
Os verdes realizaron unha primeira parte primorosa na que borraron do campo ao equipo local, deixando o partido visto para sentencia co 0-3 no minuto 38, tras un gol de Manu e dous de Sanginés. Con esta victoria en Mondariz, o Arenteiro encadena nove partidos consecutivos sen perder e achegase ao obxetivo da permanencia, con 44 puntos.
CD Arenteiro: Marcos Nieto, Gele, Carlos Escudero, Lois, Pana, Dafonte, Martín, Manu, Sanginés, Choco e Brais. Tamén xogaron Bardelás, Victor Gallego, Ocampo e Dani Vázquez.
Goles:
1-0. Minuto 16. Balón a media altura ao vértice da área grande, e tal como ven Manu conecta un tiro perfecto á escadra da portería local. Golazo.
0-2. Minuto 35. Magnífica combinación da dianteira verde que culmina Sanginés, escorado e con moi pouco ángulo, para axustar o balón ao segundo pau. Golazo
0-3. Minuto 38. Outra vez Sanginés, vaise por velocidade de dous defensores e bate ao porteiro local na súa saída colándolle o balón dun tiro raso e axustado. Golazo.
O Partido: De total superioridade do Arenteiro desde o inicio ata o final. Xa no minuto 3 o porteiro local nunha magnífica intervención evitou o que pudo ser o primeiro gol da tarde, pero nada pudo facer despois ante o enorme tiro á escadra de Manu e as dúas perfectas definicións de Sanginés que sentenciaron o encontro antes do descanso. Na segunda parte, os locais intentaron meterse no partido, pero sen acerto. Xa no último cuarto, un cabezazo ao traveseiro de Choco e un gol anulado ao Arenteiro, non se sabe moi ben o motivo, puderon siñificar un marcador aínda máis amplo a favor dos verdes.

A Fundación “Insua dos Poetas” conmemorará tres efemérides o próximo 23 de marzo, equinoccio de primavera, coa colaboración do Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:
Día da Auga, proposto pola Conferencia da ONU para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento en Rio de Janeiro, en 1992, e adoptado pola Asemblea Xeral, o 22 de decembro do mesmo ano, no que se recoñece a auga potable e o saneamento básico como un dereito esencial para o desfrute da vida e de todos os dereitos humanos.
Día da Árbore -tamén chamado Día Forestal Mundial-, recomendado polo Congreso Forestal celebrado en Roma en 1969 e aceptado pola FAO (Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación), en 1971, como recoñecemento aos múltiples servizos que prestan as árbores á vida e á actividade humana, ademais do simbolismo que representan nas diferentes culturas.
Día da Poesía, efeméride adoptada durante a 30ª Reunión da UNESCO, celebrada en París en 1999 e que se ven celebrando desde o 2000 en todo o mundo co obxectivo de contribuir á defensa de todas as linguas do mundo a través da expresión poética, denunciando, asimesmo, as privacións da liberdade de expresión.
Simbólicamente a poesía, palabra esencial no tempo, ten sido representada pola auga, o fluir da vida, e pola árbore, concretamente o loureiro e a oliveira, cun significado, xa desde os tempos máis antigos, de gloria e de paz. Polo tanto, a Fundación “Insua dos Poetas” escolle, neste 2015, unha data común para a celebración.
A Fundación “Insua dos Poetas”, declarada de Interese Galego e inscrita no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o 7 de marzo de 2013 (DOGA nº 54), ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura. Polo tanto, a celebración da Auga, da
Árbore e da Poesía, cada 21 de marzo, terá como destinatarios ás xeracións máis novas, representadas polas alumnas e alumnos dos Centros de Ensino do Carballiño. A elas e a eles está destinada esta actividade e eles e elas serán os seus protagonistas.
DESENVOLVEMENTO DO ACTO
23 de marzo 2015
Insua dos Poetas
Esgueva-Madarnás-O Carballiño
(Estrada Carballiño-Lalín (OU-902), km 4,5)
12:30 horas.- Introdución a cargo de Xabier Castro Martínez (Secretario da Fundación), que procederá a dar lectura á declaración de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, no Día Mundial da Poesía.
12:35 horas.- Palabras de Luís González Tosar (Pte. Fund. Insua dos Poetas)
12:40 horas.- Intervención das alumnas e alumnos.
12:55 horas.- Palabras de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura, Ed. e Ord. Univ.)
13:00 horas.- Intervención de Manuel Baltar (Presidente da Deputación de Ourense)
13:05 horas.- Plantación de árbores a cargo dos escolares, escritores, artistas, etc
Os profesores dos centros escolares participantes, recibirán lotes de libros destinados ás bibliotecas.

Empate sen goles no Estadio de Espiñedo no partido de ida de cuartos de final da Copa Deputación nunha tarde de fútbol moi pobre, un resultado que deixa a eliminatoria moi aberta para o partido de volta a xogar o xoves santo. O Arenteiro terá que sair a gañar en Luintra, aínda que tamén lle vale un empate con goles.
CD Arenteiro: Pachi, Gele, Pana, Diego López, Dani Arbo, Ocampo, Martín Pérez, Victor Gallego, Dani Vázquez, Bardelás e Diego Quiroga. Tamén xogaron Carlos Escudero, Lois, Brais e Manu.
O Partido: O Nogueira presentouse en Espiñedo cun fútbol primitivo, patadón e perder tempo foron os seus argumentos. Enfronte, un Arenteiro que o intentaba pero que se atascaba nos metros finais, sen crear ocasións claras de gol. Con este panorama, o resultado máis lóxico un empate a cero, como asi foi. Non obstante, o meta visitante Jacobo, con dúas magnificas intervencións en sendos tiros de Dani Vázquez, e o local Pachi nun remate de Javi Ramos evitaron que os goles subisen ao marcador.

Un total de 20 persoas desempregadas recibiron de mans do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, os diplomas que acreditan a súa participación no obradoiro de emprego “Agrupación Carbosam 2014” que agrupa aos concellos do Carballiño, San Amaro e Boborás.
Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 6 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Traballo e Benestar de máis de 177.000 euros.
Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, participou no acto de clausura deste obradoiro que tamén contou coa presenza do alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; do rexedor de San Amaro, Ernesto Pérez; e da concelleira Patricia Torres, en representación do concello de Boborás.
O delegado territorial, na súa intervención, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.
Durante os seis meses de duración do obradoiro os 14 alumnos que elixiron o módulo de xardinería e os 6 que optaron pola disciplina de albanelería realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. No Carballiño acondicionaron o lavadoiro na Uceira, o forno en Sáa e os accesos ao cemiterio de Señorín. No municipio de San Amaro rehabilitaron o local do grupo escolar de Anllo e, por último, en Boborás, o alumnado deste obradoiro de emprego traballou en labores de mantemento de rutas de sendeirismo.
Novo Obradoiro de Emprego
Os tres concellos, Boborás, San Amaro e O Carballiño xa remitiron á Xunta a solicitude dun novo obradoiro de emprego de carácter intermunicipal.

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG e candidato á alcaldía, Paco Fumega, afirmou que os socialistas "apostan por un Carballiño de futuro e de progreso, que pasa pola defensa dos servizos públicos de calidade, polo que comprometeuse a incrementar considerablemente o gasto en servizos sociais cando chegue á alcaldía".
Así o manifestou en rolda de prensa xunto á secretaria de Organización do PSdeG, Erika Paz. Fumega sinalou que os servizos sociais son “a bandeira do PSdeG e unha das nosas máximas prioridades”, e defendeu que os cartos públicos deben destinarse a mellorar os servizos municipais en lugar de derrochalos en cousas innecesarias.
Puxo como exemplo deste derroche "o malgasto do goberno de Marnotes en avogados, a perda de diversas subvencións ou o incremento de 300.000 euros no servizo de recollida do lixo dende que se asinou o convenio coa Deputación.Este é diñeiro de todos os veciños, e por tanto debería destinarse a cousas que beneficien aos cidadáns, que sofren a suba dos impostos pero cada vez teñen menos servizos”.
Fumega salientou que o aumento do paro nun 11% dende que Marnotes chegou ao goberno contribuíu á que a xente nova tivese que marchar do Carballiño, que perdeu 232 habitantes só entre 2013 e 2014, quedando cunha poboación maioritariamente envellecida que require atención. Defendeu ademais que unha vila que é cabeceira de comarca precisa para a súa proxección de futuro ofertar prestacións fundamentais en materia de sanidade, dependencia, igualdade ou conciliación.
Os socialistas lembraron que Marnotes "lonxe de apostar polas prestacións públicas, chegou a privatizar un servizo imprescindible para moitos cidadáns como o de Axuda no Fogar, levando ás traballadoras a unha situación insostible e provocando, coa súa desidia, despreocupación e irresponsabilidade que fosen as propias traballadoras as que asumisen todo o peso para seguir atendendo aos cidadáns que o precisan".
Fumega defendeu este servizo e tamén a Residencia do Cornuval, comprometéndose a ser “belixerante cos recortes da Xunta do PP” neste caso. “Non é lóxico que unha residencia pagada con fondos públicos non ofreza prestación cando hai moita xente que a necesita, e que a Xunta só oferte 20 prazas como medida electoralista. Os socialistas iremos mais alá e esixiremos a total apertura das instalacións”, adiantou.
O PSdeG aposta tamén pola conciliación laboral e familiar, fundamental para atraer e fixar poboación no Carballiño. Así, Erika Paz destacou que "Marnotes tentou eliminar o programa de Familias Madrugadoras, posto en marcha polo PSdeG en 2007, e acabou por “cambiarlle o nome, multiplicarlle o prezo e reducir o servizo, ademais de despedir ao coordinador por considerar que non é un servizo necesario”.
Salientaron ademais a importancia da Sanidade e da colaboración do Concello en programas como o de prevención da drogodependencia, eliminado por Marnotes; ou o da Igualdade, área que perdeu subvencións ao quitarlle o nome da concellería e que quedou reducida a “facerse a foto nos días sinalados, mentres se deixaron de lado programas importantísimos para loitar contra a violencia de xénero, a través do CIM, ou o teléfono de axuda a emerxencias que se suprimiu”, explicou Erika Paz.
“O Carballiño do futuro ten que apostar polo desenvolvemento económico, que está directamente relacionado co benestar social, polo que os socialistas temos claro que o investimento en materia social será unha das nosas principais prioridades no goberno municipal”, concluíu Paco Fumega.

O hsitórico militante nacionalista -máis de 25 anos ligado a esta formación política- renunciara en 2013 a súa acta de concelleiro en Leiro tras serlle detectada unha enfermidade, da que evolucionou moi favorablemente.
Luis Pérez Estévez "Ficol", de 51 anos de idade, coñecido popularmente como "O Atador de Leiro", quiromasaxista de profesión, decide agora volver encabezar a candidatura do BNG-Asambleas Abertas no concello de Leiro, atendendo a petición de veciños e da súa propia organización política.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou o investimento de máis de tres millóns de euros nas obras de mellora do abastecemento de Cenlle, Punxín e San Amaro que a Xunta prevé rematar este ano.
A titular de Medio Ambiente supervisou en Cenlle o inicio destas obras hidráulicas e salientou o interese do Goberno por colaborar cos concellos para garantir o dereito dos cidadáns a un subministro de auga axeitado en calidade e cantidade.
Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e os alcaldes de Cenlle, Gabriel Alén; de San Amaro, Ernesto Pérez; e de Punxín, Manuel Vázquez, destacou que esta obra, que dará servizo á poboación de San Amaro, Punxín e Cenlle, beneficiará a máis de 3.000 habitantes dos tres concellos cando esteas rematadas.
A conselleira de Medio Ambiente salientou que son unhas obras hidráulicas dunha relevancia estratéxica para estes tres concellos, porque permitirán erradicar os problemas que ten a rede de abastecemento na actualidade e solucionar os déficits na subministración de auga que se producen no verán.
O proxecto, que executa Augas de Galicia, levará a cabo as actuacións necesarias para erradicar os problemas que ten a rede de abastecemento na actualidade nestes tres municipios ourensás. Como solución ofrecerase unha subministración de auga tratada, dende ETAP de Razamonde (que capta auga do río Miño), aos núcleos e depósitos pertencentes a estes tres concellos e que estean situados por riba da cota de máis de 250 metros.
En definitiva, esta actuación implica a definición de tres novos depósitos con capacidade de 775.000 litros, instalar máis de 30 km. de tubarias de auga e novos bombeos para chegar tamén aos núcleos máis elevados.
Situación actual do abastecemento
A ETAP de Razamonde, no Concello de Cenlle está potabilizando unha media de 330 metros cúbicos ao día e ofrecendo servizo ao 45 por cento da poboación. O resto da subministración procede de pozos de barrena.
Mentres, o Concello de San Amaro subminístrase por medio dunha captación dun regato e de pozos profundos e en época de estiaxe o leito do regato queda case seco, polo que a poboación debe abastecerse unicamente dos pozos, sendo insuficientes ademais de comportar restricións na subministración.
Finalmente, no Concello de Punxín o abastecemento realízase con pozos profundos, nos que tamén se detectaron problemas de contaminación. Ademais, este municipio tamén capta auga do río Barbantiño, que ten problemas en época de estiaxe.
Contido do proxecto de melloras
Na ETAP de Razamonde manterase o actual sistema de potabilización e bombeo ata o depósito de Razamonde e construirase un edificio ao lado para bombear auga potabilizada ata o alto de San Trocado, onde se construirá un depósito regulador con capacidade de 500 metros cúbicos.
Dende este novo depósito execútase unha rede de abastecemento en alta para o concello de Punxín, ata Barbantes enlazando coa rede xeral do concello, na estrada N-540. En Barbantes construirase un novo depósito de 75 metros cúbicos, e ao mesmo tempo subminístrase auga aos depósitos de Ourantes, Ventosela e Rubiás.
Proxéctase tamén unha rede de distribución en alta dende o novo depósito de Trocado regulador ata os depósitos de cabeceira de San Amaro e de Cenlle, estes últimos de nova execución cunha capacidade de 200 metros cúbicos de capacidade.
Dende o novo depósito de Cenlle, darase subministración así depósitos de Sadurnín, Vilar de Rei, A Quintá, Lentille e Esposende.

Octavo partido consecutivo dos verdes sen perder na competición de liga, esta vez con victoria no estadio de Espiñedo ante o Vilalonga, nun partido no que o árbitro lucense José Manuel Albariño Cruña foi o gran protagonista negativo da tarde, malo de solemnidade, nun partido sen grandes complicacións ensinou 21 tarxetas, delas 2 vermellas directas aos xogadores do Arenteiro Sanginés e Dafonte - escamoteu un claro penalti a favor do Arenteiro e prolongou o partido 13 minutos, si, 13 minutos.
CD Arenteiro: Pachi, Gele, Lois, D. Arbo, C. Escudero, Dafonte, Martín Pérez, Sanginés, Dani Vázquez, Marcos Sotelo e Ocampo. Tamén xogaron Victor Gallego, Choco, Quiroga e Bardelás.
Goles:
1-0. Minuto 6. Ocampo, de cabeza, remata inalcanzable para o porteiro visitante unha falta lateral moi ben lanzaba por M. Sotelo.
2-0..Minuto 46. Tras recuperar o balón en medio campo, chega a Martín Pérez que habilita para Dani Vázquez, éste bate o porteiro visitante dun chuut raso e cruzado.
2-1. Minuto 82. Bonito gol de Ramón, que de potente disparo acorta distancias para os celestes.
O Partido: De dominio local na primeira media hora, que logo tería premio co temperán gol de Ocampo, a partir do minuto 30 o partido igualabase e nos minutos finais ambos equipos tiveron boas ocasións de gol. Tralo descanso, o Arenteiro ampliou a ventaxa no marcador e pudo sentenciar antes de que o árbitro, coa súa nefasta actuación, condicionase definitivamente o partido, que pasou de ser fluido e vistoso a un xogo innecesariamente embarullado no medio dun recital de pito arbitrral e tarxetas. Expulsou por doble amarela a Dario no Vilalonga, no m.52, que logo "compensou" con vermella directa no m. 56 a Sanginés. Cando ían 12 minutos de desconto tamén expulsou con roxa directa a Dafonte. Finalmente, foron 21 tarxetas as que ensinou. Enfín.

As votacións recolleronse en urna na casa da cultura do Carballiño, e tralo reconto, Bernardo García Nóvoa resultou claro gañador destas primarias ao obter 141 votos, polo que será o alcaldable desta candidatura veciñal para o convocatoria electoral do vindeiro mes de Maio no concello carballiñés.
A muller que obtivo máis apoios (116) Chus Álvarez Canitrot, será número dous da candidatura dacordo coa paridade mulleres-homes , e Ernesto Atanasio Iglesias (125 votos) o terceiro.
Ocupará o cuarto lugar da candidatura Patricia Ordás Pastrana (96 votos), o quinto será Eduardo Ordoñez (78 votos) e sexta Matilde López Fernández (77 votos).

A andaina convocou a máis de 350 persoas , que completaron un percorrido dunhos 10 quilómetros pola contorna do Carballiño. A edil Igualdade, Purificación Alberte, organizadora desta actividade, recoñecía o éxito de participación, así como a presenza, cada vez maior, de mozos da vila neste tipo de actos.
Nesta ocasión a andaina tiña un fin máis solidario aínda, xa que na zona de saída se habilitou un posto para a Asociación Española de Loita Contra o Cancro, onde todos os participantes na andaina que o quixeron, depositaron o seu donativo. Segundo comentaron os voluntarios da AECC, estaban moi satisfeitos da colaboración que estaban a dar os veciños e participantes da andaina, que antes da saída xa encheran algún dos petos colocados para a ocasión.
Un ano máis esta aindaina solidaria e reivindicativa reuniu familias enteiras, atletas da zona e, cada ano máis, veciños cos seus cans que aproveitaron esta camiñada para facer exercicio eles e as súas mascotas.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 607
- 608
- 609
- 610
- 611
- 612
- 613
- 614
- 615
- …
- seguinte ›
- última »