23, Xullo 2014

A Federación de Comercio de Ourense e as distintas asociacións gremiais e comarcais como son a Asociación de Empresarios de Verín, a Asociación de Empresarios e Comerciantes do  Carballiño, Establecementos Asociados do Ribeiro, Federación de Empresarios da Terra de Caldelas, a Asociación de Pasteleiros e Confiteiros de Ourense así como a Asociación de Floristas de Ourense e Provincia veñen de firmar un convenio de colaboración para realizar actuacións de revitalización do comercio de proximidade e incentivación da demanda comercial ao amparo da subvención tramitada pola Federación de Comercio de Ourense ante a Dirección Xeral de Comercio.

Indicar que todas as actuacións de promoción do comercio local solicitadas no expediente da Federación de Comercio de Ourense de acordo coas bases estipuladas na Orde do 25 de febreiro de 2014 pola Consellería de Economía e Industria, foron aprobadas na súa totalidade.

 Os convenios asinados coas distintas asociacións permiten  levar a cabo actuacións por un importe global de 22.052,44 euros para realizar actividades promocionais do comercio local entre as que cabe destacar a colocación de vinilos ou paneis nos escaparates de locais baleiros ubicados nas localidades de Verín e Carballiño, tamén permiten a elaboración de láminas explicativas sobre o comercio do Carballiño, a elaboración dun vídeo promocional do comercio do Ribeiro e a realización dun sorteo de cine nesta localidade, e tamén para incentivar a demanda comercial os pasteleiros e confiteiros de Ourense así como os floristas da provincia darán uniformidade e profesionalidade aos asociados mediante chaquetillas profesionais no caso dos pasteleiros e mandís no dos floristas, e na Terra de Caldelas como xa ven sendo habitual a edición de calendarios.

 

23, Xullo 2014

O Grupo Municipal do PSdeG cuestionou a moción aprobada polo PP no derradeiro pleno para pedir, con carácter de urxencia, a reapertura da residencia do Cornuval, tendo en conta que esta mesma petición xa a fixeron os socialistas hai dous anos e Marnotes e o seu goberno amosaron un pasotismo absoluto ao respecto.

Pregúntanse “por qué hai dous anos, cando pedimos ao Concello que instase á Xunta a súa reapertura tras as obras de ampliación, non nos fixeron nin caso e agora queren facelo de xeito urxente e poñendo ao Goberno galego a data límite do 31 de decembro para abrir as instalacións”.

Consideran que “isto non é máis que un tento vergoñento de propaganda electoral de Marnotes, que seguramente sabe que a Xunta ten previsto algún proxecto e tenta anotarse o tanto, porque xa sabemos que as súas peticións ante o Goberno galego caen sempre en saco roto xa que non lle fan nin caso”.

“É patético que Marnotes leve tres anos demostrando día tras día o seu pasotismo e ineficacia coas cuestións que máis importan aos cidadáns, e veña agora a tentar poñerse medallas porque se achegan as eleccións”, sinalan.

Por elo, reclaman ao alcalde que “xa que lle entrou a ansia de traballar e facer todo o que non fixo antes, tamén pode instar á Xunta a abrir o parque de bombeiros, ou dotar ao Carballiño de efectivos de protección civil, xa que agora mesmo estamos desprotexidos ante unha emerxencia”.

Entre a lista de “deberes pendientes” tamén están cambiar a ubicación do Centro de Saúde, a reapertura do matadoiro, a dotación dun local de ensaio para grupos locais ou construír a estación intermodal.

Os socialistas instan a Marnotes a poñer tamén como data límite o 31 de decembro para cumprir estes compromisos que el mesmo fixo cando se presentou á alcaldía,  “e se non é capaz de facelo, que recoñeza a súa ineptitude como alcalde do Carballiño e se marche para a casa”.

“Marnotes pasará á historia como o alcalde que menos fixo polo Carballiño, que nunca estivo tan abandonado como agora; o que máis subiu os  impostos, o que máis compromisos electorais incumpriu e o que só foi quen de promocionar a nosa vila visitando os xulgados”, conclúen.

 

 

22, Xullo 2014

O Comité de Competición da Federación Galega de Fútbol emitíu unha resolución na que outorga ao club carballiñés a praza que quedara vacante na preferente tras a renuncia de C.D. Ourense B.

Asi pois, Club Deportivo Arenteiro xogará na vindeira tempada 2014-2015 no grupo sur da preferente autonómica. O Comité de Competición da Federación Galega de Fútbol concede a praza ao Arenteiro "por mellor dereito deportivo".

Preme no arquivo adxunto para ver a resolución do Comité de Competición:

19, Xullo 2014

Esta vindeira semana será decisiva para coñecer o futuro deportivo inmediato de Club Deportivo Arenteiro que, xunto o Domaio C.F. de Moaña, están a espera de saber se finalmente van ocupar ou non a vacante que deixou o Ourense B na Preferente Autonómica.

O Domaio, que foi cuarto clasificado no grupo pontevedrés da 1ª autonómica acadou 64 anos na última liga, mentres que o Arenteiro clasificouse terceiro no grupo ourensano, no que acadou 74 puntos. Os dereitos deportivos parecen estar claramente a favor do Arenteiro, pero ante as presións que están exercendo dende as Rias Baixas tampouco se descarta que a Federación deixe o grupo con 19 equipos para a tempada 2014/2015.

O club carballiñés xa trasladou á Federación a súa inquietude pola tardanza en tomar unha decisión, nunha absoluta situación de incertidume que se prolonga dende finais do mes de Xuño.

 

 

17, Xullo 2014

O alcalde Argimiro Marnotes trasladou ao pleno da corporación nunicipal do Carballiño unha proposta na que propuxo este acordo, que agora remitiráse aos máximos responsables da Xunta.

O concello do Carballiño "esixe á Xunta de Galicia para que de forma inmediata se poña en servizo a residencia de maiores sita no Cornuval, sexa cal sexa a súa forma de xestión". Ademáis solicitaráse unha entrevista tanto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como coa conselleira de traballo e benestar social, Beatriz Mato para tratar esta demanda do concello carballiñés.

Como data límite para a apertura por parte da Xunta fíxase a do 31 de Decembro deste ano 2014. Marnotes recordou que "este edficio construíuse en terreos municipais que foron cedidos para ese fin, e esa finalidade ten que cumplirse tal como demandan os veciños e veciñas do Carballiño".

15, Xullo 2014

A Asociación para a Prevención da Exclusión Social e as concellerías de Sanidade e Igualdade e Benestar Social presentaron  unha campaña de sensibilización sobre os riscos de consumir alcohol e conducir, que contará tamén coa colaboración das autoescolas locais.

"Conducindo cos cinco sentidos" programará distintas actividades, como a que se desenvolverá o dia 23 de Xullo dende as 19 horas na Praza Maior do Carballiño.

Tanto a presidenta da asociación Raquel Crespo, como o concelleiro de sanidade Martín Nogueira, convidaron "a tos a participar nesta campaña porque é necesario concienciar á sociedade sobre os riscos que conleva a combinación coche-alcohol".

Nogueira salientou a colaboración que o concello carballiñés mantén con esta asociación dende o ano 2013, tanto coa propia institución municipal como a través doutros colectivos, como a asociación de comerciantes do Carballiño para favorecer a incorporación ao mundo laboral de persoas en situación de risco social.

15, Xullo 2014

O PSdeG criticou  a “nefasta política económica do Goberno de Marnotes” que se demostra nos 129  informes negativos do servizo de intervención dos gastos que se fan dende o Concello.

Os socialistas sinalan que estes informes técnicos negativos “poñen en cuestión que o gasto que está a facer o goberno local do diñeiro público sexa axeitado”.  Por elo, reclaman ao Concello transparencia “e que poñan as contas sobre a mesa, porque a oposición non conta con ningunha documentación que xustifique a onde van a parar eses cartos”.

Lembran que o goberno de Marnotes ten prorrogados os orzamentos do pasado ano, cunha partida de 10 millóns de euros; unha cifra que non se reflicte en investimentos que melloren a calidade de vida dos cidadáns. “Non se entende a suba brutal de impostos aos cidadáns para logo deixalos cada vez con menos servizos”, afirman.

"O rural está abandonado, a maleza invade as rúas e áreas recreativas, o casco urbano cheo de baches, non hai unha soa iniciativa para  crear o emprego, reactivar a economía e potenciar o turismo, non contamos con efectivos de seguridade para atender emerxencias, e un curso máis os pais e nais quedarán sen praza en garderías mentres segue sen construírse a segunda Galiña Azul”, lembran.

Consideran que isto é unha proba dunha política económica desastrosa, na que o goberno do PP gasta sen dar explicacións mentres os cidadáns non ven que ese gasto repercuta no seu benestar. “Moito nos tememos que todo o diñeiro se vai en resolver as súas cuestións, pagar avogados e en contratar a afíns, mentres as necesidades dos cidadáns quedan nun segundo plano”.

“Co diñeiro que o Concello leva gastado en avogados seguro que tiñamos toda a maleza do rural limpa”, apuntan.

Sinalan que a falla de transparencia do goberno do PP tamén se demostra na política de contratación xa que “fan e desfan ao seu antollo, para ao final acabar contratando a persoas afíns”.

Lembran que unha das últimas contratacións realizadas, para cubrir o posto de auxiliar da biblioteca, “foi tan evidente que incluso rexistramos ante notario o nome da persoa que obtería a praza antes de que se levase a cabo o proceso”.

Non é normal que un Concello conte con 129 informes técnicos negativos dos gastos realizados, é unha cifra sen precedentes e que demostra que o gasto non se está a facer axeitadamente, que a política económica de Marnotes e o seu goberno é un desastre e que deben explicar aos cidadáns en qué se está a gastar o diñeiro pùblico”, rematan.

10, Xullo 2014

O Salón de Plenos do concello de O Carballiño acolleu a  reunión da Xunta Local de Seguridade de O Carballiño, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de O Carballiño, Argimiro Marnotes Fernández e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

Na Xunta Local de O Carballiño analizáronse os datos relativos á delincuencia na comarca durante o ano 2013 – Xaneiro – Maio de 2014, e que expresan unha tendencia á baixa no cómputo de delitos; os índices  das faltas manteñen taxas moi reducidas, pero detéctase un leve incremento das infraccións administrativas. As porcentaxes de esclarecemento, tanto en delitos como faltas, experimentan resultados á alza, así como tamén soben o número de detencións efectuadas.

Así mesmo, asinouse o Protocolo – Acordo de Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de O Carballiño para a protección de vítimas de violencia de xénero.

Na reunión tamén se avaliaron as previsións en materia de seguridade para o segundo semestre do ano, prestándolle atención á chegada do período estival. Deuse conta, así mesmo, dos traballos previos que xa se están a desenvolver, para concretar o dispositivo de seguridade a establecer na Festa do Pulpo.

 

DECLARACIÓNS

O subdelegado do Goberno agradeceulle ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e á Policía Local “o magnífico traballo diario desenvolvido a prol do benestar da cidadanía reflectido nas estatísticas que hoxe acabamos de coñecer”, e animounos a seguir incidindo na mesma tarefa “de compromiso tanto no campo da investigación de casos pendentes como no eido preventivo de cara ao futuro”.

Trala chegada do verán, e coa previsión da Festa do Pulpo, Roberto Castro sinalou, “a necesidade de incrementar tódalas  atencións, e delimitar con exactitude o dispositivo para que a celebración da Festa do Pulpo sexa un referente de normalidade e a seguridade do gran número de visitantes que se acheguen á capital do Arenteiro, estea garantida”.

 

 

 

9, Xullo 2014

Rómpese asi unha tradición familiar na autoría do cartel, xa que Felipe Senén López Gómez continuara dende o ano 1997 co traballo que antes facía o seu pai, Felipe López.

O tamén artista carballiñés, Jesús Carballido, aceptou a invitación feita dende o concello "por tres motivos, porque Felipe López foi o meu mestre de debuxo, pola amistade que teño con Felipe Senén e a súa irmá Gracia, e porque tamén son do Carballiño".

8, Xullo 2014

Este xoves dia 10 de Xullo, Podemos celebra unha nova asamblea aberta, ás 20:30 horas na Praza Maior do Carballiño.

Nesta nova convocatoria -que será a cuarta- dende que comezou a xestarse este proxecto político, a cidadanía poderá facer suxerencias e preguntas sobre o ideario desta nova formación política.

Eduardo Ordoñez, un dos promotores de Podemos O Carballiño, fixo un chamamento á veciñanza a participar nesta nova reunión aberta "xa que vimos non so para facer asambleas na rúa, senón para chegar os órganos de poder político e cambear a situación actúal".

"A nosa meta é algo utópica, pero a utopía é un pouco o horizonte que nos fai andar e nos impulsa" dixo Ordoñez, que tamén manifestou en relación a presentación dunha candidatura nas eleccións municipais de 2015 que "será algo que se decidirá na asamblea, pero dende logo teño claro que si nos presentamos a esas eleccións será para gañalas".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS