7, Maio 2015

A agrupación veciñal POLOS VECIÑOS preséntase por primeira vez a Alcaldía do Irixo "motivada polo abandono e o deterioro que está a sufrir o Concello nos últimos anos. Parece que O Irixo e os seus veciños só existen en época electoral, os 47 meses restantes ignóranse ou non se teñen en conta as súas reivindicacións". O acto de presentación da candidatura tivo lugar na antiga escola de San Cosme.

Manifestan que "ningún membro desta Agrupación pode entender como Manuel Penedo pode dicir sentirse orgulloso dos seus logros, cando quedan moitas cousas básicas por facer".

Engaden que "ningún alcalde pode sentirse orgulloso de que sexan os propios veciños das aldeas, cos seus medios e recursos, ante a impasividade municipal, os que se vexan obrigados a construír e modernizar os seus propios abastecementos de auga potable".

"Como alguén se pode sentir orgulloso do dubidoso funcionamento das depuradoras de augas fecais, así como o sistema utilizado polo concello para a destrución dos lodos das mesmas", pregúntanse. Como pode sentirse orgulloso “Por aforrar o máximo para casos de necesidade” pero desatendendo a unha poboación envellecida a que recoñece que non se pode coidar contratando a catro auxiliares de axuda a domicilio máis. ¿Acaso no Irixo isto non entra dentro da categoría de “NECESIDADE”?

Ningún alcalde debe sentirse orgulloso - contiúnan- da discriminación que se fai das empresas do Irixo na adxudicación de obra pública municipal. Empresas ás que se castiga tamén ca falta de solo empresarial no concello, motivado polo desinterese municipal na elaboración de algo tan básico é fundamental como o Plan Xeral De Ordenación Municipal (P.X.O.M). Igual desinterese na falta de apoio necesario para emprendedores aos que lle resulta máis fácil “emprender camiño de Alemania ou Suíza” segundo palabras do rexedor, que abrir un negocio neste concello.

No Irixo todo son facilidades para as empresas que pisotean e desprezan os bens e dereitos dos veciños/as, destruíndo estradas e ocupando terreos que nunca volven a deslindar, como ocorreu coas obras do A.V.E. E non pasa nada, recalcan desde a candidatura "Polos veciños".

E continuan cos súas reflesións: "un alcalde NUNCA, NUNCA debe ofrecer aos seus veciños/as postos de traballo nas empresas privadas que poidan chegar a establecerse no noso concello, xa que eses postos non son emprego público, facendo uso de información privilexiada para o beneficio propio e non para defender os intereses dos seus veciños/as. FACER ISO é intentar conseguir uns votos a costa de xogar coas necesidades dos demais".

"Non debería ser orgullo dun alcalde ter prazas adoquinadas mentres haxa aldeas ás que resulte moi difícil ou case imposible o seu acceso. E, sen lugar a dúbidas, o seu orgullo máis grande é o de ser responsable do conflito social máis grave na historia do Irixo nos últimos 40 anos, xa que nunca buscou alcanzar entendemento entre opinións opostas, sempre refusou o diálogo e nunca se plantexou dar marcha atrás na súa decisión de instalar unha planta Incineradora de lixo no noso Concello, chegando a dicir e reiterar que  A Incineradora póñoa por que me dá a gana”.

“POLOS VECIÑOS“ comprométese a cambiar todo ese “orgullo” por “humildade” ante todos os veciños e veciñas do Irixo, sendo nós os que esteamos a disposición do pobo para conseguir melloras para o noso concello, dar servizos e oportunidades a todos os habitantes deste municipio "para seguir formando parte deste Irixo que somos todos".

6, Maio 2015

Ana Fernández Justo ocupou un dos oito postos relevantes dentro dos mellores oradores de toda Galicia.

A edición galega dos debates escolares Modelo Parlamento Europeo (MEP) arrancou o pasado sábado en Melide, onde se reuniron medio cento de alumnos de nove centros galegos. Ana Fernández Justo acadou a categoría de finalista entre o conxunto de oradores; os demais participantes do equipo carballinés (Lucía España, Yeray Diéguez e Dana Michaelis) obtiveron moi boa puntuación, conseguindo meritorias posicións nas súas respectivas comisións:

  • Economía: prevención do uso do sistema finaceiro para o branqueo de capitais.
  • Política: cohesión e nacionalismos na UE.
  • Medio Ambiente: emprego e crecemento a través da política mesioambiental.
  • Emprego: competividade e substentabilidade no emprego para persoas discapacitadas.

Este éxito obtido non sería posible sen o traballo interdisciplinar desenvolvido no IES Chamoso Lamas polos departamentos de FOL , Administrativo, Ciencias Naturais e Bioloxía, Economía, Filosofía, Inglés, Historia, Normalización Lingüística, Lingua e Literatura Galega e o apoio da Dirección do centro.

A actividade, organizada pola asociación Agorae e promovida pola Dirección Xeral de Xuventude, convocou a dez centros de ensino de toda Galicia. A segunda fase destes debates escolares a nivel europeo desenvolverase en Madrid no mes de novembro. A seguinte e última terá lugar no Parlamento europeo (Bruxelas) no vindeiro ano.

5, Maio 2015

Tratase dun edificio singular sito no nº 34 da rúa Tomás María Mosquera, coñecido como o da "antiga ferraxería Soto", lembrando a última actividade comercial que acolleu ata o anos 80 do século pasado.

Conta cunha das fachadas máis emblemáticas, con trazos arquitectónicos neoclásicos, que se conserva na rúa Principal do Carballiño. A finca na que se ubica ten unha extensión de 1400 m2.

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes propón ao pleno da corporación -convocado para este mércores 6 de Maio- a operación de compra venda desta propiedade "tras varios anos de xestións cos seus propietarios, esta alcaldia acaba de recibir unha oferta para que o concello se faga con esta propiedade, cun prezo de 1,7 millóns de euros".

Marnotes, que debe contestar a esta oferta antes do dia 27 de Maio, propón a adquisición por parte do concello desta finca na que se ubica a casa da antiga Ferraxería Soto, abonando  o pagamento durante seis anualidades, ata o ano 2020, sendo o primeiro pago de 100.000 euros á sinatura do contrato durante este ano 2015, e os restantes a razón de 325.000 euros ao ano.

O alcalde carballiñés entende que con esta operación "cumplimos un desexo que se ven manifestando desde fai polo menos 30 anos, e que agora pasa a ser unha realidade, o concello amplia asi o seu patrimonio cunha propiedade que ten unhas posiblidades de uso moi atractivas, que se deberán determinar no seu momento, agora o importante é cerrar a compra", subliñou.

4, Maio 2015

O acto celebrouse no salón de actos da casa do concello do Irixo e estivo presentado por Silvia Fernández, número 2 da candidatura, que fixo unha exposición das razóns que a levaron a participar nas asembleas de “Fai O Irixo” e que a animaron a formar parte da candidatura elixida en votación aberta a toda a veciñanza do Irixo. Interviñeron, tamén, Antonio Nogueira e Fina Fernández, integrantes da candidatura, que expuxeron a necesidade de cambiar o xeito de gobernar o Concello facendo que veciñas e veciños tomen parte activa no seu goberno.

Por último, Florentino Pérez, número 1 da candidatura de “Fai O Irixo”, fixo unha exposición das razóns que o animaron a participar nesta iniciativa veciñal e presentou o programa para ás eleccións municipais co que pretenden responder ás necesidades do Concello do Irixo, como o paro, o despoboamento, o envellecemento da poboación.

O programa, dixo, está baseado en facer unha política municipal transparente, aberta e participativa, na defensa dos servizos públicos, no respecto escrupuloso polo medio natural e polo patrimonio, no recoñecemento das parroquias e no desenvolvemento de políticas activas de emprego e de protección das persoas desfavorecidas.

“Fai O Irixo” agradece a todas as veciñas e veciños a súa asistencia a este acto, pois fixeron que o Salón de Plenos do Concello quedase pequeno para a celebración deste acto.

3, Maio 2015

Lalin e Arenteiro repartiron puntos no partido xogado no Manuel Anxo Cortizo, un punto que certifica a consecución da permanencia matemática na categoria para ambos equipos, que volverán a vindeira tempada encontrarse na Preferente Autonómica.

CD Arenteiro: Pachi, Carlos, Ocampo, Lois, Pana, Dafonte, Martín Pérez, Manu, Quiroga, Choco e Brais. Tamén xogaron Diego López, Marcos Sotelo, Bardelás e Dani Vázquez.

Goles:

1-0. Minuto 5. Falla a cobertura verde, certo é tamén que o defectuoso bote do balón outorga ventaxa a Dani Méndez, e o mellor xogador esta tarde do Lalín non perdoa.

1-1. Minuto 26. Falta sobre a portería do Lalín que lanza D. Quiroga e Ocampo de sensacional testarazo fai o gol do empate.

O Partido: Aínda que pareza paradóxico, o Arenteiro foi moi superior ao Lalín ata o minuto 43, cando os locais se quedan con 10 xogadores por expulsión de Maceiro. Porque toda a segunda parte foi un querer e non poder, a ansiedade por gañar o partido condenou aos verdes, mentres o Lalín -agazapado atrás- propiciou un infructuoso dominio do Arenteiro, lanzando balóns en largo sobre Dani Méndez, o seu estilete atacante, que a punto estivo no minuto 89 de lograr que os 3 puntos quedasen en Lalín, certo é que antes o Arenteiro tivo un par de ocasións para sentenciar, a máis clara nun balón que recibe Marcos Sotelo libre de marca dentro da área, pero o seu disparo foise moi alto.

 

1, Maio 2015

Un gol de Manu tras unha gran xogada de Brais e o resultado final foron o mellor do partido para un Arenteiro que non estivo fino neste primeiro encontro de semifinais de Copa Deputación xogado no Estadio de Espiñedo, que igual que no resto da tempada, volveu rexistrar unha moi boa entrada de afeccionados.

CD Arenteiro: Marcos Nieto, Gele, Diego López, Dani Arbo, Pana, Ocampo, Bardelás, Martín Pérez, Sanginés, Dani Vázquez e Victor Gallego. Tamén xogaron Choco, Manu, Lois e Brais.

Goles:

1-0. Minuto 81. Enorme xogada do chantadino Brais pola banda dereita superando aos contrarios que lle saen ao paso, o seu pase ao corazón da área é rematado maxistralmente por Manu.

O Partido: Non foi unha boa tarde para os verdes cun xogo moi interrumpido, pérdidas de balón e imprecisións varias. Asi e todo, o Arenteiro desperdicíu algunhas ocasións para lograr unha ventaxa máis ampla na eliminatoria, xa que aos 6 e 11 m. Sanginés e Martín Pérez dispuxeron de boas oportunidades, igual que a de Victor Gallego no minuto 55, que tras facer o máis dificil fallaba na definición. O Barbadás B, que chegou a Espiñedo reforzado con varios xogadores do equipo da terceira división, pudo tamén marcar no m. 80 por mediación de Isi, pero cando se cantaba o gol apareceu o meta local Marcos Nieto para evitalo, nunha gran intervención.

O Partido de volta xogaráse no campo dos Carrís de Barbadás na derradeira fin de semana deste mes de Maio, unha vez rematada a competición de liga.

1, Maio 2015

A candidatura "Veciños de Piñor" logrou completar o aforo do salón de actos da antiga escola de Cotelas no seu acto de presentación, ao que acudiron máis de 100 persoas.

Un éxito de convocatoria que agradeceu o candidato á alcaldia Uxío Rodríguez, que falou "das presións dos que mandan neste concello, mandando recados para que a xente non acudise a este acto", en referencia ao alcalde socialista Francisco Fraga e o seu grupo, que goberna o concello de Piñor desde fai 12 anos.

"Veciños de Piñor" tamén denunciaron "a falta de talante democrático do Partido Socialista, que estes dias atrás ata chegaron a presentar unha denuncia ante a Xunta Electoral de Zona, polo único delito de publicitar este acto, queren impedir unha reunión, algo propio dunha dictadura pero unha actitude dificil de explicar en democracia".

Uxío Rodríguez avanzou neste acto a súa idea de concello e de facer política "temos que recuperar a ilusión e acudir á movilización para acadar o cámbeo en Piñor, necesitamos cambear o rumbo dun concello que está practicamente na quebra económica pola nefasta xestión dos últimos anos, coa débeda máis alta de todos os concellos da comarca e dos arredores, máis de 400 euros de débeda por habitante", subliñou.

1, Maio 2015

Un contrato privado de compra venda de folio e medio asinado polo exalcalde Pachi Vázquez e os propietarios da antiga fábrica de papel, no ano 2001, foi toda a documentación feita polo concello do Carballiño para a adquisición por parte do concello carballiñés da citada propiedade.

A cámbeo dunha finca rústica de 3.000 mts. cadrados,, que incluen o vello edificio da antiga fábrica de papel da Lavandeira, a administración local pagou 90.000 euros.

Posteriormente, no ano 2005, o exalcalde Carlos Montes puxo a disposición da Xunta de Galicia a propiedade, con vistas á rehabilitación da vella edificación, un proxecto que foi encargado ao arquitecto Gallego Jorreto, e no que a Xunta investíu 1 millón de euros.

O concello nunca chegou a elevar o documento privado de compra venda a público no rexistro da propiedade, tal como se puxo de manifesto cando un procedemento concursal no que se viron involucrados os propietarios, daquela o xulgado incluíu a propiedade no procedemento concursal e avaliaou a mesma en 694.000 euros.

O concello carballiñés remitirá ao xulgado unha oferta de compra

A solución para que o concello recupere a titularidade pública da propiedade pasa agora pola adquisición da mesma.

Tras varios anos de xestións co Xuíz Concursal, o alcalde Argimiro Marnotes remitirá no transcurso da semana vindeira unha oferta formal de compra por parte do concello carballiñés, que pagaría en cinco anualidades proporcionais, ata completar os 694.000 euros. Na primeira anualidade descontaríanse os 90 mil euros pagados na "primeira" compra do ano 2001.

 

29, Abril 2015

O vindeiro sábado día 2 de maio vai celebrarse en Melide a primeira edición galega dos debates escolares "Modelo Parlamento Europeo, MEP", organizada por Agorae, a asociación galega para a promoción da oratoria en Europa, de recente creación. Nela participará o IES Chamoso Lamas, cun equipo que estará capitaneado polos profesores Clara Vázquez e Miguel Pereira, e integrado polo alumnado: Yeray Diéguez Barreiro, Danarys Michel Constantine, Lucía España Fariñas e Ana Fernández Justo.

A actividade, celébrase por primeira vez en Galicia como resultado da colaboración entre a devandita asociación e os organizadores e promotores da actividade a nivel nacional, a Fundación San Patricio. Conta co apoio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Concello de Melide, de tal xeito que a comunidade autónoma participa neste certame cunha representación de 10 centros de ensino. 

Os centros participantes na edición galega do MEP son:

  • IES Eduardo Pondal de Santiago
  • IES Maruxa Mallo de Ordes
  • IES A Pinguela de Monforte
  • IES Chamoso Lamas de O Carballiño
  • IES Antón Fraguas de Santiago
  • IES de Melide
  • Colexio SEK Atlántico de Poio
  • ColexioLa Salle, de Santiago
  • CPR PREMIR, de Santiago

A xornada comezará ás 10.30 horas. A partires dese momento, os representantes dos centros participantes distribuiranse en catro "Comisións" -emulando o sistema do Parlamento Europeo- nas que se tratarán os seguintes temas:

  •  A política de cohesión e os nacionalismos na UE
  •  A prevención do uso do sistema financeiro para o blanqueo de capitais
  •  Programa xeral de Medio Ambiente da Unión / Ecoinnovación - Emprego e crecemento a través da política medioambiental
  •  Como promover a competitividade e sustentabilidade no emprego para as persoas con discapacidade na UE?
  • Logo do traballo por comisións, ás 16.00 horas dará comezo a Asamblea Xeral, na que todos os participantes -como se se tratara dunha sesión de Pleno no Parlamento Europeo- debatirán acerca dos catro temas expoñendo os seus argumentos e facendo propostas.

    A pesar de ser a primeira vez que se realiza en Galicia, o Modelo Parlamento Europeo leva realizándose a nivel estatal dende hai 15 anos promovido pola Fundación San Patricio.  MEP ten como obxectivo que os estudantes poñan en práctica as catro competencias lingüísticas seguindo o sistema de funcionamento do Parlamento Europeo.

    28, Abril 2015

    O grupo municipal do Partido Popular de Maside entende que "a situación é consecuencia da mala xestión do alcalde Celso Fernández, que provocou nestes anos de goberno unha débeda que supera os 600.000 euros".

    Asi as cousas, os populares critican que nun orzamento que ascende a 1,7 millóns de euros para o ano 2015 "tan so se destinan 85.260,08 euros a inversións reais, e aínda o máis preocupante a situacion financieira cara os próximos anos, xa que ata o ano 2.021, o concello de Maside terá que pagar 80.000 euros anuais de capital e xuros pola débeda existente", recalcan desde o Partido Popular.

    Tildan ao alcalde socialista como "o mestre dos contacontos, asi temos en Maside o conto da gardería infantil, o conto do PXOM, o conto do parque empresarial, o conto das inversións que anuncia nos medios de comunicación, aínda que a única realidade son as débedas, un concello hipotecado para o futuro", subliñan os populares.

    Explican, finalmente, que apoiaron as modificacións puntuais das normas subsidiarias aprobadas polo pleno da corporación "para favorecer aos veciños afectados, aínda que o máis transparente e beneficioso para o conxunto da vecñanza e do concello sería contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal".

    As modificacións puntuais do ordenamento urbanístico aprobadas polo pleno son as que afectan ás localidades de Lamasaida ( Garabás ), Pousada ( Dacón ), Ribas ( O Lago ) e Martín ( Louredo ).

    Páxinas

    Subscribirse a Copecarballiño.es RSS