
O Carballiño contará, dende o próximo mes de outubro, con dúas novas pistas de pádel, que se están a construír nas inmediacións do pavillón Paco Chao.
Foron moitos os veciños e colectivos que demandaron este tipo de instalacións deportivas, polo que o concello decidiu solicitar unha subvención para construílas.
Nas pasadas semanas recibiron o visto e prace para esta subvención, que vén da Xunta de Galicia a través dos fondos europeos de desenvolvemento rexional, achegando esta o 75% do custo da obra, sendo a achega do concello de 12.500 euros.
As obras comezaron esta mesma semana, e estarán rematadas na primeira semana de outubro, e dende ese momento xa poderán ser utilizadas pola veciñanza do Carballiño.
A recollida de sinaturas ten por obxecto "esixir a Marnotes que retire o proxecto do PXOM tras constatar que prexudica á meirande parte dos cidadáns, especialmente aos veciños do rural". Esta iniciativa levaráse a cabo dende este primeiro sábado de Setembro nun stand que se instalará na Praza Maior.
Os socialistas puideron comprobar "o malestar existente entre a cidadanía con este proxecto nas reunións informativas" que están a desenvolver dende o mes de agosto en colaboración tamén coa Federación Veciñal.
Nestas xuntanzas evidenciouse -apuntan dende o PSdG- a necesidade de información que teñen os cidadáns e o descontento existente cun plan de ordenación que será a morte do rural.
Por elo lamentan que o alcalde fixese ouvidos xordos durante tres meses ás peticións de máis información por parte dos veciños, e que decida agora organizar xuntanzas informativas "cando a xente xa leva meses queixándose do prexudicial que é esta nova ordenación".
Os socialistas agardan que "nestas xuntanzas os técnicos sexan alomenos capaces de aclarar cales son os criterios que se seguiron para marcar os límites entre zona edificable e non edificable e atopar así algunha explicación a por qué a casa dun concelleiro se mantén en terreo urbanizable e todos os terreos anexos non".
En todo caso "o tempo de informar xa pasou e que agora é o tempo da acción e de recoñecer que este plan é un desastre, anulalo e de poñerse a traballar nun novo plan máis axeitado e menos prexudicial para a cidadanía" remarcan os socialistas.

O matadoiro leva dous anos pechado despois de que abandonase as instalacións a antiga concesionaria, Carnes do Carballiño. Daquéla, a precariedade das instalacións e a caducidade da concesión adminstrativa deixaron sen traballo aos profesionais que, dende entón veñen demandando a reapertura do matadoiro, de titularidade municipal.
Os matachíns, que contaron co apoio dos grupos da oposición, concentraronse ante a casa do concello para facer visible ante a cidadanía a súa protesta por unha situación que se prolonga despóis do fallido intento do concello carballiñés de reabrir estas instalacións por medio dun convenio co Clúster da carne de Galicia.
O alcalde do Carballiño manifestou que xa comunicou aos traballadores "que a Xunta emitirá o vindeiro dia 8 un informe que determinará o futuro do matadoiro, xa que nos indicará se podemos ou non facer un concurso para adxudicar a concesión administrativa das instalacións".

O Festival de Teatro Galego -do 2 ao 5 de Setembro- contará este ano con funcións en horario de de mañá, tarde e noite. As representacións e actividades da mañá e tarde son gratuítas e dirixidas fundamentalmente ao público infantil, incluido teatro para bebés.
Diariamente celebraránse talleres de malabares e instrumentos raros na Praza Maior, de 11 a 13 e de 17 a 19 horas. A casa da cultura acollerá os espectáculos de maxia e para bebés ás 12,30 horas, e finalmente, tamén a diario, o anfiteatro da Veracruz acollerá representacións de teatro infantil.
Nas sesións nocturnas no auditorio do Carballiño as entradas terán un custe de 8 euros e os asistentes poderán gozar de montaxes de gran categoría como Bye, bye, honey, da compañía "Obras Públicas", galardoada con dous premios "María Casares".
Tamén actuará a compañía "Lagarta, lagarta" co seu espectáculo O país do Pato Donald, unha reflexión dirixida por Xulio Lago sobre a derradeira estación da vida dun profesor de literatura (Ernesto Chao) que vive os seus últimos días entre a realidade e as lembranzas.
Finalmente, Misterio Cómico de "Teatro do Morcego", será outro dos espectáculos que integran a 25ª edición de Fetega, precisamente no ano no que esta compañía cumpre tamén as súas vodas de prata nos escenarios.
A organización corresponde a asociación FETEGA, que asumíu na útlima década esta responsabilidade que viñeron exercendo dende fai 25 anos a Agrupación Cultural Avantar, a Asociación Cultural Orballo e a propia comisión de festas do Setembro. Coa organización colaboran entidades privadas e públicas, entre éstas, están o Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e AGADIC-Xunta de Galicia.

Tarde de moita calor e inicio da tempada en preferente con severa derrota ante o Erizana , que seguramente non necesitaba dos favores arbitrais para levarse os tres puntos de Espiñedo, xa que os de Baiona foron mellor equipo e xusto vencedor.
C.D. Arenteiro: Pachi, Carlos, Diego López, Dani Arbo, Pana, Ocmapo, Victor Gallego, Bardelás, Sanginés, Dani Vázquez e Brais. Tamén xogaron Lois, Alex Santiago, M. Sotelo e Quiroga.
Goles:
0-1. Minuto 31.Gol de Besteiro, que descaradamente controla o balón coa man, nin o árbitro nin o linier queixeron velo.
0-2. Minuto 64. A saída dun corner, Manu Núñez, aproveita a floxeira defensiva do Arenteiro para marcar o segundo, eso sí, o árbritro tampouco ve que toca o balón coa man.
0-3. Minuto 78. A defensa verde volve outorgar todo tipo de facilidades para que Copa se vaia en solitario faga o terceiro da tarde.
O Partido: Aínda que acaso o marcador é algo esaxerado, o equipo de Baiona mereceu gañar o partido, porque estivo moito mellor posicionado no terreo de xogo e porque soubo definir as súas ocasións, independientemente da axuda arbitral. O Arenteiro estivo mal en todas a liñas, desubicado no campo, e con poucas opcións de meterse no partido, salvo un remate de cabeza de Ocampo ao longueiro, xa co 0-2 no marcador.

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño denunciará á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar por coaccións a cargo público no exercicio das súas funcións. Ademais, esixen a Marnotes a anulación da concesión do servizo a esta empresa que non só incumpre as condicións acordadas coas traballadoras senón que tenta silenciar e amedrentar a quen protesta.
Así o anunciaron hoxe a concelleira Iolanda Otero e o portavoz do PSdeG, Francisco Fumega, nunha rolda de prensa na que explicaron estes feitos.
A denuncia ven motivada pola carta enviada dende a empresa ao Grupo Socialista na que se lles insta a non continuar coas reclamacións pola situación laboral na que se atopan as traballadoras dende que o servizo de axuda no fogar foi privatizado polo concello mediante concesión á empresa Galaurea.
Nesta carta, a empresa ameaza con denunciar á concelleira por revelación de datos e violación da intimidade dos usuarios, facendo referencia ao debate sobre esta cuestión no pleno do pasado 17 de xullo.
Os socialistas sinalan que esta acusación é totalmente falsa, que en ningún momento houbo revelación de datos dos usuarios do servizo de axuda no fogar, senón unha defensa da situación que levan meses sufrindo as traballadoras, con reiterados incumprimentos do seu convenio laboral, reducción de horas de traballo e empeoramento das súas condicións.
A concelleira Iolanda Otero afirmou hoxe que “non imos deixar que unha empresa privada nos intimide, e moito menos imos deixar de exercer o noso traballo de fiscalización. Non nos van amedrentar nin a silenciar”.
Na mesma liña, Francisco Fumega sinalou que “unha empresa privada non pode determinar como fai o seu traballo a oposición, que está precisamente para defender os intereses dos cidadáns”.
Fumega tamén criticou a postura mantida polo alcalde xa que “o representante dos cidadáns non pode poñerse de lado dunha empresa. Ten que defender ás traballadoras e non o fai. E neste caso, ten que defender á concelleira socialista como membro da corporación municipal ante este tento de intimidación que está a sufrir”.
Os verdes apuran a preparación ante o inminente inicio da liga, este domingo 31 de Agosto no Estadio de Espiñedo ante outro dos recén ascendidos, o Erizana CF de Baiona.
O partido que alza o telón da competición da preferente autonómica xogaráse a partir das 6 da tarde.
CD Arenteiro 0 Barbadás B 2
Ante o finial do Barbadás os carballiñeses xogaron o peor partido da pretempada. O adestrador local dispuxo dous equipos, ún en cada parte, os dous foron superados polo equipo rival, que marcou un gol en cada periodo.

Un grupo de traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio, que xestiona a empresa Galáurea, apoiadas pola CIG, concentraronse diante a casa do concello en demanda da convocatoria dunha mesa de negociación.
A concentración tamén estivo apoida polos grupos municipais de PSdG e BNG, e por AGE. Pretenden unha solución para as "disfuncións que está a sufrir o servizo dende que a empresa se fixo cargo do mesmo".
Instan ao alcalde do Carballiño para que faga as xestións necesarias para que se abra unha mesa de negociación na que estean representadas as traballadoras, a empresa e o propio concello.

A cita é o domingo 24 de Agosto na vila de Leiro, que acollerá a edición 25 deste acontecemento festivo e etnográfico.
A actividade estrela da programación é o gran desfile de carrozas e charangas, que decorrerá pola rúa principal de leiro a partir das 12,30 horas, antes, a conselleira do Medio Rural e o Mar, Rosa Quintana será a pregoneira da festa, na praza do Cruceiro.
Ademáis do concurso de carrozas, tamén están convocados os de acios, e adorno de balcóns e locais.
No parque do Salgueiral celebraráse un mercado artesanal, e tamén o xantar popular dende as 14,30 horas. Pola tarde, actividades infantís e baile cun grupo musical.
As oito da tarde, na igrexa de San Pedro, terá lugar o festival de corais da vendima, no que participarán este ano a Coral Santa Marta de Xinzo de Limia e os anfitrións da Coral Val do Avia de Leiro.
As 21 horas, completaráse a programación desta Festa da Vendima 2014 coa actuación do grupo de música tradicional galega " A Roda".

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño denuncia "o abandono ao que o Concello ten sometido ao barrio de Flores".
Manifestan que a falla de limpeza e o mal estado das rúas é unha das queixas que os veciños desta zona teñen trasladado aos socialistas en diversas ocasións.
Salientan que o barrio de Flores é un dos máis antigos do Carballiño e por tanto de gran interese turístico para os visitantes. Por elo, afirman "é aínda máis grave que o goberno do PP teña o barrio totalmente descoidado, coas rúas cheas de baches e sen unha limpeza axeitada".
Recordan dende o PSdG que "a Festa do Pulpo foi un exemplo deste abandono, xa que a noite do sábado concentrou a maior parte da movida nocturna nas rúas de Flores, que ao día seguinte parecían unha zona de guerra, cheas de lixo e cristais. Tendo en conta que o día da Festa do Pulpo son moitos os visitantes que se moven polo casco urbano da vila, o lóxico sería ter limpado a zona a primeira hora da mañá e non deixala chea de lixo todo o día", remarcan.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 623
- 624
- 625
- 626
- 627
- 628
- 629
- 630
- 631
- …
- seguinte ›
- última »