pola outra cara, un mapa da comarca con toda a sinalización histórica, monumental, termal, paisaxística e de interese natural. A portada e a contraportada, co plano plegado, as ocupan as imaxes do templo da Veracruz e da Festa do Pulpo, “os dous referentes turísticos do Carballiño”, según dixo Manuel Dacal.

Tamén figura o código QR que vai permitir acceder á páxina web do concello dende calquera teléfono móbil para ampliar a información sobre O Carballiño. Unha novidade importante con respecto á anterior guía é a inclusión das dúas rutas de sendeirismo do Carballiño: o Camiño do Arenteiro, que vai dende os muíños ata Pazos de Arenteiro, e o Camiño dos Arrieiros.  Esta referencia inclúe os planos das rutas coas distancias, cotas, e outros datos.

O concelleiro de Cultura apuntou que este novo plano-guía era un elemento máis para promover o turismo e facer máis atractivo O Carballiño, e que ía a ser un bo instrumento de información para os milleiros de visitantes que acuden cada ano á vila e que neste ano que remata foi especialmente de gran afluencia.

O concello editará 10.000 planos-guía, que se distribuirán na Oficina de Turismo da Alameda e no concello.

19, Decembro 2016

Os portavoces municipais confían en que o novo plan de transporte da Xunta dea resposta ás necesidades do Carballiño e da comarca nesta materia. Así o manifestaron hoxe o alcalde, Francisco Fumega; o portavoz do PP, Argimiro Marnotes; o portavoz do BNG, Francisco Ferreiro, e o portavoz de Alternativa Veciñal, Bernardo García, durante unha rolda de prensa ofrecida no concello para dar conta do resultado da reunión que mantiveron a semana pasada coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para analizar a situación do transporte público comarcal.

Francisco Fumega agradeceu a dispoñibilidade dos grupos municipais e as súas aportacións para a reunión, e aclarou que o obxectivo era integrar a comarca coa capitalidade, e esta con Ourense e, a ser posible, con Santiago. “Temos por diante unha serie de deberes que facer para o momento en que rematen as actuais concesións do transporte en Galicia, previtas para o próximo verán, e poder integrar ao Carballiño no novo plan; por iso imos a colaborar estreitamente coa consellería de Infraestruturas e Vivenda”, dixo o alcalde.

Argimiro Marnotes, pola súa parte, resaltou a satisfacción xeralizada polo resultado da reunión, en canto que a Xunta xa coñece a problemática do Carballiño en materia de transporte público. O portavoz do PP resaltou non só o interese sobre o transporte por estrada, senón tamén por incluir a ADIF, coa posibilidade dun uso intermodal da estación do ferrocarril. Tamén se referiu ao plan de transporte da comarca co Carballiño e do Carballiño con Ourense e incluso con Pontevedra e Santiago. “É o momento de que O Carballiño despegue”, dixo, “e para isto ábrese a posibilidade de poder elixir as paradas en Ourense (estación, Campus Universitario e residencia sanitaria).

Fracisco Ferreiro destacou o feito de que os portavoces participasen nesta iniciativa, que é o camiño a seguir, o mesmo que a colaboración institucional. Pese ás discrepancias lexítimas que poida haber por parte de cada grupo, o portavoz do BNG agradeceu a boa receptividade da conselleira e a posibilidade de que se poidan realizar obras de infraestrutura. “Se temos unhas boas comunicacións será moi positivo para a comarca, sobre todo, para os servizos”, dixo. Bernardo García comezou amosando a súa esperanza de que no 2017 poida producirse un cambio neste sentido e que as promesas da conselleira poidan cumplirse, co obxectivo de que os veciños e veciñas teñan os medios de transporte que necesitan.

Finalmente, o portavoz de Alternativa Veciñal destacou a posibilidade de poder liberar algúns edificios públicos para outros cometidos.

Nesta reunión coa conselleira, tampouco nesta comparecencia dos portavoces municipais, participou o concelleiro non adscripto Marco Antonio Reboredo. En manifestacións nesta emisora de radio, Reboredo mostrouse escéptico cos posibles resultados desta reunión coa conselleira e avanzou que presentará ao pleno da corporación unha proposta con varias iniciativas para mellorar as prestacións do transporte público no Carballiño.

Entre esas propostas do concelleiro non adscripto están a creación dunha asociación de usuarios do transporte público ou reactivar a plataforma cidadán para demandar do ADIF novos servizos ferroviarios na estación do Carballiño.

19, Decembro 2016

Din os máis sabios que a verdade non é algo que teña que ver coa información, din que a verdade vívese, que é unha experiencia e non un conxunto de datos. E a verdade é que o que estamos a experimentar na comarca do Carballiño co transporte público é unha auténtica mágoa que pon ó descuberto a absoluta incapacidade dos nosos representantes políticos.

Resulta decepcionante, por non empregar verbas máis groseras, ver como un grupo de "representantes" políticos fan o paripé, despois de meses de sufrir un absoluto ostracismo por parte da sociedade civil (Adif, Renfe, e o resto de empresas semipúblicas ou semiprivadas). Tanto autobombo por parte duns e doutros, que se INFRAESTRUCTURAS... que se, isto ou aquelo colócanos no mapa... E o máis sinxelo sen atender, por neglixencia, por ter a cabeciña nas nubes. IMOS VER SEÑORES!!! Enraícense, poñan os pes na terra, que o único que amosa un pouco de senso común é o Sr. Reboredo, pasiño a pasiño: Se por dous minutos o Carballiño perde enlace con Madrid, porque o cercanías chega dous minutos máis tarde, o máis sinxelo é conseguir (non intentar) que o cercanías chegue dez minutos antes. E non fan falla moitos estudos pra decatarse desta verdade de perogrullo.

Outra verdade de perogrullo é que o transporte público non é rendable, non busca a rendabilidade senon a prestación dun servizo, polo que se estes catro "representantes" teñen verdadeiro interese en desenvolver o transporte público, que pese a non ser directamente rendable, xenera economías positivas, o que teñen que facer é procurar financiamento, e o primeiriño é dotar nos orzamentos partidas que subvirtan a necesidade da prestación destes servizos. Porque se vostedes, os catro xuntiños, van a outra institución como é a Xunta, ou a Deputación, pedindo cartos, pedindo un esforzo, pero vostedes non fan ningún esforzo e non poñen a capacidade de xestión por riba da mesa, todo quedará reducido a moitos "estudos" e a casa sen barrer. O de non ter competencias e trasladar a responsabilidade a outros son excusas de malos pagadores. Déixense de andar mendigando axuda externa, e fagan vostedes algo pra arranxar esta problemática, e despois de que vostedes amosen algo, procuren tamén axuda externa. XA ESTÁ BEN DE FOTITOS.

19, Decembro 2016

A concellería de Medio Ambiente pon en marcha unha campaña de sensibilización cidadá para mellorar o uso do punto limpo. Trátase de promover unha boa práctica na utilización desta instalación municipal na que se deben depositar os residuos especiais e voluminosos que non poden botarse nos contenedores da rúa.

Esta campaña, que se desenvolve co lema "O Carballiño, vila limpa e sostible, depende de ti", é a continuación doutra levada a cabo na primavera pasada sobre o uso correcto dos contenedores.

A través de charlas, folletos e diverso material de difusión, esta concellería que coordena Érika Paz, pretende informar e concienciar á poboación sobre as posibiidades deste servizo municipal, que é gratuito, e que está acondicionado para albergar obxectos domésticos inservibles como mobles, colchóns, electrodomésticos e similares, e residuos perigosos do fogar como aerosoles, fluorescentes, disolventes, pinturas, etc.

O punto limpo, que se atopa na estrada do Carballiño a Cea, fronte ao matadoiro, está operativo de luns a venres, en horario de 10,00 a 14,00 h., pero tamén permite que ese tipo de obxectos se depositen á beira dos contenedores da rúa calquera xoves non festivo, chamando previamente ao teléfono 662199635 para dar aviso.

A elección destas datas de Nadal para levar a cabo esta iniciativa ven condicionada pola cantidade de obxectos inservibles que se producen neste tempo, como xoguetes vellos, árbores e adornos navideños, renovación de mobles e electromésticos, ou outros obxectos de pequenas reformas nos domicilios, e que deben ser depositados no punto limpo.
O obxectivo da campaña é conseguir que toda a veciñanza coñeza este servizo e faga un bo uso do mesmo, contribuindo desta maneira a que O Carballiño sexa unha vila limpa e sostible.

De feito, o punto limpo non só é lugar adecuado para albergar este tipo de obxectos inservibles, senón que é a única posibilidade de que estes resdiduos reciban un tratamento posterior para a súa reciclaxe e valorización, co que se consigue realmente a sostibilidade medioambiental.

É unha campaña, polo tanto, dirixida a implicar á cidadanía nas boas prácticas para a recollida selectiva do lixo, que depende en gran medida do uso que faga cada quen deste servizo. E o punto limpo municipal é, xunto cos contenedores habituais para depositar o lixo común, o vidrio, o papel e o cartón, e os envases de plástico, latas e break, un eslabón moi importante para manter limpas as rúas e coidar o medio ambiente.

17, Decembro 2016

O Portavoz socialista na Deputación, Francisco José Fraga Civeira acompañado polos Portavoces da comarca e o Alcalde do Carballiño, Paco Fumega, compareceu para dar conta da reunión mantida e do traballo realizado na comarca do Carballiño.

Tal como el indicou, "tratouse dunha reunión máis, dentro da rolda de contactos que vén realizando o Grupo Provincial Socialista por toda a provincia, para coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e veciñas en cada Concello de Ourense".

Neste caso, Fraga Civeira, mantivo unha reunión cos Portavoces da Comarca do Carballiño e co Alcalde da localidade para iniciar a análise pormenorizada do estado das redes e vías de titularidade provincial,e dar traslado das necesidades á Deputación.

Trátase, como el mesmo aclarou, "dun traballo iniciado coa denuncia iniciada polos compañeiros de Boborás sobre a estrada que une este Concello co de Beariz, á que se lle deu traslado á Deputación e na que se realizou unha recollida de sinaturas moi exitosa que reflectía o descontento da xente cunhas obras que non parecen rematar nunca", subliñou.

Do mesmo xeito, os socialistas trasladáronse á ponte de Toscaña para comprobar o estado desta estrada, tamén provincial, que vai ata Astureses.

A este respecto, o Alcalde do Carballiño, Paco Fumega, declarou que "é imprescindible que se atenda o primeiro tramo desta vía, con urxencia, na zona na que hai edificacións e se trate de dotala de beirarrúas axeitadas, posto que é moi transitada por veciños e veciñas, xente que vai facer deporte ou paseantes que están a por en risco a súa seguridade persoal".

Neste senso, Fumega, cualificou de positiva a análise das necesidades de cada Concello "e que se lle poida dar traslado ó Grupo Provincial Socialista para que fagan as demandas oportunas na propia Deputación, responsable polo estado das súas estradas".

Para os socialistas é prioritario asegurar o mínimo risco para os usuarios e usuarias nunhas vías que, moitas veces, están nun estado deplorable.

Por outra banda, o Portavoz socialista, Fraga Civeira, preguntado pola situación interna do partido, indicou que no Grupo Provincial están completamente centrados en cuestións de traballo e non orgánicas: “ A nosa única preocupación é a mellora das condicións de vida da xente. agradezo especialmente o gran ambiente de traballo que temos na comarca do Carballiño, estivemos, escoitando ós portavoces e contamos coa colaboración do propio alcalde que nos brinda a oportunidade de comezar a análise destas infraestruturas, tendo como obxectivo visitar sobre o terreo todas e cada unha delas”.

16, Decembro 2016

O outro día non sabía se estaba nun profundo soño cando escoitaba pola radio á concellerira de Benestar Social, Igualdade e Saúde, e non sei cantas milongas máis. Co máis agarimoso respeto a esta señora non saía do meu estupor cando a escoitaba decir con voz solemne que ela e mailo concelleiro de educación tiveran a feliz idea de organizar unha reunión co "mundo do profesorado" co "mundo dos pais dos alumnos" e cos mundos de Yupi pra facer unha comparativa da educación de antes e a de agora. Acaso non se entera esta concelleira que dende o ámbito local non ten, nin competencias en educación, nin competencias en sanidade, que as opinións desta perda de tempo son un brindis o sol, que ten competencias abandoadas que sería mellor que se ocupase delas, como compensar os colectivos menos favorecidos, como fomentar a igualdade entre homes e mulleres, com fomentar a igualdade entre calquer persoa sea cal sexa a súa condición ou circunstancia persoal ou social (e por suposto non entender por igualdade aquelo que todos somos iguais pero uns máis iguais que outros, como fillos de alcaldes veciños encaixados por portas xiratorias...)

E mentras tanto nada da RPT, nada da Residencia de Tempo Libre, nada de nada de desenvolver orzamentos que se axusten as necesidades reais dun concello que pouco a pouco esmorece porque ademais da crise sofre de unha casta política cada vez máis instalada nos mundos de Yupi, nos mundos da vacuidade, nos mundos da perpétua hipocresía e dunha patoloxía crónica de excusar a propia incapacidade coa fotografía e con verbas moi rimbombantes pero carentes de vontade e de espíritu.

15, Decembro 2016

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico, Joaquín Macho, mantivo unha reunión de traballo co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e representantes dos distintos grupos políticos municipais, na que lles trasladou que a ordenación do transporte público que se porá en marcha o vindeiro ano beneficiará á mobilidade dos veciños desta comarca.

Vázquez Mourelle agradeceu a implicación e colaboración dos representantes deste municipio para levar a cabo as accións necesarias para optimizar os servizos de transporte na zona, o que suporá o incremento da calidade de vida dos cidadáns.

A titular de Infraestruturas lembrou que o Goberno galego xa iniciou os estudos que definirán o novo mapa de transporte que se comezará a implantar en agosto de 2017, onde unha das zonas obxecto destas avaliacións é a do Carballiño.

Precisou que para mellorar a cobertura no rural serán fundamentais os servizos baixo demanda, coa fin de levar o transporte a onde faga falta e á hora que faga falta mediante unha reserva feita con anterioridade.

Para todos estes supostos empregaranse diferentes tipos de vehículos, aproveitando o máis adecuado en cada caso (autocar, microbús, taxi, transporte escolar...). Con esta reorganización do transporte público na comarca optimizaranse os servizos entre os concellos e os distintos núcleos dos mesmos, pero tamén os desprazamentos a cidades como Ourense ou Santiago.

Ethel Vázquez tamén lle indicou aos citados representantes municipais que no caso de que exista algún incumprimento dos servizos por parte das concesionarias, deben trasladarlle este feito á Xunta para que proceda á correspondente inspección e sanción, se se considera oportuno.

A conselleira manifestou o seu compromiso a avaliar as posibles modificacións nos horarios das liñas de autobús coa fin de facilitar a súa coordinación coas frecuencias de ferrocarril.

Vázquez tamén se comprometeu a analizar as distintas opcións que se poden acometer para conectar as estacións de tren e autobús, potenciando así unha intermodalidade que ampliaría as posibilidades dos veciños á hora de realizar os seus desprazamentos.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS