28, Abril 2016

O concello do Carballiño ten previsto convocar un concurso para ocupar os 23 postos que permanecen vacantes na praza de abastos. Actualmente, están ocupados prácticamente a metade dos postos dos que dispón o mercado, 20 postos concretamente.

Esta foi unha das iniciativas das que se informou durante a reunión mantida no salón de sesións do concello polos praceiros e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira. Ao respecto, Nogueira dixo que había unhas 20 peticións de información acerca das prazas vacantes, que se poderían convertir en solicitudes no caso da convocatoria do concurso.

“Este dato fai albergar moitas esperanzas para que se poida producir un rexurdimento do mercado de abastos”, segundo engadiu o concelleiro. Tamén se acordou estudar fórmulas para mellorar e dinamizar a praza de abastos e para resolver algunhas cuestións de interese tanto para os praceiros como para os usuarios. Así, prevese resolver o problema que xeneran os contenedores instalados no exterior do edificio para recoller o lixo xenerado polos postos e habilitar un espacio interior pechado, de forma que se eviten os malos olores e, ao mesmo tempo, que os contenedores non estean visibles.

Será, polo tanto, un cambio na forma e no fondo, de salubridade e de imaxe. Con respecto ao aparcamento, tamén se estudará a maneira de que poida ser máis eficaz tanto para o servizo da praza como para os clientes, procurando que haxa máis mobilidade nas prazas de aparcamento.

Neste sentido, analizarase a posibilidade de poñer en práctica un sistema semellante ao das zonas azuis que garanta a alternancia do aparcamento cada certo tempo, que podería ser un máximo de media hora. Non obstante podería adoptarse outra fórmula, xa que hai varias posibilidades. Finalmente, na reunión falouse dalgunhas necesidades de melloras no interior da praza, ainda que xa se levaron a cabo reformas importantes no último ano, que se valoraron positivamente.

28, Abril 2016

Alcaldes da comarca e hostaleiros presentaron hoxe unha nova edición da Ruta das Tapas, que se celebra este venres, 29 de abril, a partir das 20,30 h., e que terá como produtos estrela as froitas de tempada.

É a primeira vez que o acto de presentación deste evento se fai en plena rúa ao aire libre, concretamente, na Praza Maior, polo que se congregaron ao redor da mesa ducias de persoas. Estiveron cos hostaleiros os alcaldes de San Amaro e Piñor e o teniente alcalde do Irixo, ademáis de concelleiras e concelleiros do Carballiño, entre eles, o concelleiro de Turismo e teniente alcalde José Manuel Dacal, que actuou en representación do alcalde do Carballiño, que se atopaba en Santiago visitando diversos organismos da Xunta.

Dacal agradeceu a presencia dos rexidores da comarca e convidou aos carballiñeses e visitantes a participar nesta ruta e cubrir os boletos para optar ao premio de 1.000 euros e a unha viaxe, que se sortearán ao remate da iniciativa, a finais de maio.

O tente de alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira,  fixo mención á colaboración comarcal en materia de promoción turística e agradeceu a invitación do concello do Carballiño. Brocheta de froitas con xamón de porco ibérico, lomo de cerdo ao forno en salsa de laranxa, flor de melón con xamón e outros pratos moi creativos e coloridos foron expostos neste acto polos representantes dos 29 mesóns, bares e restaurantes que forman parte deste evento que chega á penúltima edición, e que espera que mañá, venres, supere incluso o éxito das anteriores

27, Abril 2016

As estas probas convocadas polo concello do Carballiño para o prodecemento de selección de de auxiliares de Policia Local concurrian 21 aspirantes, dos que so ún deles superou as mesmas. Polo tanto, quedaron sen cubrir 3 das 4 prazas ofertadas.

O Partido Popular considera que "moitas preguntas non teñen que ver nin co temario nin coas súas funcións".

Volven os populares poñen en entredito o nomeamento do tribunal ao afirmar como "non parecen preguntas axeitadas para seleccionar auxiliares de policia, dondo como conclusión que quen teña elaborado estas preguntas dentro do tribunal, non ten capacidade suficiente para examinar sobre a especifidade destes postos".

Manifestan dende o Partido Popular que "os aspirantes examinados contan que en ningún proceso selectivo sentiron tanto bochorno polas preguntas plantexadas por un tribunal".

O concello convocará un novo proceso de selección

Asi o anunciou nesta emisora de radio o portavoz do goberno municipal Adolfo Nogueira. O concello carballiñés procederá a realizar unha nova convocatoria para cubrir as 3 prazas de auxiliares de policia que quedaron vacantes tras este procedemento de selección, no que so 1 dos 21 aspirantes superou as probas propostas polo tribunal.

Nogueira rexeitou as críticas do portavoz do Partido Popular Argimiro Marnotes, ao que cualificou de "profesional do despropósito" e ao que outorgou "unha capacidade de facer o ridículo que non ten límite".

O concelleiro socialista dixo que as bases da convocatoria eran as mesmas dos últimos anos e que "o portavoz do PP debería preguntarse por qué nos últimos anos viñan aprobando sempre os mesmos",

Adolfo Nogueira defendeu a legalidade e transparencia de todo este proceso de selección de auxiliares de policia, asi como a profesionalidade do tribunal que se encargou das probas.

Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

26, Abril 2016

Os integrantes da Comisión Intermunicipal da auga de Punxín, San Amaro e Cenlle, na que figuran os concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE nestes municipios, asi como membros da Comisión da Auga de Punxín, consideran que o convenio subscrito por estes concellos coa Deputación terá unha repercusión negativa para os intereses municipais e veciñais.

As respectivas corporacións municipais dos 3 concellos veñen de aprobar, co voto en contra dos socialistas, un convenio de cooperación coa Deputación de Ourense para que a entidade provincial se faga cargo da xestión do abastecemento en alta, mediante un sitema de bombeo dende a estación potabilizadora de Razamonde ata un depósito distribuidor construído no monte de San Trocado.

O convenio terá vixencia entre o 1 de Maio e o 31 de Decembro deste ano 2016, despois os 3 concellos deberán proceder á constitución dun consorcio intermunicipal para xestionar este servizo.

Consideran dende este colectivo que os costes que para os concellos ten este convenio son "desproporcionados e abusivos" e que "o convenio obedece a intereses persoais e políticos, e non ao interese xeral".

Non descartan dende esta comisión presentar un recurso contra este acordo dos 3 concellos "en base a que estaría vulnerando o artigo 103 da Constitución Española, cando se afirma que en todo momento a administracción pública debe servir aos intereses xerais", manifestan.

 

 

 

25, Abril 2016

O concelleiro de AV do Carballiño, Bernardo García, recordou como "este parque de bombeiros O Carballiño-Ribeiro leva varios anos de retraso na súa apertura, as instalacións están rematadas e xa foron licitados os vehículos, o problema agora é que se cambeou o modelo de xestíón, e que o Consorcio Provincial pretende sacar a concurso a xestión, privatizando o servizo, a o que nos nos opoñemos".

Alternativa Veciñal pretende que esta reivindicación sexa tratada nunha moción nun dos próximos plenos que celebre a corporación municipal do Carballiño, defendendo un modelo de xestión público "toda vez que as instalacións e dotación material fíxose con recursos públicos, ademáis polas características do servizo, a súa prestación non pode estar sometida á lóxica da obtención de beneficios, o que conlevaría a precarización do servizo".

Outro dos integrantes de AV, Manuel Nogueira,  expuxo que este mesmo acordo vaise trasladar ao resto dos concellos de ambas comarcas, ademáis de esixir a apertura inmediata das instalacións sitas no parque empresarial do Carballiño.

 

23, Abril 2016

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Piñor, vén de rexistrar unha solicitude para instar ó goberno municipal para que amplie o prazo de información pública e de presentación de alegacións ó PXOM de Piñor.

Tal como relata o seu Voceiro, Francisco José Fraga Civeira, "recibiron numerosas queixas, por parte dos veciños e veciñas, debido a que o prazo de dous meses determinado polo goberno municipal, resultara totalmente insuficiente para comprenderen todo o contido e toda a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal"

Tendo en conta as queixas recibidas, "que o prazo remate o vindeiro 8 de Maio, tal como anuncian dende o propio Concello de Piñor, é, a todas luces, insuficiente para entender un plan que lles afecta no tocante ás súas propiedades e vivendas, sen darlles tempo a que realicen as alegacións convintes, caso de querer facelo", manifestan os socialistas.

 Así mesmo,  indican que "as reunións que veu realizando o propio Concello polas parroquias de Piñor, chegaron a determinados lugares cando xa transcorrera un mes dende a exposición pública, quedando, tan só, un mes máis para que a xente puidese estudar ben a documentación e presentar alegacións. Vendo que o prazo fixado é, claramente, insuficiente para tratar cunha información tan importante e complexa, que afecta sobremaneira á vida dos veciños/as, o PSOE de Piñor, determinou solicitar ao Alcalde do PP que ampliase o prazo".

Os socialistas, procederon a solicitar esta ampliación por escrito, toda vez que xa o solicitaran no Pleno Ordinario do Concello.

Ademais, dase a circunstancia, sinala Fraga Civeira, que Piñor ten unha porcentaxe elevada de poboación emigrada que acostuma a retornar ó Concello durante os meses de verán, polo que sería bo que se aumentase o prazo para que esas persoas con propiedades poidan comprobar como quedarían segundo o novo plan de ordenación.

Recorda o Voceiro socialista que "o PXOM vai afectar á clasificación de usos de moitas propiedade polo que é convinte que toda a xente que teña propiedades e vivendas ou edificacións no termo municipal, poida acceder e entender a numerosa documentación que contén o PXOM e que lle vai afectar dun xeito moi importante no futuro".

Remata, engadindo, "que se de verdade, o goberno de Piñor, procura a transparencia e a participación pública de toda a veciñanza nos asuntos do Concello; debe procurar escoitar as reclamacións que se lle están a facer para que amplien o prazo de exposición e presentación de alegacións".

21, Abril 2016

O Concello do Carballiño convocou un procedemento de selección para cubrir catro prazas de auxiliares de Policia Local, como persoal laboral temporal por un periodo de 4 meses.

O grupo municipal do Partido Popular afirma que "no tribunal designado está un axente que é delegado sindical e incumple o artigo 60 do Estatuto Básico de Emprego Pùblico", e critica o feito de que "en moitos anos o xefe da Policia Local non está no tribunal, demostrándose asi falta de confianza na súa laboura".

Os populares non entran a cuestionar "se no tribunal están funcionarios que foron en listas electorais, pois consideramos que a independencia de cada quen nas súas funcións de traballador público deben estar garantidos".

Ademáis poñen baixo sospeita o feito de que se vaia realizar primeiro a proba escrita -para pasar o primeiro corte-  e logo as probas físicas "cando o habitual e o máis transparente é o contrario", aseguran dende o Partido Popular.

O concelleiro de persoal defende a legalidade e reta ao Partido Popular a acudir ao xulgado

Adolfo Nogueira saíu ao paso das manifestacións feitas polos populares, asegurando que "non existe tal ilegalidade, xa que este representante do Sindicato de Policia pode formar parte do Tribunal, pero xa foi sustituído para evitar calquera conflicto, e sustituído no tribunal por outro policia, antes de que o Partido Popular fixera o seu comunicado".

"Se eu tivera coñecemento dunha ilegalidade no dudaría en acudir ao xulgado e denunciala", remarcou.

O concelleiro responsable de persoal e da propia Policia Local manifestou que "alguén asesorou mal" ao portavoz do PP. Nogueira dixo sentirse perplexo ante o comunicado do Partido Popular, asegurando que sendo Marnotes alcalde no ano 2013, "esta mesma persoa xa formara parte do Tribunal dese ano".

Parra acceder ao comunicado íntegro do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

 

21, Abril 2016

O alcalde de San Amaro, Ernesto Pérez, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantiveron un encontro de traballo no que abordaron diversas necesidades en materia de equipamento neste municipio.

Neste sentido, a titular deste departamento do goberno galego comprometeuse a estudar a colaboración co concello de San Amaro para financiar o proxecto de mellora do antigo campo da feira de San Amaro, na propia capitalidade municipal.

Trátase dun espazo de algo máis de 3.500 m2, no que ademáis se celebra a festa patronal, a carón da igrexa parroquial de San Amaro, e no que se pretende unha actuación de mellora, que xa foi consensuada previamente cos veciños da contorna.

A memoria económica elaborada polo concello para a execución deste proxecto elévase a 150.000 euros.

19, Abril 2016

A Mancomunidade de Concellos do Carballiño, formado polos concellos de Beariz, Boborás, O Irixo, San Amaro e Maside, xunto co Concello do Carballiño.

Dende o Servizo de Prevención de Drogas (financiado pola Consellería de Sanidade) contarán coa presenza de Pedro García Aguado, ex deportista de elite ademais de coñecido coach dos programas de televisión “Hermano Mayor”, o “El Campamento” entre outros como protagonista de dúas charlas coloquios.

Durante a presentación desta actividade estivo presente o Presidente da Mancomunidade; Manuel Cerdeira, o alcalde do Carballiño; Paco Fumega, a vicepresidenta da Mancomunidade; Patricia Torres, a concelleira de Benestar Social do Carballiño; Marina Ortega e a psicóloga do Servizo de Prevencións de Drogas; Inés Meizoso.

Cerdeira agradeceu o apoio da Consellería de Sanidade e da Deputación de Ourense para levar a cabo dito programa así como ao alcalde do Carballiño Paco Fumega pola aposta a través dun convenio deste servizo.

Fumega destacou a gran oportunidade para os veciños e as veciñas de toda a comarca en especial aos do Carballiño, que pola súa característica máis urbana é a que presenta maior problemática no ámbito da droga.

Ines Meizoso, a técnico do programa, indicou que “esta é unha máis das múltiples actividades que se realizan durante todo o curso e agradeceu a colaboración de todos os colectivos que favorecen o seu traballo como os centro saúde, autoescolas e sobre todos aos colexios e institutos. Tamén destacou a vontade política tanto de Manuel Cerdeira, como de Ana Patricia Torres e de Paco Fumega e Marina Ortega que apostan por este programa ademais da propia Consellería de Sanidade e da Deputación de Ourense”.

Este ciclo de charlas só estivo en Galicia en Vigo e A Coruña, con aforo completo, sendo a organizada na nosa comarca a terceira delas e a primeira de Ourense. Trátase dunha aposta do sector público por achegar ás conciencias dun sector da poboación co fin de evitar o contacto con calquera tipo de drogas a través do relato das vivencias dunha persoa que estivo nese mundo e conseguiu saír del.

Estas charlas serán dirixidas por un banda aos pais/nais ou titores legais e por outra aos mozos e mozas dos diferentes centros de educación secundaria existentes nos concellos participantes

A charla dos pais/nais e titores legais terá lugar o 26 de maio ás 20.00 horas no auditorio do Carballiño, sendo totalmente gratuíta e aberta para tódolos país/nais interesados. En dita conferencia ademais do coñecido coach, Pedro García Aguado, tamén estará o profesor especialista en mozos con problemas de conducta Francisco Castaño Mena.

Os dous profesionais darán pautas clave para levar a cabo na educación dos nosos/as fillos/as e expor ferramentas para evitar o mal comportamento e o fracaso escolar. Os pais/nais poderán intervir e interactuar con eles para resolver calquera tipo de dúbida ou curiosidade durante as dúas horas de duración de dita charla.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS