8, Xaneiro 2014

Dende fai máis de tres meses un so médico atende a toda a poboación do Irixo, o que está provocando aglomeracións no centro de saúde da localidade nas últimas semanas.

Un grupo de veciños e veciñas do municipio, ligados á organización política Anova comezaron esta semana unha campaña de recollida de sinaturas, que serán remitidas á Xerencia de Atención Primaria para que con carácter inmediato proceda a cubrir a baixa da médica adscrita ao centro de saúde da localidade.

O único facultativo que dende fai algo máis de tres meses ocupase de atender tanto aos pacientes que acuden ao centro de saúde como de facer as visitas domiciliarias, vese obrigado a facer maratonianas xornadas de traballo, que continúa en moitos dias en horario de tarde, para atender o servizo, nun concello no que máis da metade da poboación supera os 65 anos.

6, Xaneiro 2014

Club Deportivo Arenteiro e a Selección do Ribeiro xogaron na tarde de reis un partido de fútbol de carácter solidario, a beneficio das actividades que desenvolve a Cruz Vermella. Os carballiñeses gañaron 3-1, aínda que desta vez o resultado era o de menos, porque en realidade quenes gañaron en solidariedade foron os preto de 50 fútbolístas que partiparon nesta acción benéfica.

Ainda que nun principio o partido estaba programado no Estadio de Espiñedo, o calamitoso estado no que se atopaba o terreo de xogo tras as fortes chuvias dos últimos dias, finalmente decidiuse xogar o encontro no campo sintético da Uceira.

A Selección do Ribeiro, dirixida polo adestrador do At. Barbantes, Paco, presentou un bo combinado, entre os que figuraban os exarenteiros Gabriel, Julio Alén e Pana.

Miki López, o adestrador carballiñés, dispuxo dous equipos, un en cada parte, dando entrada a varios xuvenís, tan so o defensa Pablo Dabarca xogou os 90 minutos. Os goles do Arenteiro foron obra de Quiroga (2 ) e Borja (1).

6, Xaneiro 2014

Recordan que no mes de marzo de 2013 a corporación municipal acordara posicionarse contra os recortes dos servizos ferroviarios, non obstante lamentan a "desidia do goberno municipal".

Dito acordo incluía instar á Xunta e a Deputación provincial a realizar xestións ante o Ministerio de Fomento para manter o mapa de servizo de trens da estación do Carballiño e mellorar as condicións da estación.

 Os socialistas carballiñeses lembran que dende entón, o alcalde, Argimiro Marnotes, "non adoptou ningunha medida nin realizou ningún tipo de xestión para evitar o anunciado recorte de servizos, que se veu incrementando nos últimos meses".

 En datas festivas como as pasadas, nas que aumenta o uso do transporte público, atopámonos con que O Carballiño só contou cun tren diario cara a Santiago, ás 13,59, e que só permite estar dúas horas na capital galega si se quere volver no mesmo día, xa que o único tren de volta é ás 17,25 h.

 A diminución de horarios repercute especialmente nos estudantes e funcionarios que se desprazan a Santiago, ao eliminarse nos últimos anos o tren de primeira hora da mañá e o servizo especial dos domingos pola tarde, que utilizaban fundamentalmente os xóvenes que se desprazan á universidade. Deste xeito, condénase aos carballiñeses a ter que desprazarse a Ourense para dispor de máis horarios, os do Alvia, que é ademais más caro.

Os socialistas denuncian o “desmantelamento” da estación de tren do Carballiño e a “complicidade do concello” xa que “o alcalde, Argimiro  Marnotes, non fixo unha soa xestión para potenciar este servizo, a pesar de que era un dos seus compromisos no programa electoral”.

 “Da estación intermodal, nada se soubo; tampouco das lanzadeiras para desprazar aos usuarios a Ourense, e por enriba hai recortes tamén no servizo de atención ao público da estación”, sinalan.

Critican a desidia do Concello por solucionar esta situación, xa que “parece que o transporte público non interesa”, e esixen ao alcalde a realizar as xestións necesarias para defender os intereses dos cidadáns e evitar o abandono que está a sufrir o servizo de transporte ferroviario no Carballiño.

 

5, Xaneiro 2014

A desapacible tarde do domingo non impedíu o éxito de convocatoria da Cabalgata de Reis nas rúas do Carballiño, que malia ao mal tempo presentaron un bo ambiente de público.

Como ven acontecendo dende fai tres anos, Gaspar, Melchor e Baltasar fixeron máxico acto de aparición na torrre da Veracruz.

Cinco carrozas integraron a comitiva desta Cabalgata de Reis 2014, que solemnizaron coa súa música o Grupo Orcellón, a Banda de Gaitas e a Banda-Escola de Música do Carballiño. 

4, Xaneiro 2014

A polémica está servida. O concello carballiñés, organizador da "festa do pulpo", vai propoñer á Real Academia Galega que sexan oficiais tanto o vocábulo "pulpo" como o de polbo.

A primeira reacción a este anuncio  chega por medio de "A Mesa Pola Normalización Lingüística O Carballiño-O Ribeiro"

Prema no arquivo adxunto para descargar o comunicado remitido aos medios de comunicación por esta organización.

2, Xaneiro 2014

Permanece na Unidade de Cuidados Intensivos un veciño de Leiro ferido grave tras unha pelexa ás 9,31 horas do dia 1 de xaneiro, os feitos aconteceron na rúa Chamoso Lamas do Carballiño. A Policia Local detivo a dúas persoas involucradas neste suceso.

A Policia Local foi requerida para intervir en sete pelexas, rexistradas tanto na via pública como no interior de locais de ocio, durante a celebración da noitevella e o ano novo.

O suceso máis grave saldouse cun ferido polo que nun primeiro momento chegou a temerse pola súa vida, tras recibir un puñetazo e un empuxón caeu ao chan, golpeandose na caluga e perdendo a consciencia. Tivo que ser evacuado ata o P.A.C. do Carballiño e posteriormente trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, permanece na UCI e o seu estado é grave. Trátase de F.M.S.A., de 38 anos de idade, veciño de Leiro.

A Policia Local identificou e procedeu a detención, poucos minutos despois, de dúas persoas como presuntos autores dun delito de lesións, son F.J.J. veciño do Carballiño, e I.G.M., de 25 anos e con veciñanza no municipio de Maside.

30, Decembro 2013

A Consellería de Cultura vén de adxudicar a xestión do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica de San Cibrao de Lás á empresa Espiral Xestión Cultural.

Esta empresa será responsable da prestación deste servizo público ata finais de 2017. Desta forma resólvese o concurso convocado o pasado mes de xullo por procedemento aberto e en réxime de concesión co fin de contratar a explotación integral do parque. O importe de adxudicación, durante os próximos 3 anos, foi dun total de 658.050 euros, cunha baixa do 10% respecto do orzamento de licitación. Previsiblemente o parque abrirá as súas portas ao longo do mes de febreiro do ano 2014.

O xacemento arqueolóxico coñecido como a ‘Cidade de San Cibrao de Lás’ é un dos castros máis grandes e monumentais da Comunidade Autónoma. O seu bo estado de conservación, o estado actual da escavación e a monumentalidade das súas defensas, fan del un referente, tanto desde o punto de vista da investigación como turístico.

A importancia deste xacemento xa foi obxecto da atención dos investigadores fai case un século, posto que entre os anos 1922 e 1925 xa escavou neste xacemento arqueolóxico Florentino López Cuevillas, continuando cos traballos Xaquín Lorenzo Fernández nos anos 1948-49. Anos despois, na década dos 80 e inicios dos 90, as actuacións foron desenvolvidos baixo o amparo do Museo Arqueolóxico de Ourense. Estas escavacións continuaron en datas máis recentes cara a súa posta en valor.

28, Decembro 2013

O Grupo Municipal Socialista do Carballiño presentou alegacións ás Ordenanzas Fiscais do 2014, que se debaterán no pleno extraordinario deste luns 30 de Decembro.  Pide ao Grupo de Goberno a reducción do IBI e a conxelación das taxas da recollida do lixo. Así mesmo, piden a conxelación e taxas do servizo do Conservatorio e Escola de Música, das licenzas urbanísticas e do ICIO, e a revisión dos impostos para vados, aparcamentos na vía pública e carga e descarga.

 Os socialistas carballiñeses consideran que o Concello debe ter en conta “as dificultades económicas que atravesan os cidadáns, que xa sufriron una suba considerable de taxas nas Ordenanzas Fiscais do 2013, en aplicación do Plan de Axuste Municipal aprobado polo PP”.

 Critican por elo a “avaricia recadatoria” do alcalde, Argimiro Marnotes, e o seu equipo de goberno “que por terceiro ano consecutivo arremete contra as familias subindo os impostos,  sen que vexamos un incremento nas inversión que se fan no pobo”.

 Por elo, piden nas súas alegacións a redución do IBI, establecido no 0,6% para o IBI urbano; así como a recuperación da bonificación por domiciliación de recibos en todas as taxas públicas. Lembran que Marnotes prometera baixar a contribución e outras taxas “algo do que, ou ben xa se esqueceu, ou nunca pensou en cumprir”.

 Os socialistas carballiñeses tamén demandan a conxelación da taxa pola prestación do servizo do Conservatorio e Escola de Música, ás que o Goberno municipal do PP pretende aplicar un 20% de incremento sobre as tarifas establecidas.

Na mesma liña, consideran abusivo o incremento da taxa por licenzas urbanísticas, tendo en conta a situación que atravesa o sector da construción, polo que esixen tanto a conxelación desta taxa, como da que regula o ICIO, e que repercutiría nas iniciativas empresariais que se poidan desenvolver no Carballiño. Os socialistas piden ademais que o Concello estude a posibilidade de estender as bonificacións a calquera emprendedor que inicie unha nova actividade empresarial ou que garanta a creación ou continuidade de postos de traballo.

 Vados e recollida do lixo

Os socialistas carballiñeses esixen tamén nas súas alegacións a conxelación da taxa de recollida de lixo e residuos sólidos urbanos durante todo o ano 2014, e non só durante o primeiro semestre como anunciou o Concello. Lembran que a intención do PP era subir esta taxa un 12% debido ao incremento do canon de Sogama “algo que os socialistas rexeitamos dende o primeiro momento”.

 Critican ademais a “frivolidade” amosada por Marnotes nesta cuestión, xa que primeiro anuncia a suba, logo di que se conxela a taxa no primeiro semestre e agora que xa non sabe. “Pensa máis en cumprir o que lle dita o seu partido que nos intereses dos cidadáns”, apuntan os socialistas.

Por último, instan ao Concello a modificar a ordenanza que regula as taxas por vados, aparcamento e carga e descarga “que é certamente abusiva para os carballiñeses”.

 

 

28, Decembro 2013

As asociacións culturais "8 Notas" e "Do Norte" protagonizaron na Praza Maior do Carballiño un acto reivindicativo en demanda dun local de ensaios para os grupos musicais ou a construcción dunha casa da xuventude.

Un grupo de músicos amenizou este acto na que pedían "unha maior dotación da partida orzamentaria para o desenvolvemento de actividades culturais e que esta partida sexa en exclusiva para as asociacións do Carballiño, e que a convocatoria de subvencións se faga no primeiro trimestre do ano".

Tamén solicitan "máxima facilidade para o emprego de infraestructuras municipais e a creación dun consello local de cultura e participación prioritaria das asociacións do Carballiño nos eventos e actividades organizadas polo concello".

O concelleiro de cultura, Rodrígo González manifestou nesta emisora de radio "a sorpresa por esta convocatoria, entendo que o normal sería achegarme estas peticións nunha reunión, pero ninguén se dirixíu a min, e aínda máis me soprende que se fale de máis facilidades para o uso de instalacións cando sempre tratamos de dar as máximas".

Recoñeceu o concelleiro que a construcción dun local de ensaios para os grupos musicais formaba parte dos compromisos electorais do actúal grupo de goberno "e por eso estamos traballando para cumplir este compromiso, en canto as axudas e subvencións sabido é que o recorte do orzamento municipal afecta a todas as concellerías, incluida a de cultura", subliñou.

26, Decembro 2013

O alcade do Carballiño e o presidente da Deputación de Ourense asinaron un convenio que terá vixencia durante o ano 2014, polo mesmo a entidade provincial compromete a aportar o persoal e medios técnicos, mentres o concello deberá aportar o material que se precise.

A Deputación destinará unha brigada de operarios e ademáis aportará a maquinaria precisa para a execución dos traballos de mantemento, melloras do firme, regas asfálticas e xestión da biomasa, nas estradas do concello carballiñés que son de titularidade municipal.

As obras de conservación faránse naqueles casos que vaian determinando as necesidades, dentro dos 90 kilómetros de extensión que ten a rede viaria do concello do Carballiño.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS