Política

26, Febreiro 2016

José Luis González mostra, a través de comunicados remitidos aos medios de comunicación, a súa satisfacción, tanto pola aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal como dos orzamentos municipais para o exercicio do ano 2016 no que andamos.

Para acceder aos comunicados do alcalde de Piñor prema nos arquivos adxuntos:

26, Febreiro 2016

Os alumnos de 3º de ESO do IES Chamoso Lamas, Pilar España, Marta Fernández, Santiago López e Manuel Quireza participarán o sábado 27 de Febreiro na sétima edición do Parlamento Xove, mentres que o sábado 5 de Marzo a quenda será para os alumnos de Bacharelato, Yeray Barreiro, Danarys Michaelis, Ana Fernández e Lucía España.

O proxecto Parlamento Xove confórmano un conxunto de encontros dialécticos que teñen por obxecto fomentar entre os mozos o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias.

Poténcianse habilidades individuais e en grupo entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

Na edición deste ano o tema a tratar leva como título “Determina o papel do profesor/a o futuro dos nosos mozos e mozas? ”, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, nesta edición participan 48 centros de toda Galicia.

24, Febreiro 2016

O concello do Carballiño porá en marcha, a partir do próximo mes de marzo, un programa de reinserción laboral para 60 persoas desocupadas, coa finalidade de que poidan acceder ao remate do mesmo a un posto de traballo.

Esta iniciativa, promovida pola concellalía de Promoción Económica, que dirixe Adolfo Nogueira, fíxase o obxectivo de conseguir, alo menos, a colocación da metade das persoas que participen neste programa, concretamente, o 45% (entre 25 e 30 persoas). Non obstante, espérase que acaben atopando colocación a maioría das persoas inscritas.

Este programa integral de emprego, que se presenta baixo a denominación de “Carbaemprega”, vai dirixido, fundamentalmente, ao colectivo de persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

Unha das características de Carbaemprega é, precisamente, proporcionar unha  formación cualificada para poder obter un emprego de calidade.

De aí que o programa contemple accións específicas en técnicas de coaching, intelixencia emocional e de motivación para a busca de emprego, así como no uso das novas tecnoloxías e, por suposto, na adquisición de habilidades prácticas naqueles sectores con implantación no tecido industrial do Carballiño.

De feito, unha das finalidades da concellalía de Promoción Económica, é exercer a intermediación entre empresas que precisan cubrir necesidades de persoal e as persoas traballadoras desempregadas. E este mesmo obxectivo se fixa para este programa.

Por iso, nalgúns cursos previstos se prestará unha atención especial  aos contidos de carácter práctico e de corte industrial destinados á adquisición de competencias específicas e necesarias para o empeño profesional en empresas da zona.

Se temos en conta que o tecido empresarial do Carballiño está caracterizado por empresas de actividades relacionadas coa soldadura e calderería, estes cursos estarán orientados a dotar de coñecementos, destrezas e habilidades técnicas relacionadas coa soldadura e calderería dende unha perspectiva da construcción, fabricación e montaxe de estruturas metálicas. Pero tamén se inferirá no coñecemento e respecto das normas de prevención de riscos laborais no entorno laboral.

Sen embargo, outros aspectos do programa se centran en incrementar a capacidade emprendedora dos participantes, tanto para poder traballar por conta allea como por conta propia.

Para a posta en marcha deste programa, o concello do Carballiño conta cun equipo de profesionais formado por tres orientadoras laborais e dous técnicos de emprego, así como coas instalacións adecuadas para impartir os cursos e as accións contempladas, como unha aula de informática, aulas para impartir clases e para desenvolver obradoiros.

 O programa, que terá unha duración dun ano, dende marzo deste2016 amarzo do 2017, xa se remitiu á consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, para a súa aprobación, dentro das bases  dunha convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os naos 2016 e 2017.  

 

22, Febreiro 2016

O auditorio municipal do Carballiño convertirase estes próximos meses nun referente cultural e gastronómico das vilas en Galicia. O ciclo de monólogos “Carballiño Comedy”, estrenado o pasado sábado con gran éxito polo humorista Javier Veiga, compartirá o auditorio municipal durante as fins de semana cun ciclo das mellores obras teatrais galegas, que se representarán os últimos sábados de cada mes.

Pero esta iniciativa ten, ademáis, un valor engadido, porque coas entradas para o teatro, a hostalería local oferta un desconto no prezo da cena.

Baixo a denominación de “Os sábados a escea”, a concellalía de Cultura inicia o próximo sábado, 27 de febreiro, a programación de catro obras de teatro galego, tres comedias e un drama, que farán que O Carballiño ofreza unha carteleira moi suxestiva ata o mes de xuño.

O ciclo comeza coa obra “AS DO PEIXE”, da compañía “Abrapalabra Creacións Escénicas”, que conta con catro actrices de renome no panorama teatral galego, como son Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González.  

Esta comedia foi unha das máis galardoadas nos Premios María Casares do ano 2014. Concretamente, recibiu a galardón ao mellor texto orixinal (Cándido Pazó), á mellor dirección (Cristina Domínguez) e á mellor actriz protagonista (Susana Dans).

Precisamente, o feito de ser obras premiadas ou optar aos Premios María Casares este ano 2016, que se fallarán en marzo, son características comúns das catro obras que forman parte deste ciclo teatral.

Así, no mes de marzo, o sábado 26, representarase a comedia “PERPLEXO”, da compañía “iLMAQUINARIO”, que obtivo cinco galardóns na última edición dos premios María Casares, por mellor espectáculo, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor adaptación e mellor dirección.

O 30 de abril, tocaralle a quenda á compañía Teatro do Atlántico, coa obra dramática “PRINCIPIO DE ARQUÍMEDES”, que conta cun elenco de artistas da talla de María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Viéitez. Esta obra é unas das firmes candidatas aos premios María Casares deste ano 2016.

E, finalmente, o sábado 28 de maio, represéntase a comedia “NOITEBOA”, da compañía “Redrum Producciones”, que tamén opta aos premios María Casares do 2016. No seu elenco actoral figuran Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo.

As representacións terán lugar todas ás 20,30 h., e terán un prezo de 5 euros, pero coa entrada haberá un desconto do 10% nas ceas dos 29 mesóns e restaurantes incluidos na “Ruta das Tapas”.

Deste modo, a hostalería carballiñesa e a cultura van da man, nunha perfecta maridaxe entre o teatro e a gastronomía.

21, Febreiro 2016

Os estudantes do Instituto nº 1 do Carballiño proclamáronse vencedores en Pontevedra da primeira fase do debate encol da desigualdade por razón de sexo, e pasarán á fase final, que se celebrará na mesma cidade o 30 de abril.

O equipo carballiñés, formado por Víctor Xesús Barreiro Domínguez (4º ESO), Marta López Gil (4º ESO), Beatriz Blanco Pousada (1º BAC), Sandra Pérez Vilas (1º BAC), Laura López López (1º BAC) e Eugenio Martín Álvarez Otero (1º BAC), foi o mellor fronteaos equipos dos institutos de Poio, Ponte Caldelas e os catro de Pontevedra cos que competiron. 

Xunto co equipo do instituto Luis Seoane de Pontevedra, que tamén se clasificou, acudirán á fase final para enfrontarse cos institutos do resto de Galicia que obtiveron as puntuacións máis altas nesta fase.

O tema a debatir na fase final, será “En galego hai un mundo de cousas boas”.

Dase a circunstancia de que na edición do pasado ano, o equipo gañadora bsoluto do Club de Debate, foio deste mesmo instituto carballiñés.

Esta iniciativa educativa, organizada polos concellos con servizo de normalización lingüística, busca promover o uso do galego entre a mocidade, incentivar o pensamento crítico e fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia, traballando en equipo.

19, Febreiro 2016

O grupo municipal do Partido Popular presentou no rexistro municipal unha moción para tratar no próximo pleno que celebre a corporación na que piden un acordo de rexeitamento a este proxecto industrial que pretende ubicarse no municipio de Maside.

Os populares recordan nesta moción os acordos que no seu dia se adoptaran por parte do concello do Carballiño tanto en contra da incineradora de lixo que se proxectaba no Irixo como a de compostaxe no municipio de Cea, e pide agora o mesmo posicionamento da corporación municipal contra este proxecto no concello de Maside.

Para acceder á moción do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

18, Febreiro 2016

O concello do Carballiño estudia modelos de eficiencia enerxética nas instalacións públicas, co obxectivo de mellorar a calidade da iluminación nos centros oficiais e públicos, e facela máis sustentable, así como para compartir proxectos que poidan ser cofinanciados por programas europeos no marco do Eixo Atlántico.

Algúns destes proxectos foron expostos durante a celebración da XXIV asamblea Xeral do Eixo Atlántico, desenvolvida na cidade portuguesa de Santa María da Feira, preto de Oporto, á que asistiu o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, xunto cos alcaldes das cidades galegas e portuguesas integradas neste organismo.

A eficiencia enerxética, xunto coa mobilidade, son dúas cuestións que interesan especialmente ao concello do Carballiño e que teñen cabida en diversos programas de desenvolvemento sustentable, con líñas de financiamento europeo.

Por iso, o concello estudia novos proxectos que sirvan para cumplir esa finalidade.

17, Febreiro 2016

Os seus pais, ao ver que non saía para o traballo, entraron na habitación e atopárono morto. Rubén Pérez Vázquez, tiña 36 anos, formaba parte do grupo municipal socialista no concello de Piñor.

A última hora da mañá realizouse a autopsia do cadáver, que deberá concretar as causas da repentina morte.

O concello de Piñor decretou loito oficial polo falecemento do seu concelleiro. O PSdeG emitíu un comunicado no que expresa a "inmensa dor" polo repentino falecemento e traslada as condolencias á familia, amigos e compañeiros socialistas, especialmente ao grupo municipal socialista do concello de Piñor.

O cadáver vélase no velorio municipal de Piñor ata as cinco da tarde deste xoves dia 18 de Febreiro.

15, Febreiro 2016

O concello do Carballiño cualifica a XXII Festa da Cachucha celebrada este pasado domingo comoa máis multitudinaria de cantas se levan celebrado no Carballiño. Malia ao mal tempo, con choiva e frío, que non cesou en todo o día , agás algúns intervalos, tanto os restaurantes como as rúas rexistraron unha gran afluencia de público.

O feito de que o desfile aprazado do martes de entroido se celebrase onte, axudou en gran medida pero tamén a animación e pasarrúas de comparsas, murgas, charangas e folións do mediodía, e, por suposto, o crecente interese por degustar o menú gastronómico do entroido servido nos restaurantes e mesóns do Carballiño.   

A restauración e a hostalería carballiñesa, por termo xeral, tivo unha gran ocupación, dándose incluso o caso de que nalgún restaurante se fixeron dous turnos de comidas.

E especialmente brillante resultou o desfile da tarde, encabezado por folións e comparsas que non concursaban, e seguido de catorce comparsas que si o facían.

Tras case dúas horas de recorrido, e cun esforzo digno de eloxio de todas as persoas integrantes das comparsas, numeroso público presenciou o desfile, a pesar de ter que facelo en moitos momentos cos paraguas abertos.

O fallo do xurado dos premios foi o seguinte:

 1º PREMIO 1.300€ Chuchería Galáctica (As. Cul. Castro de San Amaro)

2º PREMIO 1.000€  Ao son dos xigantes (As. Veciños de Freixo)

3º PREMIO    800€  Fantasía cordobesa (Os azucarados de Maside)

4º PREMIO    400€  Fantasía Mariña (As. Cul. Arrieiros de Dacón)

5º PREMIO    350€  Arácnidos do Carballiño (As. Lumareda)

6º PREMIO    300€  Facendo o indio

ACCÉSITS  

  • Os dálmatas (Os Trangalláns)
  • O rebaño do Vila do Arenteiro (Anpa do Vila do Arenteiro)
  • Os osos amorosos (Anpa da Uceira)
  • Os silleiros de Maside
  • Comando Picapezas.

PREMIO especial de 300€ (puntuación das comparsas): Houbo triple empate, pero ao final gañou a comparsa Os osos amorosos (Anpa da Uceira)

PREMIO especial colaboración no entroido carballiñés: Os Liborianos.

As concellalías de Cultura e Turismo agradecen a a todos os integrantes das comparsas e folións a súa participación no desfile, sobre todo, tendo en conta as adversas condicións meteorolóxicas nas que se desenvolveu, e por suposto, a todo o público en xeral, carballiñeses e visitantes, que encheron os restaurantes, cafeterías e as rúas da vila. 

12, Febreiro 2016

Arredor de mil cincocentaspersoas, catorce carrozas e seis agrupaciónsmusicais animarán mañá este domingo o desfile do entroido.

En total, serán vinteún os colectivos que participarán neste magno espectáculo de cor, sonido e baile que recorrerá as rúas máis céntricas do Carballiño.

Murgas, comparsas, folións e carrozas daranse cita ás cinco da tarde na rúa Otero Pedrayo para comezar o desfile que discurrirá polas rúas Conde Vallellano, rotonda da Alameda, Avda. Xullo R. Soto, Calvo Sotelo, Tomás Mª Mosquera e Praza Maior.

Catorce comparsas optarán aos premios que serán concedidos por un xurado formado por dez persoas, representando á corporación municipal, ásasociacións veciñais, de comerciantes, de hostaleiros e culturáis, así como aos medios de comunicación.

Haberá, ademáis, un premio especial que fallarán os representantes de cada unha das comparsas.

En definitiva, concederanse case oito mil euros en premios.

O desfile irá encabezado, como é costume, pola murga carballiñesa Os Liborianos, e a continuación os folións e batucadas: Folión Arrieiros de Petín, Batucada Os da Caña, Folión de Fradelo, Folión Viticultores e Folión de Tameirón.

O Bosque Animado de Aspadisi fai de enlace coas catorce comparsas que optan aos premios do concurso.

A duración prevista para o desfile é dunha hora e media, e ao remate haberá un baile amenizado pola orquestra La Oca Band.

Os premios entregaranseásoito da tarde, no escenario da orquestra.

PASARRÚAS E XANTAR

A animación musical está garantida dende as doce do mediodía, cun desfile-pasarrúas de charangas e folións polo centro da vila.

E a partir das dúas, comezará o xantar da cachucha nos establecementos hostaleiros do Carballiño.

O número de reservas efectuadas nestes últimos días, augura unha afluencia masiva de carballiñeses e visitantes para degustar este prezado manxar da gastronomía típica do entroido nos mesóns e restaurantes.

CORTE DE TRÁFICO NO CENTRO

Debido aos desfiles do mediodía e da tarde, recoméndase aparcar os vehículos nas entradas do Carballiño, e evitar, na medida do posible, a circulación polas avenidas e rúas céntricas da vila, que quedarán cortadas, sobre todo, entre as cinco e as sete da tarde.

Asemade, rógase ao público que siga o desfile dende as beirarrúas, mantendo a distancia de seguridade coas comparsas e carrozas, para evitar calquera posible incidente.

A policía local e a agrupación de emerxencia e protección civil velarán polo cumprimento das medidas de seguridade, en aras de que o desfile transcurra sin incidencias.

 

Páxinas

Subscribirse a RSS - Política