O Concello de Boborás aprobou hoxe por maioría absoluta, cos votos do Partido Popular, a baixada do Imposto de Bens e Inmobles do 0,6 o 0,55. Con esta medida preténdese que os veciños e as veciñas de Boborás non teñan que pagar máis polos seus recibos e logo de que se suprimira o Plan de Axuste no que se contemplaba dita suba. Segundo precisou o alcalde, no seu día “tivemos que subilo ao 0,6 pero a nosa intención e en vindeiros anos baixalo a mínimo que marca a lei que é o 0,4”.
Segundo precisou o alcalde, “Boborás está entre os 10 concellos da provincia de Ourense con menor carga impositiva”. E neste punto tamén indicou que os veciños e veciñas de Boborás pagan 50 euros anuais polo servizo de recollida de lixo, cando o recibo debería de ser o dobre para poder costear o mesmo, gasto que o concello asume con recursos propios.
Ademais neste pleno tamén se acordou a rescisión do contrato para a construción e explotación do parque eólico singular a petición da empresa, ao non poder levar a cabo a execución o mesmo.
Outro dos puntos relevantes dentro da orde do día foi a prorrogación do contrato para a xestión do abastecemento domiciliario de auga potable e saneamento a empresa Geseco por un ano máis.

O Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que actúa como instructor citou ao exalcalde carballiñés a declarar o vindeiro dia 5 de Novembro, mediante un auto con data do pasado dia 17 de Outubro no que incoa o sumario e encarga a práctica de distintas dilixencias, no proceso xudicial que investiga as irregularidades detectadas na contratación de 60 traballadores municipais no concello do Carballiño durante os mandatos dos alcaldes Pachi Vázquez e Carlos Montes.
Contra este auto, e tamén contra o do dia 6 de Outubro, polo que se admitía a trámite a querela da Fiscalía contra Pachi Vázquez por un presunto delito continuado de prevaricación pola contratación irregular de persoal no concello do Carballiño, interpuxo sendos recursos a defensa do exalcalde, que conta coa condición de aforado como deputado do Parlamento Galego. O propio Pachi Vázquez manifestou por medio dun comunicado que "non fará ningún tipo de valoración ata que se resolvan eses recursos".

Asi o anunciaba o portavoz do grupo municipal do PSdG e candidato á alcaldia do Carballiño nas vindeiras eleccións municipais "se son alcalde no mes de Maio, unhas das primeiras medidas que adoptaréi será a retirada deste plan, e despóis xa verémos que facemos".
Paco Fumega volveu insistir, nunha nova comparencia ante os medios de comunicación na petición que veñen demandando durante as últimas semanas, "instamos ao alcalde do Carballiño a que proceda a retirada deste proxecto urbanístico para que a xente recupere a tranquilidade".
Asegurou, ademáis, que "o PSOE nada ten que ver con este plan, o PSOE tramitou no seu dia unha subvención para a reforma do PXOM, pero nos non temos nada que ver con este plan, co que discrepamos totalmente".
O portavoz socialista afirmou que "é un clamor entre a cidadanía a oposición a este plan, como o demostran as miles de sinaturas que piden a a súa retirada".

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará a difusión da figura e da obra de Francisco Luis Bernárdez para dar a coñecer a súa contribución á cultura galega. Con este obxectivo, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad colaborará coa Deputación Provincial de Ourense na publicación, en 2015, dunha monografía sobre o xornalista, que incluirá unha selección de textos en galego e sobre Galicia da súa autoría.
Así o anunciou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no marco da conferencia ‘Francisco Luis Bernárdez: gran poeta arxentino, ourensán e galeguista’, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
“Un galego de corazón e de elección”
Nun acto no que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o titular de Cultura afirmou que Bernárdez “precisa dun redescubrimento desde a Galicia actual, porque foi un galego de corazón e de elección, e porque coñeceu a situación de Galicia e foi un galeguista convencido, que defendeu a lingua e a cultura de Galicia como parte referencial da nosa identidade como pobo”.
Tamén incidiu na necesidade de afondar na súa figura porque “forma parte da historia cultural de Galicia do século XX”, ao fío do que destacou a súa vinculación con autores como Cabanillas, Valle-Inclán ou Pimentel, así como a súa participación en tertulias con Rafael Dieste, Maside, Amado Carballo e Roberto Blanco Torres, entre outros.
Pola súa banda, García Gómez destacou "a figura e o labor de Francisco Luís Bernárdez a prol da proxección exterior da lingua galega, como expoñente da potencialidade que supoñen as comunidades emigrantes no exterior canto á defensa e á visibilidade do idioma propio de Galicia fóra das nosas fronteiras". O reponsable de Política Lingüística recordou que o “Discurso encol do idioma galego de Bernárdez tivo grande repercusión, tanto na colectividade galega coma na intelectualidade arxentina, e supuxo todo un fito como alegato en defensa do idioma e exaltación da cultura galega, por poñer de manifesto a contribución do pobo galego á cultura hispánica".
A conferencia, promovida pola Deputación de Ourense, a Fundación Insua dos Poetas e o Foro a Torre de Maside, correu a cargo do numerario da Academia Argentina de Letras Antonio Requeni, “escritor e xornalista cunha estreita relación coa colectividade galega de Arxentina”, explicou Anxo Lorenzo. “Requeni –engadiu– é un gran coñecedor da literatura galega e podemos consideralo como un embaixador da nosa cultura en Bos Aires”.
Francisco Luis Bernárdez
Con 20 anos, o xornalista, escritor e diplomático arxentino (Bos Aires, 1900-1978) viaxou a Ourense para se establecer no concello de Maside, de onde eran orixinarios os seus avós paternos. Durante os catros anos nos que vive de xeito ininterrompido en Galicia, Bernárdez traballa como xornalista en ‘El Pueblo Gallego’ de Vigo, ademais de colaborar en varias revistas e xornais galgos, e de publicar poemas e artigos e lingua galega.
Vinculación con destacados galeguistas
Neste período relaciónase con destacados intelectuais galeguistas, como Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao etc., ao tempo que se integra no ideario galeguista. Xa de regreso en Arxentina, destaca como xornalista en ‘La Nación’ de Bos Aires, onde coincide con Eduardo Blanco Amor.
No ano 1944, Bernárdez é nomeado director xeral de Cultura do Goberno da Nación. Académico en 1950, foi incorporado en 1955 ao Servicio Diplomático. O seu primeiro destino foi como Embaixador en Madrid ata 1960 e alí volverá entrar en contacto con intelectuais galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Fernández de la Vega, entre outros, impulsores de Galaxia, empresa na que o escritor arxentino colaborará decididamente.
A súa defensa da lingua galega quedou reflectida en escritos como o seu "Discurso encol do idioma galego", publicado en Bos Aires, en galego, en 1965. En 2010, o Concello de Maside declarouno Fillo Adoptivo. Conta cunha rúa que leva o seu nome na vila do Carballiño.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o circuíto Cinemas de Galicia, unha nova rede municipal de espazos de exhibición cinematográfica que, segundo anunciou hoxe o conselleiro Xesús Vázquez Abad, nace coa dobre finalidade de achegar o cine a aquelas localidades que non dispoñen de salas comerciais e de incrementar as posibilidades de distribución dos filmes galegos.
O proxecto arranca cunha fase inicial de implantación en catro concellos, un por cada provincia. As Pontes de García Rodríguez, Foz, O Carballiño e Sanxenxo son os titulares dos cinco espazos que acollerán a programación inaugural da rede e a través dos que se achegan 1.232 novas butacas para o audiovisual galego: Casa do Peso e Cine Alovi nas Pontes, Salón de Actos do Cenima de Foz, Auditorio Municipal do Carballiño e Pazo Emilia Pardo Bazán en Sanxenxo. A entrada para as proxeccións de Cinemas de Galicia terán un prezo único de 3 euros.
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González Bea; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes Fernández; o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira; a concelleira de Cultura das Pontes, Sara Ramos, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, interviñeron tamén na presentación desta iniciativa, que –como subliñou Vázquez Abad– xorde a partir dun proceso consensual cos principais representantes do sector en Galicia, así como da colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais, as produtoras e as empresas distribuidoras.
Elaboración do programa novembro-decembro
En canto ao desenvolvemento práctico do programa, que Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o conselleiro explicou que esta primeira programación bimestral de Cinemas de Galicia incluirá a proxección en cada un dos catro concellos dun mínimo de oito películas, das que cando menos cinco serán galegas.
Os programadores están a traballar xa na configuración das súas carteleiras, para o que na web www.agadic.info/cinemasdegaliciateñen á súa disposición un catálogo de 18 longametraxes de moi diferentes estilos e xéneros, entre os que se atopan 11 destacados títulos galegos en fase de explotación comercial: ‘Inevitable’, de Jorge Algora; ‘La tropa de trapo en la selva del Arco Iris’, de Álex Colls; ‘El árbol magnético’, de Isabel Ayguavives; ‘Arraianos’, de Eloy Enciso; ‘O ouro do tempo’, de Xavier Bermúdez; ‘Costa da Morte’, de Lois Patiño; ‘9 ondas’, de Simone Saibene; ‘A cicatriz blanca’, de Margarita Ledo Andión; ‘Meñique’, de Ernesto Padrón; ‘Los increíbles’, de David Valero, e ‘Encallados’, de Alfonso Zarauza.
Esta oferta galega, conformada polas propostas recibidas nunha convocatoria aberta a filmes rexistrados no ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales) con data de estrea posterior ao 30 de xuño de 2013, compleméntase con sete fitas europeas, seleccionadas en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) e avaladas por festivais e premios internacionais: ’10.000 KM’, de Carlos Marqués; ‘Guillaume y los chicos, ¡a la mesa!, de Guillaume Galiene; ‘Ida’, de Pawel Pawlikowski; ‘La gran belleza’ de Paolo Sorrentino; ‘Le week-end’, de Roger Michell; ‘Madre e hijo’, de Calin Peter Netzer; e ‘Stockholm’, de Rodrigo Sorogoyen.
Financiamento
Ademais de promover o hábito de ver cinema en pantalla grande, outra das finalidades desta rede é servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais. Neste sentido, segundo explicou Vázquez Abad, as películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.
Respecto ao financiamento, a Consellería –a través da Agadic– asume a metade deste custo regulado para os oito pases obrigatorios que ofrecerá cada concellos. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial asumirán o 50% restante deses pases, así como o 100 por cento no caso das proxeccións que decidan facer a maiores no marco deste programa. A recadación da billeteira será integramente para os concellos.

0-0 ao descanso e 2-1 ao final do partido. Igual que nas anteriores saídas a Valadares e Gondomar, desta vez en Vilalonga o Arenteiro encaixaba o gol da derrota no tempo de desconto, no minuto 96, tanto nadar e nadar para morrer na beira.
C.D. Arenteiro: Pachi, Carlos Escudero, Ocampo, Dani Arbo, Oscar Portos, Dafonte, Gele (Sanginés, m. 60), Victor Gallego, Bardelás (Alex Santiago, m.69), Manu (Dani Vázquez, m.56) e Quiroga (M. Sotelo, m.57, sustituído por Marcos Nieto, m. 90).
Goles:
1-0. Minuto 47. Machu, de cabeza inagura o marcador para os locais.
1-1. Minuto 48. Gele con un bo golpeo o borde da área fai inútil a estirada do gardameta local.
2-1.Minuto 96. No derradeiro córner do partido Cerqueira aproveita un balón que lle chega á área pequena para facer o gol do triunfo local.
O Partido: De claro dominio local na primeira parte e moi equilibrado na segunda, na que calquera pudo gañar. Nos primeiro corenta e cinco minutos o Vilalonga dispuxo de ata tres claras ocasións de gol, non obstante no m. 45 pudo adiantarse o Arenteiro xa que o árbitro anulou un gol a Dani Arbo por suposta falta no remate de cabeza do xogador verde. Na segunda parte viuse un espectacular encontro cos dous equipos na busca da victoria con ocasións en ambas porterias, aínda que no derradeiro suspiro do partido o premio foi para o Vilalonga CF

O bar Casa Aníbal, na Almuzara, acolleu o Congreso Local do PP en Boborás. A única candidatura que concurría a este proceso, a liderada por Javier Vázquez Rodríguez, acadou o 100% dos votos emitidos polos compromisarios participantes nesta elección.
Javier Vázquez Rodríguez sucede así a Cipriano Caamaño á fronte da Xunta Local do PP neste municipio. O presidente saínte, actual alcalde que xa foi presentado como candidato cabeza de lista ás Eleccións Municipais o pasado 4 de outubro, sinalou que “o feito de que o alcalde e o presidente local sexan persoas diferentes non repercutirá en absoluto no traballo que desempeñaremos a prol dos veciños e veciñas de Boborás, separando por un lado a parte institucional e a orgánica de partido, pero con total sintonía”, dixo Cipriano Caamaño.
Pola súa banda, o novo presidente electo, Javier Vázquez Rodríguez, agradeceu o apoio recibido á candidatura que lidera e recalcou que asume este reto ”con ilusión e ganas de seguir facendo futuro, aunando a frescura da xuventude co enorme valor da experiencia entre os membros da Xunta Local”.
O encargado de pechar o Congreso Local de Boborás foi o presidente provincial, Manuel Baltar, quen agradeceu a Cipriano Caamaño a súa adicación incansable á fronte do PP local durante os últimos anos e felicitou a Javier Vázquez Rodríguez polo paso dado á fronte da Xunta Local, recalcando “a importancia da cooperación e da planificación dos equipos para acadar as mellores políticas para os nosos veciños. Somos a única forza política coa capacidade demostrada para xestionar de xeito eficiente os intereses xerais desta provincia”.

As obras motivan o corte ao tráfico durante as dúas xornadas nas que se vai acometer esta obra na rúa Martinez Avellanosa, os dias 23 e 24 de Outubro.
Os traballos consistirán no arado da actúal capa de rodadura para posteriormente dotala dunha nova capa de asfaltado, entre as rotondas da N-541 e a da Alameda. A actuación de mellora completaráse despois co pintado da sinalización vial nesta rúa.
Trala execución da obra por parte da Xunta de Galicia, a administracción autonómica cederá a titularidade da mesma ao concello do Carballiño, tal como solicitou a institución municipal. Será tamén o caso das rúas Ourense, Conde Vallellano e Julio Rodríguez Soto, nas que tamén levaránse a cabo estas actuacións de mellora no transcurso dos vindeiros dias..
O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño "lamenta que a ineficacia e a nula xestión do goberno municipal deixe á nosa vila unha vez máis sen a posibilidade de contar cunha subvención, neste caso para servizos culturais e educativos".
Comunicado do grupo municipal do PSdG
Mentres a ineficacia de Marnotes deixa ao Carballiño sen esta axuda económica, o Concello de Ribadavia recibirá 20.000 euros que destinará ao seu Conservatorio. Algo que tamén se podería ter feito na nosa vila, tendo en conta a problemática coa que se atopan moitos pais e nais para asumir o elevado custo das taxas, e que os levou incluso a recoller sinaturas e crear unha plataforma de protesta.
En todo este tempo, Marnotes foi incapaz de dar unha solución aos afectados pola suba das taxas do Conservatorio, mentres que cunha axuda como esta o Concello podería manter o servizo sen castigar os petos das familias.
É incomprensible que O Carballiño quedase sen esta oportunidade, sobre todo tendo en conta que non é a primeira vez que se perde unha subvención debido á desidia e a falla de xestións do Concello.
Esiximos ao goberno municipal unha explicación clara dos motivos polos que non se solicitou esta axuda. Queremos saber se foi por ineptitude, porque non se enteraron da súa convocatoria, como xa aconteceu nalgunha ocasión; ou se foi por comodidade, porque realmente a este alcalde o que lle interesa é ir ao máis doado, subir impostos, e non axudar ao benestar dos cidadáns.
Os carballiñeses, e sobre todo neste caso os afectados pola suba das taxas do Conservatorio, merecen unha xustificación dos motivos polos que, tendo oportunidade de mellorar os servizos públicos tanto culturais como educativos e reducir custos, o Concello non move un dedo para facer as oportunas xestións.
Comunicado do Concello do Carballiño
O grupo de goberno do concello do Carballiño non pode quedarse calado ante as artimañas do PsdeG-PSOE para enganar os veciños. Esa linea de subvención da que falan engloba tanto axudas para actividades deportivas, coma culturais e educativas. PrecisamenteO Carballiño ten solicitadas estas subvencións que van servir para dotar ao multifuncional dunha equipación actual en materia de son e iluminación, así como para a celebración de diversas actividades deportivas. Se outros concellos solicitaron esta linea de subvención para os seus conservatorios é cousa de cada un deles.
A demagoxia do PsdeG-PSOE é tal que din que se perdeu esta subvención, cousa que non é certo, e o peor é que enganan os veciños desta vila mesturando unha subvención coas taxas do conservatorio e a escola de música "señores do psoe enterenseantes de falar, a subvención á que se refire non se podería usar para o pagamento de soldos e seguros dos profesores, que é o 95% do gasto do conservatorio e a escola. As taxas ten un custo que nada ten que ver con recibir subvencións ou non, é máis, recordemos novamente que o 80% dos estudantes destes centros educativos pagan menos que no pasado curso(pese a ter que redefinir as taxas polo plan de axuste), e seguimos sendo un dos conservatorios co prezo máis baixo de toda a princia, só mellorado polo da capital que está financiado pola Xunta de Galicia".
Engade o alcalde de ou Carballiño que "para nós é unha satisfacción que a maioría dos pais con fillos no conservatorio e a escola de música nos felicitasen polo reaxuste de taxas, co que só os que máis teñen pagan máis, e o resto paga menos ou mesmo nada".
Comunicado da "Plataforma Stop Taxas"
A Plataforma de Afectados e Afectadas pola Suba das Matrículas do Conservatorio / Escola de Música do Carballiño, despois de coñecer a nova de que o grupo de Goberno do noso concello perdeu a oportunidade de obter unha cuantiosa cantidade de cartos en forma de subvención para Cultura e Educación, da Deputación de Ourense, por neglixencia e ineptitude ao non solicitala queremos declarar o seguinte:
1. Sentímonos decepcionados, violentados, enganados, burlados máis unha vez ao vermos como nun momento tan crítico, este “Desgoberno” de Goberno Municipal non está á altura das circunstancia, ignorando unha subvención que, outros concellos si tramitaron e acadaron. Ribadavia, Verín, O Barco son exemplos disto.
2. Isto é un despropósito para toda a cidadanía que vemos como día tras día as promesas do noso alcalde de traballar polo pobo, pola solución dos seus problemas e, por suposto, polo Conservatorio / Escola da Musica do Carballiño, lonxe de cumprilas, semella querer que o incumprimento incremente os problemas. Resulta patético, é inverosímil que ademais de afogarnos con taxas abusivas coa desculpa de que non hai diñeiro deixe escapar este cando ten a oportunidade de conseguilo.
4. Criticamos e denunciamos abertamente ao señor alcalde por abandono de responsabilidades, por neglixencia e falla de control, neste caso da concellaría ou concellarías aos que atinxen estes temas. Algo terán a ver neste caso Educación, Cultura e mesmo Facenda, non si? Por tanto, atrevémonos a pedir publicamente a dimisión tanto dos responsábeis destas concellarías como do máximo representante municipal, isto é do señor Alcalde do Carballiño por deixación nas súas funcións, por non realizar as tarefas para as que o pobo do Carballiño o elixiu.
5. Malia toda a mentira que se pretenda seguir sementando, e por todos os medios legais ao noso alcance, esta Plataforma continuará a facerse ver e oír para reivindicar algo tan simple como o dereito dos noso fillos e fillas a teren no seu propio pobo uns estudos musicais de calidade e accesíbeis para todos por igual. Conxelación das taxas xa!
As sinaturas dos veciños e propietarios de todas as localidades da parroquia de Seoane xa están en poder dos representantes municipais, son 603, a maiores das suxestións individuais que algunhas persoas tamén presentaron ao citado PXOM.
No escrito solicitan a anulación e retirada deste novo PXOM e que isto se faga efectivo antes da celebración das próximas eleccións municipais do mes de maio.
Ademais de trasladar o seu malestar ao alcalde "como máximo responsable de que isto se puxese en marcha, tamén se fai ver que existe a posibilidade de dar marcha atrás e amosar o compromiso firme, serio e valente de anulalo antes das eleccións para, entre outras cousas, impedir a desmesurada ampliación do parque empresarial en terreos da parroquia".
Así mesmo, o colectivo que asina esta petición expresa "a necesidade de que como mínimo non se reduza a superficie de solo de núcleo rural existente no actual PXOM no caso de non ser ampliada e que se manifeste de forma clara e precisa que non se destinará nin un só metro cadrado máis a superficie industrial en terreos da parroquia de Seoane".
A veciñanza opina "en base aos fundamentos xurídicos e de racionalidade da xestión pública, que o lóxico e eficiente sería ampliar o Parque Empresarial, de ser necesario, nos terreos de solo industrial reservados polo concello veciño de Maside, lindeiro coa actual superficie na outra marxe do eixe do Ribeiro, evitando deste xeito achegarse a núcleos poboados e aproveitando as conexións e infraestruturas existentes", manifestan.
Consideran que "o novo PXOM parece máis ben un capricho, xa que non é unha necesidade prioritaria para O Carballiño, sobre todo se temos en conta que a maioría de concellos da provincia non teñen desenvolvido nin sequera o seu primeiro PXOM, rexíndose moitos a día de hoxe por normas subsidiarias. Un capricho caro, feito cos cartos de todos os contribuíntes que nin o demandaron nin o validan".
Tamén critican a tardanza do alcalde e responsables municipais para achegarse á parroquia a ofrecer explicacións. Precisamente, dende o concello deuse a coñecer a convocatoria dunha charla informativa sobre o avance do PXOM para o vindeiro dia 13 de Novembro ás oito da tarde no local social de Seoane, na que participarán alcalde, concelleiro de obras e o arquitécto municipal.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 619
- 620
- 621
- 622
- 623
- 624
- 625
- 626
- 627
- …
- seguinte ›
- última »