
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Avión para achegarse, acompañado do alcalde, Antonio Montero, ao Castro de San Vicenzo, onde supervisou as novas actuacións arqueolóxicas de investigación e posta en valor deste xacemento financiadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades cunha achega de máis de 14.000 euros.
O delegado territorial significou a importancia destas accións que teñen por obxecto acadar as medidas necesarias que garantan a conservación do castro e permitan a súa visita e aproveitamento sociocultural. Esta actuación -declarou Gabriel Alén- “forma parte do compromiso do Goberno galego para mellorar a conservación, afondar no seu estudo e dar a coñecer este patrimonio entre a cidadanía”. “Bens arqueolóxicos como o Castro de San Vicenzo xogan un papel fundamental no rico patrimonio cultural de Galicia, tanto pola súa calidade como pola súa capacidade para ser testemuña do noso pasado máis senlleiro”, sentenciou.
Os traballos O delegado territorial explicou que os traballos que se están a desenvolver consisten na escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área entre os 80 e 100 m² distribuída en varias sondaxes arqueolóxicas a longo do xacemento, e que unha vez rematada a intervención deberanse tapar as sondaxes arqueolóxicas empregando un elemento separador. A recollida de mostras serán datadas por C14, e levarase a cabo o levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Tamén se realizarán vídeo e fotografía aérea (oblicua e vertical) con tomas xerais conxunto e de detalle dos seus elementos máis significativos.
O Castro de San Vicenzo O xacemento arqueolóxico de Castro de San Vicenzo localízanse nun amplo outeiro na marxe dereita do río Avia, na parroquia dos Santos Xusto e Pastor de Avión en terreos pertencentes á CMVMC de San Xusto-Avión. O asentamento está conformado por unha serie de recintos aterrados que aproveitan a orografía do propio outeiro. Conta cun completo e potente sistema defensivo conformado por tres liñas defensivas construídas en pedra máis unha cuarta formada por un parapeto de terra. No recinto superior identificáronse unha serie de estruturas circulares realizadas en mampostería. No sector S do recinto principal localizouse sobre un bolo granítico documentouse unha combinación de 8 coviñas.
Este xacemento arqueolóxico figura protexido no catálogo do PXOM do concello de Avión e no catálogo de bens culturais do Plan Básico Autonómico de Galicia. Ten ademais a condición de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. En xaneiro do ano 2023 levouse a cabo unha intervención de roza e limpeza vexetal no que se liberou de masa forestal a totalidade da superficie ocupada. Estas circunstancias determinan a necesidade de levar a cabo unha intervención de limpeza, investigación, conservación e posta en valor deste xacemento arqueolóxico en colaboración coa CMVMC de San Xusto-Avión, entidade propietaria dos terreos.

Un ano máis volven as Xociviga (Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia) ao Carballiño, previstas para o mes de Decembro, do Mércores 20 ao Domingo 24, e organizadas polo Concello de O Carballiño. O festival de cinema muda do verán á época do nadal, con 9 sesións cinematográficas no Auditorio Manuel María cunha ampla programación para todos os públicos.
A programación arranca cun pase de balde para os institutos da vila da película galega O Corno. O estudantado contará coa visita da directora Jaione Camborda, coa que terán un coloquio sobre a obra. As xornadas continuarán os seguintes días con cinema español como a aclamada 20.000 Especies de Abejas (2023) dirixida por Estibaliz Urresola Solaguren, película que se alzou este ano como a máis nominada para os Premios Goya cun total de 15 nominacións, e Amigos hasta la muerte (2023) do galego Jaiver Veiga, que rodou escenas durante a “Festa do Pulpo” do Carballiño en 2022.
Tamén contarán con cine internacional como o filme canadiense Falcon Lake (2022), a francesa Scarlet (2022) e a británica Al otro lado del río y entre los árboles (2022) dirixida pola directora española Paula Ortiz, que destacou en 2015 coa súa película La Novia gañadora de 2 Premios Goya.
Na programación para os máis cativos atopamos a española ¡Salta! (2023) protagonizada polo galego Tamar Novas, Hei Buh y el castillo embrujado (2022), e o clásico por excelencia do nadal Solo en Casa (1990).
O prezo das entradas será de 4€ para adultos e de 3€ para nenos e nenas.
Como novidade, esta edición contará cun concurso de microrrelatos de ficción de entre 60 e 120 segundos na plataforma de TIKTOK. O concurso está organizado pola asociación fotográfica do Carballiño O Potiños e está destinado á mocidade da vila (para rapaces e rapazas de 14 a 20 anos). Haberá dous premios: Primeiro Premio dotado de 300€ e Segundo premio de 100€ máis un bono de 50€ no comercio local da vila, en colaboración co CCA do Carballiño. Asemade, o CCA e a hostalaría do Carballiño forman parte da organización dunha ruta de tapas de cine,que se presentará ao longo da vindeira semana.
O Potiños tamén colaborará este ano cunha exposición fotográfica que se poderá ver no concello e nalgúns comercios da vila. Nela poderemos ver fotografías realizadas polos membros da asoaciación en puntos do Carballiño que foron empregados en rodaxes de películas e curtametraxes: como o Parque Municipal en Amigos hasta la muerte, o balneario na serie de Un Asunto Privado de Prime Video ou o concello en Melancolía entre outros.

Foi unha persoa que camiñaba a primeira hora desta tarde de sábado polo paseo do río Arenteiro o que observou o cadáver desta muller nunha zona do río de abundante vexetación, entre o viaducto do ferrocarril e a ponte da N-541, na zona do Cornubal.
Alertado o 112, de contado pedíu a colaboración dos servizos de emerxencias, que se achegaron ata o lugar do achádego para recuperar o corpo da muller, un traballo que realizaron coa axuda dunha zodiac do GES do Ribeiro.
Concepción Vázquez, de 79 anos de idade e vecña de Arcos, estaba desaparecida desde a tarde do pasado sábado dia 9 de decembro. Durante as primeiras horas do operativo de búsqueda a principios de semana localizáranse varias pentenzas persoais, prendas de roupa, un paraugas e un bastón, polo que desde un principio os investigadores centraron a búsqueda nesta zona do río Arenteiro, incluida a participación de axentes da Unidade Subacuática da Garda Civil, pero todos os esforzos resultaran infructuosos.

FUTBOL DE 1ª RFEF. O Carballiño e o Arenteiro reciben en partido oficial de liga a todo un campión de liga, campión de copa e semifinalista de Champións, o Real Club Deportivo da Coruña. Estadio de Espiñedo, domingo 17 ás 19:00 horas, CD Arenteiro-Deportivo. Retransmisión televisiva en aberto a través da Televisión de Galicia (G2) e a plataforma de pago FEF.
TEATRO. O Festival de Teatro Galego 2023 vive a súa xornada de clausura coa actuación da compañía Malasombra e o seu espectáculo "De algo hai que morrer", sábado 16 ás 20:30 horas no auditorio do Carballiño. Este espectáculo sustitúe a "Testosterona",, que estaba inicialmente programado, unha ciircustnacia que se debe a unha indisposición por enfermidade da actriz Camila Bossa.E dentro da programación navideña da concellería de cultura do Carballiño Teatro del Norte presenta "MACBETH", domingo ás 19:30 horas no auditorio.
CINE. Tres películas para toda a fin de semana no Novocine de Leiro: "La Navidad en sus manos" (16:00 h.) "Wonka (18:00 h) e "Ocho apellidos marroquís" (20:30 h.)
MERCADO DO NADAL DE MASIDE. 20 postos participan neste mercado navideño con artesanía, productos de proximidade e con temática navideña, o domingo 17 en horario de 12:00 h. a 19:00 na Alameda de Maside.
ANDAINA DO NADAL DO CONCELLO DE CEA. Con saída o domingo 17 ás 10:00 h. desde a Praza Maior de Cea e un percorrido de 12 km. de baixa dificultade, e con despedida aos particpantes cunha degustación de pinchos por xentiliza do CRIXP Pan de Cea ao completarse a camiñata.
NADAL CORAL. O Orfeón do Carballiño colabora nesta actividade na que fará a súa presentación o Coro de Voces Brancas integrado por 50 nenos e nenas do Conservatorio de Música, e os colexios da Uceira, Vila do Arenteiro e Terras de Maside, baixo dirección de Cristian Casas. Domingo 17 ás 11:45 h. no Templo da Veracruz.

Nova entrega da Tertulia dos Venres en COPE O Carballño, a deste venres dia 15 de decembro e na que participaron Fátima Gómez, Manuel Nogueira e José Antonio Barge, e moderada por Xan Pinal.
Podes escoitála no audio adxunto:

O Grupo Socialista impulsa no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que se cubran as dúas prazas de pediatría do centro de saúde do Carballiño. Os e as socialistas critican a “falla de previsión” do goberno galego á hora de cubrir as prazas que quedaron vacantes por unha xubilación e un traslado xeográfico e amosan o seu “total” respaldo e apoio á veciñanza do Carballiño que está a demandar uns servizos dignos e xustos para as súas crianzas.
A iniciativa saíu adiante por unanimidade. A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Marina Ortega Otero, defendeu esta mañá na comisión de sanidade, política social e emprego unha proposición non de lei na que instan á Xunta a que, a través da consellería de sanidade, cubra ás dúas prazas de pediatría do centro de saúde do Carballiño. A parlamentaria socialista alertou de que a falla do servizo de pediatría durante as tardes e a ausencia deste especialista no servizo de urxencias “obriga aos pais e nais dun centro que atende a 27.000 persoas de 9 concellos e a case 2.500 crianzas a desprazarse ao servizo de urxencias do Hospital de Ourense, moitas veces colapsado, ou directamente optar pola sanidade privada”.
Ortega Otero aproveitou tamén a súa intervención para sinalar que “é preciso que o goberno galego acolla estas demandas que trasladan os veciños e veciñas do Carballiño para blindar os servizos de matrona, xinecoloxía e pediatría”. Explicou que estes servizos resultan “básicos para afianzar poboación nun dos principais núcleos con maior habitantes da provincia e remontar a grave crise demográfica que fai de Ourense unha das provincias co peor saldo vexetativo de España”.
“Escoiten á veciñanza que leva anos saíndo a rúa para reivindicar, non só que se cubran as prazas de pediatría, senón unha praza adicional de matrona ou a necesidade dunha maior cobertura da atención xinecolóxica e pediátrica”, afeoulle a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense ao Partido Popular. Marina Ortega fixo fincapé tamén na mobilización deste pasado domingo no Carballiño, na que asegurou que a veciñanza “saíu a rúa para reivindicar dende o respecto os dereitos dos nosos fillos e das nosas fillas. Un pobo unido por unha causa xusta e que crearon unha plataforma veciñal e recolleron firmas para reivindicar que se cubran as prazas de pediatría”.
Neste senso amosou o seu agradecemento pola mobilización do domingo, afirmando que “sen a loita dos pais e nais e da veciñanza do Carballiño non sería posible que se cubran as prazas”. Os e as socialistas subliñan que Carballiño é un dos núcleos máis importantes da provincia en termos de poboación, motivo polo que afirman que “é preciso que o goberno galego acolla estas demandas que a veciñanza está trasladando, para así garantir servizos públicos de calidade e dignos, que permitan tamén afianzar poboación”.

O equipo técnico adxudicatario desta actuación arqueolóxica no castro de San Vicenzo iniciou os traballos que están financiados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Arqueólogos de "Breogán Arqueoloxía" e "Arqueolladas, Colectivo de Arqueoloxía" deron comezo a unha intervención que é xa unha realidade por medio dunha iniciativa conxunta da Asociación Cultural Vive Avión, a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de San Xusto e o concello de Avión.
En datas próximas, está prevista a organización de visitas guiadas a esta primeira fase das excavacións deste xacemento arqueolóxico, que se ubica nun lugar que ademáis conta cun gran actrativo natural e paisaxístico, con espectaculares vistas.
¿Qué pasa este ano coa iluminación de Nadal no Irixo?
¿Será que este ano non somos dignos de ter máis de 3 luces?
Señora alcaldesa, é Nadal, por favor, poña máis luces ou ¿é que os seus traballadores non queren traballar?
Felices festas. Que o espírito de amor e paz do Nadal estea con vostede durante todo o ano.

Preto de 800 alumnos de educación infantil de máis de 20 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT ata o día 21 de decembro. Entre os concellos participantes encóntranse os de Leiro, Beariz e Castrelo de Miño, dentro do noso ámbito intercomarcal O Carballiño Ribeiro
O obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu décimo sexto aniversario, cunha grande aceptación entre a comunidade educativa, é facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de día de Guitiriz ou do Centro Aspromor de Ortigueira.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A Rede conta con máis de 110.000 usuarios e leva planificadas máis de 500.000 horas de formación, desde a súa posta en marcha. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

A Deputación de Ourense, en colaboración coa Estación de Montaña de Manzaneda, organiza unha nova edición do programa deportivo EsquiOU, que conta este ano con 735 prazas para os nenos nacidos entre o 1 de xaneiro do 2012 e o 31 de decembro do 2015. O total de prazas estará dividido en sete quendas de 105 prazas cada unha.
O vicepresidente segundo e deputado de Deportes César Fernández, presentou hoxe no Pazo Provincia, xunto ao responsable de Grupos da Estación de Montaña de Manzaneda, Nacho Pereira, os detalles desta actividade de inverno que ten unha “gran demanda” desde a súa posta en marcha no ano 2015.
O obxectivo principal deste programa é que os nenos e nenas da provincia aprendan a esquiar, pero tamén poderán realizar durante os tres días diferentes actividades lúdico-deportivas como tiro con arco, sendeirismo ou natación.
A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores e inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e as demais actividades complementarias. O programa desenvolverase por quendas nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos.
A primeira quenda será do 22 ao 24 de xaneiro para as comarcas da Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda quenda, do 29 ao 31 de xaneiro, será para as comarcas do Ribeiro e O Carballiño; do 5 ao 7 de febreiro será a quenda para os nenos de Verín-Viana; do 12 ao 14 de febreiro para Ourense; do 19 ao 21 de febreiro para Valdeorras; do 26 ao 28 de febreiro para Allariz-Maceda-A Limia; e finalmente do 4 ao 6 de marzo para Terra de Caldelas-Terra de Trives.
Inscricións abertas desde hoxe ata o 10 de xaneiro de 2024
A inscrición no programa pódese realizar a partir de hoxe a través do correo electrónico esquiou@depourense.es, axuntando o formulario de inscrición do ano 2024 cuberto e unha fotocopia do DNI do participante. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 10 de xaneiro de 2024 ás 14.00 horas. O prezo da estancia por participante será de 29 euros e a selección dos participantes farase por orde de inscrición. Se algún participante quedase sen praza na quenda que lle corresponde, pasaría a unha lista de agarda para ser inscrito no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 85
- 86
- 87
- 88
- 89
- 90
- 91
- 92
- 93
- …
- seguinte ›
- última »