18, Outubro 2023

O presidente provincial anunciou que no vindeiro ano a Deputación duplicará esta iniciativa, pasando de dous a catro os balnearios da provincia nos que se desenvolverá o programa, e aumentando ata dez os concellos cos que se podería conveniar o seu desenvolvemento (actualmente existe convenio con Boborás, O Carballiño e Carballeda de Avia). Deste xeito, poderase aumentar ata 150 o número de usuarios no ano 2024, cando na actualidade son 77 os beneficiarios.

O presidente da Deputación, Luis Menor, visitou o Balneario de Partovia para coñecer de primeira man o desenvolvemento do programa de termalismo contra a soidade non desexada, así como as demáis modalidades do programa provincial que teñen lugar neste histórico centro termal. Na visita, Luis Menor estivo acompañado pola deputada de Políticas Sociais e alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; así como polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e a directora do Balneario de Partovia, Eva Álvarez.

“A Organización Mundial da Saúde ten declarada a soidade non desexada como un problema de saúde pública, e nese eido estamos a traballar na Deputación, onde a través da área de Benestar fixámonos un obxectivo de mandato: que no 2027 se superen as 500 persoas maiores con acceso aos balnearios como recurso idóneo de saúde física e emocional”, explicou Luis Menor. “A loita contra a soidade é un reto para as administracións e a sociedade en xeral, e por iso non podemos mirar cara outro lado, senón intensificar os esforzos para contribuír a atallala”.

O presidente provincial tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a satisfacción das persoas usuarias co programa. Luis Menor garantiu que o programa de termalismo para loitar contra a soidade non desexada non só terá continuidade, senón que será reforzado e as persoas usuarias na actualidade terán a praza garantida en 2024 se así o consideran.

O programa de termalismo contra a soidade non desexada iniciado este ano permite a 77 usuarios acceder todas as semanas a un balneario para recibir terapias termais en grupo. Esta é a achega diferencial desta modalidade do Programa de Termalismo provincial posta en marcha este ano: non se trata dun acceso puntual durante uns determinados días ao ano a un balneario, como a modalidade de estancias ou a de tratamentos, senón que é unha modalidade de goce semanal, durante un período comprendido entre 6 e 9 meses. As terapias que se reciben, en grupos de 20 persoas como máximo, inclúen o acceso a servizos termais, que se complementan con actividades grupais de diferente natureza que xuntan a experiencia social cos beneficios da auga mineromedicinal.

Acceso ao programa
Ao “termalismo contra a soidade non desexada” pódese acceder a través dos servizos sociais dos concellos ou do servizo provincial de teleasistencia. Unha das posibilidades que contemplan as bases reguladoras do programa é a posibilidade de crear quendas para establecer convenios cos concellos, grupos de concellos ou mancomunidades, para que as todas prazas dun grupo sexan xestionadas desde os servizos sociais da entidade local. Son, por tanto, os servizos sociais municipais os que avalían a situación de soidade non desexada da persoa e onde deben dirixirse as persoas interesadas para participar no programa, xa que é desde este ámbito municipal desde onde se asignan as prazas dispoñibles.

Máis convenios
Os actuais convenios asinados con Boborás, Carballeda de Avia e O Carballiño posibilitaron que as persoas residentes nestes municipios tivesen acceso ao programa, sendo os servizos sociais de cada concello os que asignaron as prazas dispoñibles. En 2024, os convenios poderanse estender a máis de dez concellos, e aqueles responsables municipais ou os servizos sociais correspondentes que teñan interese poden contactar desde hoxe coa área de Benestar da Deputación para dispoñer de máis información e expor as preguntas que consideren.

17, Outubro 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega Piñeiro, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a construción do novo centro de saúde desta localidade, nun acto ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria Félix Rubial.

Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde terá 4.500 metros cadrados e disporá de 22 consultas, área de saúde bucodental, despacho de traballador social, área de asistencia pacientes infecciosos, catro salas polivalentes, toma de mostras, área pediátrica con 4 consultas, área da muller con dúas consultas, área de fisioterapia, consulta de farmacia e sala de docencia. Respecto ao punto de atención continúa -PAC- terá 6 consultas e na área de saúde mental disporase de 3 consultas e despacho de saúde pública.

O Concello do Carballiño levará a cabo, en relación á parcela da estación de autobuses, a cualificación urbanística axeitada, mentres que a Xunta asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, que ademais queda exenta dos impostos locais segundo este convenio. Ao respecto, Comesaña valorou moi positivamente o traballo do Concello e o consenso maioritario da corporación, que aprobou este convenio para que o centro de saúde sexa unha realidade.

17, Outubro 2023

O Real Avilés Industrial, un dos equipos máis potentes da Segunda Federación e que se quedou o ano pasado á portas do ascenso a Prmeira RFEF será o rival do Arenteiro na primeira ronda da Copa do Rei, asi o determinou o sorteo celebrado hoxe en Madrid.

A eliminatoria, a partido único, xogaráse no coqueto estadio do Suárez Puerta de Avilés, en data por concretar entre o 31 de outubro, 1 ou 2 de novembro.

Será polo tanto nun estadio e ante un equipo ben coñecidos do Arenteiro, co que competíu nas dúas últimas tempadas en Segunda RFEF, e con dous empates a un gol nas dúas visitas do Arenteiro a terras asturianas, agora deberá gañar o partido -aínda que sexa a penaltis-  para avanzar a segunda ronda e volver traer a Copa do Rei a Espiñedo.

16, Outubro 2023

O Arenteiro gañou de novo o dereito a xogar a COPA DO REI 2023-2024 na súa condición de campión do grupo 1º da Segunda Federación na pasada tempada. Este martes dia 17 de setembro coñecerá ao seu rival na primeira ronda do campionato, que se desputará a partido único entre os dias 31 de outubro ao 2 de novembro próximos.

O Arenteiro será un dos 18 equipos da Primeira RFEF clasificados para a nova edición da gran competición do fútbol español, que tan bos recordos trae á afección do Arenteiro, tras as históricas eliminatorias dos últimos anos en Espiñedo ante Valencia CF, Almería -ao que eliminou- e o Atlético de Madrid.

Agora como equipo de Primeira RFEF o Arenteiro emparellaráse cun equipo de inferior categoria, en concreto será un equipo de Segunda Federación, debendo desplazarse ao seu campo para desputar a eliminatoria.

O rirval do Arenteiro estará nun destes equipos:

Real Avilés, SD Compostela, Zamora, Guijuelo, Utebo, Gernika, Tudelano, Peña Deportiva, Manresa, Terrassa, Hércules, UCAM, Yeclano, Navalcarnero, Cacereño, Gimnástica Segoviana, Villanovense, Covadonga, Cayón, Barakaldo, Europa, Orihuela, Ursaria, Arandina, Marbella, Mensajero, Águilas, Llerenense, Valle de Egüés, Náxara, Barbastro, Club Atlético Antoniano, Andratx e Manchego Ciudad Real.

COPE O Carballiño ofrecerá en directo o sorteo, a partir das 13:00 deste martes dia 17 de outubro.

 

16, Outubro 2023

A Xunta de Galicia e o Concello de Piñor porán este ano á disposición da veciñanza un edificio de usos múltiples no municipio destinado a albergar diferentes actividades de carácter social e deportivo.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde da localidade, José Luis González, visitou hoxe esta actuación, cuxo obxectivo é dotar a este municipio dun novo edificio multifuncional.

O inmoble consta de planta baixa —na que se localiza unha das salas do edificio, os aseos, o cuarto de instalacións e o almacén— e primeiro andar —con outra sala de maiores dimensións dotada con gradas retráctiles, almacén e unha solaina—, conectadas entre si por unha escaleira e un ascensor.

Ademais, o edificio de usos múltiples de Piñor, que segundo avanzou a vicepresidenta estará totalmente rematado nun mes, localízase ao carón do albergue de peregrinos e dunhas pistas polideportivas, o que converterá esta contorna nun nodo de equipamentos e punto de encontro para a veciñanza da localidade.

Cun investimento total de máis de 500.000 euros, estas obras acometéronse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais.

Deste xeito, segundo explicou Ángeles Vázquez, o Goberno galego financiou o 70 % do custo das obras e o concello, a través dun convenio asinado coa Deputación de Ourense, achegou o 30 % restante, un apoio económico que resulta clave, resaltou, para que moitos municipios poidan acometer obras de humanización que, como esta, inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza e na habilitación de espazos públicos.

15, Outubro 2023

O prazo de inscrición no programa formativo Impulsa Emprego Verde, destinado a mellorar a cualificación de persoas desempregadas galegas -principalmente residentes en núcleos rurais- permanecerá aberto ata o próximo 2 de novembro.

Con esta iniciativa apoiada pola Xunta de Galicia e desenvolvida pola Fundación Santa María la Real trátase de formar persoas para que poidan acceder a oportunidades laborais no eido da economía sustentable.

A oferta formativa impartirase en liña e comprende 32 horas. Inclúe obradoiros e itinerarios personalizados para que os beneficiarios adquiran habilidades de cara a ocupar novos postos de traballo vencellados coa economía verde. Bríndaselles, así, formación en liña e gratuíta a través de sesións grupais, asesoría individual e webinarios profesionais.

Poden participar nesta iniciativa persoas en desemprego de 18 a 65 anos que residan, principalmente, en zonas rurais. Galicia foi unha das tres comunidades autónomas seleccionadas este ano para acoller o programa.

Impulsa Emprego Verde identifica as necesidades formativas relacionadas co emprego verde para mellorar a procura de emprego en sectores con maior proxección profesional.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web: https://areaempleofsmlr.es/empleabilidad/impulsa-empleo-verde/.

14, Outubro 2023

Bos días a todos, o Martes 10 de Outubro pedin vez pa recetas no ambulatorio de Carballiño, e dironme po Venres as 5 da tarde, ( hai máis de 2 anos que non teño médico de cabeceira) pois ainda estou esperando que me chamen.  Por se fora pouco vou a farmacia pa ver se más dan pagando,  e nada, teñen que ser con receta, enton o que fago é volver a pedir vez po Luns 16, e resulta que me dan vez po Jueves 19 de outubro, e agora  que fago tantos dias sen médicamentos.

Eu non entendo que fan as persoas as que votamos pa que miren polo ben do pobo, pa que loiten por uns servicios dignos, por unha atención de calidade, creo que como ciudadanos do Carballiño merecemos que se nos respete como seres humanos que somos.

Estamos dando un paso pa diante e vinte pa trás, falan de facer un AMBULATORIO NOVO e non hai médicos, e os poucos que hai non cumplen cas suas obligacións,   xa sexa  por deixadez, ou por estar saturados.

13, Outubro 2023

CINE. O Cine Club Carballiño proxecta este venres dia 13 ás 20:00 e 22:30 horas no auditorio o filme chinés "El regreso de las golondrinas". O Novocine de Leiro proxecta cine de estrea "La patrulla canica, la superpelícula", cine infantil e familiar a diario ata o próximo domingo dia 15 en horarios ás 16:00, 18:00 e 20:00 horas.

TEATRO. Continúa a Mostra de Teatro Amador de Tiruleque, este sábado dia 14 ás 20:00 horas, o grupo "Gargallada Teatro" presenta a súa comedia "Crónica dun pobo".

1ª XUNTANZA DE CLÁSICOS DO IRIXO. Máis dun cento de coches clásicos participan nesta caravana automobilista que recorrerá polas estradas das parroquias do municipio, con xantar de confraternidade na carballeira da Pena da Sela.

ARENTEIRO FOTOGRÁFICO: A asociación "O Potiños" abre do venres ao domingo as exposicións fotográficas que permanecerán durante este mes de outubro no baixo sito no número 26 da rúa Evaristo Vaamonde.

VISITA COMENTADA AO CASTRO DE CAMEIXA. O concello de Boborás invítanos a unha visita guiada e comentada ás escavacións do castro de cameixa, será ás 11 da mañá do domingo 15, e o punto de encontro será o campo da festa da parroquia de cameixa.

FUTBOL DE PRIMEIRA RFEF: O Arenteiro recibe desde as 20:00 horas do domingo 15 en Espiñedo ao equipo vasco do Sestao River, en partido correspondente ao campionato de liga da Primeira Federación.

13, Outubro 2023

A polémica polo anuncio de CD Arenteiro que non instalará en Espiñedo a grada provisional que estaba prevista tras comunicarlle o concello que non podía autorizala por cuestións urbanísticas e tras saberse que un particular presentou unha denuncia, asi como a posible alianza de Jácome e Pachi Vázquez para unha lista conxunta de Democracia Orensana e Espazo Común para concurrir ás autonómicas de 2024, foron desta vez temas estrela na Tertulia de COPE O Carballiño.

Sebastían Lamazares, José Antonio Barge, Manuel Nogueira, e María Luisa Rodríguez participan nesta tertulia do venres 13 de outubro de 2023.

Pode escoitála no audio adxunto:

12, Outubro 2023

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS