10, Abril 2012

O Roubo cometeuse en data indeterminada, entres o mércores e o domingo da pasada semana santa, os ladróns aproveitaron a ausencia durante ese tempo dos propietarios para entrar na vivenda, sita na rúa Principal de Maside.

Cando Antonio Iglesias "Cadavid", coñecido empresario masidao, e a súa esposa regresaron o domingo ao seu domicilio atoparonse coas dependencias da casa revoltas e logo poideron comprobar que se trataba dun roubo.

O botín conseguido polos ladróns -según os datos aportados a esta emisora de radio polo propietario da vivenda- foi considerable, xa que se levaron diversas xoias, entre elas reloxios de ouro e outros obxetos de bastante valor, asi como 40.000 euros en diñeiro efectivo que a familia gardaba nunha caixa forte.

9, Abril 2012

O Concello de Avión pon en marcha unha nova actividade: TAI-CHI, que o faremos nas instalacións deportivas da Piscina Municipal do Sifón. Sempre que o tempo o permita será na pista de herba artificial e cando non dentro das propias instalacións climatizadas da Piscina.

O Tai-Chi é unha disciplina milenaria chinesa que combina exercicios corporais, respiratorios e mentais executándose de xeito suave e lentamente, permitindo o desenvolvemento da relaxación mental, concentración, coordinación e respiración consciente e profunda.

Os seus beneficios son accesibles a todas as persoas de todas as idades e capacidades físicas.

Esta actividade desenvolverase todos os martes, de 7 a 7,45 da tarde, comezando o próximo día 17 deste mes de Abril.

Todas aquelas persoas interesadas en vir a Tai-Chi deberán anotarse antes dese día no Pavillón, na Piscina, na Biblioteca ou na Casa Vermella. As prazas son limitadas e admitiranse por rigorosa orde de solicitude.

O prezo será de tan só 10 €uros ao mes, agás este de Abril que será de 5 €uros.

9, Abril 2012

A decisión non é oficial, aínda que ésta é a proposta con máis forza de cantas barallan os responsables municipais, dedicarlle este ano a festa ás polbeiras de Arcos.

A dedicatoria será este ano especial, xa que coincide có 50 aniversario da Festa do Polbo, polo que se xustificaría esta elección para recoñecer a contribución á festa e a esta tradición gastronómica por parte das familias polbeiras da parroquia de Arcos. Ademáis, tamén se cursaría invitación a todas as institucións ás que se dedicou a festa durante as pasadas décadas, coa idea de contar cunha representación de todas elas o vindeiro 12 de agosto no Carballiño.

Doutra parte, todos os escritos oficiais do Concello do Carballiño levarán impreso o logotipo da 50 edición da festa, e traballase na confección dun calendario de actividades para desenvolver tanta na semana anterior á convocatoira festiva como nos meses previos a agosto, unha programación de actividades que estarán dirixidas a todos os públicos e que terán un marcado carácter cultural e gastronómico.

 

8, Abril 2012

A participación nesta asemblea extraordinaria rebasou todas as expectativas, do total de 230 socios que forman parte da Sociedade acudiron á convocatoria 165, cando a media de asistencia viña situandose arredor do medio centenar.

A Sociedade Deportiva de Cazadores do Irixo, probablemente o colectivo social máis numeroso do municipio, celebrou esta asemblea a petición dun grupo de socios, que facendo valer os estatutos da sociedade, reuniron o número sufiente de firmas para esixir a convocatoria, ante a pasividade do actúal Presidente, que se amosaba reacio á petición dunha parte do colectivo de cazadores que viñan demandando un posicionamento público e oficial da Sociedade en contra da instalación da planta incineradora.

Tras unha breve exposición por parte dos promotores da convocatoria, na que manifestaron a súa postura en contra da incineradora pola súa repercusión negativa na fauna e na flora asi como unha reducción da superficie do TECOR que xestiona a Sociedade, procedeuse a unha votación mediante papeletas dispostas a tal efecto.

Dos socios que acudiron á asemblea, 87 votaron en contra da incineradora e 65 a favor, mentres que outros 13 socios non se pronunciaron. Desta maneira, en porcentaxes, resultou que un 53% dos socios asisntentes posicionaronse en contra da instalación da incineradora. Unha postura maioritaria que será agora comunicada por escrito ao Concello do Irixo.

 

 

7, Abril 2012

O Grupo de acción ecoloxista ven de presentar as súas alegacións ao PXOM en materia de patrimonio arqueolóxico. En opinión da Asociación EcoloxistaEn total son 50 xacementos arqueolóxicos que hai que revisar en situación xeográfica ou en  planimetría, dos cales 25 son novos descubrimentos”

A importación destes descubrimentos é vital para a súa inclusión no Plan Xeral, xa que é a ferramenta imprescindible para evitar a súa destrucción. Entre os novos achádegos hai xacementos das distintas épocas da nosa prehistoria, idade antiga e medievo, En opinión da asoaciación ecologista  “ atopamos dende mámoas do neolítico, petroglifos da idade do bronce, minería aurífera a ceo aberto da época romana ata cruces e marcos do medievo”. O Grupo Outeiro destinou todos os medios posibles para a revisión deste PXOM porque é consciente da súa importancia á hora de preservar o noso patrimonio natural e cultural, algo que leva facendo dende máis de 30 anos.

 O Grupo Outeiro xa foi protagonista no 2006 co descubrimento da Área Arqueolóxica de Cangues (Irixo), nos terreos dun monte comunal onde estaba ubicada a escombreira das obras do AVE, descubrimento que deu a coñecer as figuras antropomorfas, petroglifos únicos na Galicia interior.

Ademáis dos propios membros do Grupo Outeiro contamos coa colaboración do historiador Xosé Luis Sobrado, que aportou datos fundamentais sobre a mineria romana, tema no que traballou fai algún tempo,  Antonio García Reinoso da Asociación Sta Mariña da Cidá, gran coñecedor dos montes do Irixo e Adolfo Otero Loureiro (Presidente da Asociación de veciños de Madarnás).

 Á hora de valorar o conxunto do patrimonio do Concello do Irixo En opinión da asociación ecoloxista   “ é un concello dunha riqueza extraordinaria, tanto en  patrimonio natural como cultural, cun contraste entre vales e montañas que o fai  especial dentro da comarca do Carballiño, estes xacementos veñen a confirmar a presenza dos nosos antepasados nestas terras fai máis de 6000 anos, as mámoas como primeira arquitecura monumental da historia, os petroglifos como a máis importante manifestación artística da prehistoria recente e por su posto a minería romana que certifica a chegada dunha nova era”

 Sen dúbida é un concello cunha  riqueza monumental extraordinaria, igrexas, capelas, cruceiros, pontes medievais e camiños reais, onde aínda se poden ver as pegadas dos carros sobre as laxas, mineria de Wolfram e estaño nos montes do Testeiro e basta lembrar que de Sta Mariña da Cidá  é a procedencia dunha arracada ( pendente de ouro) unha xoia que se atopa no museo arqueolóxico de Pontevedra.

 A IMPORTANCIA DO PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal)

 Para o Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro, un PXOM é a ferramenta imprescindible e necesaria para sentalas bases de prevención dos bens patrimoniais. É o marco legal, no que se ten que fundamentar a protección do patrimonio xa que conta cunha normativa que regula as obras a executar dentro das áreas de respeto dos ben patrimoniais.

"Evidentemente non vale de nada ter unha ferramenta si despois non se usa ou está mal empregada. De ahí a "obrigatoriedade" de contar cun arqueólogo municipal que colla esa ferramenta e lle de uso ". "O PXOM ten que complementar e ampliar o catálogo de bens da Xunta non só co número de xacementos se non tamén coas áreas de protección (integral e de respeto) porque hai catálogos de concellos moi obsoletos que non contan con esas áreas. Evidentemente esto ten que ir acompañado de outras medidas como o de sinalización e  revalorización xa que é moi importante que os veciños dun concello coñezan o seu patrimonio cutural", manifestan..

O catálogo do PXOM do  Irixo está "na nosa opinión moi incompleto polo que solicitamos sexan aceptadas as nosas alegacións, e deixar aberta a posibilidade de incluir novos achádegos que seguro que irán chegando. O noso patrimonio está en perigo, non polas persoas que o destrúen, se non polas que non fan nada para evitalo. E necesario pasar á accón.", recalcan desde o Grupo Outeiro.

 

 

 

 

 

 

 

4, Abril 2012

O concello do Carballiño ofrece xa un novo número de teléfono para a atención tributaria, este número é o 988 98 40 71, e estará aberto de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas de forma ininterrompida.

Neste teléfono todo contribuínte do Carballiño poderá consultar calquera dúbida tributaria, como prazos de pagamento ou débedas co concello, e ao mesmo tempo ofrécelle servizos como solicitar duplicados de pagamentos, a domiciliación de recibos co conseguinte beneficio que isto reporta ao contribuínte carballiñés mediante gravación de voz, os ingresos en conta e todo o que teña que ver co servizo de recadación do concello.

Así mesmo ofrécese a posibilidade aos contribuíntes dun servizo de información tributaria sms, co que quen o desexe poderá recibir mediante unha mensaxe de texto, toda a información relativa aos seus impostos e taxas municipais. Este servizo poderase adquirir dando o teléfono móbil a través da liña antes mencionada, o 988 98 40 71, ou ben directamente na oficina de recadación municipal situada na rúa Faustino Santalices.

Con este servizo o usuario recibirá inmediatamente toda a información relativa aos seus impostos municipais tales como períodos de pagamento, débedas ou recargas.

Con este novo servizo o actual grupo de goberno municipal segue apostando por facilitar ao contribuínte todos os seus compromisos co concello, axilizando as xestións e ofrecendo maior comodidade ao veciño.

2, Abril 2012

A reprimenda que no último pleno levou aos grupos da oposición a abandoar a sesión, motivou unhas declaracións do Alcalde nas que pide perdón "non por causas propias senón alleas".

Caamaño referíase asi ao último episodio polémico que se vivía no pleno da Corporación de Boborás no que se procedía a aprobar o plan de axuste para o pagamento aos proveedores. Nun momento da sesión, produciuse unha tensa discusión entre os portavoces do PSOE e MOVE Boborás, Alberto Otero e Eva Pardo,  e o propio Alcalde, éste fixolles duas chamadas á orde, e xa non foi precisa a terceira porque os grupos da oposición abandonaron o pleno.

O Alcalde Cipriano Caamaño dixo que "Boborás non merece estar nos medios de comunicación dando esta imaxe, pido perdón aos veciños polo comportantento dese concelleiro -en alusión a José Benito Trigás- que usou eses termos nunha sala de sesión, se a oposición é portadora de mala educación, os veciños non teñen por que escoitar palabras mal sonantes, supoño que él foi a escola pero a escola non pasou por él".

"Nun pleno ten que haber unha órde, esto non é un coloquio ou unha charla nunha terraza, aquí hai turnos de intervención que hai que respectar, e despóís vótase", concluíu o Rexedor Municipal.

 

1, Abril 2012

Nogueira de Ramuín e Arenteiro volveron repetir o resultado da primeira volta, en 180 minutos de xogo non foron capaces de marcar un gol válido. E incidimos no de válido porque o Arenteiro sí conseguíu esta tarde marcar un gol no minuto 80 de partido por medio de Alén, pero o árbitrou anulouno por suposto fora de xogo, privando ao Arenteiro dunha probable victoria.

O Arenteiro levou desde o principio o peso do partido, a disposición táctica dos carballiñeses desquiciou ao Nogueira, a pesar de comezar o partido os carballiñeses atá con 5 ausencias de xogadores habituais no equipo titular: César, Pablo, e Iglesias que non podían estar, e Marcos Sotelo e Alén no banquiño. Asi e todo, o Arenteiro fixo hoxe unha demostración de poderío físico, de ambición e de estilo, e só a falta de pegada -outra semana máis- condenou ao Arenteiro a un empate que, visto o visto no campo, sabe a pouco, se algún equipo mereceu gañar hoxe no campo da Tella foi o Arenteiro. O Nogueira tan só inquietou en dúas ocasións ao final da primeira parte.

Terceiro empate consecutivo do Arenteiro, 3 puntos de 9 posibles na últimas tres xornadas, fan que os carballiñeses cheguen á recta final do campionato sen apenas marxe de erro. Tralo empate no campo do líder, conserva a 2ª posición na clasificación, a tan só 2 puntos de Covadonga e Allariz, e a 3 do Ramirás.

 

 

 

31, Marzo 2012

As primeiras estimacións feitas apuntan a que arderon unhas 75 hectáreas de superficie, na súa maior parte monte raso, según a información facilitada pola Consellería do Medio Rural.

 O incendio afectou a montes localizados na parroquia de Abelenda, no municipio de Avión. O lume declarouse sobre as 10 da noite do venres, e os técnicos derono por controlado esta tarde. Nos traballos de extinción participaron un total de 15 brigadas, 9 axentes forestais, e empregaronse medios terrestres, motobombas e palas.

31, Marzo 2012

O Presidente do Partido Popular de Galicia reuniuse este sábado cos responsables locais do seu partido na Comarca do Carballiño.

Alberto Núñez Feijóo tivo ocasión de ver o ambiente de feira que na mañá deste sábado dia 31 se vivía no Carballiño, coa celebración da feira do derradeiro de mes. Tras ser recibido polo Alcalde do Carballiño e Presidente Local do PP, Argimiro Marnotes, o máximo dirixente dos populares galegos compartíu o aperitivo cos membros da xunta local na terraza da cerveixería Don Paco, na rúa Rosalía de Castro, no centro do Carballiño.

Posteriormente, Feijóo trasladouse atá o Restaurante Fuchela, onde asistíu a un xantar cos Alcaldes e responsables locais do Partido Popular na Comarca do Carballiño, xunto ao Presidente Provincial Manuel Baltar e outros dirixentes do Partido Popular. A visita de Feijóo ao Carballiño enmarcase dentro dos contactos que está realizando cos responsables do seu partido nas comarcas.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS