28, Novembro 2016

A última edición da Festa do Pulpo costoulle ao concello menos cartos que a edición do pasado ano. O principal motivo desta minoración da aportación municipal debeuse, principalmente "ao aforro nos gastos, e eso que a programación cultural e festiva prolongouse durante 15 días, e se realizaron presentacións e promocións da festa en catro cidades (tres en Portugal: Braga, Viana do Castelo e Vilanova de Gaia; e unha en Galicia: Pontevedra), manifestan dende o concello carballiñés.

Unha vez rematada a liquidación de gastos e ingresos, o aporte das arcas municipais foi de 23.000 euros, uns 10.000 euros menos que na edición da Festa do Pulpo do 2015, según o balance feito público dende a institución municipal.

Os ingresos, xerados por subvencións, patrocinios, postos de feira e hostalería, e venda de entradas para o xantar do recinto, foron de algo máis de 81.000 euros. E os gastos supuxeron algo máis de 104.000 euros. Neste capítulo as partidas de maior cuantía correspóndense co servizo do xantar no recinto oficial, que foi de 41.000 euros, e en segundo lugar cos concertos e a animación musical dos quince días, que supuxeron un custe duns 27.000 euros. A terceira partida de gastos en importancia foi a relativa ao concurso de camisetas das peñas, con case 6.000 euros. Na edición do 2015 os gastos totais da Festa do Pulpo foran duns 124.000 euros.

Malia á reducción do gasto xeral e da aportación do concello, a LIV Festa do Pulpo "foi unha das de maior participación popular, e non só durante o propio día da Festa, o domingo 14 de agosto, no que se batiron récords de afluencia e consumo de pulpo, senón durante os 15 días que duraron os festexos culturais, deportivos, lúdicos e gastronómicos",subliñan dende o concello carballiñés.

Agora o concello céntrase na organización da Festa do Pulpo do próximo ano, marcándose como obxectivo "a procura da consecución da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional". Así, estanse avaliando varias opcións para a dedicatoria da LV Festa do Pulpo, que se dará a coñecer a finais deste ano ou comezos do próximo.

28, Novembro 2016

A entrega do galardón terá lugar o próximo dia 1 de Decembro no Liceo de Ourense, coincidindo esa data do 37 cabodano da morte do autor da Esmorga.

O xurado do XXXV premio Eduardo Blanco Amor de novela longa acordou outorgar o mesmo ao escritor, ensaísta e investigador cinematografico carballiñés Miguel Anxo Fernández pola súa novela "Blues pra Moraima", pola súa "axilidade narrativa e o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector".

Ademáis da súa faceta de escritor, Miguel Anxo Fernández é autor de numerosas publicacións sobre a historia do cine galego, e ademáis exerce como membro da sección de lingua, literatura e comunicación no Consello da Cultura Galega, asi como coordenador do programa Audiovisual nas aulas para o Consorcio Audiovisual de Galicia.

O carballiñés recibirá ademáis do premio dotado con 12.000 euros, unha escultura do artísta Acísclo Manzano.

27, Novembro 2016

As lembranzas do colexio “Isabel La Católica” e dos seus fundadores, don Juan Corral e dona Matile Pérez, sucedéronse estem domingo durante o acto de descubrimento dunha placa na súa memoria.

Numerosos carballiñeses, ex alumnos do centro educativo “O Corral”, veciños e veciñasacudiron a este acto no que interviñeron o alcalde, Francisco Fumega; o exalumno e director do Instituto nº 1, Manuel Amil; o exalcalde e portavoz do PP, Argimiro Marnotes; o portavoz do BNG, Francisco Ferreiro; o exalcalde Pachi Vázquez; o párroco José Benito Sieiro e o fillo dos homenaxeados, Juan Corral Pérez.

O Orfeón do Carballiño e a Coral Polifónica do Casino interpretaron dous temas aocomezo e ao final do acto, que culminou coa interpretación do himno galego a cargo do Grupo da Escola de Gaitas e ambas corais.

O monumento, promovido por Avelino Corral coa súa familia, está ubicado nun extremo da praza da rúa Juan Corral Pajariño.

Unha placa de bronce coas imaxes gravadas de don Juan e dona Matilde, recorda a importancia deste centro educativo na segunda metade do século XX no que se formaron cinco xeracións de carballiñeses.

26, Novembro 2016

Notase que todo o que non teña BENEFICIO, para os dirixentes de Maside, NON VAI CON ELES, e explico o porquè.

Onte celebrouse, o día contra a violencia de xènero e  da igualdade( vaia por diante, que non estou de acordo que isto teña un dìa, pero è unha forma de solidaridade e concienciaciòn), pero en Maside a nivel institucional NADA DE NADA, isto non lles importa, non da ningùn beneficio, entòn como representantes de todolos veciños pasan do tema, outro motivo maís de vergoña, como veciña diste Concello.

O Irixo, O Carballiño, Cea, Piñor, Boboràs..........maìs ou menos, todos tiveròn algùn acto, e encima sen gastar un euro dos veciños.  

Ainda que o Sr. Alcalde estè moi liado "velando polo Concello", vindo abrir polas mañas o mesmo,  cà apicultura, aplaudindo en primeira fila os relevos do seu partido........ten as enchufadas nàs que, algunha competencia destas podìa delegar, sempre è cando se fie das suas posibilidades.

25, Novembro 2016

Unha numerosa representación da vida social, deportiva e cultural das comarcas do Ribeiro e O Carballiño, arredor de 200 persoas, déronse cita no Aparthotel Arenteiro no acto de entrega dos premios da Arenteira creados por este establecemento hoteleiro para recoñecer a traxectoria de persoas ou entidades nos ámbitos do deporte, a cultura e a ciencia.

Un gaiteiro e un pianista solemnizaron coa súa música en directo un acto que abríu e cerrou, no nome de Aparthotel Arenteiro e o Grupo Cer&Ber, Uriel Bernárdez agradecendo o traballo desenvolvido polo xurado, asi como centros educativos e asociacións culturais, veciñais e deportivas pola súa implicación na organización dos galardóns.

Xosé Prada foi o encargado de realizar a lectura da acta do xurado, e o seu presidente Xosé Luis Sobrado, fixo memoria e salientou a relevancia dos tres persoeiros galdardonados este ano. Depois chegou o momento da entrega dos premios, unha peza artística da autoría de Xesús Carballido.

O primeiro en recibir a Arenteira foi o ex-futbolísta Pepe Carballeda, que dedicou o premio "a todos os meus compañeiros que están aquí e moi especialmente a aqueles compañeiros do ano 1964 cos que conseguimos o primeiro ascenso histórico do Arenteiro á 3ª división".

Pablo Rodríguez Oitabén, o naturalista máximo impulsor do proxecto medio ambiental de Ridimoas, quixo compartir o momento e o premio "con todos aqueles que traballan en preservar o medio ambiente, e estando no Carballiño, co Grupo de Acción Ecoloxísta Outeiro".

Finalmente, recibíu a Arenteira a título póstumo o pai do termalismo galego moderno, o doctor Luís Rodríguez Míguez. A súa viuva, Mariluz Villar, nunha emotiva intervención, agradeceu "a bondade de todas as persoas con Luis, para él O Carballiño sempre foi a súa segunda casa, él sigue aquí, entre nós",unhas palabras que foron moi aplaudidas por todo o público posto en pé.

O cántico do himno galego puxo o broche solemne á entrega desta quinta edición dos galardóns da Arenteira.

Na foto, Carballeda, Oitabén e Mariluz Villar, cos responsables de Aparthotel Arenteiro e o Grupo Cer&Ber, Uriel e José Manuel Bernárdez, e o presidente do xurado, Xosé Luis Sobrado.

25, Novembro 2016

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio prevé rematar as obras do sendeiro ecolóxico de Piñor a finais deste mesmo ano. Así llo trasladou a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, ao alcalde de Piñor, José Luís González, durante a supervisión dos traballos que se están a executar e nas que o seu departamento inviste 55.000 euros.

O sendeiro discorre pola marxe dereita do río Arenteiro, comezando o seu percorrido na antiga fábrica de papel, e ten unha lonxitude de 400 metros. As actuacións consisten no desbroce e mellora do sendeiro; no acondicionamento da senda con pedra de mampostería e recolocación de pedras xa existentes; na colocación de preto de 300 metros de varandas de madeira e 62 metros de pasarela, tamén de madeira; e na instalación de seis bancos e dúas mesas, así como varios paneis informativos.

Mato destacou que o Arenteiro é un río moi importante dentro da provincia de Ourense, que conta con numerosas rutas a pé para gozar do seu contorno, unha gran tradición de pesca deportiva, e un notable patrimonio cultural como, por exemplo, os seus muíños de auga.

Por último, destacou o compromiso do Goberno galego co concello de Piñor, xa que só a Consellería de Medio Ambiente destinou desde 2009 un investimento de preto dun millón de euros. Engadiu que unha parte importante (case tres cuartas partes) se dedicou á dotación de servizos de abastecemento de auga, un dos grandes obxectivos do departamento que dirixe Beatriz Mato.

Recordou que Medio Ambiente tamén asumirá o acondicionamento da Aira de Freás, no marco do Plan Hurbe, dotado con máis de 100.000 euros; así como a axuda para a redacción do novo Plan xeral de ordenación municipal do concello.

23, Novembro 2016

O Concello de San Cristovo de Cea súmase aos actos conmemorativos do 25-N coa convocatoria dunha concentración na Praza Maior de Cea á unha da tarde baixo o lema "Unamos as nosas mans para dicir NON á violencia de xénero".

Doutra parte, o centro social da Albarona acollerá o acto conmemorativo no concello de Piñor, que incluirá a presentación do calendario do ano 2017 editado polo concello piñorense contra a violencia de xénero, que logo será distribuído entre a veciñanza do municipio. Ademáis, celebraráse un taller sobre a influencia dos medios na problemática da violencia de xénero.

Xa no concello do Carballiño, o Centro de Información da Muller, adscrito á concellería de Benestar, Igualdade e Saúde, organiza para este venres, 25 de novembro, un acto solidario e reivindicativo polo Día Internacional contra a violencia de xénero.

Neste acto, que foi presentado pola concelleira Marina Ortega, e que desenvolverá no salón de sesións do concello ás 12, participará o alumnado dos centros educativos do Carballiño, a Escola Infantil Trastes, Bo Día Familia, Cruz Vermella, ASPADISI, ASDIFICA, Conservatorio e Asociacións de Mulleres. Asemade, actuará a cantautora carballiñesa Inés Vázquez. Marina Ortega fixo unha invitación a toda a veciñanza para que asista a este acto como mostra de solidariedade coas persoas que sufren calquera tipo de violencia de xénero.

Asemade, presentou o resto da programación prevista para conmemorar esta efeméride mundial. Así, o 29 de novembro terá lugar un coloquio, co tema “A orixe da violencia de xénero: adolescencia”, coa intervención dos ponentes Patricia Gómez Salgado, investigadora e docente na facultade de Psicología da USC, e Albino Ferreira Rivera, avogado. O coloquio celebrarase no salón de plenos ás 8 da tarde.

Dentro deste mesmo programa o 30 de novembro terán lugar unhas charlas informativas a cargo do persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero sobre as consecuencias desta violencia nas mulleres, nos nenos e nas nenas e pautas para a súa abordaxe. Terán lugar no IES Chamoso Lamas. Finalmente, o 16 de decembro reunirase a Mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero.

Na foto, Marina Ortega, concelleira de Benestar, Igualdade e Saúde.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS