Aínda que non está no meu ánimo contribuir á alarma social, quixera manifestar a inquetude que me produce a noticia que se coñecéu no último pleno municipal do Concello de Maside. Parece ser que existe un grupo armado que actúa no termo municipal infiltrado entre algúns veciños.
Como digo, a noticia saltóu no pleno, de boca do presidente da Corporación Municipal cando nunha das súas respostas á oposición ó remate da sesión, fixo referencia a un suposto "brazo armado político". Aínda que temo pola seguridade pública, tranquilízame saber que os responsables municipáis xa tiñan coñecemento desta circunstancia, polo que supoño, porían tódolos datos cos que contan ó dispor das Forzas e Corpos de Seguridade.
Coido que son de admirar as capacidades para a obtención de información do grupo de goberno municipal, co seu líder ó frente, pois ninguén puido nunca sospeitar que nunha poboación apacible coma o meu querido Maside, tivéramos que enfrentarnos a esta situación.
Agradézolle ó noso alcalde, que fixera pública a existencia deste grupo armado. Teña, meu rexidor, a seguridade de que cada vez que iste xuntador de palabras saia á rúa, permanecerá ollo a vizor por ver de localizar algún dises elementos dos que vostede fala, e avisar con dilixencia ás forzas de seguridade. Hai que desarticular ese comando canto antes.
Quédanme aínda así algunhas dúbidas sobre este tema. Ó fin e o cabo, un humilde veciño non ten acceso á información que pode manexar o primeiro edil. Non obstante, se tivera a oportunidade, plantexaríalle ó noso alcalde algunhas cuestións:
¿Ese suposto "brazo armado", conta cun solo comando, ou estamos ante unha organización con varias ramificacións?
¿Debemos prepararnos en Maside para algún episodio inminente de "kale-borroca" vinculada con iste grupo?
¿Xa ten o Ministerio competente coñecemento desta sorprendente circunstancia?
Algún que outro dos seus veciños, polos avatares da vida, tivo que padecer a presión dun verdadeiro grupo armado. Tivo que sentir na súa caluga o alento envelenado da banda que mantivo a este país atemorizado nos case que corenta últimos anos. Sentíu moi próximo o salpicar do sangue quente de persoas achegadas. Pódolle asegurar que sobre esto non falo de oídas.
É por esto, estimado alcalde, que atribuir a aqueles que non concordan coas súas decisións, a condición de grupo armado, ou o que ven sendo, presuntos terroristas, suscita unha ringleira de respostas, que por suposto vou a obviar. Chámelle talante, mesura dialéctica ou simplemente, educación. Propóñolle que tome nota. Coido que a súa pasada de frenada califícase por sí mesma.
É moi posible que o Presidente da Corporación Municipal de Maside, esté mal acostumado. Somella que ata o de agora, ninguén cuestionara públicamente as súas decisións, e que cando algujén levanta un pouco a voz, adquire por libre designación a consideración de integrante de grupo armado.
Non teña medo, Don Celso, non hai caso. As únicas armas daqueles que se queixan das súas decisións son a adecuación á legalidade, a defensa de intereses xeráis que consideran xustos, e as cousas ben feitas.

Máis de cen modelos, infantís e adultos, desfilarán o sábado, 4 de xuño, na Pasarela de Moda que organiza por cuarto ano consecutivo o Centro Comercial Aberto no anfiteatro da Praza da Veracruz.
Ao mesmo tempo, dende o mediodía deste venres e ata a noite do sábado, promóvese unha ruta de tapas de primavera, co diversos premios para aquelas persoas que consuman pinchos en tres locais diferentes.
Vintecinco establecementos comerciais dos máis diversos sectores participarán neste desfile, que comezará ás 19,00 h., e que conta coa colaboración da actriz Isabel Risco, e do compositor e cantante Hugo Torreiro. Risco é coñecida pola sua intervención en papeis de series e programas de gran audiencia da TVG, e Torreiro, por participar nun cásting do programa de televisión “La Voz”.
No acto de presentación do evento interviñeron o presidente do CCA, Julián Garriga; o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; Manu Varela, da Agencia Luena, que organiza o desfile, e a xerente do CCA, Noelia Mares.
Garriga destacou a importancia desta Pasarela e da iniciativa das tapas como escaparate do comercio local e unha boa oportunidade para atraer máis visitantes ao Carballiño.
No mesmo sentido pronunciouse o representante da axencia Luena, ao referirse ao desfile como unha actividade impulsora do turismo de compras. Manu Varela asegurou que se trata dun espectáculo de gran repercusión nas redes sociais, co que garante unha boa promoción do comercio local.
Nogueira, pola súa parte, diu a noraboa ao Centro Comercial Aberto pola actividade que desenvolve a prol do comercio local, que é un eixo esencial no desenvolvemento económico e social do Carballiño. E animou á cidadanía a achegarse ata a praza da Veracxruz para presenciar o desfile.
Di o concelleiro de cultura que a situación da Bilblioteca Pública é herdada ¿Qué quere decir? Que él heredou a súa concellería nunha das portas corredoiras da casta do PSOE como fillo dun alcalde de Maside. Ou quere decir que nos 16 anos do PSOE e 4 do PP os políticos profesionais, os da cova de Alí Babá, non foron quen de ter a Biblioteca Pública en condicións dignas.
Xa levan un ano de desgoberno. Se o concelleiro de "cultura da casta" non é quen de dar unha resposta inmediata a unha reivindicacón lóxíca e coherente, que non pide máis que aumentar os horarios, e adecentar a Biblioteca, o mellor que pode facer é renunciar á súa adicación parcial e adicar eses cartos á Biblioteca. Porque pra ter un concelleiro que fai unha disertación sobre 30 maneiras de facer un ovo, non fan falla moitas alforxas.
O suceso tivo lugar a última hora desta mañá na localidade de O Tellado, na parroquia de San Román de Viña, no concello de San Cristovo de Cea.
O conductor do turismo realizaba unha manobra nese momento e non percibiu a presenza da víctima.
Debido ao forte impacto e a posición na que quedou o turismo, foron necesarios os medios de excarcelación, para liberar ao falecido, traballlos que realizou o equipo de excarcelación de Protección Civil do Carballiño.

A Asamblea Nacional de Estudantes Galegas convoca para este xoves dia 2 de Xuño, ás 20:30 horas, unha concentración cidadán na praza Antón Losada, á entrada da biblioteca municipal do Carballiño en demanda da mellora deste servizo público.
David Carballeda e María Caíña, en representación de ANEGA, fixeron un chamamento ao conxunto da cidadanía carballiñesa para que acudan a esta concentración, que pretende ser unha chamada de atención aos gobernantes municipais.
Consideran que "a biblioteca do Carballiño caracterízase por ten unhos horarios insufientes que non atenden as necesidades reais do estudantado". Ademáis, poñen de manifesto "unha precariedade que ampliase coas intalacións rudimentarias" asi como a falta de actualización dos fondos bibliográficos existentes.
O concello recoñece que a situación "non é todo o óptima que sería de desexar"
A concellería de Educación e Cultura afirma que o estado "é o que permite a difícil situación heredada".
Aínda que dende o concello manifestan compartir gran parte das demandas, fan algunhas puntualizacíons.
"En primeiro lugar, o edificio no que se ubica ten moitas deficiencias de carácter estructural, neste aspecto cómpre resaltar que faría falla un elevado orzamento para subsanalas", manifestan.
Respecto aos horarios, o concello carballiñés lamenta "a imposibilidade legal de convocar ou contratar unha praza de bibliotecario" aínda que recorda como "a verdadeira función da biblioteca non é ser unha sala de estudios, senón promover e fomentar a lectura e a consulta de libros e documentos, asi como ofrecer unha alternativa á formación e a cultura".
Finalmente, a concelllería de Educación e Cultura asegura que está a espera dunha entrevista co conselleiro de cultura da Xunta de Galicia para poder levar a cabo algunhas destas reformas que precisa a biblioteca municipal do Carballiño.

Os concelleiros de Fai O Irixo, Polos Veciños, e PSdeG abandonaron ao seu inicio a sesión de pleno da corporación municipal do Irixo, unha vez deixaron patente a súa disconformidade coa orde do dia, na que tan so se incluiron dúas mocións da oposición.
Fixérono como medida de protesta sobre o que entenden é "falta de respecto democrático do grupo de goberno do alcalde Manuel Penedo, falta de respecto pola democracia e ao noso traballo como concelleiros", manifestaron unha vez que abandonaron o salón de plenos.
Os 3 concelleiros da oposición, Florentino Pérez, José Manuel Prieto e Iago Fariñas, presentaron no transcurso dos últimos meses un total de 17 mocións para ser debatidas no pleno corporativo, polo que consideran "un ninguneo a nosa labor de concelleiros o feito de que o alcalde ignóreas".
Esperan que o rexedor reconsidere a súa actitude e as incluia no próximo pleno que celebre a corporación, e anuncian que se non fose así, presentarán a solicitude dun pleno extraordinario.

A casa do concello do Irixo acolleu unha reunión que se celebrou por iniciativa da asociación cultural "Arracada" e á que asistiron representantes dos concellos de Ribadavia, Leiro, Boborás, O Irixo, Silleda e Vedra. Ademáis, disculparon a súa ausencia aínda que mostraron o seu interese, a entidade local de Berán e os concellos do Carballiño, Lalín, A Estrada, Boqueixón e Santiago.
O motivo da convocatoria era presentar aos representantes municipais o proxecto de poñer en valor o camiño dos arrieros, que partindo de terras do ribeiro era a ruta que seguían os encargados de para levar o viño ata Santiago de Compostela, utilizando mulas e carros, que estiveron operativos durante unha gran parte da idade media e en moitos casos, ata principios do século XX.
A proposta pasa, fundamentalmente, por implicar aos concellos polos que pasaba este camiño dos arrierios no que pretende ser un proxecto da recuperación do patrimonio inmaterial que representou esta ruta comercial, ata os nosos dias chegaron cancións, refráns ou tradicións gastronómicas que son representativas daquéles tempos.
Ademáis, o camiño decorría por zonas de gran riqueza paisaxística e cultural, que os promotores deste proxecto entenden é ideal recuperar a ruta para a práctica do sendeirismo.

Os veciños de Garabás (Maside) están preocupados polos efectos da radiación electromagnética dunha estación base de telefonía móbil que está a ser instalada a 100 metros das súas casas. Din non entender a necesidade de situala tan próxima ás súas vivendas cando o territorio de Maside conta con 40 quilómetros cadrados, e sería posible unha localización a máis dun quilómetro de calquera núcleo de poboación. Trátase dunha estación emisora e receptora que vai emitir radiacións electromagnéticas 24 horas ao día 365 días ao ano.
O colectivo manifesta que o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro informa que a radiación electomagnética é potencialmente canceríxena, e que tanto o Concello de Maside, como a empresa de telecomunicacións, deberían ser máis responsables á hora de situar este tipo de instalacións tan próximas ás súas vivendas.
Doutra banda Plataforma Masidá, colectivo que se sitúa ao lado dos veciños de Garabás, denunciou ao Ministerio Fiscal un verquido de residuos procedentes da construción na leira que permitiu o acceso á instalación desta antena. Cascallos que conteñen cadmio, chumbo, amianto, entre outros materiais tóxicos, o que para Plataforma Masidá constitúe un delito contra o medio ambiente pola posibilidade de filtrarse aos acuíferos. E non entenden como o Concello de Maside, coñecedor deste vertido, mantívose á marxe.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 567
- 568
- 569
- 570
- 571
- 572
- 573
- 574
- 575
- …
- seguinte ›
- última »