21, Marzo 2024

A Ínsua dos Poetas acolleu este xoves 21 de marzo o seu tradicional acto con motivo do “Día do Árbore, a Auga e a Poesía”, unha conmemoración múltiple que contou coa presenza de rapaces e rapazas de todos os centros educativos da comarca do Carballiño, así como do colexio invitado este ano, o Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar.

Esta actividade cultural organizada pola Fundación “Insua dos Poetas” pretende promocionar a natureza e a lingua galega, con diversas actividades que se sucederon no transcurso da mañá e na que a rapazada da comarca carballiñesa foi a protagonista, con música, poesía e a prantación de árbores.

Este acto contou cunha ampla representación institucional na que figuraban o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o secretario xeral de Cultura en funcións da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal en funcións da Xunta de Galicia, José Luis Chan; en represenación da Deputación estivo o deputado de Medio Ambiente José María Lago, asi como os alcaldes do Carballiño e O Irixo, Francisco Fumega e Susana Iglesias, respectivamente; e o deputado provincial socialista Diego Fernández.

A Fundación "Insua dos Poetas", presidida por Luis González Tosar, está declarada de Interese Galego e ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.

21, Marzo 2024

O confrade maior da Confraría da Veracruz, Rafa Melero, repasa nesta entrevista toda a programación para esta Semana Santa do Carballiño.

21, Marzo 2024

A Xunta culminou as obras de humanización da travesía da estrada OU-154 no Reino, no concello de Piñor, tras un investimento autonómico global de 460.000 €.

A intervención que se vén de rematar correspóndese coa segunda fase dos traballos da humanización desta travesía. Concretamente actuouse en dous treitos da OU-154 que suman 500 metros de lonxitude: entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235, ao paso polo núcleo do Reino.

As obras acometidas supuxeron un investimento de preto de 300.000 euros. Centráronse na humanización destes treitos da estrada, incluíndo o soterramento das redes aéreas de electricidade, iluminación pública e telecomunicacións.

Os traballos desta segunda fase incluíron as demolicións da beirarrúa e de parte da calzada, que se repuxo mellorando a accesibilidade e a sección do firme. Tamén se realizou unha rehabilitación superficial completa do firme da calzada.

No treito entre os quilómetros 1+686 e 1+723 elevouse a beirarrúa sobre a plataforma da estrada, manténdose no mesmo nivel no resto desa zona.

Ademais, entre os puntos quilométricos 1+723 e 1+740, coincidindo co cruce do Camiño de Santiago, dispúxose unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa.

Tamén se dispuxo unha nova rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led para unha mellora da eficiencia enerxética.

Os traballos completáronse coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada e coa colocación de nova sinalización.

Esta intervención completa a remodelación xa executada no treito situado entre os quilómetros 1+741 e 2+025 desta estrada. Tratouse dunha primeira fase de actuación co fin de protexer a circulación dos peóns e rehabilitar o firme, que supuxo un investimento autonómico de 160.000 euros.

20, Marzo 2024

Na súa última intervención en COPE O Carballño o rexedor municipal masidao avanzou as actuacións que este concello vai levar a cabo a través dos dous Obradoiros de Emprego promovidos conxuntamente cos concellos do Carballiño e Boborás. 

José Manuel Iglesias tamén repasou outros proxectos nos que traballa o concello de Maside, entre eles o de erradicación do chabolismo na Fontela, as obras de mellora da rede viaria na zona de Corzos, a reforma da rúa Principal de Maside, ou as actuacións que quere acometer no Outeiro Grande e a contorna do colexio Terras de Maside, onde non descarta a construcción de vivendas de promoción pública.

Escoita aquí a entrevista de Xan Pinal ao alcalde de Maside.

 

 

20, Marzo 2024

A deputada provincial de Políticas Sociais e alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, deu a coñecer ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato no IES Chamoso Lamas do Carballiño, os detalles da iniciativa "A Deputación Escoita", pensada como canle directa de participación da xente nova coa administración provincial.

Afirmou que para o goberno provincial é "importante a vosa achega para deseñar políticas para a mocidade". A primeira edición do certame "A Deputación Escoita" está orientado aos 1.500 mozos e mozas de 2º de Bacharelato dos 32 centros educativos de Educación Secundaria de toda a provincia, e consta de dúas modalidades: para a mocidade emprendedora (que consiste no deseño dun logo para o proxecto "A Deputación Escoita", e a titulada "un futuro para Ourense", consistente nun documento de propostas, demandas ou iniciativas que melloren a provincia.

19, Marzo 2024

O Instituto Galego da Vivenda e o Solo inicia o procedemento de adxudicación de seis vivendas protexidas de promoción privada no Carballiño, promovidas por Construcciones Joenfe S.L., baixo a modalidade de compravenda.

Para optar a estas vivendas é necesario estar inscrito e anotado na data da resolución de inicio do procedemento, no Rexistro ünco de Demandantes de Vivenda, no municipio do Carballiño. O modelo das solicitudes e información que se precise poden obterse na Área Provincial do IGVS, na rúa Sáenz Díez nº 1 de Ourense.

Das seis vivendas que se ofertan, cinco delas localízanse no número 147 da Avenida de Compostela do Carballiño, cunha superficie entre 46,60 e 81,79 m2 útiles, con garaxe e rocho incluidos, e unhos prezos que oscilan entre os 62.300 e os 68.400 euros. A outra vivenda localízase no número 115 desta mesma Avenida de Compostela, dunha superficie de 79,52 m2 útiles e un prezo de 70.000 euros.

O prazo de pesentación de solicitudes é de quince dias hábiles a contar desde a derradeira publicación deste anuncio por parte do IGVS.

19, Marzo 2024

A nova pediatra co que conta o centro de saúde do Carballiño tomou posesión este 19 de marzo da súa praza, que obtivo mediante concurso de méritos que con carácter de urxencia convocou o Sergas. Tras o seu nomenamento no DOG tiña un mes de prazo para a toma de posesión, aínda que quixo incoporarse no primeiro dia que podía facélo.

Desde a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Carballiño recoñecen que é un primeiro paso importante para a normalización do servizo de pediatría no centro sanitario carballiñés, pero apremian á Xunta para que proceda a axilizar o procedemento que debería finalizar coa adxudicación da outra praza que permanece vacante no servizo de pediatría que atende á comarca do Carballiño. Este próximo venres 22 trasladarán esta demanda a Valedora do Pobo.

No audio podes escoitar a entrevista a Rocio Valiñas, integrante da Plataforma Cidadán.

 

18, Marzo 2024

Comeza este luns, 18 de marzo, o ciclo de conferencias de Semana Santa programado pola Confraría da Veracruz e que leva por título xenérico o de “Ante a Semana Santa: un relato de Paixón”. A primeira conferencia correrá a cargo do frade franciscano e rector do Santuario de San María a Real do Cebreiro, Francisco Castro Miramontes. A súa conferencia, que terá lugar na Igrexa Parroquial de San Cibrao, a partir das 20,00 h, leva por título “Los santos lugares: El camino de la fe”.

Francisco Castro Miramontes, nado en Santiago de Compostela no ano 1971, é licenciado en Dereito civil e canónico e diplomado en Sagrada Escritura, e leva impartido numerosas conferencias e publicado diversas obras.

SANTUARIO DA VERA CRUZ
O ciclo continúa o mércores 20 de marzo, á mesma hora, 20,00h, e no mesmo lugar, vella igrexa parroquial, coa conferencia do historiador carballiñés e profesor da Facultade de Historia de Santiago de Compostela David Chao Castro, que disertará sobre o tema “Do San Sepulcro de Xerusalén ao Santuario da Vera Cruz de Antonio Palacios”.

David Chao, que é especialista en historia medieval, referirase a bo seguro, entre outros aspectos, á reliquia do “lignum crucis” existente no templo carballiñés, así como ao cento cincuenta aniversario do nacemento do arquitecto que ideou o santuario e emblema arquitectónico do Carballiño.

17, Marzo 2024

Esta denuncia vai dirixida a quen corresponda, que non sei moi ben se será responsablidade da Policia Local, Concellería de Tráfico ou Alcaldía, é para comunicarlles que na rúa Astureses temos un serio problema co exceso de velocidade co que circulan moitos vehículos a diario, co conseguinte perido para a seguridade das persoas que tamén a diario cruzamos os pasos de peóns. Compre poñer solución a este problema.

17, Marzo 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) en de publiciar a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas na aldea modelo de Cortegazas, no concello de Avión.

Este proxecto de aldea modelo de Cortegazas-Avión terá como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo, compaxinándoo coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, os cultivos leñosos como poden ser a plantación de árbores froiteiras, principalmente a plantación de castiñeiro para froito. Esta aldea modelo abrangue 17,88 hectáreas, distribuídas en 727 parcelas de 99 propietarios.

Cómpre engadir que poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas e xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Para o exercicio da súa actividade, os solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes, e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables. Canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e aos proxectos de ordenación produtiva aprobados para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240315/AnuncioO90-060324-000....

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS