16, Maio 2016

O pasado 28 de abril, os socialistas de Leiro, solicitamos unha serie de documentación para poder fiscalizar e exercer o seu labor de control do grupo de goberno do PP de Leiro, socilitude que só recibiu resposta no día de onte, 13 de maio, a sabendas de que están a cometer unha ilegalidade, posto que a Lei de Bases de Réxime Local, establece un máximo de 5 días para emitir resposta.

Entre as peticións realizadas, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, solicitou a revisión dunhas facturas duns traballos realizados uns días antes das Eleccións Municipais do ano pasado, casualidade temporal que aos socialistas lle resulta, cando menos, extraña. De todos os xeitos, o que máis fai desconfiar ao Partido Socialista, das intencións do goberno do PP, é a resposta recibida á solicitude para coñecer a canto ascenden os custos xudiciais do proceso, dende o seu inicio, para as novas instalacións do Balneario de Berán; gastos cos que corren as Arcas Municipais do Concello.

A resposta recibida, por parte do Alcalde, é que descoñecen, nestes momentos, a canto ascenden a totalidade dos gastos realizados, porque seica hai servizos que aínda non foron facturados polos letrados que levaron os pleitos. A contestación recibida, a teor dos socialistas de Leiro, trátase dunha auténtica tomadura de pelo, tanto cara á oposición coma para os veciños e veciñas de Leiro, que son os que, verdadeiramente están a correr cos gastos xurídicos.

Dende o Partido Socialista, consideran moi sospeitoso que os letrados aínda non facturaran ao Concello polos traballos realizados e que leven tanto tempo sen cobrar os seus honorarios; polo que amosan, os socialistas, unha desconfianza lóxica cara á xestión do goberno do PP, neste proceso. A actitude do rexedor municipal, da a entender que quere ocultar algo sobre os gastos realizados, algo que non se pode permitir, ao tratarse de cartos públicos. Por todo o anteriormente mencionado, os socialistas de Leiro están a barallar e consultar cos servizos xurídicos do partido, a adopción de medidas legais ao seu alcance para evitar que se cometa unha ilegalidade. Os socialistas acudirán á Xustiza e á Fiscalía, se así o consideran necesario, para aclarar este tema, xa que estamos a falar dos cartos públicos de todos os veciños e veciñas do Concello de Leiro.

13, Maio 2016

A partir das 10 da mañá deste domingo 15 de Maio iniciaráse o ritual da tradicional danza de Xuvencos que partirá dende a capela de Boborás para concluir sobre as 13 horas na igrexa parroquial de Santa María de Xuvencos.

O concello de Boborás promoveu este ano unha campaña de promoción en medios de comunicación e redes sociais desta manifestación cultural, entendendo que a mesma é outro recurso turístico máis co que conta o municipio.

Historia e tradición da danza de Xuvencos

Moi poucos son os lugares de Galicia que souberon manter viva unha tradición secular como a danza; entre estes lugares atópase Xuvencos. Como tódalas danzas, esta ten unhas manifestacións externas e unha mecánica que lle confiren un maior resalte dentro do mundo no que se desenvolve.

A danza de Xuvencos é unha manifestación relixiosa, cunha iconografía, accesorios e vestimenta moi semellantes a outras que perduran na provincia de Pontevedra. As orixes da danza son confusos,é unha labor difícil buscar as raíces xa que non hai constancia escrita nos arquivos da parroquia nin noutro tipo de documentación.

Por similitude con outras danzas que aínda perduran en Galicia e en España, pódese dicir que nacen na Idade Media e que se corresponden coas Danzas Gremiais : manifestacións pagano-relixiosas que tiveron gran importancia e que foron motivo de discordia entre os poderes eclesiásticos e as diferentes confrarías dos gremios, que se encargaban da realización deste tipo de eventos. Nalgúns lugares a danza de Espadas é propia do gremio de xastres, noutros a danza de Palillos, do de zapateiros.

En canto ó elemento humano, os danzantes eran oito homes: catro vestidos de muller e catro de home. Xa avanzado o século XX aparece a figura feminina na danza. De Xuvencos e solteiros/as Os participantes na danza eran sempre veciños de Xuvencos e tiñan que ser solteiros/as. Facíase unha escolma de mozos e mozas que durante tres ou catro meses de duros ensaios facían posible a supervivencia de tan antiga tradición. Outro personaxe activo dentro dos preparativos e execución perfecta da danza era a do mestre encargado da dirección artística; era unha persoa da parroquia que desinteresadamente dirixía a diario ós bailaríns. Había outras persoas que interviñan directamente no evento da danza: os músicos. Estes acompañaban nos ensaios ós danzantes para darlle unha perfecta harmonía e sincronización nos movementos.

Namentres un grupo de mulleres encargábase de repasar e preparar as vestimentas, e o gran día axudaban a vestir ós homes e mulleres danzantes. En canto á vestimenta había diferenzas entre os homes e mulleres. Nos homes presentaba a particularidade de ter tons claros e presentaba elementos de influencia indiana, posiblemente adoptados polo influxo da emigración, acolleron o sombreiro de palla tipo americano de estrutura ríxida que levaba entrenzada cintas de cores que pendían pola parte de atrás, o chaleco e o pantalón de corte da América de finais e principios do século XX.

Por debaixo unha camisa de ton branco de manga e garabata vermella, apenas asomaba tralo mantón de Manila cruzado e a banda pintada a man que atravesaba dende o ombreiro ata a cintura. Os zapatos eran de cor negra. Os traxes das mulleres presentaban rasgos máis antigos cós dos homes. Con tons tirando a branco, tiñan como novidade a presenza dun sombreiro de tea e non de palla. Levaba ó redor unha soa cinta e unhas flores nun dos seus laterais. Por debaixo unha camisa branca ó xeito da blusa tradicional do traxe galego sobre a que ían dous mantóns de Manila de diferente cor entrecruzados. A saia estaba composta por tres enaguas brancas apuntilladas case que á metade da canela. Nas pernas levaban medias brancas que se acompañaban de zapatos da mesma cor.

Na súa andaina os danzantes eran acompañados doutros elementos que lle conferían un aire distinto: castañolas, paus e cintas. As castañolas eran portadas tanto por homes coma por mulleres, nas dúas mans. Ían adornadas con cintas de cores e facían de acompañamento nas Muiñeiras, na Danza do Corpus, o una Danza do Entrenzado e no Paseo da Danza. Os paus de aproximadamente corenta centímetros, servían para desenvolver os chamados “paleados”, danzas nas que se batían uns paus contra outros.

Nalgúns lugares de Galicia para esta danza empregábanse espadas en vez de paus. As cintas utilizábanse para trenzalas ó redor dun longo pau, coroado polo Xigante, un aparello mecánico movía pernas e mans, e vestido de estilo mariñeiro. A danza de Xuvencos tiña unha mecánica que se repetía ano tras ano. A estruturación do baile facíase do seguinte xeito: O Paso, Muiñeira de Tres en fondo, Paleado de Tres en fondo , Muiñeira de Pasar, Paleado de Cruceta, Muiñeira dos Tolos, Terceiro Paleado e Entrenzado ou Cordón .

O máis característico é a sucesiva formación e combinación de figuras como froito dos sucesivos movementos e cambios que fan os danzantes. O Paso, cada unha das parellas integrantes do grupo avanzaba dende atrás a diante e ó chegaren onda a Virxe, facían unha reverencia. As Muiñeiras interpretábanse cun tipo de movementos completamente diferentes (alternancias de movementos lentos con outros vigorosos) ós que se dan nunha muiñeira normal.

Os Paleados, perfectas combinacións de movementos sincronizados de mans e pernas daban como resultado unha marabillosa estampa de imaxes nos cambios e de son ó chocar os paus. O Entrenzado ou Cordón pon o broche final coa melodía máis alegre e co espectáculo de cor que formaban as figuras xeométricas de cintas sobre a pértega. A música era interpretada por gaitas, bombo e tamboril. Presentaba na súa interpretación tres conceptos diferentes de concepción musical.

Por unha parte había ritmos suaves, nas melodías que acompañaban ó Paseo e ós tres Paleados . Ademais entre cada Paleado a música era diferente. O entrenzado tiña unha música briosa e as Tres Muiñeiras tiñan vitalidade. A danza facíase nas procesións, durante todo o percorrido, representábase enteira diante da capela de Boborás, na Almuzara e ó chegar á igrexa de Xuvencos, e facíase dun xeito parcial nunha encrucillada de Boborás onde se xuntaban as estradas de Pazos e Cameixa. O normal era celebrar a danza cada catro ou cinco anos dependendo da dispoñibilidade dos mozos.

Fonte: Xuvencos, Historia e Tradición.  Autor: Xosé Luis Sobrado

13, Maio 2016

O grupo municipal do BNG no concello de San Cristovo de Cea, integrado polo concelleiro Manuel Pérez e a concelleira Mariña Arbor, ven de remitir a esta emisora de radio un comunicado no que manifestan a súa preocupación pola decisión do goberno municipal, tras aprobar éste a petición dun crédito por importe de 477.000 euros para a melloras das iluminacións públicas nas distintas localidades do municipio.

Comunicado do Bloque Nacionalista Galego

O grupo municipal do BNG de San Cristovo de Cea quere manifestar a súa sorpresa diante do novo crédito que solicita o goberno municipal ó IDEA (Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético) para “Melloras no Alumeado Público Exterior Municipal”, por un valor de case medio millón de euros (477.000 euros, exactamente).

A tales efectos convocouse un pleno extraordinario urxente para este venres 13 ás 10 da mañá,a escasos días do pleno ordinario: de novo, pasou o rodillo do PP sobre o tema, sen maiores explicacións. Considerando a grave situación económica e social que padece o Concello de Cea, cunha débeda viva recoñecida no Ministerio de Hacienda (MINHAP) a 31 de decembro de 2015 de 1.053.000 euros, á que hai que sumar as diversas débedas contraídas con provedores particulares e servizos, non entendemos como é posible adicionarlle un novo incremento a débeda xa contraída, para facer obras que non son prioritarias niste momento para as necesidades do vecindario, nin as demanda ninguén.

Coa escusa dun teórico pequeno aforro no consumo enerxético anual,a redución do CO2 ou as supostas vantaxes das condicións ofertadas para o crédito,preténdese xustificar unha inversión doutro medio millón de euros, que desborda a capacidade do Concello, elevando a niveis impensables a débeda e  hipotecando o seu futuro.

Todas as demais necesidades apremiantes en servizos, asistencia, instalacións ou vías,que padecen múltiples puntos do Concello son esquecidas ou pasan a segundo plano para dar prioridade á renovación do alumeado público, xustamente onde as carencias son menos significativas tras a recente renovación de varias luminarias.

O BNG non atopa explicación racional a esta política caprichosa na que vén reincidindo o alcalde dende fai tempo, que trata de manterse no timón dun Concello que camiña cara a ningures e que precisa dunha renovación urxente. Nesta ocasión non sabemos se o que pretende é presentar o investimento como un “logro”, cargandoo ás costas de todos os veciños, ou se pode obedecer a outros intereses. O tempo oclarexará.

En calquer caso, o BNG non está disposto a avalar a política de despilfarro dun xestor que, atopándose na súa fase terminal, despreza os mínimos principios da democracia e sigue sumido nun profundo obscurantismo.

Grupo municipal do BNG do concello de san Cristovo de Cea

13, Maio 2016

Alcaldes e portavoces socialistas de distintos concellos das comarcas do Carballiño e  O Ribeiro concentraronse ás portas do edificio que albergará o servizo intercomarcal de bombeiros, sito no parque empresarial do Carballiño, para demandar a súa inmediata apertura.

Ademáis, os socialistas instan ás administraccións autonómica e provincial para que implanten un modelo de xestión pública, de xestión directa deste servizo, que consideran fundamental e prioritario para garantir unha prestación de calidade á poboación das dúas comarcas.

13, Maio 2016

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, apoia as reivindicacións do alcalde e dos voceiros de todos os grupos políticos no Concello do Carballiño, reivindicacións que pasan pola mellora das comunicacións que O Carballiño ten coa capital ourensá.

Na reunión que mantivo o presidente da Deputación no Pazo Provincial cos representantes políticos na corporación carballiñesa, Manuel Baltar amosou o seu apoio ás xestións e negociacións diante do ADIF e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia para paliar a mala situación na que se atopan actualmente as comunicacións da vila do Carballiño coa capital de Ourense.

Xunto a Manuel Baltar, participaron na reunión o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os voceiros do PP, PSOE, BNG e Alternativa Veciñal, Argimiro Marnotes, Adolfo Nogueira, Xosé Francisco "Chema" Ferreiro e Bernardo García, respectivamente. "Na reunión falamos das liñas de autobuses, da frecuencia do transporte ferroviario e, evidentemente, o goberno provincial apoia esta petición, e tamén é consciente de que outras das vilas máis poboadas da provincia atópanse nesta mesma situación de necesidade dunha mellora do transporte", afirmou Manuel Baltar.

Neste sentido, o presidente provincial dixo que vai instar a ADIF e á consellería "para que reciban canto antes a esta plataforma política, integrada por todos os voceiros dos grupos políticos da corporación local do Carballiño, con fin de que se poñan sobre a mesa todas as posibilidades, que pasan por mellorar a frecuencia de autobuses e de trens".

Baltar tamén informou aos representantes políticos carballiñeses que no Plan de Mandato "Ourense 15-19" figuran como actuacións en materia de mellora do transporte "unha iniciativa de Transporte a demanda (que está previsto implementar en xaneiro de 2018), que nestes momentos estamos xa a estudar por medio da realización dun plan piloto, e a posta en marcha da Rede Provincial de Transportes Públicos e dun metro de superficie (marzo de 2019), aproveitando a chegada do Tren de Alta Velocidade, para que a comunicación entre as vilas máis poboadas da provincia e a capital sexa máis efectiva e eficaz, e que o AVE sexa un beneficio non só para a capital senón tamén para os demais concellos da provincia de Ourense".

12, Maio 2016

Desde logo un non deixa de sorprenderse das ocurrencias dos do PSOE do Carballiño. Agora resulta que piden que O Irixo faga algo co transporte público o cal está moi ben ¿Pero qué pasa con Maside? ¿Por qué non lle piden a Maside que faga algo co transporte público? O millor e que os do PSOE do Carballiño pensan que Maside xa cumpliu con todas as súas obrigas dende que xenerosamente lles cedera o fillo do rexidor que entrou triunfante por unha desas portas xiratorias do PSOE. Señores e señoras do PSOE do Carballiño, sexan máis serios, non lle boten tanta cara...

12, Maio 2016

Todos os grupos da corporación municipal do Carballiño, PSOE, PP, BNG e AV-SON, convocan á cidadanía a unha reunión para elaborar as bases dunha plataforma en defensa do transporte público.

Esta reunión terá lugar este venres, 13 de maio, ás 20,30 h., no salón de plenos do concello.

Habida conta da importancia para O Carballiño e a comarca desta iniciativa conxunta de todas as forzas políticas que conforman a corporación municipal, convídase ás asociacións empresariais, veciñáis, culturáis e deportivas; ás organizacións sindicáis e a todos os veciños e veciñas a asistir a esta xuntanza que ten por obxecto crear unha plataforma en defensa do transporte público no Carballiño e na comarca que sexa o máis representativa posible.

Entrevista na Deputación

Os portavoces dos 4 grupos políticos municipais e o alcalde Francisco Fumega reuníronse co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ao que trasladaron a demanda social de mellora dos servizos de transporte público e pediron a implicación e apoio da entidade provincial á mesma.

11, Maio 2016

O Partido Popular entende que se vulnera a normativa de coordenación de policias locais, afirmando que non ten ningún sentido que os aspirantes a obter un contrato de 4 meses como auxiliar de policia teñan que facer o curso na Academia de Policía antes de superar as probas de selección no concello do Carballiño.

Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS