
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o estadio de fútbol de Espiñedo, no Carballiño, para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas co apoio do Goberno galego. As obras contaron cunha achega de 60.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, dotado con 5 millóns de euros.
Agora, o concello carballiñés agarda outra aportación deste mesmo departamento autonómico para levar a cabo esta mesma mellora no campo de fútbol da Uceira.
As melloras centráronse na iluminación, coa substitución dos actuais proxectores por outros con tecnoloxía Led e a reforma do cadro de mando eléctrico da instalación. Segundo sinalou a directora xeral, os obxectivos da actuación son favorecer o aforro enerxético e adaptar a iluminación á normativa técnica de instalacións deportivas, que indica a calidade da iluminación segundo a categoría na que se xogue.
Natalia Prieto lembrou que desde o 13 de marzo xa está aberto o prazo da nova convocatoria das axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética, dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes, e animou as administracións locais a solicitalas. O orzamento para este exercicio mantense nos 5 millóns de euros.
Ademais de darlle prioridade a instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais, nesta liña valórase o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou a renovación e reformas de cubertas. A maiores, téñense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.
Achegas de ata 60.000 euros
As achegas poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto.
A directora xeral explicou que a través desta medida se busca atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia. No pasado exercicio houbo case un cento de concellos beneficiarios en toda Galicia. Deste total, 28 son da provincia de Ourense aos que se destinou un orzamento superior aos 1,5 millóns de euros.
A iniciativa enmárcase no apoio da Xunta ás administracións locais, co Fondo de Cooperación Local como instrumento central de colaboración económica para garantir a suficiencia financeira dos concellos. Natalia Prieto lembrou que neste exercicio o Fondo de Cooperación Local medra ata os 168 millóns de euros, 10 millóns máis que en 2024.
As axudas do fondo adicional súmanse ademais a outras convocatorias tamén xa publicadas, como a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros, ou as axudas plurianuais á eficiencia enerxética cofinanciadas con fondos Feder e cun presuposto de 5 millóns de euros. A elas sumarase proximamente a da liña de apoio a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, posta en marcha en 2024 e dotada con 8,5 millóns de euros.
As obras no campo de fútbol deEspiñedo forman parte do conxunto de actuacións impulsadas polo concello do Carballiño co apoio da Xunta a través das distintas ordes de axudas ás administracións locais. Neste marco de actuación o Goberno galego investiu nos últimos anos preto de 900.000 euros neste municipio.

O PSdeG-PSOE de Beade insta ao goberno municipal do Partido Popular a protexer e conservar correctamente os lenzos do denominado Monumento á Semana Santa de Beade. Un conxunto artístico que data do século XVIII e que durante anos foi colocado na igrexa de Santa María, pero tras décadas gardado, volveuse a expor o pasado ano durante a Semana Santa.
Dende o Grupo Municipal Socialista explican que no último pleno municipal celebrado esta mesma semana propuxeron a firma dun convenio entre o concello de Beade, a consellería de Cultura e o bispado de Ourense con fin de “protexer os lenzos e madeiras, namentres se expoñan durante a Semana Santa”. Tal e como explican as e os socialistas “o monumento atópase moi deteriorado tralo paso dos anos e precisa dunha correcta montaxe e da presencia de expertos para realizar a mesma”.
O ano pasado o monumento foi instalado coa axuda da veciñanza, pero neste 2025, dende o PSOE de Beade piden que sexan os técnicos da Rede Galega de Museos da Xunta, os que se encarguen da montaxe. Neste senso explican que “podería empregarse aos técnicos e restauradores do museo Etnolóxico de Ribadavia, do Arqueolóxico de Ourense ou do de Peregrinacións de Compostela, que son os máis próximos a Beade e dependen da Xunta de Galicia”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Beade, Carmen Rama Cotelo, deixa claro que “as e os socialistas de Beade non nos opoñemos á exposición dos lenzos, pero pedimos que se faga con garantías para un mellor coidado cara o patrimonio”. Tal e como relata a concelleira socialista “o concello non ten persoal cualificado e o pasado ano contou coa inestimable colaboración da veciñanza, polo que propuxemos a firma do convenio e que sexan profesionais os que se encarguen da montaxe e desmontaxe do monumento nesta e en vindeiras ocasións”.
Tal e como explica Rama Cotelo, a proposta foi feita durante unha sesión plenaria por parte do grupo municipal socialista, “o alcalde aceptouna e prometeu iniciar a xestión coa Xefatura Territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Ourense mediante unha chamada telefónica”. A voceira socialista considera que “estamos ante unha peza artística única e cunha singularidade especial” e lembra que existe un estudo realizado por Fernando González Suárez, profesor do instituto Otero Pedrayo e que formou parte do grupo Francisco Moure sobre o monumento.
O PSOE de Beade considera “imprescindible” tamén restaurar esta peza, xa que tal e como explican “o estado de conservación non é bo, pero a maior parte das pinturas seguen permanecendo nos lenzos”. Ademais insisten en que a proposta “suporía un coste mínimo, pois só habería que abonar os gastos de desprazamento e manutención dos traballadores da Xunta”.

A corporación carballiñesa aprobou por unanimidade iniciar xestións ante a Confederación Hidrográfica para a recuperación das ribeiras do Carrás ao seu paso pola zona urbana do Carballiño, incluíndo a construcción dun paseo, ao estilo do que xa existe no río Arenteiro.
A proposta foi presentada ao pleno polo grupo municipal de Espazo Común, que tamén defendeu ante o pleno que concello e Xunta traballen para favorecer a apertura da Residencia de Tempo Libre, alomenos dez meses ao ano.
Escoita aquí a intervención en COPE O Carballiño do concelleiro e portavoz de ESCO, Adolfo Nogueira:
De balde nada,señor Pepe do PP.Os fondos COPEROU da Deputación como todo o seu financiamento, saen dos impostos de todos nós.Para todos tampouco,pois os que non teñen coche ou xeito de desplazarse as Caldas non podrán desfrutar desta actividade, que vostede vende a bombo e plato.Vostedes,señores do PP, amigos de baixar impostos,logo como lle gusta presumir de tirar con iles.E o pior de todo,que o desfrutarán quenes o poderían pagar,e dispoñen de tempo libre e do coche para desplazarse.Como dí o Tenente de Alcalde,para todos,sen preferencia para os que menos teñen.E o resto, a traballar e pagar impostos para que o PP tire con iles ou llos de a gañar a un amigo....Nón estaría mellor gastalos nuhos camiños para que a xente poida acceder ós seus montes ou fincas,por exemplo.

Os nosos montes furados na procura de litio e mais minerais.E as fábricas de baterías previstas no estado español,unha entre Extremadura e Andalucía,onde tamén hai minerais e a outra en Valencia ,onde non hai nada.Colonialismo de manual,nós poñemos as materias primas ca creación dunhos poucos postos de traballo, precarios .E a súa transformación e comercialización ,ca creación de milleiros de postos de traballo a1200 kilómetros.Porque ista fábrica non se fai no noso páis?

A iniciativa está impulsada pola Concellería de Deportes do concello do Carballiño e financiada a través do Plan de Cooperación da Deputación, e ten como obxetivo a promoción do exercicio físico entre a poboación carballiñesa maior de 16 anos de idade, co único requisito de figurar inscritos no Padrón Muncipal de Habitantes.
Serán dúas sesións gratuítas ao mes para todas as persoas participantes neste programa, que se levarán a cabo nas instalacións termais do balneario das Caldas de partovia, e serán os lùns de 4 a 5 da tarde para as sesións de pilates, e os mércores de 8 a 9 da noite para as sesións de ioga.
Para realizar as inscricións, as persoas interesadas poden facélo acudindo á Área de Deporte ou a través da APP do concello do Carballiño.
Escoita aquí ao concelleiro de deportes Pepe Castro-Gil, e a directora xerente das Caldas de Partovia, Eva Álvarez:

A Xunta vén de licitar hoxe a mellora da estrada OU-212 ao seu paso polos concellos de Beariz e Avión, cun investimento de case 1,5M€ (1.453.550€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou hoxe esta actuación, cuxas obras prevense iniciar ao longo deste vindeiro verán.
A intervención supón o acondicionamento desta vía autonómica nun tramo de 6 quilómetros entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, en Avión, no quilómetro 12+620.
Como explicou a conselleira, a intervención “conxuga os obxectivos que nos marcamos para acadar unhas estradas máis humanas, sostibles e seguras”. Así, as principais actuacións serán a ampliación da plataforma do viario ata os 7 metros, así como a rectificación dunha curva en Beariz (no pq 7+350) aumentando o radio dos actuais 30 metros aos 50 metros para mellorar así a seguridade, ademais da humanización da travesía de Liñares, xa na zona urbana en Avión.
Nesta contorna dotarase á travesía de beirarrúas e zonas de aparcamento ao mesmo nivel da estrada, para integrar adecuadamente o viario nesta zona urbana.
A actuación contemplará outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da estrada.
As empresas terán de prazo ata o 21 de abril para presentar as súas ofertas para a execución dos traballos.
“Trátase dunha actuación integral -apuntou M. Allegue- na que, como en todas as intervencións que realizamos nas infraestruturas, a nosa máxima prioridade é blindar a seguridade viaria, tanto para os usuarios das estradas como para os colectivos máis vulnerables, os peóns. Dotaremos a esta estrada de mellores condicións de visibilidade e amplitude e, ao mesmo tempo, será unha estrada máis amable para os desprazamentos a pé nesta contorna urbana de Liñares, tanto para veciños como visitantes”.
A Xunta xa levara a cabo nesta estrada unha actuación de reforzo de firme, cun investimento ao seu paso por Avión de 300.000 euros. Neste senso, a conselleira salientou o compromiso da Administración autonómica en materia de conservación de estradas e seguridade viaria, á que se destinan este 2025 un total de 68 millóns de euros.
Sería positivo poder ter soberanía na nosa industria e non ser unha colonia de expoliación de recursos, seremos os galegos os principais beneficiarios desta mina de litio?
O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o “lamentable” cinismo do que fixo gala nas súas intervencións o representante do Partido Popular no Parlamento de Galicia, en relación coa xestión do mosteiro hotel de San Clodio. As e os socialistas amosan a súa “total” repulsa ao que consideran un “desprezo” por parte do PP cara á veciñanza de Leiro e da comarca do Ribeiro.
Dende o grupo municipal socialista explican que o contrato da concesión de San Clodio “é un exemplo dos investimentos clientelares que a Xunta de Galicia, co PP ao fronte, vén facendo sempre na comarca do Ribeiro”. Neste senso, as e os socialistas consideran que “este é o vivo exemplo de que cando goberna o PP considera que o diñeiro público de todos e todas pode ser xestionado ao libre albedrío e sen que ninguén teña dereito a fiscalizalo”.
Os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez e Pedro José González, pregúntanse “como pode afirmar o PP dende un principio que a remodelación do mosteiro de San Clodio ía ser destinada a usos turísticos?”. Neste senso os edís socialistas apuntan a que “basta con revisar a hemeroteca para comprobar que a formulación inicial que se lle vendeu a veciñanza era a instalación dunha escola agraria con residencia e da que se derivou un alugueiro de terreos nos arredores do mosteiro por 7.000 euros ao ano, máis IVA e gastos de mantemento, o que lle supuxo ao concello nestes 24 anos un total de 214.124,78 euros máis IVA e gastos de limpeza”.
Rodríguez e González tamén se cuestionan “por que a Xunta se negou de xeito sistemático a facilitar, en todos estes anos, as cláusulas que regulaban o contrato coa concesionaria”, xa que tal e como deixan entrever “quizais atoparíamos as obrigacións incumpridas da Xunta de Galicia de vixiar, controlar e facer cumprir o contrato coa concesionaria”. Unha situación que en palabras dos concelleiros socialistas “amosa a complicidade da Xunta coa concesionaria”.
Os edís socialistas tamén poñen o foco nos peches temporais do hotel, sinalando que “a Xunta negaba aos mesmos, pero cando estes se producían miraban para outro lado, a pesar das queixas da veciñanza e dos representantes da oposición no concello e no Parlamento de Galicia”. Dende o PSOE de Leiro tamén critican a postura do PP cando afirman que a os 12 millóns de investimento na remodelación no mosteiro no seu conxunto e no spa do viño de San Clodio “é un motor económico dinamizador da zona e xerador de postos de traballo”. Algo que segundo as e os socialistas “é rotundamente falso e os datos matan o relato, pois a comarca e o concello non fixo outra cousa que perder habitantes dende o ano 2000”.
O PSOE de Leiro tamén denuncia a postura do rexedor do municipio, o popular Francisco José Fernández, ao que acusan de “ser a correa de transmisión do PP no concello de Leiro, intervindo na firma do contrato coa Xunta e a concesionaria”. Neste senso acúsano de “non antepor os intereses e o benestar da veciñanza por riba dos intereses clientelares dos amigos do Partido Popular, aínda que dentro do seu catálogo de mentiras e manipulación, sempre se esforzou en crer que era así”. Tamén lembran que “todo o investimento público en Leiro é privatizado, como a planta de compostaxe, o centro de día ou o hotel de San Clodio, e veremos agora que acontece co balneario de Berán” e apuntan a que “non se crean postos de traballo para a veciñanza”.
Manuel Rodríguez e Pedro José González finalizan subliñando que “despois de máis de 8 anos de traballo de campo por parte dos socialistas de Leiro, puidemos comprobar que o PP, cando goberna, fainos crer que goberna para todos, pero só o fai para os seus, uns para que lles axuden a gañar o ceo e outros para que os conviden a pasearse polo Foro da Toxa”.

Trátase dun dos sete proxectos en España elixidos por Bruxelas para reducir a dependencia europea de países de fora da UE, para a extraccion, procesado e reciclaxe de materias primas e consideradas como estratéxicas pola Comisión Europea.
O proxecto localizado en montes do concello de Beariz está promovido polo grupo aragonés Samca, a través da filial galega Recursos Minerales de Galicia, e xa completou o trámite de solicitude da concesión ante a Xunta de Galicia. Agora, a Consellería de Industria conta cun prazo de 18 meses para a súa súa avaliación e posterior autorización administrativa.
Prevése para esta mina en Doade-Beariz a construcción dunha explotación baixo terra con galerías entre os 50 e os 300 metros de profundidade, xunto á correspondente pranta de tratamento, ocupando unha superficie total de 13,62 hectáreas.
A finalidade é a extracción de litio, un material altamente cotizado na actualidade e no futuro, xa que é utilizado para a elaboración de dispositivos tecnolóxicos ou as baterías dos vehículos eléctricos.
Unha vez que a Xunta dea luz verde ao proxecto, a intención de Recursos Minerales de Galciia é comezar as obras de inmediato, sería no transcurso do ano 2026, e dous anos máis tarde iniciaríase a extracción de mineral, a un ritmo de medio millón de toneladas anuais, e por un periodo de 40 anos, ao cabo dos que procederíase á restauración dos terreos.
Durante o periodo de construcción, aproximadamente dous anos, a obra daría emprego a unhas 500 persoas, e crearía posteriormente unhos 320 postos de traballos. A inversión do proxecto ascende a 130 millón de euros.
Máis información do proxecto no seguinte enlace:
https://minadoade.gal/es/la-mina-de-litio/
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- …
- seguinte ›
- última »