
A ampliación do servizo de Pediatría a xornada completa no centro de saúde e a necesidade dunha segunda ambulancia para cubrir a carencia comarcal, foron dous dos temas que se trataron durante unha reunión desenvolvida entre a xerente do Centro Hospitalario de Ourense, Eloína Núñez Masid; a directora de procesos asistenciais sen ingreso e xestora da área médica para os centros de saúde, Isabel Gómez, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Saúde, Marina Ortega.
O encontro, que se levou a cabo no CHOU por iniciativa da concelleira carballiñesa, tiña por obxecto, precisamente, analizar e plantexar unha serie de demandas sobre a sanidade pública no Carballiño.
Entre estas necesidades atópase poder dispoñer da especialidade de Pediatria de 8 da mañá a 9 da noite, e non só pola mañá, como sucede agora. Neste sentido, a xerente do complexo hospitalario de Ourense amosouse receptiva, dada a proporción de poboación infantil do Carballiño así como a necesidade de conciliación da vida familiar e laboral. Por iso, Eloína Núñez dixo que se ía a ter en conta nas próximas listas selectivas para persoal a quenda de tarde no centro de saúde do Carballiño.
Asemade, suxeriu solicitar de xeito formal por escrito unha segunda ambulancia á Fundación Urxencias Sanitarias do 061, motivando a súa necesidade.
Tamén se comentou a previsión de levar a cabo no primeiro trimestre do proximo ano a novedosa proba de cribado que detecta en fases temperás o cancro colorrectal, que é a segunda causa de morte no conxunto de homes e mulleres. Esta proba pioneira no noso país está dirixida á poboación de entre 50 e 69 anos.
Finalmente, cotexáronse datos e concretáronse melloras no tocante ao servizo preventivo de suicidios, que é tamén pioneiro na sanidade publica e exclusivo de Ourense en Galicia, que a convirte na provincia con menor taxa de suicidios da nosa comunidade autónoma.
Ao termo do encontro acordouse manter unha próxima reunión no primeiro trimestre do próximo ano para seguir traballando e avanzar na resolución das demandas e problemas da sanidade no Carballiño.
Resulta cando menos curioso que para inscribirse nunha “carreira solidaria” que organiza o Concello do Carballiño ó Traverso da Concellería de Deportes haxa que recurrir a unha páxina privada de internet. Aínda máis, que unha vez anotados os teus datos de nome, data de nacemento e NIF (*), te vexas na obriga de dispor dunha tarxeta de crédito para abonar o importe (*) de 4 euros máis outro euro máis para o aluger dun chip. É dicir, unha proba benéfica en favor de Cáritas e Cruz Vermella, na que como participante convídaseche a donar alimentos, convértese nun saco de recadación de cartos sen destino coñecido. Sobre todo, tendo en conta o carácter altruista do evento, que unha vez vista a web, favorece o pensamento de que tamén está “externalizado” polas autoridades municipais e que, coma nestes casos, hai que pagar os servizos á empresa correspondente. Finalmente, resulta evidente que os que carecemos de ‘crédito’ non podemos aportar o noso grao de área. Unha mágoa.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará con 20.000 euros no acondicionamento da marxe dereita do río Avia, no concello de Leiro. Esta aportación económica destinaráse aos gastos da redacción do proxecto.
Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Francisco José Fernández, durante unha reunión que tivo lugar en Santiago de Compostela.
O río Avia discorre por este concello ribeirán. Sobre a súa canle, próxima a área recreativa das Poldras e a súa praia fluvial, hai unha pasarela peonil de madeira na ribeira dereita, que está pechada ao paso debido ao deterioro sufrido polo transcurso do tempo.
O obxectivo desta actuación é substituír a pasarela peonil por unha senda fluvial que, discorrendo por esta mesma marxe dereita, dea continuidade ao paseo fluvial, ao tempo que interconecta de xeito máis directo o paseo coa trama urbana do núcleo.
Hoxe tivo lugar en Santiago de Compostela, un acto para a sinatura dos convenios dos GDR 2014-2020. Un acto ao que estaban convocados, os Gobernos Municipais de todolos Concellos que participan, entre eles o de Maside, que terá presencia no GDR 12 (Carballiño-Ribeiro). E para non variar, ningún reprensentante do Goberno municipal acudiu. Como tampouco o fixeron ás reunións previas que houbo en Leiro e as que tamén, foron convocados.
Nin estaban, nin se lles espera. O que non dirán tampouco é que para este novo GDR o Plan Leader concedeu perto de 5.000.000 millóns de Euros, dos cales quizáis, haxa algún veciño de Maside que se queira beneficiar para levar a cabo un proxecto. Mesmo o Concello como tal, pode tamén plantexar algún....pero claro, deixaron pasar por vagancia, o anterior (o GDR9) e pretenden facer o mesmo con este facendo como que non existe! Desta volta...non será así.
De calquera xeito, Goberno de Maside, non vos da vergonza? Ou estades Alcalde e Compañia moi ocupados? en qué non sabemos....
Resulta que en poucos días vaise celebrar na Vila do Carballiño a 8ª Edición da Carreira Solidaria do Arenteiro. Ata ahí, perfecto. Todos solidarios, ata os que corremos pouco podemos facer tan só, 2 kilómetros. O que é de denuncia pública é o método de inscrición. E que naide, nin oposición nin nada, meta o grito no ceo é verdadeiramente cantoso. Resulta que, si te queres inscribir, só o podes facer a través da páxina dunha empresa privada e unicamente pagando con tarxeta!!!!! Vamos, un cachondeo! E os que non temos tarxeta? Os que non queremos usala nesa páxina? o método de pago a través de ventanilla xa non existe? E porqué hai que pagar a unha empresa privada? como garantizan que eses cartos irán despois a organización benéfica a que están destinados? Porque moito piden na páxina, pero iso, NON O ACLARAN. Dame que aquí a Concellalía de Deportes ten algo que agochar, habería saber o qué......

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares.
No encontro, que tivo lugar en Santiago de Compostela, ambos responsables abordaron as necesidades en materia de saneamento do concello e, máis en concreto, do polígono industrial sito no lugar do Fondo de Cea.
Esta reunión tivo como obxectivo seguir avanzando na posible colaboración de ambas administracións, autonómica e municipal, nesta materia.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o presidente do padroado da Fundacion Insua dos Poetas, Luis González Tosar, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar novas iniciativas culturais. No acto, ao que tamén asistiron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o vicepresidente do padroado, Celso Sánchez, puxose de relevo o interese cultural e patrimonial deste parque da Esgueva adicado á creación artistica.
Neste senso, anunciouse a apertura de novas actividades non só no eido literario senón tamén no audiovisual e teatral, así como noutras manifestacións culturais.
González Tosar botou man do Premio Nobel de Literatura William Faulkner para expresar o convecemento de que “o local é o principio básico de todo o que se queira converter en universal”, e de aí o significado da promoción da Insua dos Poetas, enclavada nunha paraxe histórica ao norte das terras do Carballiño. O presidente do padroado resaltou a importancia da sinatura deste convenio, que plasma un acordo de colaboración e implicación mútua na difusión da Insua dos Poetas como parte importante do patrimonio e da dinamización cultural do Carballiño. E agradeceu a colaboración do concello que, como administración local, é a mais próxima á cidadanía.
Francisco Fumega tamén expresou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio, que formaliza a colaboración institucional municipal que xa se viña producindo, pero que a partir de agora vaise intensificar. O alcalde referiuse á Insua dos Poetas como “o magnífico parque da Esgueva, que aglutina tres elementos definitorios: as letras, a escultura e o medio natural. En definitiva, un lugar de encontro coa Cultura, que temos a gran sorte de que estea ubicado no termo municipal do Carballiño”.
E, asemade, agradeceu o alcalde carballiñés a Luis González Tosar a súa iniciativa. “Realmente, é moi importante para O Carballiño contar cun parque desta relevancia, polo que nos comprometemos a impulsar máis actividades e a promocionalas dentro e fóra do noso municipio e comarca, co obxectivo de que poida ser un marco cultural ainda máis relevante do que xa o é”, dixo Fumega, que engadiu: “A Insua dos Poetas é xa parte do noso patrimonio cultural, e estamos ante unha boa oportunidade para poñer en valor este patrimonio impulsando o coñecemento e a difusión tanto da programación como do mesmo significado deste conxunto escultórico, natural e simbólico que é unha auténtica homenaxe ás personalidades das letras galegas.

Será un dos principais eventos deste Nadal no Carballiño e na provincia, e pola marcha da venta de entradas anticipadas, xa se pode augurar unha gran afluencia ao concerto de música latina, house e electrónica que ofrecerán os cantantes e productores Dasoul e Dany Romero o próximo 23 de decembro na discoteca Isis Pharia.
Este espectáculo musical, que organiza unha sociedade de promotores carballiñeses, foi presentado a mediodía polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández e o representante da sociedade promotora Uriel Bernárdez.
Bernárdez confirmou a día de hoxe a venta anticipada do 75% do aforo da sala, que é de 1.800 persoas, na súa maioría de persoas da provincia de Ourense e de Pontevedra, pero tamén de fóra de Galicia, como unha parella que viaxará dende Cataluña para asistir ao concerto. Isto fai prever que se encherá a discoteca e que O Carballiño recibirá esa noite a visita de centos de persoas, moitas das cales pernoctarán na vila.
Bernárdez tamén dixo que esta experiencia poderia ter continuidade con outros concertos de renome. Actualmente, Dasoul está completando unha xira internacional e, xunto con Dany Romero, conforman un cartel excepcional no panorama musical español, suscitando unha gran expectación entre a mocidade.
Tanto os promotores como o concelleiro de Cultura aseguraron que este concerto situaba ao Carballiño nun lugar preferente da oferta musical neste Nadal, e que a situación estratéxica da vila, con acceso por autovía en todas as direccións, estaba a contribuir ao éxito da iniciativa.
Neste senso, Diego Fernández agradeceu o risco e o esforzo desta sociedade promotora por traer ao Carballiño un evento de ámbito autonómico e estatal tan relevante para a mocidade. O concerto, que está recomendado para mozos e mozas a partir dos 16 anos, comezará ás 22,30 h., do venres, 23 de decembro, e prolongarase durante varias horas, xa que ademáis destes dous artistas contarase cos mellores DJ de Galicia, como Groove Amigos; de Ourense, como The Prieto Brothers e o DJ carballiñés Stewe Gómez.
Asemade anúnciase un servizo de autobuses dende Ourense e o centro do Carballiño coa discoteca para a ida e a volta do concerto ao módico prezo de 1 euro. As entradas poden adquirirse de forma anticipada por 15 euros en discotecaisispharia@gmail.com ou chamando aos teléfonos 658 666 723 e 600 289 504.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 545
- 546
- 547
- 548
- 549
- 550
- 551
- 552
- 553
- …
- seguinte ›
- última »