6, Marzo 2024
5, Marzo 2024

A Deputación de Ourense promove o emprendemento feminino en zonas rurais da provincia, coa posta en marcha do proxecto “EmprendOU en feminino–8M” co que apoiará as iniciativas das mulleres de menos de 30 anos que creen unha empresa en concellos de menos de 10.000 habitantes, é dicir, en 88 dos 92 municipios ourensáns.

Na presentación desta nova iniciativa participaron o presidente provincial, Luis Menor; a deputada de Mocidade e Igualdade, Teresa Barge; e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, que explicaron as bases reguladoras deste programa.

Na súa intervención, o presidente provincial congratulouse de “demostrar con feitos e non só con palabras que as políticas de igualdade son unha prioridade para este goberno provincial. Para conmemorar o Día Internacional da Muller, desde a Deputación de Ourense lanzamos esta iniciativa que nos permite promocionar unha provincia emprendedora en feminino cun investimento de 150.000 euros”.

Neste sentido, Luis Menor explicou que apostar polo emprendemento feminino é “apostar pola igualdade e polo futuro dos nosos territorios que precisan, indubidablemente, o compromiso da nosa mocidade para poder afrontar xuntos os desafíos do reto demográfico nas zonas máis rurais da nosa provincia”. Engadiu que “debemos traballar por un territorio no que cada vez exista unha maior porcentaxe de empresas lideradas por mulleres para camiñar xuntos na transformación da sociedade cara unha crecente igualdade emprendedora no rural”.

O presidente provincial dixo que hoxe era “un día importante para Ourense porque non só estamos apoiando a igualdade real e efectiva con medidas concretas como con estas axudas económicas de 1.134 euros -que é o importe do Salario Mínimo Interprofesional-, senón que estamos contribuíndo a xerar emprego e crear riqueza nos concellos rurais da provincia”. Felicitou ademais á área de Benestar da Deputación “por materializar tecnicamente a nosa vontade política e facilitar ao máximo as usuarias a posta en marcha da súa actividade empresarial unificando os trámites nun único que poderá realizarse directamente a través da Deputación”.

O obxectivo é -tal e como dixo o director da área de Benestar- lograr que ao longo do mandato 2023-2027 se xeren 500 iniciativas empresariais de mulleres nos concellos rurais da provincia.

Trámite único e compatibilidade da axuda ao 100%

Para facilitar os trámites administrativos e axilizar a posta en marcha do seu proxecto empresarial, a Deputación propón un trámite único que pode levarse a cabo desde a casa. Deste modo, a emprendedora poderá darse de alta como empresaria autónoma realizando todos os trámites a través da Deputación. Esta xestión poderá tramitarse desde a casa por videoconferencia presentando a solicitude coa firma por voz da emprendedora. Unha vez realizada a solicitude, as mulleres beneficiarias destas axudas recibirán unha tarxeta cun saldo inmediato de 1.134 euros no prazo máximo de 8 días.

Ademais, cabe destacar que esta axuda provincial é compatible ao 100% coa axuda autonómica que apoia ás persoas desempregadas no inicio da actividade e no mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e coa axuda de tarifa plana da Seguridade Social que contribúe a sufragar os gastos de mantemento da actividade por conta propia das persoas desempregadas que se inician como traballadoras autónomas.

4, Marzo 2024

Unha rapaza de 14 anos de idade precipitouse, por causas que se investigan, desde un cuarto piso pola fachada traseira dun edificio da Avenida do Balneario do Carballiño, un suceso que se rexistrou unhos minutos despois das sete desta tarde de lúns.

Na súa caída, o corpo impactou cun tendal e un toldo dos pisos inferiores, que amortiguaron o golpe no chan. De contado, o 112 mobilizou a Urxencias Sanitarias de Galicia 061, bombeiros do Carballiño, Garda Civil e Policia Local, tras recibir as primeiras asistencias médicas no mesmo lugar do suceso, foi trasladada en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde ingresou con  feridas na cabeza e nunha perna.

 

4, Marzo 2024

O PSdeG-PSOE de Punxín presenta unha moción na que insta ao bigoberno municipal do PP e CxG a que amosen o seu “total” apoio e respaldo á posta en marcha do tan “agardado” transporte metropolitano. As e os socialistas piden que dende o consistorio se impulse o transporte metropolitano “dunha vez por todas”, a través do contacto coas distintas administracións implicadas na posta en funcionamento do mesmo.

Dende o grupo municipal socialista de Punxín explican que os concellos da área metropolitana de Ourense, entre os que se atopa Punxín, “levan máis de 25 anos agardando pola chegada do transporte metropolitano”. As concelleiras socialistas apuntan a que no mes de decembro, na véspera das eleccións, “asistimos a un novo anuncio electoral do PP, no que o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, se comprometía a apoiar un plan que prolongase as liñas da cidade cos concellos limítrofes”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que a posta en marcha do transporte metropolitano “é unha cuestión de vital importancia”, xa que tal e como apunta “facilitaría as comunicacións e a mobilidade, permitiría asentar poboación no rural, frear a grave crise demográfica e mellorar a calidade de vida da veciñanza de Punxín, evitando que o noso municipio siga esmorecendo”. A edil socialista considera que a posta en marcha deste servizo “suporía un revulsivo para que a xente aposte e se decida a vivir en Punxín”.

“Na última década foron varios os convenios que se firmaron coa Xunta de Galicia para a posta en marcha do transporte metropolitano, pero a día de hoxe seguimos agardando que se impulse de forma real e non obtivemos ningún tipo de avance”, denuncia Peleteiro Vázquez. A voceira socialista considera tamén que “o desleixo e abandono por parte da Xunta padecémolo os concellos, pero tamén a veciñanza”, motivo polo que urxe ao concello que “se poña as pilas e reclame o que Punxín tanto precisa”.

O PSdeG-PSOE de Punxín aposta por un transporte “público de calidade, que ofreza un servizo adaptado á realidade e necesidades da cidade de Ourense, de Punxín e dos municipios da súa contorna, a un custo razoable, garantindo así a cohesión territorial arredor da capital, mellorando as conexións, facilitando os desprazamentos e diminuíndo a contaminación e pegada de carbono inherentes ao uso dos vehículos particulares”.

4, Marzo 2024

Pouco se pode comentar, non hai máis que ver o cartaz anunciador das actividades do concello do Irixo para este mes de marzo. Chama a atención que un concello con alcaldesa e un concello dirixido por mulleres se confunda o 8 de Marzo co 25 de Novembro, Dia Mundial para a eliminación da violencia contra as mulleres. Enfin...

4, Marzo 2024

No concello do Carballiño foi a concelleira de igualdade, Silvia Baranda, a encargada de presentar o acto institucional conmemorativo do 8M que terá lugar este próximo venres ás 812:00 do mediodia no salón de plenos da casa do concello, e no que a concelleira procederá á lectura dun manifesto, e que contará coa actuación musical de Lorena (voz) e María (piano).

O sábado dia 16 de marzo, no auditorio do Carballiño, ás 20:00 horas, a compañia teatral "A Panadaría" presentará o seu espectáculo "As que limpan", unha sátira "inspirada na loita organizada das camareiras de piso de hoteis por conseguiren dereitos laborais e socias xustos", reza na sinópse desta representación teatral que chegará a O Carballiño despóis de acadar diversos premios tanto en Galicia como en Castela-León.

No concello de Avión, o Centro de Información á Muller ten organizado para este mércores 6 de marzo ás 17:00 h. no centro multifuncional a charla-coloquio "Aceptaicón corporal e autocoidado". O 8M iniciaráse a programación ás 16:30 h. coa "Andaina pola Igualdade" que sairá do Centro Alvetus ata o multifuncional, e que culminará coa lectura dun manifesto pola igualdade, e posteriormente serviráse un piscolabis e sorteo de agasallos, tamén con reparto de merchandising entre todos os participantes.  Quedará aínda par o domingo 17 de marzo a obra de teatro "Vexo Vexo Que non ves? ás 18:00 h. no multifuncional de Avión.

O concello de Piñor conmemora o Dia da Muller coa proposta “ENREDOS POLA IGUALDADE 2024”, unha xornada de actividades vinculadas á temática da igualdade de xénero, onde nenos, nenas e tódolos membros da familia poderán desfrutar de xogos variados, sorteos e agasallos. Terá lugar o vindeiro domingo 10 de marzo de 16:00h a 19:00h na Praza do Arenteiro. Non obstante, no caso de choiva, as actividades trasladaranse ó Centro Social de Albarona.

 Unha tarde de xogos tradicionais en familia, con monitores e acompañamento musical para animar a xornada, tamén con outras actividades e mesmo cun “Fotocall da igualdade”: As familias e cativos poderán levarse un recordó desta xornada, cun espazo Fotocall con elementos e mensaxes en prol da igualdade. A xornada incluirá un sorteo de contos de igualdade e agasallos para nenos e nenas.

1, Marzo 2024

As intalacións da Escola de Equitación de San Amaro acollen este sábado dia 2 desde as 10 da mañá en adiante concursos e carrreiras de cabalos, nunha intensa xornada que continuará ás 14:00 h. cun xantar popular cun menú para o público en xeral a base de empanada, carne ao caldeiro, e viño de San Amaro. Pola tarde haberá ruta cabalar turística polo municipio. Máis de 150 cabalos e outros tantos xinetes están inscritos nestas actividades.

A Escudería Motor Piñor organiza este sábado dia 2 o 1º Ralli Sprínt de Piñor, un ralli de asfalto no que competirán 84 equipos en 40 quillómetros cronometrados, en dous tramos, e con dúas pasadas en cada un deles. O Ralli comezará as 14:50 horas, e as mellores zonas para velo será nas zonas de Lousado, O Reino, Coiras e A Corna, e tamén con bos accesos a través do Rio de Oseira.

A O Carballiño chega este sábado un dos históricos do fútbol español, que fai apenas unhos anos competía na primeira división, o Nastic de Tarragona será o rival do Arenteiro este sábado dia 2 ás 16:00 horas no estadio de Espiñedo, en partido correspondente á xornada 26 na Primeira RFEF.

O Cine-Club Carballiño proxecta o venres dia 1 ás 20:00 e 22:30 h. no auditorio a película xaponesa "Dias Perfectos". E ata tres películas para estes dias no Novocine de Leiro: "Guardinanes del museo", "Kung-Fu Panda 4", e "El color púrpura".

 

1, Marzo 2024

O gaiteiro carballiñés, Isidro Vidal, embarcarase nunha emocionante xira internacional, marcando o inicio do seu “Todo ou Nada Tour”. Esta xira levará a súa música única e vibrante a diversas cidades este mes de marzo.

Co seu último álbum, “Todo ou Nada”, Vidal conquistou a escena musical, e agora prepárase para compartir a súa arte con audiencias de todo o mundo. A xira comezará cun concerto especial na tenda carballiñesa OzocoGz, onde os asistentes poderán gozar da súa música nun ambiente íntimo, seguido dunha firma de discos e unha animada foliada.

Un dos puntos destacados da xira será a interpretación da súa composición “Muiñeira do Polbo”, que cruzará o charco para ecoar nos Estados Unidos. Esta peza porma parte do seu extenso repertorio, que inclúe máis de 400 composicións musicais, resultado do seu proxecto #composicion365 realizado en 2018.

A elección do polbo como símbolo distintivo da xira non é casual. Este molusco non só é o prato distinguido do Carballiño, o pobo natal de #Vidal, senón que tamén representa un símbolo arraigado na cultura e vida do artista. O polbo convértese así nun elemento significativo que conecta a música de Isidro coas raíces da súa terra. A xira continuará con actuacións en cidades estadounidensas como Brooklyn, Manhattan (New York) e Newark (New Xersei).  Ademais dos concertos, Vidal impartirá masterclass de música tradicional galega e abrirá dúas Irish Sessions, enriquecendo aínda máis a experiencia cultural.

De regreso, a xira continuará en España con concertos en Ponteareas e Barcelona. Isidro Vidal, gaiteiro urbano do século XXI, fusiona a tradición oral con estéticas modernas, utilizando a gaita galega como o seu instrumento principal. A súa música, de creación propia, distínguese pola incorporación de tecnoloxía e unha técnica instrumental depurada. Vidal, que forma parte da xeración de gaiteiros que revoluciona a música galega, non só destaca como artista senón tamén como profesor de música tradicional no Centro Superior de Música de Galicia e outras escolas de música das provincias de Ourense e Pontevedra.

1, Marzo 2024

Última entrega da Tertulia dos Venres en COPE O Carballiño, correspondente a este dia 1 de marzo, no que participan Fátima Gómez, Sebas Lamazares, José Antonio Barge e Manuel Nogueira, moderada por Xan Pinal.

29, Febreiro 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, clausurou en Castrelo de Miño unha xornada organizada desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, con sede no antigo centro comarcal do Carballino no Cornuval, con casos de éxito entre os arredor de cen proxectos atendidos neste centro. Así, tres persoas emprendedoras deron conta das súas iniciativas e da súa experiencia de asesoramento nunha Rede que conta na provincia de Ourense tamén cos Polos de Verín e do Barco de Valdeorras, á espera de que abra en breve un máis en Baños de Molgas.

Elena Rivo puxo en valor a oportunidade da xornada de hoxe de crear sinerxías e redes de colaboración entre o tecido produtivo, os emprendedores e a Administración. Fixo fincapé en que a Rede de polos presta especial atención ao rural, apoiando os proxectos en calquera das fases en que se atopen, de principio a fin, co obxectivo de seguir xerando riqueza e emprego de calidade.

Na provincia de Ourense téñense atendido case 300 proxectos dos máis de 1.350 rexistrados en toda Galicia. Deles, o Polo do Carballiño aglutina arredor dun cento, a meirande parte deles pertencentes ao sector da hostalaría, seguida das actividades profesionais, científicas e técnicas, e do comercio.

Coas case cen persoas emprendedoras apoiadas no centro carballiñés -o 54% delas mulleres- realizáronse máis de 230 titorías. Así mesmo, leváronse a cabo máis de 30 reunións e unha ducia de accións entre formacións e eventos coma o de hoxe. Neste Polo están activos ademais cinco proxectos de remuda, co gallo de garantir a súa continuidade grazas ao interese de novos emprendedores nestes negocios.

Na xornada tamén se fixo referencia aos múltiples apoios dispoñibles por parte da Xunta de Galicia, como os 6,5 millóns de euros que se poden solicitar para apoiar o emprendemento por parte de autónomos, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como de empresas de inserción e centros especiais de emprego.

Tamén hai achegas para persoas traballadoras autónomas, incluída a cota cero coa que se financia ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses. En total, téñense convocado xa 86 millóns de euros dos máis de 100 millóns previstos para 2024 en axudas ao emprendemento e ao traballo autónomo.

Por último, neste capítulo tamén cabe lembrar o acordo do Consello da Xunta de hoxe, autorizando a sinatura dun convenio de colaboración coas tres universidades públicas galegas para desenvolver actuacións a prol do emprendemento. Entre elas, a celebración de feiras de apoio ao emprego e ao emprendemento nos sete campus e a creación de premios ao emprendemento universitario en cada unha das universidades.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS