28, Decembro 2023

Que me expliquen como pode haber unha zona de recollida de materiais de construción nun patio escolar onde os nenos xogan todos os días.
Por moita vaya e carteis que haxa, a que estamos esperando a que ocorra unha desgraza?
Por Deus, son nenos... Realmente non hai outros sitios onde recoller o material?
Isto é inaudito e só pode pasar no Irixo.
Por facer a pelota a Banda de Gaitas poñen en perigo os nosos nenos. Señora alcaldesa retire ise perigo por favor.
Un poco de sentidiño que son os nosos nenos.

28, Decembro 2023

A presentación da que é a primeira novela do historiador e escritor Carlos Montes Marqués terá lugar este venres dia 29 de decembro ás 20:30 h. no Casino Cultural e Recreativo do Craballiño, nun acto no ademáis do autor participará o ex Fiscal Superior de Galicia, o tamén carballiñés Carlos Varela.

Trátase de "Memorias do Esquecemento", unha novela histórica que novela a biografía dun dos personaxes de maior relevancia na historia galega da primeira metada de século XIX, Valentín Fernández, non so o artífice de que O Carballiño contase co seu primeiro planeamento urbanístico e que comezase a ser unha vila, senón por ser un pioneiro que abandeirou as correntes municipalistas na España da época.

Escoita no audio adxunto a entrevista de Xan Pinal a Carlos Montes no "Mediodia de COPE O Carballiño".

 

27, Decembro 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá da licitación, por importe de case 370.000 euros, das obras de instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela e a súa calzada (OU-209), así como a renovación do pavimento desta, en Leiro. O delegado territorial, que estivo acompañado do alcalde, Francisco José Fernández, explicou que as empresas interesadas neste contrato teñen ata o 22 de xaneiro de 2024 para presentar as súas ofertas.

As obras consistirán na desmontaxe e reparación dos peitorís que o precisen, previa a súa recolocación cunha ancoraxe mecánica á peza da cornixa, perfilado e nivelación. Unha vez colocados e aliñados, executarase un corte mínimo horizontal baixo a albardilla para aloxar as luminarias lineais e un ensanche das xuntas verticais polas que suba o cabreado para a alimentación da iluminación. A continuación procederase ao fresado do aglomerado da calzada e posterior escavación das gabias lonxitudinais e transversais para afastar as canalizacións do subministro eléctrico e das arquetas; as gabias reporanse con formigón armado HA-25 para servir de base, xunto cunha maia de tipo HATELIT, para o aglomerado en quente final da estrada.

Nas marxes da vía disporanse canles de recollida de pluviais que se executarán en granito e que se conectarán puntualmente coas gárgolas das cornixas; colocaranse lousas de granito transversalmente para aloxar as arquetas para as caixas de derivación estancas que coincidirán coas pilas da ponte. O aglomerado da ponte, entre xuntas de lousas de granito de 50 cm de ancho, terá un acabado pulido; o acabado dos dous treitos coincidentes cos muros de acompañamento é o do aglomerado en quente; as xuntas entre os distintos pavimentos resolveranse cunha chapa de aceiro galvanizado de 1 cm de grosor.

O alumeado público

Primeiramente, procederase á execución da acometida e colocación dun cadro de mando nun poste de formigón da rede existente; despois levarase a cabo a execución das gabias para as canalizacións; os tubos irán protexidos con formigón onde haxa tráfico rodado e executarase a subministración aos báculos cos proxectores para a iluminación da estrada na marxe dereita do río e dos alzados e os bañadores de parede do muro de acompañamento. A canalización protexerase cunha protección aérea-subterránea de cobre polo muro de cantaría ata a ponte. As luminarias da calzada e dos alzados teñen báculos de 15, 12 e 6 m con proxectores tipo SETGA INFINITUM ou equivalente; as luminarias lineais de LED da estrada no treito estrito da ponte son TIPO SETGA PV ou equivalente; as luminarias do alzado do muro de acompañamento da marxe dereita do alzado de augas abaixo son proxectores lineais tipo SETGA HL-1100 ou equivalente.

O delegado territorial lembrou que en outubro asinouse un acordo co Concello de Leiro, polo que este se comprometeu a poñer á disposición os terreos para a execución da actuación e a asumir a conservación e mantemento das instalacións de iluminación unha vez rematadas as obras.

25, Decembro 2023

Figueiroa é unha das aldeas da parroquia de San Martiño de Cameixa no concello de Boborás, Figueiroa de Cameixa é un raio de luz do noso rural na comarca do Carballiño, que se supera cada ano polo tempo do nadal e que sorprende, e cada ano que pasa máis, aos centos de visitantes que se dan unha volta polo lugar, un exemplo do que aínda pode ser o noso rural cando ten veciños e veciñas comprometidos co seu pobo.

Son poucos, pero suficientes, porque a traballo e ilusión seguramente ninguén lle gaña. José Luis "o Rubio de Cameixa" e a súa parella Edith,  tamén veciños que chegaron fai  unhos anos de fora e fixeron deste lugarciño o seu escenario de vida, como Jaime e Maria Dolores "Loli", ou outros como Mario e Silda, que aínda con veciñanza noutras localidades son oriundos do pobo, ou Manoliño Cuñarro, e o resto da veciñanza, que en maior ou menor medida, colaboran nesta "Ruta dos Beléns" para que Figueiroa de Cameixa sexa unha aldea con tanta luz nestes tempos de sombras para o noso rural.

Aquí tes tan so unha pequena reportaxe fotográfica deste máxico lugar de Figueiroa de Cameixa neste tempo do nadal, aínda que o mellor é que te acheges e te sorprendas polos teus ollos.

No audio adxunto podes escoitar a entrevista a José Luis Sotelo "O Rubio de Cameixa", alma mater desta iniciativa veciñal.

24, Decembro 2023

90 veciños e veciñas da parroquia de Dacón convídante a achegarte este lúns 25 de decembro, dia de nadal,  á carballeira da Garrida, na que todo está preparado para unha nova edición do Belén Viviente, co que a veciñanza deste pobo celebra desde fai 33 anos este acontecemento.

As escenificacións comezarán ás 11:30 da mañá e o mediodia celebraráse a misa campestre do nadal na propia carballeira da Garrida.

Non faltarán os postos de oficios, artesáns e mesmo gastronómicos, este ano cun porquiño ao espéto que será degustado gratuítamente. A organización agradece a colaboración de todos os colaboradores, tamén dos institucionais, neste caso o concello de Maside e a Deputación.

22, Decembro 2023

A Xunta licita a ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño. Así o anunciou nunha visita ao centro o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que explicou que o orzamento ascende a case 2,5 millónn de euros, o dobre do previsto inicialmente.

Tal e como afirmou o titular do departamento educativo do Goberno galego, o obxectivo é crear novos espazos para os ciclos da familia de Soldadura e Caldeiraría. “Deste xeito apoiamos a FP nun centro cabeceira de comarca que é moi activo nestas ensinanzas”, salientou o conselleiro. Ao respecto indicou que os ciclos que se imparten neste centro ”ofrecen moitas oportunidades de formación e emprego á mocidade e profesionais moi cualificados ás empresas da comarca”.

Máis de 1.500 metros cadrados
A ampliación realizarase a través da construción dun edificio novo, cunha superficie total de 1.581,8 m². O novo volume situarase no espazo entre o valado da plataforma das pistas deportivas e a beirarrúa inferior, aproveitando os desniveis do terreo para facilitar o funcionamento e acceso desde ambos niveis.

Na planta superior situaranse tres aulas novas, con aseos, almacén, conserxería vestíbulo e distribuidor, mentres que a planta baixa acollerá os talleres de mecanizado e soldadura, vestiarios, espazos de almacenamento, cuarto de telecomunicacións, distribuidor, vestíbulo e recepción. Os dous andares estarán conectados por un ascensor. Ademais, na planta superior habilitarase un espazo porticado de 114,05 m².

Ensinanzas ofertadas
O centro conta con máis de 400 alumnos, dos que máis de 160 son de Formación Profesional, ensinanzas nas que oferta o ciclos de FP Básica en Electricidade e electrónica, os ciclos de grao medio e Xestión administrativa, en Instalacións eléctricas e automáticas e en Electromecánica de vehículos automóbiles, así como o de grao superior en Administración e finanzas.

Na modalidade dual, están en marcha neste instituto dous proxectos completos, un no ciclo de grao medio en Soldadura e caldeiraría e outro no de grao superior en Automatización e robótica industrial e, como oferta parcial, o de grao medio en Electromecánica de maquinaria. Ademais, o Chamoso Lamas imparte o máster de FP na modalidade dual en Robótica colaborativa.

22, Decembro 2023

O posuidor dos décimos premiados do 86.007 é un veciño de Leiro, que adquiriu 3 décimos deste quinto premio da Lotaria do Nadal deste 22 de decembro, están premiados con 6.000 euros por décimo.

22, Decembro 2023

Fátima Gómez, María Luisa Rodríguez, Sebastián Lamazares e José Antonio Barge, xunto a Xan Pinal, compartiron coa audiencia de COPE O Carballiño esta tertulia do venres dia 22 de decembro, con nítido ambiente navideño.

Podes escoitala no audio adxunto:

21, Decembro 2023

Espazo Común presentará e defenderá ante o pleno da corporación municipal do Carballiño unha moción para que o concello adopte un acordo que tería como obxetivo final a execución dun plan de infraestructuras e dotacións deportivas públicas, que ademáis permitiría a ampliación e modernización do estadio de Espiñedo.

Pachi Vázquez propón ubicar esta nova zona deportiva nos terreos colindantes co actúal recinto deportivo municipal, actuaríase nunha superficie de 15.000 m2 de terreo rústico e propiedade privada, que propón adquirir mediante unha operación de compra-venda que o concelleiro de Espazo Común calcula que siñificarían un desenvolso de 150.000 euros para o concello do Carballiño. Despóis, o concello tería que aprobar unha modificación do PXOM para recalificar os terreos como dotacionais de uso público.

Escoita no audio adxunto a proposta en voz de Pachi Vázquez.

21, Decembro 2023

O Boletín Oficial da Provincia (BOP)ven de publicar as bases para a elaboración e execución do Plan CooperOU, o novo modelo de financiamento para as entidades locais, que terán de prazo ata o próximo 22 de xaneiro para presentar as súas propostas de investimento, gasto ou amortización de débeda con cargo á súa correspondente achega provincial.

"Unha positiva noticia en tanto que os concellos xa poden planificar a execución dos fondos que recibirán da Deputación en 2024 no marco deste plan, dando resposta as súas necesidades concretas e, polo tanto, reforzando a súa autonomía e responsabilidade", declarou o presidente da Deputación, Luis Menor.

A dotación do plan no primeiro ano de vixencia incluirá 3 millóns de euros que se farán efectivos na modificación de crédito prevista para o mes de marzo.

As bases publicadas hoxe no BOP establecen que o 40 % da achega provincial, "como mínimo", destinarase a investimentos reais, "preferentemente os necesarios para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios". O 60 % da aportación, "como máximo", poderá destinarse a gasto corrente ou amortización de débeda, aínda que "con carácter excepcional poderase dedicar o 100 % ao programa de gasto corrente e amortización de débeda nos supostos de insuficiencia financeira manifesta".

Tamén se permitirá incluír en ambos programas -investimento e gasto- actuacións que teñan un importe superior aos fondos provinciais recibidos en cada concello, sempre e cando a entidade local achegue o financiamento complementario.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a sección de contratación elaborará o Plan provincial de Cooperación para 2024, que deberá pasar pola correspondente comisión informativa e presentarse ao pleno ordinario do mes de febreiro parta a súa aprobación inicial.

O Plan CooperOU articúlase en torno a catro claves: a contía do financiamento, os criterios de reparto, o destino dos recursos e a simplificación administrativa.

Polo que respecta á contía, o novo modelo de cooperación supón case 10 millóns de euros máis con respecto á partida consignada para cooperación cos concellos nos vixentes orzamentos.

A segunda das claves radica no reparto, que se basea nunha distribución proporcional e máis xusta dos recursos en base aos criterios homoxéneos propostos pola FEGAMP. Neste reparto haberá unha parte fixa e outra variable. A parte fixa, con 8,9 millóns de euros, establécese en base a catro tramos segundo o número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros. A parte variable distribúese en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).

Outro dos piares do Plan CooperOU e a autonomía municipal, consonte coa distribución por programas e porcentaxes establecidos nas bases, ademais da simplificación administrativa que vai supoñer este plan fronte á carga de traballo que supuña a tramitación das subvencións nominativas.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS