6, Marzo 2015

O candidato do PSdeG á alcaldía, Paco Fumega, trasladou onte aos traballadores do Matadoiro, o Servizo de Emerxencias, de Axuda no Fogar e Residencia do Tempo Libre, o seu "máximo apoio nas súas reivindicacións, e o compromiso de buscar unha solución ante a inacción e a manifesta incapacidade de Marnotes".

Máis de 40 representantes deste colectivos acudiron onte a unha xuntanza co candidato á alcaldía e cos deputados autonómicos da provincia, María Quintas e Pachi Vázquez.

Fumega comprometeuse "a atopar unha solución a esta situación cando chegue á alcaldía". Pola súa parte, os deputados socialistas ofrecéronlle tamén o seu máximo "apoio e comprometéronse a facer chegar as súas reivindicacións á Xunta mediante iniciativas que presentarán no Parlamento Galego".

Os colectivos din "sentirse enganados e esquecidos polo goberno de Marnotes, e incluso castigados dende que comezaron a expresar as súas protestas polos incumprimentos do alcalde".

O PSdeG lamenta que  "Marnotes permaneza impasible ante a situación destes traballadores e considera inaceptable a actitude de desprezo e arrogancia ante as súas demandas, que non é propia dun alcalde que ten que defender aos seus cidadáns". 

4, Marzo 2015

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou o centro ocupacional de Aspadasi no Carballiño, que oferta un total de 22 prazas públicas para persoas con discapacidade ás que a Consellería de Traballo e Benestar destina 153.000 euros ao ano.  A asociación Aspadisi ocúpase da formación de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Carballiño.

Piñeiro percorreu as instalacións de Aspadisi, nun edificio sito nas inmediacións do auditorio municipal do Carballiño,  e mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios do centro para coñecer de primeira man as súas demandas e, deste xeito, pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario.

 A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.

2, Marzo 2015

O portavoz do Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño e candidato á alcaldía, Paco Fumega, afirmou  que a decisión de Marnotes de retirar o proxecto de modificación do PXOM evidencia a súa falta de iniciativa e de xestión, xa que “nos fixo perder tempo e diñeiro,cando dende o primeiro momento o PSdeG lle advertiu que a súa proposta urbanística era  prexudicial para os cidadáns e tiña que ser anulada”.

Fumega destacou que “a cabezonería do alcalde para dar marcha atrás a algo que a todas luces era un desastre custará aos carballiñeses 40.000 euros”. Esta cantidade é a xa gastada ata o de agora dos 200.000 euros orzamentados en total para a redacción deste proxecto “e que poderían terse destinado a cubrir necesidades dos cidadáns”.

Por iso, afirmou que “tras a retirada do PXOM, é o momento de que a cidadanía retire tamén a Marnotes da alcaldía”, xa que “non é bo para O Carballiño ter un alcalde que nos mete en líos simplemente por obstinación”.

Lembrou que Marnotes dixo dende o primeiro momento que esta reforma “era marabillosa” a pesar de que dende o PSdeG xa lle advertimos que non había razóns nin económicas, demográficas e urbanísticas que xustificasen a necesidade de modificar o planeamento neste intre.

Naquel entón o alcalde culpou ao PSdeG deste proxecto, “cando o certo é que o goberno socialista non chegou a redactar nin unha soa liña do mesmo. De feito, o único que fixemos os socialistas neste proceso foi informar sen demagoxia aos cidadáns do que ía supoñer esta modificación urbanística”.

Por iso considerou que a retirada deste plan “é unha vitoria dos veciños, que coas súas protestas conseguiron que o alcalde entrase en razón, algo do que nos congratulamos”, sinalou, á vez que agradeceu a atención e boa acollida dos cidadáns nas charlas informativa que organizou o PSdeG sobre o PXOM.

Fumega engadiu que a decisión de anular este proxecto “ten un claro tufo electoral” e puxo en dúbida que a intención de Marnotes non sexa continuar co mesmo se chega a alcaldía. Pola contra, recalcou que o PSdeG se opuxo dende o primeiro momento e se comprometeu a anular o proxecto ao chegar ao goberno municipal.

Cuestionou tamén a ineficaz xestión e capacidade de goberno de Marnotes e do concelleiro de Obras, que en catro anos non foron capaces de sacar adiante un PXOM axeitado para O Carballiño e de ver que esta modificación non debía ir adiante, a pesar de todas as advertencias.

Fumega lembrou que houbo moitos casos nos que o alcalde acabou dando a razón ao PSdeG, como coa necesidade de adxudicar o matadoiro mediante concesión, rescindir o contrato coa empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar, o non á  incineradora ou a defensa do noso xulgado, entre outras.

“O que non é normal é que O Carballiño teña un alcalde que  leva catro anos tomando decisións equivocadas que logo ten que rectificar, o que demostra que non é nin un bo xestor nin un bo alcalde”, concluíu o candidato socialista.

O PP afirma que "ao PSOE carballiñés moléstalle a transparencia do actúal grupo de goberno"

Marnotes, facendo un repaso cronolóxico dos feitos, recordaba que "nunca debemos esquecer que este avance foi solicitado polo anterior grupo de goberno municipal, formado polo PSOE. Eles encargárono e asinaron o contrato co equipo redactor. Cando o tiveron, gardárono nun caixón onde nós o encontramos". Neste punto o alcalde carballiñes apunta "a falsa moralidade dos socialistas que, dende que viron que o PP o sacaba á luz e o mostraba aos veciños, empezaron a tremer, xa que eran eles os principais promotores deste".

Mostralo aos veciños é o normal, "polo menos para un grupo democrático e transparente como é o PP. Entendemos que algo que afecta tanto ao futuro desta vila e dos veciños, non pode estar escondido. Debe mostrarse, facendo oídos xordos a critícalas dos socialistas carballiñeses, que en todo momento quixeron culpar ao noso grupo municipal de algo que só eles solicitaran".

Para o PP carballiñés todas as reunións mantidas ao longo do pasado ano cos veciños, sectores afectados e asociacións veciñais, "foron un dos mellores aspectos de todo este proceso, xa que foron eles, os veciños, os que nos agradeceron que mostrásemos un documento que lles afectaba tanto e que, noutros momentos, non se tivese habido que non avisar, simplemente teríase aprobado baixo a lei do rolo que imperaba hai uns anos neste concello".

 Marnotes agradece aos veciños e profesionais da construción, o que mostraran tanto interese en cada unha das charlas informativas convocadas dende o concello e se pronunciasen sobre este avance "xa que así é como o PP quere gobernar nesta vila, sempre escoitando os veciños,".

En todo este procedemento do avance do PXOM "os socialistas foron tan torticeros dende que os empezamos a mostrar, que mesmo se atreveron a dicir que concelleiros do PP se beneficiaban desta modificación. Unha mostra mais das armas que sempre usa o PSOEcarballiñés, a mentira e a difamación para intentar enganar os veciños. Algo que, por sorte, non conseguen xa que oscarballiñeses xa coñecen os que son estes señores do PSOE".

Por último, sobre o gasto de 40.000 euros na redacción deste avance, Marnotes afirmaba que "o PP ten por costume pagar todo o que encarga, creo que outros non facían o mesmo, e considero que é un diñeiro moi ben gastado, xa que nos permitiu a todos os veciños coñecer o futuro que esperaba ao Carballiño se se levase a cabo esta adaptación á lei do chan,".

Finalmente, a xeito de reflexión o alcalde carballiñés argumentou "facendo unha análise fria de todo este proceso, se o actual grupo de goberno vía que este plan non era bo para O Carballiño, para que o iamos sacar á luz, teriámolo deixado nun caixón, como fixeron os socialistas, e deixariamos este problema a outros. Pero o PP carballiés ten unha cousa clara, a transparencia absoluta, e iso moveunos a mostralo, xa que en ningún momento era nin o noso plan, nin o noso interese aplicar esta modificación, Só queriamos o que conseguimos, que todos e cada un dos veciños opinarán e decidisen se se presentaba ou non esta modificación".

 

1, Marzo 2015

O Céltiga levouse para a Illa de Arousa un punto na súa visita ao Estadio de Espiñedo, nun partido dominado claramente polo Arenteiro e no que novamente a falla de definicíón dos verdes ante a portería rival volve penalizalos cun empate. No minuto  64 o meta local Marcos Nieto desviou o lanzamento dun riguroso penalti sancionado ao interpretar o árbitro lucense Iago Castro unha man de Ocampo, tan so tres minutos despois tragouse un clarísimo penalti na área do Cétiga sobre Martín Pérez.

CD Arenteiro: Marcos Nieto, Gele, Pana, Ocampo, Dani Arbo, Dafonte, Martín Pérez, Sanginés, Brais, Manu e Marcos Sotelo. Tamén xogaron D. Quiroga, Choco, Bardelás e Carlos Escudero.

O Partido: O equipo arousano tivo a ocasión do penalti e pouco máis, mentres que o Arenteiro volveu a crear numerosas ocasións ante a portería rival, pero outra vez a falta de acerto nos metros finais impide a victoria verde, sobre todo a partir do m. 71 cando o Cétiga se queda con 10 xogadores por expulsión  de Rober, a partir de entón o partido pasa a ser un monólogo do Arenteiro pero sen que chegase o gol que por dominio, empuxe e ocasións mereceron os verdes. Francamente mal a arbitraxe, que volve perxudicar ao Arenteiro, nesta ocasión por non querer sinaliar un clamoroso penalti sobre Martín Pérez, ao que un defensor do Céltiga -sen ningunha posibilidade de xogar o balón- faille unha placaxe en toda regla dentro da área, pero o árbitro non quere ver nada. Curiosamente, tres minutos antes non dubidou nin un segundo en sinalar como penalti unha xogada na que un balón vai á perna de Ocampo e despois pega na man, aquí sí que ve intencionalidade. Enfin.

27, Febreiro 2015

A candidatura veciñal que concurrirá ás vindeiras eleccións municipais no concello do Carballiño sigue aberta a todos os veciños e veciñas que queiran participar no proceso de primarias, que culminará a partir do vindeiro 10 de marzo coa votación que elixirá aos integrantes da lista electoral. 

Os promotores da candidatura manifestan que "ante a constatación de que conforme pasan os días hai máis demanda,prorrogase o prazo de inscripción de voluntarios/as para participar nas primarias que terán lugar sobre o 10 de Marzo"

Recalcan desde a comisión xestora que se trata dun  proceso totalmente transparente e aberto "nada de amigos e achegados no senso pexorativo como alguén está insinuando.Feitas as primarias continuará o proceso aberto de elaboración de programa e planificación de campaña"

Aínda está por decidir tanto  o nome  como a formula xurídica coa que acudirán  ás eleccións do vindeiro 24 de Maio e fan un chamamento a  "toda a xente que de boa fe aposte por unha candidatura veciñal participativa, que pode dirixirse ao tlf 687 95 81 61".

26, Febreiro 2015

"É unha decisión do goberno que é de toda a veciñanza do Carballiño, que se concreta  no casi millar  de suxerencias presentadas no concello, logo da exposición que dende maio de 2014 se ten feito do avance da modificación do PXOM", asi xustifica o alcalde Argimiro Marnotes esta medida "que é firme e non ten volta atrás".

O rexedor municipal considera que "neste momento son suficientes as suxerencias analizadas polos técnicos do equipo redactor, para ter claro que a exposición motivou a inquietude de moitas persoas, e reflexan esas suxerrencias que moitos veciños e familias verianse perxudicados por múltiples aspéctos, podendo determinarse que o interese xeral, suma dos intereese particulares corre un serio perigo".

Marnotes recordou como "nós sacamos do caixón un traballo que o concello tiña encargado desde o ano 2008, e o que fixemos é darlle a máxima difusión posilbe, sen enganar a ninguén, e explicando aos veciños de qué maneira unha modificación adaptada a lei do solo vai afectar ás súas propiedades, agora e grazas a esta exposición xa o saben, nós fixemos un exercicio de transparencia que outros non se atreveron a facer".

Finalmente, o alcalde do Carballiño avanzou que "os servizos xurídicos do concello analizarán o contrato asinado co equipo redactor, para proceder si fose preciso á rescisión do mesmo, o que está claro, pois o pbo teno claro, é que este avance nunca chegará a ser Plan Xeral no Carballiño".

O PSdeG lamenta a "torpeza e obstinación de Marnotes"

O grupo municipal socialista, ao coñecer a decisión de paralización da modificación do PXOM,  lamenta " que a torpeza e obstinación de Marnotes nos levase a todos a perder case un ano cun proxecto de modificació do PXOM que finalmente será retirado, e que o alcalde tardase meses en recoñecer o que dixemos desde un primeiro momento, que o seu proxecto era un desastre".

Entenden os socialistas que a decisión de anular o proxecto "non é máis que unha medida tomada á desesperada ante a proximidade das eleccións municipais, aínda asi os socialistas alegrámonos de que por fin o alcalde deixe a súa cabezonería e recoñeza, con esta decisión, que os grupos da oposición e os veciños en xeral, tiñamos razón cando esixiamos a retirada deste proxecto"

"Tamén é positivo que por fin recoñeza o seu error e a súa ineficacia xa que en catro anos non foi capaz de sacar adiante un proxecto urbanístico para  O Carballiño, subliñan desde o PSdeG.

25, Febreiro 2015

O alcalde do Carballiño mostra a súa estrañeza ante o feito de que, xusto agora, se cre unha plataforma que engloba distintos colectivos laborais da vila "cando precisamente agora se están a solucionar todos os asuntos relacionados coas queixas destes traballadores".

Estas declaracións foron manifestadas tras coñecer a intención da plataforma de esixir solucións ao concello aos seus problemas.

O alcalde sinalaba que "precisamente este martes xa entregamos aos grupos da oposición o prego técnico e administrativo de contratación para a súa análise en comisión informativa a celebrar este xoves, que será n os documentos que rexerán para a nova empresa que xestionará o servizo de asistencia domiciliaria, un servizo que temos que deixar claro, nunca deixou de funcionar e en todo momento os usuarios estiveron atendidos. Este prego de contratación estará aprobado por pleno a próxima semana e, polo tanto, o proceso de adxudicación xa está en marcha".

Por outro lado, e en relación co matadoiro, Argimiro Marnotes mantén que "como xa saben os extraballadores deste servizo, porque manteño reunións con eles cada vez que adiantamos pasos para abrir esas instalacións, se está a ultimar o prego para dar funcionamento ao matadoiro, polo que é un problema que en pouco tempo estará tamén resolto,", e  aclara que a condición de extraballador non garante para nada a de traballador na seguinte adxudicación pois no prego é unha cuestión que non se pode formular.

En canto ao servizo de emerxencias "creo que manifestamos dende o grupo de goberno, que é un porblema que nos preocupa a todos, e por iso xa solicitamos o permiso á Xunta de Galicia, que é competente neste tema, para poder contratar operarios de emerxencias ata que estea en funcionamento o Parque de Bombeiros. E non é que pedísemos o permiso soamente, é que estamos a insistir para que se de canto antes. Somos conscientes que unha poboación como O Carballiño non pode estar sen este servizo, e por iso a nosa presión ante a Xunta. O pasado ano, solucionámolo por tres meses e este ano tampronto teñamos autorización farémolo ata 31 de decembro".

Finalmente, en relación coa Residencia de Tempo Libre, o alcalde carballiñés recordou "que o concello non pode abrir ou pechar esas instalacións, xa que son dependencias daXunta de Galicia, pero se pode, como está a facer dende que adquiriu ese compromiso, realizar todo tempo de campañas ou contactos para que estas abran o maior número de días posible. Entre as accións que esta realizando o actual grupo de goberno están a campaña divulgativa, a través da súa área de Turismo, para que se coñezan as instalacións e as posibilidades que ofrece. O pasado ano xa se conseguiu, grazas ás xestións do concello, que abrira maior tempo, para dar cabida a unha produtora de cine que realizou unha das principais producións galegas do ultimo ano, coa súa sede precisamente na Residencia carballiñesa".

Por outro lado, "as xestións realizadas persoalmente polo alcalde, van permitir que os días 25 e 26 de abril, a residencia de tempo libre estea operativa para albergar os participantes dun festival cultural organizado por unha asociación vinculada a Carballiño", subliña.

Entende o rexedor municipal que os colectivos queiran obter respostas aos seus problemas, o que xa non entende "é que se pidan cando xa se coñece a solución destes, a miña obriga como alcalde é precisamente preocuparme e xestionar as solucións, na medida da capacidade que ten a institución municipal que dirixo, todo o que afecte aos nosos veciños, e é iso precisamente o que estamos a facer dende o grupo de goberno, o resto, buscar titulares, ou aproveitar momentos preelectorais por parte dalgúns, é cousa dos que pretenden crear un clima de crispación que, grazas a unha boa xestión, non se axusta á realidade", sentencia.

24, Febreiro 2015

A proposta será incluída no programa electoral do BNG carballiñés e foi presentada por Marco Antonio Reboredo e Nacho Atanes.

O sistema que pretenden implementar os nacionalistas consistiría na instalación de antenas ubicadas en distintas edificacións municipais, como a casa da cultura, o estadio de Espiñedo, o auditorio, ou -no caso rural- nos centros sociais das parroquias. Desta maneira crearíase unha rede inalábrica de banda ancha que permite o acceso á internet,  aberta á poboación e desde calquera lugar do municipio.

 

24, Febreiro 2015

Entenden que desde o concello "están dándolle largas, todo son promesas e boas palabras peron ningún feito". 

A iniciativa de facer esta fronte común partíu dos extraballadores do matadoiro "sentímonos desamparados ante os reiterados incumprimentos para solucionar os nosos problemas", manifestou Paulino Carou.

Xunto con eles, comparten esta mesma inquietude en defensa dos seus postos de traballo, as traballadoras do servizo de axuda no fogar e da residencia de tempo libre, asi como varios voluntarios de Protección Civil aos que o concello ven contratando periódicamente para atender traballos do servizo de emerxencias.

O PSdeG solicita un pleno extraordinario

O grupo municipal socialista adiantou que esta mesma semana presentará no rexistro do concello do Carballiño a solicitude para a convocatoria dun pleno extraordinario da corporación para tratar a problemática laboral destes colectivos de traballadores, asi o avanzou nesta emisora de radio o concelleiro Adolfo Nogueira.

O Concello informa da presentación do prego de contratación para o servizo de axuda a domicilo

O documento xa foi trasladado aos grupos políticos e ao sindicato CIG. Ademáis -informa o concello- este xoves dia 26 de Febreiro o prego que rexerá a contratación deste servizo municipal revisaráse nunha comisión informativa antes da presentación ante o pleno da corporación, no transcurso da semana vindeira.

Entre os aspéctos que recolle o documento está a avaliación dos aspirantes a facerse con esta concesión municipal, primando a atención e a cobertura que ofrezan, máís que a propia oferta económica. Tamén se esixirá que teña o centro de traballo a menos de 5 kilómetros do Carballiño e se comprometa a crear unha bolsa de emprego para suplir posibles baixas de traballadores durante o tempo de vixencia do contrato.

23, Febreiro 2015

A maioria dos 24 restaurantes carballiñeses participantes na convocatoria gastronómica da cachucha consideran un éxito esta 21ª edición celebrada este pasado domingo 21 de Febreiro.

Co cámbeo na data de celebración, que pasou do domingo de entroido ao de piñata, parece que por fin a convocatoria comeza a consolidarse. De feito, a maioria dos restaurantes tiveron unha ocupación total nos seus comedores, e en algún caso, tiveron doble quenda de comensais. En 3 restaurantes -según os datos aportados a esta emisora de radio- superouse, en cada un deles, o número dos 300 comensais que degustaron o menú de cocido de entroido, no que a cachucha foi a estrela da mesa.

Desde o concello do Carballiño apuntase que "a maioria dos restaurantes rexistraron entre o 90% e o 100% de ocupación, dandose o caso que moitos deles aseguraron que desde fai unha semana ya tiñan reservadas as mesas dispoñibles".

En canto á programación festiva, desde o concello carballiñés destacan a animación nos restaurantes participantes coas charangas contratadas, asi como "o desfile-espectáculo no que participaron 14 agrupacións entre comparsas, folións e carrozas, e os datos aportados pola Policia Local apuntan a que a afluencia de público a O Carballiño este domingo foi similar, e incluso superior, ao martes de carnaval".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS