Subscribo completamente o comentario anterior.
Igual destes gobernantes que temos xa non agardamos grandes proxectos, pero un mínimo si que habería que esixirlles. As rúas son intransitables, xa é imposible esquivar os buratos. E supoño que eles terán coche e andarán por elas. Se non se pode asfaltar polo que sexa, pois non será tanto traballo botar uns sacos de chapapote e tapar os buratos, mais que nada para non quedar enterrados.
En xeral, o pobo da bastante pena en tódolos sentidos, da a sensación de que non se fai nada, rúas estragadas, aparcamentos sen regular, coches aparcados en calquera sitio, farolas rotas, etc.
Hoxe vin unha publicación do Concello en Facebook na que se falaba da limpeza dunha fonte (cousa maravillosa e que debería continuar) pero si eso é noticia ou pretenden convencerse a si mesmos de que están traballando, apaga e vámonos. Déixense de autobombo e póñanse a traballar, que están a cobrar cartos que son de todos.
Saúdos

Este ano, o Concello do Carballiño estende a programación de Nadal durante o mes de xaneiro para que a veciñanza poda seguir desfrutando de actividades e propostas culturais para todos os gustos e idades.
O humor, o teatro e a maxia serán os protagonistas das próximas semanas na vila. “Despois do éxito de participación nas actividades das semanas de Nadal, convidamos á poboación do Carballiño e do resto da provincia a que se acheguen á vila a desfrutar do que temos preparado para este mes”, apunta Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
Hoxe, último día previo ao inicio do curso escolar tralo parón de Nadal, as familias poden divertirse na pista de xeo da Praza Roxa, activa desde o pasado día 31. O horario é de 11,00 a 13,30 horas e de 16,00 a 20,00 horas. A entrada, de balde, inclúe patíns.
A programación continúa o próximo mércores, día 14, coa obra “A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica”, de Tanxarina títeres. Trátase da adaptación dunha novela de Carlos Labraña na que se combinan marionetas, narración e música, e se reflexiona sobre valores como a amizade ou o traballo en equipo. A actividade, impulsada desde o servizo de Normalización Lingüística, levarase a cabo no Auditorio Municipal para alumnado de Educación Primaria.
Xa o domingo 18 será a quenda do humorista Agustín Jiménez. O coñecido monologuista visita O Carballiño con “Generacional”, un show no que presenta con moito humor algunhas das diferencias actuais entre pais e fillos, desde o uso das redes sociais ata a música favorita. A cita terá lugar no Auditorio Municipal ás 19,00 horas. As entradas xa están á venda a través de giglon.com.
O Festival Máxico de San Juan Don Bosco porá o broche de ouro ao mes de xaneiro. A esperada cita, que cada ano congrega no Carballiño a centos de afeccionados á maxia, levarase a cabo os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro. Como é habitual, haberá obradoiros e actividades de maxia e ilusionismo para público infantil e adulto, ademais de galas e comidas de confraternización.
Bos días,
Quería deixar mensaxe para o rei do asfalto e os seus amigos do partido popular, que son ben coñecidos polas mesmas prácticas. As rúas do Carballiño semellan unha zona de guerra só apta para circulación de tanques, se non queres deixar os neumáticos e suspensións polo camiño. Ven sendo habitual na maioría das rúas do pobo pero xa chegamos ó punto que nin polas rúas do centro se pode pasar. Mismo en Martínez de Avellanosa, dende a rotonda da entrada ó pobo ata a rotonda do hotel Arenteiro é unha verdadeira partida de supervivencia na que no últrimo tramo como proba final tes que sortear tornillos das xuntas de ata 5-10cm de altura.
Agardo non ter que esperar a dentro dun ano, estratexia típica da dereita previa ás eleccións, para que empecen a extender chapapote ata os pés, que deso saben bastante.
Felices festas e aninovo a todo o mundo!

A programación do Cine-Club O Carballiño para este mes de xaneiro comeza o día 9 con On falling, unha película de cine social británica dirixida e escrita por Laura Carreira, cineasta portuguesa afincada en Escocia e que debuta como directora nesta longametraxe premiada no Festival de San Sebastián coa Concha de Plata á Mellor dirección e no BFI de Londres co Premio á Mellor opera prima.
Continúa o dia 16 con un filme francés dirixido por Emmanuel Mourat, Tres amigas, mistura de drama e comedia de enredos que obtivo un gran éxito nas salas do país veciño.
O día 23 de xaneiro proxectaremos Kontinental ´25, de Rado Jude, director rumano que con esta sátira política cargada de mala uva obtivo o Oso de Prata ao Mellor guión no Festival de Berlín.
O Cine-Club O Carballiño despedirá xaneiro o día 30 con unha das citas máis esperadas da tempada: Father, mother, sister, brother, o último filme de Jim Jarmusch, con actores tan coñecidos como Adam Driver, Ton Waits, Cate Blanchett ou Vicky Krieps entre outros. Foi a gañadora do León de Ouro á mellor película no Festival de Venecia e é unha auténtica ledicia.
Xa en febreiro, o día 6, proxectaráse o filme tunecino La voz de Hind, unha película impactante e necesaria que obtivo o Premio do Público en San Sebastián e o Gran premio do Xurado en Venecia, entre moitos outros galardóns internacionais.
Os filmes restantes deste mes son tres magníficas produccións nacionais que aínda estaban pendentes de proxectar para a entidade cineclubista: Maspalomas, de José María Goneaga e Aitor Arregui, e que conta con unha magnífica interpretación de José Ramón Soroiz, que gañou o premio en San Sebastián. A súa proxección será o venres 13.
O venres seguinte, o día 20, Los tortuga, que confirma á súa directora, Belen Funes como un dos mellores talentos do cinema español. A película gañou tres premios en Málaga: Premio especial do Xurado, Mellor dirección e Mellor guión.
E pecharáse o mes de febreiro o venres 27 con unha das grandes sorpresas deste ano, Jone,a veces, de Sara Fantova, mención especial do Xurado en Málaga.

Os Reis Magos chegarán este lúns dia 5 de xaneiro a O Carballiño entre maxia, lume, acrobacias e fantasía, nunha posta en escena pensada para sorprender a todos os públicos, pero en particular aos máis cativos.
As súas maxestades chegarán directamente de Oriente ao templo da Veracruz, onde o seu pórtico se transformará no escenario dun espectáculo de acrobacias aéreas. Maxia e lume acompañarán aos reis durante o su percorrido, así como unha ampla proposta de animación na rúa con maniquíes, cabalos inchables e patinadoras.
O Concello do Carballiño anima a grandes e, sobre todo, pequenos e pequenas a disfrutar da proposta artística que acompañará á cabalgata e que foi deseñada en parte pola empresa Especialistas Hípica Celta.
En canto á hora, a cabalgata partirá ás 18.00 horas da Igrexa da Veracruz, desde onde, despois do espectáculo, percorrerá as rúas Conde Vallellano, Principal e volta pola rúa Ribeiro ata o Concello, que será onde reciban á rapazada.
PERCORRIDO: Desde o templo da Veracruz ata o Concello, pasando polas rúas Conde Vallellano, Principal e Ribeiro ata o Concello.
HORA DE INICIO: 18.00 horas, na Veracruz, cun espectáculo aéreo previo ao percorrido.
RECEPCIÓN: Casa do Concello.

Fátima Gómez, Sebastián Lamazares, José Antonio Barge, Manuel Nogueira e Gonzalo Rodríguez comparten coa audiencia de COPE O Carballiño a súa "carta aos reis magos", na primeira tertulia de 2026.
Presenta, Xan PInal. Escóitaa aquí:
En O Carballiño, a 02 de xaneiro de 2026
Á atención de Francisco José Fumega Piñeiro e José Rafael Castro-Gil Seijas, ó que lle corresponda:
É NORMAL LEVAR 3 MESES SEN ALUMEADO PÚBLICO NUN POBO DO CONCELLO DE O CARBALLIÑO?
É frustrante que, en pleno ano 2025, agora xa 2026, leve 3 meses sen alumeado público diante da miña casa, sendo a estampa que nos atopamos ó saír á rúa durante a noite de total escuridade, agás nas noites de lúa chea que temos luz natural.
E non será por non avisar, tanto verbalmente coma mediante o rexistro electrónico do Concello.
Na tarde do 30 de setembro, sospeitamos que un vehículo de grandes dimensións, arrincou o tendido eléctrico e a “farola” do poste situado a altura do nº 46 de Mouriz. Unha vez avisados, axiña acudiu a Policía Local e persoal do Concello para proceder á retirada dos elementos caídos que se atopaban tirados na vía pública, manifestando o traballador municipal que acudirían no seguintes días para reparar a “farola”.
Pasadas varias semanas sen que ninguén acudise, presentamos instancia no rexistro do Concello solicitando que se reparase a “farola”, polo risco que supón para as persoas a súa ausencia, ó ser unha zona urbana de transito de viandantes e un elevado número de vehículos, carecendo de ningunha outra fonte de iluminación que proxecte algo de luz nesa zona.
Ante a inacción municipal, reiteramos a demanda, pola mesma vía, en sucesivas ocasións, sen que, a día de hoxe, se procedese ó arranxo da luminaria, nin se contactara dende o Concello cos veciños afectados para interesarse pola situación.
É incrible que, unha incidencia tan sinxela coma o arranxo dun farol da iluminación pública, se tome con tanto desleixo por parte do Concello de O Carballiño, e, como máximos responsables, do grupo de goberno municipal. Queda pouco máis de un ano para as vindeiras eleccións municipais. Supoño que as formacións políticas do grupo de goberno quererán manter ou mellorar o resultado electoral obtido no 2023, mais, como non empecen a prestar atención a estes pequenos detalles que afectan ós veciños, augúrolles un futuro moi negro, tan negro coma a escuridade que me atopo tódalas noites ó saír da miña casa.
Sen outro particular, desexarlles un bo inicio de ano.
Atentamente, Alfonso Vázquez
Un veciño de Mouriz

Dende os montes do Courel chega a O Carballiño A Apalpadora, a filla do famoso APALPADOR, e chega por iniciativa da tenda galega OZOCO GZ, na rúa Curros Enríquez do Carballiño.
Será este sábado dia 3 de xaneiro a partir das cinco da tarde, e cunha invitación que se fai extensiva a toda a veciñanza do Carballiño e Comarca, nenos e maiores, que queiran descubrir esta historia que ten que ver coa tradición do nadal na nosa terra.
E para darlle a benvida á APALPADORA animarán a tarde as pandereiteiras OZOCORETEIRAS, as pandereiteiras que participan durante o ano na escola de pandereiteiras que dirixe o músico carballiñés Isidro Vidal, no mesmo OZOCO GZ, neste tempo de cantar os reis.
Desde OZOCO GZ agasallarán a toda a concurrencia con chocolate, doces e outras larpeiradas, para completar esta tarde de sábado e tradición galega no Carballiño.

O Carballiño festexa, por primeira vez, as Badaladas do Feirón, unha cita que une a última feira de 2025 coa celebración das prebadaladas de Fin de Ano.
Como cada 31 de decembro, a O Carballiño énchese mañá de familias e veciñanza de toda a comarca que se achegan ao Feirón para facer as súas compras, e que este ano ademais de desfrutar do pulpo, poderán festexar as badaladas na Praza Maior.
“É unha xornada de encontro pensada para que as familias desfruten do ambiente e celebren xuntas as badaladas antes de regresar a casa para cear”, explica Diego Fernández, concelleiro de Cultura. A cita contará con animación familiar con DJ Tibu, reparto de cotillón, neve artificial e unha gran festa para todas as idades. Non faltarán as doce uvas para as persoas adultas nin os doce gusanitos para os máis pequenos, recreando así as tradicionais badaladas nun ambiente festivo e participativo.
As Badaladas do Feirón convértense nunha nova forma de celebrar o remate do ano, mantendo viva a tradición do feirón e reforzando o espírito de convivencia e celebración no Carballiño. A cita terá lugar na Praza Maior a partir das 18,00 horas. “Trátase dunha actividade máis dentro da exitosa programación que temos para o Nadal no Carballiño e onde os nenos e as familias son os grandes protagonistas”, recorda Diego Fernández.

ABANCA e o Grupo de Desenvolvemento Rural Carballiño-Ribeiro (GDR-12) veñen de asinar un acordo de colaboración que busca responder ás necesidades do tecido produtivo da comarca e da creación de emprego, ao tempo que sitúan a sostibilidade no foco principal.
O convenio foi rubricado en Leiro coa presencia da directora da oficina, Patricia Núñez e asinado polo coordinador de banca institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román, e o presidente do GDR 12 Carballiño-Ribeiro, Francisco José Fernández Pérez. O convenio súmase ás recentes ofertas e convenios financeiros que ABANCA subscribe practicamente a diario con colexios profesionais, empresas, asociacións e outras entidades presentes nos territorios nos que o banco ten presencia.
Un dos obxectivos principais deste acordo é a reactivación económica da comarca a través do impulso de novos proxectos e da mellora da competitividade e sostibilidade medioambiental dos actuais a través do crédito. Con isto, os adheridos ao GDR poderán acceder as condicións ventaxosas na contratación de produtos e servizos como as pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións e avais.
Así mesmo, o texto detalla unha oferta con créditos específicos para o sector agrogandeiro, liñas de comercio exterior, desconto comercial e confirming.
Os membros do GDR tamén terán acceso ás vantaxes do Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar no pagamento dos servizos bancarios máis habituais. Tamén ofrece xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica para os interesados. A maiores, dende as oficinas facilitarase información relativa ás opcións de financiamento mediante os convenios oficiais que o banco ten subscritos con diversos organismos públicos.
Na presente convocatoria 25-26, o GDR-12 xestionou máis de 20 proxectos, dos cales foron beneficiarios de axuda 5 entidades públicas (Concellos do territorio), 2 asociacións privadas e 6 entidades privadas (autónomos e empresas), repartíndose cerca de máis de 450.000 € en dúas anualidades, sumando o investimento total dos proxectos 776.000€
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- …
- seguinte ›
- última »